Golda Meir
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2017.) |
Nome orixinal | (he) גולדה מאיר |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3 de maio de 1898 Kíiv, Ucraína |
Morte | 8 de decembro de 1978 (80 anos) Jerusalém Ocidental, Israel (pt) |
Causa da morte | leucemia |
Lugar de sepultura | Monte Herzl |
Membro de Knesset | |
21 de xaneiro de 1974 – 10 de xuño de 1974 – Jacques Amir (pt) → Lexislatura: 8th Knesset (en) | |
Minister of the Interior of Israel (en) | |
16 de xullo de 1970 – 1 de setembro de 1970 ← Haim-Moshe Shapira (pt) – Yosef Burg (pt) → | |
Membro de Knesset | |
17 de novembro de 1969 – 21 de xaneiro de 1974 Lexislatura: 7th Knesset (en) | |
4ª Primeiro ministro de Israel | |
17 de marzo de 1969 – 3 de xuño de 1974 ← Yigal Allon (pt) – Yitzhak Rabin → Gabinete ministerial: Fourteenth government of Israel (en) , Fifteenth government of Israel (en) , Sixteenth government of Israel (en) | |
Membro de Knesset | |
28 de xaneiro de 1969 – 17 de novembro de 1969 Lexislatura: 6th Knesset (en) | |
Membro de Knesset | |
23 de xaneiro de 1968 – 28 de xaneiro de 1969 Lexislatura: 6th Knesset (en) | |
Membro de Knesset | |
22 de novembro de 1965 – 23 de xaneiro de 1968 Lexislatura: 6th Knesset (en) | |
Membro de Knesset | |
4 de setembro de 1961 – 22 de novembro de 1965 Lexislatura: 5th Knesset (en) | |
Membro de Knesset | |
30 de novembro de 1959 – 4 de setembro de 1961 Lexislatura: 4th Knesset (en) | |
Ministro das Relações Exteriores de Israel (pt) | |
19 de xuño de 1956 – 12 de xaneiro de 1966 ← Moshe Sharett (pt) – Abba Eban → | |
Membro de Knesset | |
15 de agosto de 1955 – 30 de novembro de 1959 Lexislatura: 3rd Knesset (en) | |
Membro de Knesset | |
20 de agosto de 1951 – 15 de agosto de 1955 Lexislatura: 2nd Knesset (en) | |
Labor Minister of Israel (en) | |
10 de marzo de 1949 – 19 de xuño de 1956 ← Mordechai Bentov (pt) – Mordechai Namir (pt) → | |
Membro de Knesset | |
14 de febreiro de 1949 – 20 de agosto de 1951 Lexislatura: First Knesset (en) | |
Ambassador of Israel to the Soviet Union (en) | |
10 de setembro de 1948 – 1949 – Mordechai Namir (pt) → | |
Datos persoais | |
Residencia | Xerusalén (1949–1978) Moscova (1948–1949) Xerusalén (1934–1948) Estados Unidos de América (1932–1934) Xerusalén (1924–1932) Merhavia (pt) (1921–1924) Milwaukee (1913–1921) Denver (1912–1913) Milwaukee (1906–1912) Pinsk (1903–1906) |
Relixión | Ateísmo e xudaísmo |
Educación | Universidade de Wisconsin–Milwaukee North Division High School (en) Wisconsin State College of Milwaukee |
Actividade | |
Lugar de traballo | Xerusalén |
Ocupación | mestra, política |
Partido político | Mapai (pt) Alinhamento (pt) Partido Laborista de Israel |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Morris Meyerson (1917–1951), morte do cónxuxe |
Fillos | Menachem Meir |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Меир Голда) Obálky knih, Moskovskaia entsiklopedia: Litsa Moskvi |
|
Golda Meir (גּוֹלְדָה מְאִיר), antes Myerson, nada co nome de Golda Mabovitch en Kíiv (actual Ucraína) o 3 de maio de 1898 e finada en Xerusalén (Israel) o 8 de decembro de 1978, foi unha política, diplomática e estadista israelita, e a cuarta primeira ministra de Israel, entre 1969 e 1974. Foi unha das primeiras xefas de goberno do mundo —só precedida por Sirimavo Bandaranaike de Sri Lanka e Indira Gāndhi da India—, e a primeira de Oriente Medio, ao preceder a primeira ministra Tansu Çiller de Turquía.
Infancia en Rusia
[editar | editar a fonte]Golda Meir foi a sétima dos oito fillos dos Mabovitch, unha familia xudía-asquenací tradicionalista —aínda que non relixiosa— e de condición moi humilde, radicada en Kíiv, actual capital da Ucraína, daquela parte do Imperio Ruso. Na súa nenez viviu penurias e sufrimento: cinco dos seus irmáns morreron de pequenos a causa da pobreza e as enfermidades; a súa familia viviu en carne propia os pogroms antisemitas que sufriron os xudeus orientais a comezos do século XX. O seu pai Moshé, un sinxelo carpinteiro, tivo que emigrar aos Estados Unidos en busca de traballo, e deixou a pequena Golda de 5 anos xunto a súa autoritaria nai e as súas irmás: a pequena Tsipke, e a súa irmá máis vella, Sheine. Golda admiraba a esta última, que se afiliara a círculos sionistas socialistas clandestinos, castigados duramente polas autoridades do tsar.
Co pai lonxe e sumidas na miseria, as catro mulleres marcharon a Pinsk, cidade situada actualmente en Belarús, en busca de mellor sorte. A fame que pasaban era tal que os poucos anacos de pan que tiñan só podían alimentar a pequena Tsipke. Golda Meir diría anos máis tarde: «sempre sentía demasiado frío por fóra, e demasiado baleiro por dentro». Cando as actividades prohibidas de Sheine comezaron a ameazar a integridade da familia, a nai decidiu, en 1906, reunirse co pai, e a familia emigrou a Milwaukee (Wisconsin, EUA).
Aqueles primeiros anos duros, forxaron o carácter de quen recibiría moito máis tarde o alcume da «muller de ferro». «Levo comigo o complexo dos pogromos, recoñézoo» —dixo— «a miña lembranza máis afastada é ver o meu pai tapiando con táboas as entradas da casa, ante a inminencia das hordas enardecidas». Segundo a propia Meir, «se coubo unha explicación ao rumbo que tomou a miña vida, é seguramente o meu desexo e determinación de que un neno xudeu nunca tivese que vivir semellante experiencia».
Estados Unidos: infancia e adolescencia
[editar | editar a fonte]Establecida a familia Mabovitch en Milwaukee, non acabaron as vicisitudes para a pequena de 8 anos: o seu pai apenas gañaba para o sustento da familia, e a súa nai abrira unha tenda de barrio, onde Golda traballaba para axudala dende a madrugada, polo que chegaba sempre tarde á escola, despois de chorar durante todo o camiño. Os roces cos seus pais, estritos e conservadores, foron medrando co tempo, e fixéronse insostibles cando a súa nai lle negou terminantemente a Golda realizar o seu soño: estudar maxisterio na escola secundaria. En cambio, e como correspondía por aquelas épocas a unha rapaza xudía de 14 anos, pretendeu casa-la cun pretendente moito maior ca ela; ante iso, Golda fuxiu do fogar sen avisar a ninguén —só lles deixou un recado explicatorio aos pais, que reaccionaron de moi mal xeito—, para refuxiarse no fogar da súa irmá Sheine, recentemente casada, en Denver (Colorado).
Lonxe do seu fogar, Golda floreceu: proseguiu cos seus arelados estudos secundarios ata graduarse como mestra e integrouse de cheo nun grupo de xoves sionistas socialistas que se reunía a miúdo na casa da irmá, e a cuxas entusiastas tertulias nunca faltaba. Un daqueles xoves, culto e instruído e tamén emigrado de Ucraína, era Morris Myerson, do que Golda pronto namorou. Logo de rifar tamén coa súa irmá máis vella, tivo que deixa-la súa casa e marchar a vivir cunhas amigas, traballando de costureira para gañar o sustento. Finalmente, e ao cabo de catro intensos anos lonxe da súa casa, accedeu ao pedido do seu pai —quen, temeroso pola saúde da nai, lle suplicou que volvera—, e volveu, aos 18 anos, á casa dos pais.
Activista sionista
[editar | editar a fonte]Xa de volta en Milwaukee, Golda atopou os seus pais máis folgados economicamente e vivindo nunha casa maior; máis compenetrados coa vida comunitaria xudía, e cunha certa posición social. Certamente, os anos conseguiran abrir os Mabovitch a novas ideas: xa non obxectaron que a súa filla ensinara e estudara. A xove Golda, por primeira vez sen as necesidades básicas que a agobiaran, puido dedicarse de cheo ao que sempre lle apaixoara: a docencia e a actividade sionista. Dentro deste último marco, afiliouse ao partido político socialista Po'alei Sión (en hebreo, "obreiros sionistas"); asistiu a encontros con dirixentes sionistas prominentes, como David Ben-Gurion e Isaac Ben-Tsvi; organizou unha manifestación en Milwaukee, como acto de rexeitamento aos pogromos antisemitas da época na Ucraína, onde foi a principal oradora; e foi elixida representante da súa cidade ante o Congreso Xudeu Estadounidense. En 1917, aos 19 anos de idade, Golda casa con Morris Myerson e comezan a planexar a súa aliá (emigración á Terra de Israel, daquela parte do Imperio Otomán). A parella, xunto coa irmá máis vella, Sheyna, emigraron a Palestina en 1921, e uníronse a eles os seus pais e irmá máis nova en 1926.
Primeiros anos en Palestina
[editar | editar a fonte]Acabados de chegar a Palestina, os Myerson instaláronse nun apartamento de alugueiro en Tel Aviv; ao pouco tempo, pediron incorporarse como membros do quibuts Merjavia, ao norte do país. A negativa resposta do quibuts, que creu que a parella americana era demasiado refinada para as rudas tarefas agrícolas, non rendeu a Golda, quen non deixou de insistir ata que finalmente foron admitidos. Golda gozou daqueles catro anos no quibuts, nos que traballaron duro, plantando árbores e criando polos, aínda que non puido dedicarse ao ensino do inglés. Porén, o seu home Morris axiña fartou da vida comunal, das privacións e das enfermidades. Aqueles tempos foron o comezo da desharmonía da parella e Morris negouse a ter fillos mentres non deixasen a comuna.
Finalmente acabaron marchando a Tel Aviv, e logo a Xerusalén, onde atoparon emprego na construtora Solel Boné, unha das empresas da organización sindical Histadrut. Alí, Golda Myerson deu a luz os seus dous fillos: Menáhem e Sara. A estadía en Xerusalén supuxo para Golda o rencontro cunha vella coñecida: a pobreza. Naquela época de faltas, Golda lavaba a roupa sucia de tódolos nenos do xardín de infancia ao que enviaba o fillo máis vello, por non ter como pagar a mensualidade; na súa autobiografía considéraa a época máis miserable de toda a súa vida.
Actividade pública
[editar | editar a fonte]O grande cambio na vida de Golda Myerson chegaría durante 1928, cando lle ofreceron ocupar o cargo de directora da rama feminina da Histadrut. Ao aceptar o posto, que lle supuxo facer numerosas viaxes, Golda recoñecía tamén a irreversibilidade da rutura conxugal, e transladouse cos fillos a un pequeno apartemento en Tel Aviv, onde a nai durmiu durante unha longa tempada no sofá da sala de estar, mentres o pai viña de visita as fins de semana. Golda e Morris nunca se divorciaron formalmente; el morreu en 1951.
Entre 1932 e 1934, Golda Myerson foi enviada aos Estados Unidos para recadar fondos para a causa sionista, estadía que aproveitou para tratar a filla Sara da grave insuficiencia renal que padecía. De volta ao país, foi elixida delegada do Partido Laborista cargo que ocupou ininterrompidamente ata a creación do Estado en 1948, xunto a persoeiros como de David Ben-Gurion, Moshé Sharet e Berl Katzenelson.
A súa historia persoal, marcada a miúdo pola miseria e a precariedade, motivou que o seu quefacer público fixese fincapé en dúas cuestións principais: os dereitos do traballador —e máis aínda, da traballadora—, e o auxilio aos refuxiados. En 1938, como "observadora xudía de Palestina" na conferencia internacional sobre refuxiados xudeus de Évian-les-Bains, Golda alporizouse coa hipocrisía dos países occidentais, que dicían amosar simpatía polos perseguidos e ao tempo non lles ofrecían refuxio. De xeito semellante e por motivos humanitarios, conduciu a loita en contra das fortes restricións á inmigración xudía, que impuxera o goberno británico mediante o Libro branco de 1939, en vésperas da segunda guerra mundial. Acerca de Ernest Bevin, naquel momento ministro británico de Exteriores e opositor á apertura das portas de Palestina aos refuxiados de Europa, e do seu goberno, dixo Golda Meir ao cabo dos anos: «Non sei se ese home era demente, ou só antisemita, ou as dúas cousas. Os responsables da política inglesa nunca puideron perdoarnos o feito de converternos en nación sen o seu expreso consentimento. Non entenderon que o problema dos xudeus de Europa non foi creado co único propósito de facer quedar mal ao goberno británico». Cando, ao rematar a guerra, se declarou en folga de fame para protestar contra os centros de detención británicos destinados aos sobreviventes do Holocausto, sintetizou así o seu pensamento: «O sionismo non ten sentido máis ca para rescatar os xudeus». E agregou: «Temos a barriga chea contra os ingleses. Pero a nosa principal acusación é que o seu Libro Branco nos converteu en impotentes mentres poderiamos salvar centos de milleiros; ou aínda que máis non fose, ducias de milleiros; ou mesmo un só xudeu!».
Camiño do Estado hebreo
[editar | editar a fonte]Rematada a segunda guerra mundial, agudizouse a tensión entre o movemento sionista, que esixía a independencia, e as autoridades británicas, ás que a situación en Palestina se lles ía das mans. Intentando domina-la situación, os británicos levaron a cabo o sábado 29 de xuño de 1946, unha vasta operación de detencións e arrestos, que incluíu boa parte da cúpula xudía (coñecido como o "Sábado Negro"). Ante o repentino baleiro de poder, Golda Myerson converteuse en xefa do departamento de Estado do comité central da Axencia Xudía, a Sojnut; ou o que é o mesmo, na man dereita de David Ben-Gurion, virtual chanceler do «Estado en camiño», libre do cárcere por atoparse en Europa, no canto de Moshé Sharet, preso nos calabozos británicos. Aínda logo da liberación deste último, Myerson conservaría o lugar de influencia que gañara nesta conxuntura.
En breve, encargóuselle —grazas ao seu inglés case nativo, cuxo inconfundible acento nunca perdería— ser a principal negociadora coas autoridades inglesas acerca do plan de Partición de Palestina. Paralelamente, mantívose en estreito contacto cos principais grupos de resistencia xudía armada (a Haganá e o Étzel). Logo da decisión das Nacións Unidas do 29 de novembro de 1947, pola que se creaba un estado xudeu e outro árabe, e fronte ao rexeitamento total dos países árabes ao plan, a cúpula sionista comprendeu que a guerra era inevitable, e enviaron a Myerson a recadar doazóns da comunidade xudía norteamericana para financiar a compra de armamento. Golda, como xa se lle coñecía, volveu con 50 millóns de dólares no peto. De inmediato, partiu coa delicadísima misión, de incógnito e disfrazada de árabe, de entrevistarse para alén das liñas inimigas, en Amán, o 12 de maio de 1948, co rei Abdulá II de Xordania, co obxectivo de que non interviñese na inminente contenda. O rei mostrouse evasivo, e Golda Myerson comprendeu que a sorte xa estaba botada. Abdulá pediulle que tivesen paciencia, e que non se apresurasen a declara-la independencia, ao que Golda lle respondeu: «maxestade, o noso pobo agardou 2000 anos. Podería vostede chamar a iso 'présa'?».
O Estado de Israel
[editar | editar a fonte]Finalmente, e dous días máis tarde, o 14 de maio de 1948, (o día 5 de iyar de 5708), David Ben-Gurión leu en Tel Aviv a acta de declaración de independencia do Estado de Israel; da que Golda Myerson foi unha das 25 asinantes. Sen pausa, saíu novamente de colecta aos Estados Unidos e alí comunicáronlle o nomeamento como a primeira embaixadora de Israel ante a Unión Soviética.
O recibimento que ofreceu a comunidade xudía rusa á diplomática do recente estado foi apoteótico: ducias de milleiros de xudeus moscovitas achegáronse a Myerson durante a súa visita á Gran Sinagoga da cidade, e levárona ata a tora. A paixón popular non confundiu a Myerson: «Se naquel tempo mandasen a Moscova un pau de vasoira» — dixo — «dicindo que ía en representación de Israel, tería o mesmo recibimento». Foi embaixadora menos dun ano, durante o que tentou que as autoridades comunistas suavizasen o trato á comunidade xudía, e que eliminasen as trabas á inmigración a Israel, sen moito éxito.
En 1949 foi elixida deputada polo seu partido, o partido Laborista, na primeira lexislatura da Knéset. O primeiro ministro Ben-Gurion nomeouna ministra de Traballo e Seguridade Social. Nos sete anos que estivo no cargo, a ás ordes de dous primeiros ministros, amosou unha grande eficacia na construción do estado do benestar israelí e na integración laboral e social das masas de inmigrantes que chegaban ao país e deixou un selo indeleble ata hoxe na avanzada lexislación laboral que propiciou. Trala dimisión de Moshé Sharet, pasou a ocupa-la carteira de Asuntos Exteriores (1956-1966) e hebreizou o seu nome por petición de Ben-Gurión, a Golda Meir. Como segunda chanceler do país, despregou unha intensa actividade para lograr o recoñecemento e o apoio a Israel por parte dos novos países independentes que xurdían da descolonización africana. Os seus graves problemas de saúde estiveron a piques de face-la renunciar á vida política en 1965 e 1968; pero retractouse a instancias dos seus compañeiros, para evitar que as rivalidades persoais entre os líderes socialistas acabasen coa unidade do partido. En 1965 fíxolle fronte duramente a Ben-Gurion, que abandonou o partido Laborista, e quedou Meir como secretaria xeral da formación. Logo, participou activamente na reunificación de tódalas forzas socialistas parlamentarias no Partido Laborista Unificado (Ma'araj).
Primeira ministra
[editar | editar a fonte]A súpeta morte do primeiro ministro Levi Eshkol en febreiro de 1969, atopou a Golda Meir fóra do goberno debido á súa doenza, pero aínda membro da Knéset. De entre os varios candidatos laboristas que se postularon para sucederlle, Meir foi sorprendentemente elixida para o cargo como candidata de compromiso. Ao pouco tempo celebráronse elección xerais para a sexta lexislatura da Knéset, onde saíu respaldada por unha folgada representación parlamentaria (56 de 120 escanos). Aínda así, prefiriu proseguir co goberno de coalición nacional, vixente dende a Guerra dos Seis Días, para o que sumou ao seu goberno a Menachem Beguin e a súa agrupación de dereitas. Neses meses realizou o coñecido discurso no que negou a existencia do pobo palestino:
No existe o pobo palestino... Eles non existen.
Do seu período de goberno lémbranse os tristemente famosos ataques terroristas palestinos do ano 1972: o secuestro do avión de Sabena (9 de maio), célebre porque na súa liberación participaron dous xoves militares, futuros primeiros ministros, Ehud Barak e Benjamín Netaniahu; o masacre do Exército Vermello Xaponés no aeroporto internacional (30 de maio), cun saldo de 25 vítimas; e o máis importante, o asasinato de 11 atletas israelís nos Xogos Olímpicos de Múnic (5 de setembro). Golda Meir ordenou os servizos de intelixencia israelís abater a tódolos involucrados no "Masacre de Múnic", nun operativo que deu en chamarse Cólera de Deus, e que foi levado ao cinema da man de Steven Spielberg no filme "Múnic".
A mediados de 1973, Golda Meir chegara a un elevado grado de apoio e consenso na opinión pública, tanto israelí como internacional; tanto uns como outros a asociaban coa imaxe da yídishe mame (yi., "nai xudía"), con sentido común e sobreprotectora cos seus descendentes. Foron célebres as reunións dos seus máis íntimos achegados na cociña da súa residencia oficial, a famosa «cociña de Golda», onde se decidían os destinos do país. Por outra parte, Golda sempre foi considerada un "falcón" político, reticente á paz cos árabes, dos que sempre desconfiou. No eido interno, foi acusada de conservadora e de desatender os novos problemas suscitados na sociedade israelí.
A Guerra de Yom Kipur
[editar | editar a fonte]En 1973, Israel houbo de facer fronte a un novo ataque asestado polos países árabes, a chamada Guerra de Yom Kipur, que tomou o goberno e o país por total sorpresa. Aínda que durante os meses previos á guerra, fluíu abondosa información de intelixencia que previña sobre os riscos dun ataque combinado, o Exército cría que unha guerra era pouco probable, oufano aínda do seu grande éxito na Guerra dos Seis Días.
A parsimonia militar, confundiu e contaxiou o executivo presidido por Golda Meir. Ela mesma mantivo unha reunión secreta en Xerusalén co rei Husein de Xordania, que veu especialmente a previr a Israel da guerra xa inminente. Pero Golda dubidou das súas verdadeiras intencións. Só unhas horas antes do estoupido, a primeira ministra decidiu desoír os seus militares, o ministro de Defensa Moshé Dayán, e o seu ministro e ex-comandante en Xefe Jaim Bar-Lev e ordenou mobilizar as reservas, nunha das decisións cardinais da contenda. Aínda así, Golda Meir xamais se perdoou o erro: «Deberei vivir ata o fin dos meus días sabendo algo tan terrible», escribiu na súa autobiografía.
Se ben Israel rexeitou o ataque, respondeu cunha ofensiva vitoriosa e levou as súas tropas a só 100 quilómetros do Cairo, o que lle permitiu manter tódolos territorios ocupados en 1967, a guerra deixou unha profunda pegada na sociedade israelí. Golda Meir, desacreditada, conseguiu porén gañar as eleccións xerais de 1974, e beneficiouse das conclusións da Comisión Investigadora Agranat, que librou a tódolos políticos de culpa e responsabilizou unicamente do letargo israelí ao comandante en xefe militar, David Elazar. A opinión pública non estivo de acordo e o informe da Comisión alimentou unha onda de protestas que foi medrando en todo o país, e que levou a Meir a presentar a súa dimisión logo da súa reelección, o 11 de abril de 1974. Foi substituída por Isaac Rabin á fronte do Goberno e do partido Laborista.
Cos remorsos de Yom Kipur, Golda Meir retirouse ao quibuts Revivim, na casa da súa filla Sara, onde pasou os seus derradeiros anos, ata que o cancro a venceu. Finou o 8 de decembro de 1978; e foi sepultada no panteón dos «Grandes da Patria», no Monte Hertzl de Xerusalén.
Golda Meir non foi profeta na súa terra. O mundo xudeu e a comunidade internacional lémbrana como unha dirixente carismática e singular; unha matrona xudía visceral, capaz de sintetizar a máis complexa das situacións nunha frase sinxela e proverbial. En Israel, en cambio, moitos lémbrana, especialmente na esquerda, como unha muller teimuda e obstinada, cuxa incapacidade de ver a realidade e a súa actitude intransixente para cos árabes, deu lugar á traumática guerra de Yom Kipur.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Adler, David, Our Golda: The Story of Golda Meir. Nova York: Puffin/Penguin, 1984. ISBN 0-14-032104-7 (para chicos)
- Agres, Eliyahu (trad. hebreo Israel Taslit), Golda Meir: Portrait of a Prime Minister. Nova York: Sabra Books, 1969. ISBN 0-87631-020-X
- Amdur, Richard, Golda Meir: A Leader in War and Peace. Nova York: Fawcett, 1990. ISBN 0-449-90403-2
- Claybourne, Anna, Golda Meir (Leading Lives). Chicago: Heinemann Library, 2003. ISBN 0-431-13880-X
- Davidson, Margaret, The Golda Meir Story. Nova York: Charles Scribner’s Sons, edición revisada, 1981. ISBN 0-684-14610-X
- Dobrin, Arnold, A Life for Israel: The Story of Golda Meir. Nova York: Dial, 1975. ISBN 0-8037-4816-7 (para chicos)
- Eban, Abba, The Political Legacy of Golda Meir. Milwaukee: Golda Meir Library, University of Wisconsin, Milwaukee, 1995. ISBN 1-879281-15-5
- Gibson, William, Golda: A Play in Two Acts. Nova York: Samuel French, 1977. ISBN 1-55783-616-7
- Hitzeroth, Deborah, Golda Meir (Importance of) - Series. San Diego: Lucent Books, 1997. ISBN 1-56006-090-5 (para chicos)
- Keller, Mollie, Golda Meir (An Impact Biography). Nova York: Franklin Watts, 1983. ISBN 0-531-04591-9
- Lewkowicz, Lidia, Juana Manso & Golda Meir: Dos mujeres del siglo XIX, Ediciones Al Margen, 1999. ISBN 987-9248-14-7
- Mann, Peggy, Golda: The Life of Israel’s Prime Minister. Nova York: Coward, McCann and Geoghegan, 1971. ISBN 0-698-20052-7
- Marsh, Carol, Golda Meir. Peachtree City, GA: Gallopade International, 2002. ISBN 0-635-00399-6
- Martin, Ralph, Golda Meir: The Romantic Years. Nova York: Charles Scribner’s Sons, 1988. ISBN 0-86188-864-2
- McAuley, Karen, Golda Meir (World Leaders Past and Present). Nova York: Chelsea House, 1985. ISBN 0-87754-568-5 (para chicos)
- Meir, Menahem, My Mother Golda Meir: A Son’s Evocation of Life with Golda Meir. Nova York: Arbor House, 1983. ISBN 0-87795-415-1
- Morris, Terry, Shalom, Golda. Nova York: Hawthorn Books, 1971. ASIN B0006C0MX2
- Noble, Iris, Israel’s Golda Meir: Pioneer to Prime Minister. Nova York: Julian Messner, edición revisada, 1974. ISBN 0-671-32516-7
- Olivares, Ángela, Golda Meir, Mujeres en la historia (Serie). Edimat Libros, 30.6.2006 (a editar) ISBN 84-9764-758-0
- Pogrebin, Letty Cottin, Deborah, Golda, and Me: Being Female and Jewish in America. Nova York: Crown, 1991. ISBN 0-385-42512-0
- Shenker, Israel e Shenker, Mary (editores), As Good as Golda: The Warmth and Wisdom of Israel’s Prime Minister. Nova York: McCall, 1970. (Colección de frases de Golda Meir) ISBN 0-8415-0029-0
- Slater, Robert, Golda: The Uncrowned Queen of Israel. Middle Village, NY: Jonathan David, 1981. ISBN 0-8246-0244-7
- Syrkin, Marie, Way of Valor: A Biography of Golda Myerson. Nova York: Sharon Books, 1955. ASIN B0007DJWJ0
- Syrkin, Marie, Golda Meir: Woman with a Cause. Nova York: G.P. Putnam’s Sons, 1963. ASIN B0007E0B7Q
- Syrkin, Marie, Golda Meir: Israel's leader. Nova York: G.P. Putnam’s Sons, 1969 (edición revisada) ASIN B0006CPEIU
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía de Golda Meir, na páxina do Ministerio de Asuntos Exteriores de Israel.
- Biografía de Golda Meir
- Biografía de Golda Meir, no sitio oficial do Parlamento (en inglés).
- Extenso obituario, publicado no xornal The New York Times (en inglés)
- A conferencia de Evián (en inglés)
Predecesor: Levi Eshkol |
Primeira ministra de Israel 1969 - 1974 |
Sucesor: Isaac Rabin |