Herbívoro
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
En zooloxía e en ecoloxía, un herbívoro [1] é un animal (mamífero, peixe ou invertebrado) cuxa dieta alimenticia se basea principalmente na inxestión de plantas; aínda que, sendo as plantas herbáceas un subconxunto do reino vexetal, é máis correcto, desde o punto de vista semántico, o uso do termo fitófago.[2]
Na práctica, porén, moitos herbívoros tamén se alimentan de proteínas animais como, por exemplo, ovos.
Os humanos que non comen carne non son considerados herbívoros senón vexetarianos.
Na cadea trófica, os herbívoros son os consumidores primarios, mentres que os que se alimentan de carne son consumidores secundarios.
Tipos de herbívoros
[editar | editar a fonte]Algúns herbívoros lato sensu, ou fitófagos, especialízanse no consumo de partes moi determinadas dos vexetais, polo que poden ser clasificados como:
- herbívoros stricto sensu, que non comen máis que herba,
- fruxívoros, que só comen froitas,
- folívoros ou filófagos, que se alimentan de follas,
- granívoros, que comen grans, que poden ser sementes ou cariópsides (froitos dos cereais),
- gomívoros, que se alimentan da goma das plantas,
- nectarívoros, que se nutren unicamente do néctar das flores,
- lignívoros ou xilófagos, que consomen madeira.
Esta especialización encóntrase lonxe de ser universal e moitos animai] que comen froitas ou follas comen tamén outras partes das plantas, en particular raíces e sementes. As dietas dalgúns animais herbívoros varían coas estacións, especialmente nas zonas de clima temperado, onde as fontes de alimentación dispoñíbeis varían no curso do ano.
Importancia dalgúns herbívoros
[editar | editar a fonte]O grupo máis importante dos mamíferos herbívoros fórmano os ruminantes, animais que dixiren os alimentos en dúas etapas, primeiro os consomen e logo realizan a rumia, operación consistente en regurxitar o material semidixerido e volvelo a mastigar para desfacelo e agregarlle saliva. A súa mandíbula permítelles facer movementos laterais para poder triturar e insalivar os alimentos. Os seus molares son moi planos, e permiten machucar os alimentos até formar unha pasta. A súa saliva é alcalina, o que permite dixerir mellor os carbohidratos. Por outra parte, a súa flora intestinal xoga un papel moi importante na dixestión de materiais vexetais.
Os insectos son quizais o grupo máis importante de herbívoros polo impacto que producen na vexetación, e algúns poden ocasionar graves prexuízos nos cultivos, e mesmo pragas. Os térmites teñen unha flora intestinal rica e sumamente complexa que lles permite dixerir materiais que son indixeríbeis para outros animais, tales como a celulosa. Os áfidos ou pulgóns aliméntanse dos fluídos vexetais e son moi abundantes tanto en número de individuos como en número de especies. As eirugas de practicamente todas as especies de bolboretas son herbívoras e, en certos casos, poden causar a defoliación de bosques enteiros.
Galería de herbívoros
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Herbívoro |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Crawley, M. J. (1983): Herbivory: the dynamics of animal-plant interactions. Oxford: Blackwell Scientific. ISBN 0-632-00808-3
- Danell, K. R.; Bergström, P.; Duncan, J. e Pastor (edit.)(2006): Large herbivore ecology, ecosystem dynamics and conservation. Cambridge, UK: Cambridge University Press. ISBN 0-521-83005-2
- Olff, H., V.K. Brown e R. H. Drent (edit.) (1999): Herbivores: between plants and predators. Oxford, Malden, Ma.: Blackwell Science. ISBN 0-632-05155-8