Saltar ao contido

Grupo Neira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grupo Neira
Tipomovemento guerrilleiro
Data de fundación1936
Data de disolución1944
Nomeado en referencia aJosé Neira Fernández
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

O grupo Neira foi un grupo guerrilleiro que operou no norte das provincias de Lugo e A Coruña entre 1936 e 1944.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

O grupo formouse no verán de 1936, cando varios republicanos fuxiron ao monte para escapar da represión. Estaba dirixido polo libertario José Neira Fernández "o Neira". No grupo integráronse os cenetistas Amandino Neira, Amando Carro Pérez, Gregorio Fernández Dopico "o Bolichero", os irmáns Ceferino e José Fernández Formoso, José Antonio Franco Basanta "o Manchego", os irmáns Alberto, Manuel, Remigio e Teodoro Franco Lamela, Francisco Gómez Núñez "Trotski", Eusebio González Pedreira, Jesús Iglesias Escourido "o Tizón", Jesús Lavandeira Pérez "Ladrillo", Antonio Paleo Saavedra, Francisco Pintado Pérez, "Rato" (do que só se coñece o alcume) e Plácido Rivera Cociña "Plácido". Tamén formaron parte do grupo os comunistas Demófilo Pedreira Rumbo "Nene" e Marcelino Rodríguez Fernández "Marrofer". Outros integrantes foron Eugenio Bernal Pérez, Evaristo Candelas "o Evaristo", Leonardo Gómez Pérez "Trancas", Jesús Iglesias Vázquez "o Muros", Vicente Lage Fernández "o Chicharro" e Antonio Molins Valls "o Noi". O grupo pasou de ter uns 15 membros en 1940 a case 50, distribuídos en distintos grupos en 1943.

A súa zona de actuación ía desde Ferrol e Ortigueira ata Viveiro e progresivamente aumenta os seus límites cara Pontedeume e incluso Cee, Vimianzo e O Pindo.

Nos primeiros tempos só fixeron golpes de supervivencia, e pouco a pouco organizáronse, deixando as tácticas defensivas e pasando ao ataque. Construíron campamentos soterrados no campo ou anexos a casas colaboradoras. Tamén infiltraron xente na administración e entre as forzas vivas reaccionarias.

Entre as accións levadas a cabo polo grupo figuraron a execución en 1942 de José Mosquera Carro, en Xuvia e José Fortúnez Beceiro en Sedes.

A primeira baixa foi a de Amandino Neira, que morreu polos disparos da Garda Civil o 1 de xuño de 1939 en Montemeao (Ortigueira). O 29 de decembro de 1940 morreu Ceferino Fernández durante o atraco a José Gómez Bello, tamén morto na acción. O 8 de febreiro de 1943 morreu durante un enfrontamento José Fernández. Poucos días despois foi detido en Ferrol Eugenio Bernal, conseguindo fuxir "Trancas" e "o Noi" da emboscada. Esta detención supuxo o desmantelamento dunha parte da rede de enlaces. Desde 1943 o grupo empezou a estar baixo as directrices do PCE, que xa o controlou completamente en 1944; a finais dese ano José Neira foi asasinado.

O grupo Neira acabou converténdose na IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia baixo o mando de Marcelino Rodríguez Fernández "Marrofer".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]