O Falcon Heavy (FH) ("Falcón Pesado"), anteriormente coñecido como Falcon 9 Heavy, é un vehículo de lanzamento espacial pesado parcialmente reutilizable, deseñado e fabricado por SpaceX. O Falcon Heavy é unha variante do lanzador Falcon 9 e consiste nun núcleo de foguete Falcon 9 reforzado, con outros dous núcleos de Falcon 9 como foguetes aceleradores adicionais.[3] Isto aumenta a carga útil da órbita terrestre baixa (OTB) a 64 toneladas, comparado coas 22,8 toneladas dun Falcon 9. O Falcon Heavy foi deseñado dende o principio para levar ós seres humanos ó espazo, permitindo misións con tripulación á Lúa ou Marte.
Despois da investigación do fracaso de Falcon 9 CRS-7 en 2015, e dos repetidos atrasos no desenvolvemento de foguetes, o lanzamento do primeiro Falcon Heavy tivo lugar o 6 de febreiro de 2018.[4] Despois do primeiro lanzamento a capacidade do Falcon Heavy ampliouse usando a tecnoloxía utilizada no desenvolvemento dos Falcon 9 Block 5.[1][2][5]