Saltar ao contido

Hans Küng

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHans Küng

(2011) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento19 de marzo de 1928 Editar o valor en Wikidata
Sursee, Suíza (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte6 de abril de 2021 Editar o valor en Wikidata (93 anos)
Tubinga, Alemaña Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepárkinson Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
EducaciónInstituto Católico de París - teoloxía (–1956)
Pontificia Universidade Gregoriana
Collegium Germanicum et Hungaricum (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Director de teseLouis Bouyer (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoTheology and philosophy (en) Traducir e diálogo inter-religioso (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Tubinga Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónsacerdote católico (1954–), profesor universitario, filósofo, escritor, teólogo Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Tubinga Editar o valor en Wikidata
Membro de
AlumnosBruno Schmid (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Participou en
11 de outubro de 1962Concilio Vaticano Segundo Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih,
Medvik >>>:Küng, Hans, 1928-, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1144508 Dialnet: 85926 Discogs: 4724488 Editar o valor en Wikidata

Hans Küng, nado en Sursee, Suíza, o 19 de marzo do 1928 e finado en Tübingen o 6 de abril de 2021, foi un sacerdote, filósofo e teólogo suízo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Formado no Colexio Xermánico, na Universidade Pontificia Gregoriana e na Sorbona. Doutorouse no Instituto Católico de París. No 1962 Xoán XXIII nomeouno conselleiro do Concilio Vaticano II. Tivo unha salientable participación no mesmo xunto a outros xoves asesores como Bernhard Häring, Karl Rahner, Yves Congar, Henri de Lubac ou Joseph Ratzinger, aliñado daquela en posicións reformistas e avanzadas. Foi catedrático de Filosofía e Teoloxía Ecuménica e director do Instituto de Investigación Ecuménica da Universidade de Tubinga. Paulo VI privouno para a docencia da Teoloxía católica debido ás súas ideas heterodoxas, particularmente ao redor da infalibilidade do Papa, e á súa actitude sempre crítica perante o conservadorismo do Vaticano, malia que seguiu ensinando Teoloxía Ecuménica. Dende 1996 foi presidente da Fundación para unha Ética Mundial (Stiffung Weltehos). Mantivo unha relación fluída con Bieito XVI de quen foi compañeiro e amigo de xuventude aínda que o criticou polo seu rol nos casos de pederastia no seo da Igrexa.[1] Faleceu en 2021 con 93 anos na súa residencia de Tubinga (Baden-Württenberg, Alemaña).[2]

Traballo intelectual

[editar | editar a fonte]

Gran coñecedor da teoloxía de Karl Barth sobre a que fixo a súa tese de doutoramento, concentrou o seu esforzo en facer intelixible o cristianismo e a fe en Deus á luz do pensamento contemporáneo. Abordou tamén estudos sobre o islam, a muller na Igrexa e a moral e estivo embarcado na construción dun Proxecto de ética global.

Na súa obra Ser Cristián, de grande éxito editorial, Küng defende que o cristián é aquel que vive a súa humanidade sociabilidade e relixiosidade a partir de Xesús de Nazaret. Este segue a ser un modelo básico e verificable de vivir a vida en todas as súas facetas. O cristián ha de loitar contra o sufrimento e a dor, sabendo que, no baleiro e o absurdo, pode contar coa solidariedade de Deus.

O seu outro gran traballo, ¿Existe Deus?, repasa o concepto de Deus nos grandes pensadores a partir de Descartes e confronta a idea cristiá de Deus co ateísmo contemporáneo, especialmente a partir de Friedrich Nietzsche, Ludwig Feuerbach, Karl Marx e Sigmund Freud. O Deus cristián non é un Deus do alén a costa da grandeza do home (teoría da proxección e Feuerbach ou do superhome de Nietzsche), senón aquel que afirma radicalmente a dignidade de todos e cada un, especialmente dos febles e dos marxinados. Non é tampouco o Deus dos dominadores que xustifica a inxustiza (teoría do opio de Marx), senón o Deus que esixe a equidade e a transformación social máis radical a prol do ben común. Finalmente, tampouco coincide cun neurotizante super-eu, froito da sublimación do impulso sexual reprimido e dos complexos infantís (teoría da ilusión de Freud), senón o Deus creador que afirma a vida e o Pai que busca a plena realización da persoa.

Para Küng, a fe en Deus non pode ser demostrada, pero si afirmada como algo razoable que permite confiar, fronte ao nihilismo, nunha orixe, un sustento e unha fin á realidade. Sen a fe en Deus, afirma, non é posible descansar nunha racionalidade orixinaria. Considera o ateísmo como ameazado polo nihilismo, porque ningún paso illado ten sentido se todo o camiño é absurdo. A afirmación do nada como orixe e como meta é unha posibilidade vital inauténtica.

Reformista

[editar | editar a fonte]

Küng foi un abandeirado da reforma intraeclesial. Avogou por unha maior colexialidade fronte ao centralismo romano, unha meirande participación dos fieis na elección dos bispos e do mesmo Papa. Entendeu que o celibato nos sacerdotes, aínda que valioso como liberdade para o servizo, ha de ser voluntario e que non existen fundamentos teolóxicos para a non ordenación das mulleres. Para el o primado do Papa é un servizo ao conxunto da Igrexa, a infalibilidade ha de entenderse como a portavocía do acción do Espírito na totalidade dos crentes, incluídos os laicos.

No terreo da moral, entendía que debía avanzarse cara a unha visión plenamente positiva da sexualidade, coherente coa fe no Deus Creador e, nesa dirección, debía deixarse á responsabilidade dos fieis a súa valoración das relacións prematrimoniais, a utilización de anticonceptivos non naturais e o divorcio, sen que isto supoña cuestionar o carácter tendencialmente indisoluble do matrimonio.

  • Rechtfertigung. Die Lehre Karl Barth und eine katholische Besinnung (1957) Interpretación católica da doutrina de Karl Barth.
  • Konzil und Wiedervereinigung (1960).
  • Strukturen der Kirche (1962).
  • Die Kirche (1967).
  • Unfehlbar? Eine Anfrage (1970). A cuestión da infalibilidade papal.
  • Christ sein (1974). Ser cristián.
  • Existiert Gott? Antwort auf die Gottesfrage der Neuzeit (1978). Existe Deus?
  • Ewiges Leben? (1982).
  • Christentum und Weltreligionen. Hinführung zum Dialog mit Islam, Hinduismus und Buddhismus (1984)
  • Theologie im Aufbruch. Eine ökumenische Grundlegung. (1987)
  • Christentum und Chinesische Religion. (1988).
  • Projekt Weltethos. (1990). Deseño dun proxecto para unha ética mundial, unha das grandes preocupacións de Küng.
  • Das Judentum. Wesen und Geschichte. (1991).
  • Credo. Das apostolische Glaubensbekenntnis – Zeitgenossen erklärt. (1992).
  • Das Christentum. Wesen und Geschichte. (1994).
  • Große christliche Denker. (1994).
  • Weltethos für Weltpolitik und Weltwirtschaft. (1997). A cuestión da ética mundial, esta vez centrada na política e na economía.
  • Spurensuche. Die Weltreligionen auf dem Weg (1999). Percorrido polas principais relixións do mundo.
  • Die Frau im Christentum. (2001). Ensaio acerca do papel da muller no Cristianismo.
  • Erkämpfte Freiheit. Erinnerungen. (2002).
  • Wozu Weltethos? Religion und Ethik in Zeiten der Globalisierung. Im Gespräch mit Jürgen Hoeren. (2006). Análise ética da globalización e o papel da relixión na mesma.
  • Dokumentation zum Weltethos. (2002). Ensaios sobre o tema da ética global.
  • Der Anfang aller Dinge. Naturwissenschaft und Religion. (2005).
  • Weltethos christlich verstanden. Positionen – Erfahrungen – Impulse. (2005).
  • Der Islam. Geschichte, Gegenwart, Zukunft. (2006).
  • Umstrittene Wahrheit. Erinnerungen. (2007).
  • Weltethos aus den Quellen des Judentums (2008).
  • Was ich glaube. (2009).
  1. "Le théologien Hans Küng, critique du Vatican, est décédé à l'âge de 93 ans". rts.ch (en francés). 2021-04-06. Consultado o 2021-04-06. 
  2. "Aktuelles • Stiftung Weltethos für interkulturelle und interreligiöse Forschung, Bildung und Begegnung". www.weltethos.org. Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2021. Consultado o 2021-04-06. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Küng, H. (2004) En busca de nuestras huellas. Tradución do alemán de Carmen Gauger. Círculo de Lectores.