Saltar ao contido

Julia Child

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJulia Child

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(en-us) Julia Carolyn Child Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en-us) Julia Carolyn McWilliams Editar o valor en Wikidata
15 de agosto de 1912 Editar o valor en Wikidata
Pasadena, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Morte13 de agosto de 2004 Editar o valor en Wikidata (91 anos)
Santa Bárbara, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinsuficiencia renal Editar o valor en Wikidata
EducaciónSmith College
Le Cordon Bleu (pt) Traducir
The Branson School (en) Traducir
Polytechnic School (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altura1,88 m Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Washington, D.C. (1945–1945)
Chongqing (1945–1945)
Kandy (pt) Traducir (1944–1945)
Washington, D.C. (1942–1944)
Beverly Hills (1935–1939) Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpresentadora de televisión (1963–2000), escritora (1961–), cociñeira (1949–), assistente administrativa (pt) Traducir (1944–1945), oficinista (1943–1944), assistente de pesquisa (pt) Traducir (1942–1943), datilógrafa (pt) Traducir (1942–1942), copywriter (en) Traducir (1935–1939) Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1935 Editar o valor en Wikidata -
EmpregadorOffice of Strategic Services (pt) Traducir (1942–1945)
W. & J. Sloane (en) Traducir (1935–1939) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxePaul Cushing Child (1946–1994) Editar o valor en Wikidata
PaisJohn McWilliams Jr. Editar o valor en Wikidata  e Julia Carolyn Weston Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura

Descrito pola fonteObálky knih,
American Women Writers (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0157463 TV.com: people/julia-child
WikiTree: McWilliams-675 Find a Grave: 9311948 Editar o valor en Wikidata

Julia Carolyn McWilliams,[1] coñecida como Julia Child, nada en Pasadena (California) o 15 de agosto de 1912 e finada en Montecito o 13 de agosto de 2004, foi unha chef, autora e presentadora de televisión estadounidense. Foi recoñecida por facilitar a gastronomía francesa ao público do seu país co lanzamento do seu libro de cociña, Mastering the Art of French Cooking ("Dominando a arte da cociña francesa"). Tamén tivo unha influencia notable grazas aos seus programas de televisión. O máis destacado deles foi The French Chef, estreado en 1963.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Infancia e educación

[editar | editar a fonte]

Child naceu co nome de Julia Carolyn McWilliams en Pasadena, California. O seu pai foi John McWilliams (fillo) e a súa nai Julia Carolyn "Caro" Weston. Julia Child foi a filla máis vella da parella, tivo un irmán, John III (1914–2002), e unha irmá, Dorothy Dean Cousins (1917–2006).[2]

Child asistiu á Escola Politécnica de Westridge dende cuarto a noveno grao, e logo proseguiu os seus estudos no internado Katherine Branson School en Ross, California. Julia practicaba tenis, golf e baloncesto dende nena, costume que mantivo mentres estudaba no Smith College, do cal se graduou en 1934 cunha licenciatura en historia.[3]

Ao completar os seus estudos universitarios, Julia Child mudouse á cidade de Nova York, onde se empregou como redactora publicitaria para o departamento de publicidade da compañía W & J Sloane. Cando regresou a California en 1937, dedicouse a escribir para publicacións locais, traballar en publicidade e facer voluntariado na Liga Xuvenil de Pasadena.[4]

Segunda guerra mundial

[editar | editar a fonte]

Child uniuse á Office of Strategic Services (OSS) despois de decatarse de que era demasiado alta para alistarse no corpo feminino armado ou na armada dos Estados Unidos.[5] Comezou a súa carreira na OSS como mecanógrafa en Washington, pero pola súa educación e experiencia non pasou moito tempo antes de que lle desen un posto de maior responsabilidade como investigadora secreta para a cabeza da OSS, o xeneral William J. Donovan.[6]

Como asistente de investigación na división de Intelixencia Secreta escribiu 10 000 nomes en cartóns brancos que servían para seguirlle a pista aos oficiais. Durante un ano traballou na Sección de Rescates de Emerxencia da OSS en Washington, D.C. como arquiveira e despois como asistente no desenvolvemento dun repelente de quenllas que era necesario para asegurar que as quenllas non detonarían as bombas que estaban dirixidas aos submarinos alemáns (U-Boot). En 1944 foi destinada a Kandy, Ceilán, onde as súas responsabilidades incluían o "rexistro, catalogación e canalización dun gran volume de comunicación altamente clasificada" para as estacións clandestinas en Asia da OSS.[7] Foi destinada á China, onde recibiu o Emblema de Servizo Civil como cabeza do Rexistro Secretarial da OSS.[8] Polos seus servizos, Child recibiu un premio que destacaba todas as súas virtudes, onde se incluían a súa "determinación e positividade" Como moitos outros rexistros da OSS, o seu foi desclasificado no 2008 e a diferenza de moitos outros, está dispoñible en Internet.[9]

Durante a súa estancia en Ceilán, coñeceu a Paul Cushing Child, que tamén era empregado da OSS; contraeron matrimonio o 1 de setembro de 1946 en Lumberville, Pensilvania, e despois mudáronse a Washinton D.C. Sendo Paul un nativo de Nova Jersey[10] que vivira en París como artista e poeta, era coñecido polo seu padal sofisticado, e introduciu a súa esposa na cociña fina. El uniuse ao Servizo Foráneo dos Estados Unidos e en 1948 a parella mudouse a París cando o Departamento de Estado dos Estados Unidos designou a Paul como oficial na Axencia de información dos Estados Unidos.[11][12] A parella non tivo fillos.

Francia na posguerra

[editar | editar a fonte]

En repetidas ocasións, Child lembrou a súa primeira comida en Ruán como unha revelación culinaria; nunha ocasión, describiu a súa experiencia de comer ostras Meunière e viño fino ao xornal The New York Times como "a apertura da súa alma e espírito". En París, estudou na aclamada escola de cociña Le Cordon Bleu para despois estudar de maneira privada con Max Bugnard.[13] Child uniuse ao club de cociña Cercle des Gourmettes, a través do cal coñeceu a Simone Beck, quen estaba a escribir un libro de cociña francesa para americanos coa súa amiga e colega Louisette Bertholle. Beck propuxo a Child que se unise ao proxecto para así atraer o mercado americano. En 1951, Child, Beck e Bertholle comezaron a dar clases a mulleres americanas que vivían en Francia, dende a cociña de Julia, nomeando a escola École des trois gourmandes. Xa que durante a seguinte década, os Child se mudaron en repetidas ocasións ao redor de Europa ata finalmente asentarse en Cambridge (Massachusetts), as tres investigaron e probaron moitas receitas. Child traducía do francés ao inglés, detallando as receitas seleccionadas para que fosen máis prácticas e interesantes.

En 1963, os Child construíron un fogar preto da cidade de Plascassier nos outeiros próximos a Cannes na propiedade da coautora Simone Beck e o seu esposo Jean Fischbacher. Os Child chamárono "La Pitchoune", palabra occitana que significa "o pequeno" pero co tempo a propiedade foi adquirindo o alcume de "La Peetch".[5]

Chegada aos medios de comunicación

[editar | editar a fonte]

As tres autoras inicialmente asinaron un contrato coa editorial Houghton Mifflin Harcourt, que máis adiante rexeitou o manuscrito por semellarse demasiado a unha enciclopedia. Finalmente, en 1961 foi publicado pola editorial Alfred A. Knopf un libro de 726 páxinas que levou por nome Mastering the Art of French Cooking.[14] Esta publicación foi un best-seller e foi aclamado pola crítica, grazas ao interese do público americano cara á cultura francesa a principios da década dos sesenta. Foi eloxiado polas súas ilustracións auxiliares e a súa atención precisa cara aos detalles, ademais de facer a alta cociña algo accesible; este libro continúa a imprimirse e está considerado como un traballo culinario seminal.Tralo éxito, Child redactou algúns artigos para revistas e unha columna para o xornal The Boston Globe. Publicou case vinte títulos baixo o seu nome e o doutros. Moitos deles, aínda que non todos, estaban relacionados cos seus programas de televisión. O seu último libro foi autobiográfico: My Life in France ("A miña vida en Francia"), publicado despois da súa morte, que foi escrito xunto co seu sobriño, Alex Prud'homme. O libro relata a vida de Child co seu esposo, Paul Child, na Francia da posguerra.

The French Chef

[editar | editar a fonte]
Julia Child en KUHT

En 1962, a aparición de Child nun programa de recensións de libros da estación "National Educational Television" de Boston, deu paso á conceptualización do seu primeiro programa televisivo de cociña. Isto debeuse a que os televidentes gozaron da súa demostración de como cociñar unha tortilla. The French Chef tivo o seu debut o 11 de febreiro de 1963 na canle de WGBH-TV e foi un éxito inmediato. O show mantívose no aire na televisión estadounidense durante dez anos e gañou o premio Peabody, así como o primeiro premio Emmy ao mellor programa educativo. A pesar de que ela non foi a primeira chef na televisión, Child foi a máis vista. Atraía a audiencia máis variada co seu entusiasmo, a súa distintiva e silbadora voz e a súa despreocupada forma de ensinar. En 1972, The French Chef converteuse no primeiro programa de televisión con subtítulos para xordos.

O segundo libro de Child, The French Chef Cookbook, era unha colección das receitas que ela demostrara no show. A esta publicación seguiuna en 1971 Mastering the Art of French Cooking, Volume Two coa colaboración de Simone Beck pero non de Louisette Bertholle, xa que a relación profesional con ela rematou. O cuarto libro de Child, From Julia Child's Kitchen, foi ilustrado con fotografías do seu esposo e documentaba a serie a cor de The French Chef, así como unha extensa listaxe de notas de cociña compiladas por Child durante o curso do programa.

Carreira posterior

[editar | editar a fonte]
A cociña de Julia Child no Smithsonian National Museum of American History.

Nas décadas dos setenta e oitenta, Child foi a estrela de numerosos programas de telvisión, incluíndo Julia Child & Company, Julia Child & More Company e Dinner at Julia's. O seu libro de 1979, Julia Child and More Company, gañou o Premio Nacional do Libro na categoría de interese actual.[15] En 1981 fundou o Instituto Americano do Viño e a Comida, cos viñateiros Robert Mondavi e Richard Graff, e outros para "avanzar no entendemento, na apreciación e na calidade do viño e da comida", unha loita que ela xa comezara cos seus libros e aparicións en televisión.[16] En 1989 publicou a considerada a súa obra cume, un libro e unha colección de vídeos demostrativos chamados The Way To Cook.

Child protagonizou outras catro series na década dos noventa que incluían chefs invitados: Cooking with Master Chefs, In Julia's Kitchen with Master Chefs, Baking with Julia e Julia Child & Jacques Pépin Cooking at Home. Colaborou con Jacques Pépin en múltiples ocasións en programas de televisión e libros de cociña. Todos os libros de Child desta época derivábanse das series de televisión cos mesmos nomes.

O uso constante de ingredientes como manteiga e crema por parte de Child, foi cuestionado por críticos de comida e nutricionistas. Ela comentaba sobre estas críticas realizadas ao longo da súa carreira e predicía que un "medo fanatista cara á comida" tería lugar nos hábitos alimenticios do país, e que a concentración excesiva na nutrición réstalle pracer á comida.[17][18] Nunha entrevista realizada en 1990, Child dixo: "Todos están a esaxerar. Se o medo á comida continúa, será a fin da gastronomía nos Estados Unidos. Afortunadamente, os franceses non sofren da mesma histeria que nós. Deberiamos gozar a comida e divertirnos. É un dos praceres máis sinxelos e belos na vida".[19]

A cociña de Julia Child

A cociña de Julia Child, deseñada polo seu esposo, foi o plató de tres dos seus programas de televisión. Permanece exposta no Museo Nacional de Historia dos Estados Unidos en Washington, D.C. Comezando con In Julia's Kitchen with Master Chefs, a cociña da casa dos Child en Cambridge transformouse nun plató totalmente funcional, con iluminación profesional, tres cámaras situadas para conseguir todos os ángulos do cuarto e unha grande illa central cunha estufa de gas dun lado e unha estufa eléctrica do outro. Con todo, o resto dos electrodomésticos deixáronse intactos, incluído o seu "forno de parede coa porta que renxe".[20] Esta cociña foi anfitrioa de case todas as series de televisión de Julia na década dos noventa.

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

Despois da morte da súa querida amiga Simone Beck, Child cedeu La Pitchoune despois dunha estadía dun mes de duración en xuño de 1992 coa súa familia, a súa sobriña Phila e o seu bo amigo e biógrafo Noël Riley Fitch. Entregou as chaves da propiedade á irmá de Jean Fischbacher, xusto como llo prometeran ela e Paul trinta anos antes. Así mesmo en 1992, Julia pasou cinco días en Sicilia na Viña Regaleali. O xornalista Bob Spitz pasou un tempo curto con Julia durante ese período mentres realizaba investigacións para a súa entón obra en progreso History of Eating and Cooking in America.

Spitz tomou notas e gravacións das súas conversas con Child, as cales serviron como base para a segunda biografía de Julia publicada o 7 de agosto do 2012 (Knopf), cinco días antes do aniversario número cen do seu nacemento.[21][22] Paul Child, quen era dez anos máis vello cá súa esposa, morreu en 1994 despois de vivir nun asilo para anciáns durante cinco anos despois de sufrir unha serie de infartos en 1989.[5]

No 2001, Child mudouse a unha comunidade de retiro, doando a súa casa e oficina ao Smith College, quen posteriormente vendeu a casa.[23] Ela doou a cociña que o seu esposo deseñara para ela e que fora o escenario de tres das súas series de televisión ao Museo Nacional de Historia Americana, onde permanece en exhibición.[24] As súas icónicas potas e tixolas de cobre foron exhibidas no museo COPIA de Napa, California, ata agosto de 2009, cando foron reunidas coa súa cociña no Museo Nacional de Historia Americana Smithsonian en Washington, D.C.

No 2000, Child recibiu a Lexión de Honra Francesa e foi elixida como membro da Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias.[25] Foi galardoada coa Medalla Presidencial da Liberdade no 2003; tamén recibiu doutoramentos de honra da Universidade Harvard, Universidade Johnson & Wales (1995), o Smith College (a súa alma mater) e a Universidade Brown (2000) entre outras.[26][27][28]

O 13 de agosto de 2004, Julia Child morreu de insuficiencia renal na súa casa de retiro, Casa Dorinda en Montecito, California, dous días antes do seu aniversarios número 92.[29] A súa última cea foi unha sopa de cebola francesa.[30] Child terminou o seu último libro My Life in France coa frase: "...pensar sobre iso lémbrame que os praceres da mesa e da vida, son infinitos... Toujours bon appétit! (bo proveito sempre)".

Fundación Julia Child

[editar | editar a fonte]

Aínda en vida, en 1995, Julia Child estableceu a Fundación para a Gastronomía e as Artes Culinarias Julia Child; unha fundación privada que ofrece subvencións que continuarían co seu traballo de vida. A Fundación estaba situada orixinalmente en Massachusetts pero logo foi trasladada a Santa Barbara, California, onde ten a sede. A Fundación permaneceu inactiva ata despois da morte de Julia no 2004 e dá subvencións a outras organizacións sen fins de lucro.[31] Estas subvencións apoian a gastronomía principalmente, mais tamén apoia as artes culinarias e o desenvolvemento profesional do mundo da comida; todos asuntos de suma importancia para Julia Child durante a súa vida. A páxina web da Fundación proporciona unha listaxe detallada cos nomes das organizacións que recibiron a súa axuda xunto cunha descrición da mesma.[32] Ademais de dar apoios económicos, a Fundación foi establecida para protexer o legado de Julia; é misión da organización dar permisos para o uso de imaxes de Julia Child ou anacos do seu traballo. Moitos destes dereitos son compartidos con outras organizacións como as editoriais que a publicaron e a libraría Schlesinger no Radcliffe College na Universidade Harvard. A Fundación tamén é activa en canto á protección destes dereitos póstumos. Como xa era característico en Child a súa oposición aos endosos, a Fundación tamén ten unha política parecida en canto ao uso do nome e imaxes de Julia con propósitos comerciais.[33]

Homenaxes

[editar | editar a fonte]
A rosa de Julia Child é coñecida polas súas floracións amarelas.

A "rosa de Julia Child", tamén coñecida no Reino Unido como rosa "Absolutamente Fabulosa", é unha rosa floribunda de cor dourada nomeada en honra de Child.[34][35][36]

O 26 de setembro de 2014, o servizo postal dos Estados Unidos emitiu vinte millóns de copias da serie de selos "Celebrity Chefs Forever", con retratos realizados por Jason Seiler de cinco chefs estadounidenses: Julia Child, Joyce Chen, James Beard, Edna Lewis e Felipe Rojas-Lombardi.[37]

[editar | editar a fonte]

Child foi a favorita das audiencias dende o momento do seu debut na televisión pública en 1963, e foi unha parte familiar da cultura americana e obxecto de numerosas referencias culturais, incluídas numerosas parodias en programas de televisión e radio. O seu grande éxito pode estar unido ao seu refrescante punto de vista cara ao xénero: "eu creo que tes que decidir quen é a túa audiencia. Se non escolles a túa audiencia estás perdido porque non te estás comunicando con ninguén. A miña audiencia son as persoas ás que lles gusta cociñar e desexan aprender a facelo ben".

En 1996, Julia Child foi escollida número 46 na lista das 50 máis grande estrelas da televisión de todos os tempos na guía de televisión estadounidense TV Guide.[38]

Series de televisión

[editar | editar a fonte]
  • The French Chef (1963–1973)
  • Julia Child & Company (1978–1979)
  • Julia Child & More Company (1980–1982)
  • Dinner at Julia's (1983–1985)
  • The Way To Cook (1989) seis vídeos dunha hora
  • A Birthday Party for Julia Child: Compliments to the Chef (1992)
  • Cooking with Master Chefs: Hosted by Julia Child (1993–1994) 16 episodios
  • Cooking In Concert: Julia Child & Jacques Pépin (1993)
  • In Julia's Kitchen with Master Chefs (1994–1996), 39 episodios
  • Cooking in Concert: Julia Child & Jacques Pépin (1995)[39]
  • Baking with Julia (1996–1998) 39 episodios
  • Julia & Jacques Cooking at Home (1999–2000) 22 episodios
  • Julia Child's Kitchen Wisdom, (2000) especial de dúas horas
  1. Michael Rosen (interviewer) (25 de xuño de 1999). Julia Child – Archive Interview, part 1 of 6 (video). Archive of American Television. Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2010. Consultado o 24 de maio de 2013. 
  2. The Biography of Julia Child, Noel Riley Fitch, pg. 169, paragraph 2... "Dorothy (at six feet four)"
  3. "Farewell, "French Chef" (en inglés). Smith College. outono de 2004. Consultado o 2 de maio de 2015. 
  4. "The Junior League Asks: So What Else Was Julia Child Known For?". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2010. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 5,2 My Life in France. Random House. ISBN 978-0-307-27769-5. 
  6. "Julia Child Dished Out ... Spy Secrets?". ABC. 14 de agosto de 2008. Consultado o 16 de febreiro de 2010. 
  7. "Files from WWII Office of Strategic Services are secret no more". 
  8. "A Look Back ... Julia Child: Life Before French Cuisine". Central Intelligence Agency. Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2012. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  9. Julia McWilliams, ARC Identifier 2180661 Arquivado 01 de febreiro de 2014 en Wayback Machine., Office of Strategic Services Personnel Files from World War II
  10. "Paul Child, Artist, Dies". 
  11. "Julia Child". Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2012. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  12. "Julia Child: bon appétit: Celebrated cook taught America to relish life's bounty". MSNBC. 
  13. William Grimes. "Books: My Life in France". 
  14. J.C. Maçek III. "Bless This Mess: Sweeping the Kitchen with Julia Child". Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2012. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  15. "National Book Awards – 1980". National Book Foundation. Consultado o 9 de marzo de 2012.
    Existiu a categoría de "contemporáneo" ou "actual" entre 1972 e 1980.
  16. "American Institute of Wine and Food". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2010. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  17. "Savoring the World According to Julia". 
  18. "After 48 Years, Julia Child Has a Big Best Seller, Butter and All". 
  19. "Julia Child Boiling, Answers Her Critics". 
  20. "Acknowledgments". In Julia's Kitchen with Master Chefs. Knopf. ISBN 0-679-43896-3. 
  21. Dearie: The Remarkable Life of Julia Child. Vintage Books. 2013. ISBN 978-0-307-47341-7. 
  22. "Biography reveals insecurities plagued Julia Child", CTV News, 7 de agosto de 2012
  23. "Gift from Julia Child Spurs Construction of First Campus Center at her Alma Mater, Smith College". Smith.edu. 
  24. "Julia Child's Kitchen at the Smithsonian". Americanhistory.si.edu. Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2011. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  25. "Book of Members, 1780–2010: Chapter C" (PDF). American Academy of Arts and Sciences. 
  26. "For a Cooking Legend, the Ultimate Dinner Was Served". 
  27. "Profile: "Julia Child"". 
  28. "Brown will award 10 honorary degrees at Commencement May 29". Brown University News Service. 
  29. "TV's French chef taught us how to cook with panache". 
  30. "The famous last meals of MJ, Julia Child, JFK, and 8 others". Yahoo!. 
  31. "Welcome". 
  32. "Grants". Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2013. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  33. "Legal battle erupts over Julia Child images used in Thermador ads". 
  34. "Rose of the Year 2010: New at Hampton Court ‘09 - Graham Rice's New Plants Blog". Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2018. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  35. Romancing the Rose in Its Infinite Splendor, Glenn Collins, 22 de xuño de 2007, New York Times
  36. "Rose Trials Palmerston North, New Zealand". The World Federation of Rose Societies. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2012. Consultado o 07 de outubro de 2018. 
  37. "Five Celebrity Chefs Immortalized On Limited Edition Forever Stamps". about.usps.com. 
  38. "Special Collectors' Issue: 50 Greatest TV Stars of All Time" (14 ao 20 de decembro). 
  39. "About A La Carte Communications & Geoffrey Drummond". Alacartetv.com. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]