Fernando II de Aragón e V de Castela
Fernando "o Católico", V de Castela, II de Aragón, Valencia e Barcelona, III de Sicilia e I de Navarra, nado en Sos del Rey Católico (Zaragoza) o 10 de maio de 1452 e finado en Madrigalejo (Cáceres) o 22 de xaneiro de 1516, foi rei de Aragón, Valencia, Mallorca, Sicilia (1468-1516), Castela (1474-1504), Sardeña (1479-1516), de Nápoles (1503-1516) e Navarra (1512-1515); rexente de Castela (1507-1516); Príncipe de Xirona e Duque de Montblanc (1472-1478); Conde de Barcelona e de Ribagorza (1458-1469).
Orixes familiares
[editar | editar a fonte]Era fillo do rei Xoán II de Aragón e da súa segunda esposa, Xoana Enríquez, e polo tanto medio irmán do infante Carlos de Viana. Foi recoñecido como herdeiro no ano seguinte á morte de Carlos, no 1461, sendo nomeado lugartenente de Cataluña, chegando a gobernador xeneral en 1466.
Durante a Guerra civil catalá (1462-1472), na que participou de forma activa, familiarizouse coa administración estatal a instancias de Xoán II de Aragón.
Seu pai, cando ascende ao trono de Aragón, en 1458, concedeulle o condado de Ribagorza, que permaneceu no seu poder até 1469, ano no que Xoán II llo concedeu ao seu fillo natural, Afonso de Aragón, duque de Vilafermosa.
Guerra civil castelá
[editar | editar a fonte]En 1468 foi nomeado rei de Sicilia por seu pai, ao morrer o seu curmán, o infante Afonso de Castela (1468). Ao ser recoñecida, como herdeira de Castela, a infanta Isabel de Castela, prima súa e media irmá de Henrique IV de Castela, Xoán II de Aragón porá en xogo toda a súa habilidade para lograr o matrimonio de Fernando coa princesa castelá. A unión terá lugar o 19 de outubro de 1469 en Valladolid.
A morte de Henrique IV, en 1474, provocará unha Guerra civil nos reinos casteláns, entre os partidarios de Isabel, media irmá do falecido rei, e os de Xoana a Beltranexa, a súa filla. Fernando atinxiu os favores de parte da nobreza castelá, sendo proclamado correxente de Castela, cos mesmos dereitos que Isabel, grazas á Concordia de Segovia (1475). Fernando participaría así de xeito definitivo na dirección militar das tropas enfrontadas ás de Xoana a Beltranexa, que contaba co apoio do seu prometido, o rei Afonso V de Portugal e unha parte da nobreza.
En 1479, polo Tratado de Alcáçovas, Xoana renunciou ao trono en favor de Isabel, recluíndose nun convento en Coímbra. Nese mesmo ano, Fernando sucedeu ao seu pai como conde de Barcelona e rei de Aragón. Este é pois o ano no que se pode fixar a unión dinástica de ambas as dúas coroas, que non administrativa.
Conquista do Reino de Granada
[editar | editar a fonte]En 1481 os Reis Católicos iniciaron a Conquista do Reino de Granada (1481-1492). Nas dificultades da guerra Fernando V deixou ver claramente os seus dotes diplomáticos e militares. A guerra finalizou coa capitulación de Granada o 2 de xaneiro de 1492.
A Conquista de Granada, o último reduto musulmán en España, outorgou aos Reis un prestixio que os axudou a consolidar a súa autoridade. Nos reinos da Coroa de Aragón, Fernando II non modificou o sistema político tradicional (que dificultaba a concentración de poder nas mans do rei, obrigándoo a pactar a miúdo coas Cortes). Con todo acabaría cos problemas das remensas (cat., remences), mercé a abolición dos malos usos, a un tempo que consolida os contratos de enfiteuse, grazas á Sentenza Arbitral de Guadalupe (1486).
Goberno dos reinos hispanos
[editar | editar a fonte]Fernando colaborou activamente con Isabel no goberno dos reinos de Castela, encargándose persoalmente da política exterior, ao mesmo tempo en que reservou para si mesmo os asuntos relativos aos reinos da Coroa de Aragón. De forma que ditou as primeiras medidas de ordenamento interno do reino, grazas a afirmar a figura do corrixidor (1480); a creación da Inquisición en 1481 e a reorganización da Facenda real.
Fernando introduciu en Castela institucións aragonesas, como o Consulado de Mar, e os gremios, favorecendo así o desenvolvemento económico de Castela, sobre todo no comercio da la.
No aspecto relixioso, adoptou o programa da súa dona, que asentou as bases ideolóxicas do espírito de cruzada e a uniformidade relixiosa. Promulgáronse así os Decretos de expulsión dos xudeus en 1492 e de conversión forzosa dos mouriscos granadinos en 1503, malia que estes tiñan garantidos os seus dereitos de liberdade de culto nos acordos fixados na Capitulación de Granada.
Política mediterránea
[editar | editar a fonte]A partir de 1492 Fernando concentrou a súa actividade sobre da tradicional expansión aragonesa cara Oriente, principalmente en Italia e o Norte de África. Mercé o Tratado de Barcelona de 1493 recuperou o Rosellón e a Cerdaña, en mans francesas desde 1463.
En Italia, para oporse ao intento de Carlos VIII de Francia de se anexionar o Reino de Nápoles, organizou a Liga Santa en 1495. Así, as campañas militares dirixidas militarmente por Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, sumadas á astucia do propio monarca, permitirían expulsar os anxevinos do Reino de Nápoles en 1504 e incorporalo novamente á coroa de Aragón.
No Norte da África, mostrouse contrario ás ocupacións en grande escala, restrinxindo as accións á ocupación dalgunhas prazas litorais, como Orán e Alxer.
Política europea
[editar | editar a fonte]Na súa loita en contra das pretensións de dominio europeo por parte de Francia, Fernando mostrou un gran saber diplomático, pois a través de ligazóns matrimoniais, atinxiría a integrar Castela en Europa. Casará os seus fillos con reis de Portugal, Austria, Borgoña e máis Inglaterra, illando Francia, fracasando esta en todos os intentos de intervención en Italia.
Descubrimento de América
[editar | editar a fonte]Mentres Cristovo Colón iniciaría, en 1492, a expedición que o conduciría a descubrir o Novo Mundo, o continente americano, aínda que Colón e os seus coetáneos coidaban que era o camiño cara ás Indias. Polo Tratado de Tordesillas de 1494, o mundo extraeuropeo era repartido entre as coroas de Portugal e Castela, a través dunha liña meridiana, que de norte a sur dividía o océano Atlántico.
Consecuencias do falecemento de Isabel de Castela
[editar | editar a fonte]En 1504, logo da morte de Isabel, Fernando foi nomeado rexente de Castela, mais pola oposición de parte da nobreza castelá, que era partidaria de Filipe o Fermoso, esposo da súa filla Xoana I de Castela, provocou que o Católico renunciase ao poder en Castela (non á súa Coroa de Aragón) para evitar un enfrontamento armado.
Pola concordia de Villafáfila, en 1506, Fernando II retirouse para os reinos aragoneses, sendo Xoana e Filipe proclamados reis de Castela e resto dos reinos occidentais.
Novo matrimonio
[editar | editar a fonte]Fernando casou de novo en 1505 con Xermana de Foix, coa esperanza de que lle dese un herdeiro ao trono aragonés. Á morte Filipe, e ante a incapacidade da súa filla para reinar, aceptou outra vez a rexencia castelá. Porén, centraríase nas cuestións aragonesas de Italia, formando parte da Liga de Cambrai contra Venecia en 1511, deixando o goberno de Castela nas mans do Cardeal Cisneros.
No seu testamento deixará todas as súas posesións ao seu neto, fillo de Filipe e Xoana, Carlos de Gante, o futuro Carlos I e, até a vinda deste á península, nomeará o seu fillo natural, Afonso de Aragón, rexente dos reinos da Coroa de Aragón, e o Cardeal Cisneros, rexente de Castela.
Morte
[editar | editar a fonte]Fernado morreu o 25 de xaneiro de 1516 en Madrigalejo, na actual provincia de Cáceres. Está sepultado na Catedral de Granada, ao lado da súa esposa, da súa filla Xoana e o marido desta, así como dun dos seus netos, Miguel.
Nupcias e descendentes
[editar | editar a fonte]Da súa amizade con Aldonza Roig d'Ivorra tivo un fillo:
- Afonso de Aragón (1468-15--?), que foi arcebispo de Zaragoza e rexente da Coroa de Aragón, duque de Vilafermosa e conde de Ribagorza (Afonso VI de Ribagorza).
Do seu matrimonio coa raíña Isabel I de Castela en 1469 naceron 5 fillos:
- a infanta Isabel de Castela (1470-1498), casada co príncipe Afonso de Portugal e en 1497 con Manuel I de Portugal.
- o infante Xoán de Aragón (1478-1497), herdeiro do trono das Españas e casado en 1497 con Margarida de Austria, duquesa de Borgoña e filla de Maximiliano I de Austria.
- a infanta Xoana I de Castela (1479-1555), raíña de Castela, casada en 1496 con Filipe o Fermoso, fillo tamén de Maximiliano I de Austria.
- a infanta María d'Aragón (1482-1517), casada en 1500 con Manuel I de Portugal.
- a infanta Catarina de Aragón (1485-1536), casada en primeiras nupcias, en 1501, co herdeiro do trono inglés Arturo de Inglaterra; logo, en segundas nupcias, en 1509, co irmán do anterior Henrique VIII de Inglaterra.
En 1505 casou con Xermana de Foix, coa que tivo un fillo, que morreu ao nacer:
- o príncipe Xoán de Aragón e de Foix (1509), príncipe de Xirona.
Notas
[editar | editar a fonte]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fernando II de Aragón e V de Castela |