Ganso bravo
Ganso bravo | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Anser anser anser
| |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
'Anser anser' (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
Anas anser Linnaeus, 1758 |
O ganso bravo (Anser anser) é unha ave da familia dos anátidos (Anatidae), considerada, xunto coa especie asiática Anser cygnoides, o antepasado dos gansos domésticos. É unha das especies incluídas no Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de África e Eurasia AEWA
Descrición
[editar | editar a fonte]O ganso bravo é unha especie de ganso de tamaño grande. Mide de 75 a 90 cm de longo e as ás teñen unha envergadura de 147 a 180 cm. Pesan entre 2,3 e 5,5 kg. A cabeza é grande e o bico é alaranxado e case triangular. O pescozo ten unha aparencia grosa e lixeiramente listada a causa da posición das plumas. As patas son rosadas. É de cor agrisada, máis pálida cá outros gansos, coa parte inferior da zona caudal de cor branca. Na barriga ten manchas castañas de intensidade variable. Identifícase en voo polo espello pálido das ás.
A subespecie europea A. a. anser, de bico rosa alaranxado, é algo máis pequena e escura cá raza asiática, A. a. rubrirostris. Os exemplares do leste de Europa son a miúdo de tons intermedios entre estas dúas variedades. Poden vivir ata 17 anos. Alén da súa chamada típica, unha especie de ga-ga-ga, teñen unha variedade de ata doce sons diferentes.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]É unha ave orixinariamente de distribución eurasiática. No tempo das migracións pode verse en case toda Europa, ó leste espállase por Asia ata China. No continente europeo cría en Gran Bretaña, Escandinavia, Dinamarca, Finlandia, e, na Europa continental, ó nordeste dunha liña que vai de Dunquerque a Patras en Grecia. Os puntos de máis concentración de niños son os Países Baixos, norte de Alemaña, a costa sur do mar Báltico e unha zona entre Austria, Hungría e República Checa.
Agás na época de cría os gansos bravos viven en grandes bandadas.
En Norteamérica establecéronse pequenas poboacións descendentes de gansos domésticos. Os máis deles viven en parques urbanos e preto de zonas habitadas. En ocasións mestúranse co ganso do Canadá, co que poden hibridar, dando lugar a exemplares difíciles de identificar. Frecuenta unha gran variedade de zonas acuáticas, con preferencia polas augas tranquilas.
Migracións
[editar | editar a fonte]Os gansos bravos son aves migratorias, que se trasladan cara ó sur no inverno. Nas últimas décadas amosan unha tendencia a invernar cada vez en zonas máis ó norte, sobre todo nos Países Baixos, converténdose nestas áreas en ave sedentaria. As causas poden ser ó aumento da agricultura intensiva que fornece ós gansos cos alimentos que precisan mesmo no inverno, a menor presión cazadora e mesmo o cambio climático. Ata hai poucas décadas case tódolos gansos bravos pasaban o inverno nas [[Marismas do Guadalquivir, en Túnes e en Alxeria. É unha das últimas especies en comeza-la emigración.
Durante as migracións voan nunha formación característica en xeito de V. As rutas migratorias non están marcadas xeneticamente senón que son transmitidas entre as distintas poboacións locais. Á parte da emigración invernal dáse a chamada emigración da muda, que ten lugar cando os exemplares que non están criando se desprazan a zonas determinadas para remuda-la plumaxe.
Conduta reprodutora e sexual
[editar | editar a fonte]Teñen tendencia a formar parellas de larga duración, en moitos casos probablemente para toda a vida, aínda que unha porcentaxe de entre o 5 ó 8% das parellas se separan e emparellan con outros individuos. Danse, porén, casos de promiscuidade por parte dos membros dalgunhas parellas estables. As parellas establécense xa no outono do seu segundo ano de vida, aínda que raras veces crían antes de cumprir os catro anos. En caso de morte dun dos membros da parella o outro procura un novo compañeiro.
As parellas homosexuais de machos non son raras (entre o 14 e o 20% segundo as bandadas). Estes machos participan no cortexo e as relacións sexuais e poden atraer a unha femia para reproducirse. Neste caso un dos machos compórtase como dominante, aínda que os dous intentan fecunda-la femia. Os dous machos e a femia seguen mentres dura a incubación e a cría dos polos. Acabadas estas, a femia abandona o trío. As parellas de machos asumen a miúdo un papel destacado no grupo, e especúlase sobre a posibilidade de que xoguen o rol de gardas da bandada. A orientación dos gansos á hora de emparellarse non é definitiva e, segundo algún estudo, máis da metade dos machos que perden ó seu compañeiro, forman novas parellas con femias (Bagemihl, 1999).
A época reprodutora comeza, segundo as zonas, entre mediados de marzo e finais de abril. Fan niños nos que poñen de 4 a 9 ovos de casca branca ou amarelada. Chocan uns 27 a 29 días e dedican á cría dos pitos de 50 a 60 días máis. A muda dos adultos faise algo máis tarde cá dos exemplares novos, para facilitarlles a estes a aprendizaxe das manobras do voo e poder seguiren ós pais durante a emigración.
Os máis dos polos fican cerca dos pais ata a seguinte época de cría e mesmo ata máis tarde. Os gansos bravos pode recoñecerse entre eles individualmente polo canto, e nos lugares de descanso pódese oír un notable bruído polas noites destinado a facilitar o recoñecemento dos membros da familia.
O etólogo e Premio Nobel Konrad Lorenz fixo un profundo estudo da conduta do ganso bravo que lle serviu para desenvolver as teorías sobre a conduta do imprinting.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Comen tanto plantas terrestres como acuáticas, principalmente herbas curtas e follas, tamén raíces, incluíndo patacas e nabos. Á hora de comer é importante que as zonas de alimentación teñan un pequeno nivel de auga, o que facilita a seguridade da bandada e o crecemento das herbas curtas das que se alimentan. Os prados naturais con presenza de animais herbívoros de gran tamaño son un lugar ideal.
Status
[editar | editar a fonte]Os seus números en Europa aumentaron dende o punto máis baixo dos anos 1970, onde a poboación total era duns 20.000 individuos, ata as cifra duns 250.000 calculada o ano 2003. O aumento causou a maior densidade de poboación nas áreas de cría tradicionais, é a expansión dos seus territorios de reprodución, especialmente en Alemaña e os Países Baixos.
O ganso e o home
[editar | editar a fonte]O ganso foi domesticado probablemente en Exipto ó redor do ano 2200 a.C. Algúns gansos domésticos seguen a amosar condutas salvaxes e mesmo tendencias migratorias. Na mitoloxía asociouse a Venus e Marte, e considerábase símbolo da fertilidade. É famosa a lenda dos gansos do Capitolio que cos seus berros alertaron ós romanos do ataque dos celtas.[2]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Ganso na alameda de Santiago de Compostela
-
Ganso bravo no parque St James, Londres, en maio de 2006
-
Ganso en Copenhaguen, Dinamarca, en 2009.
-
Museum specimen
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2012). "Anser anser". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ Razas de gansos
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ganso bravo |