Saltar ao contido

Lhasa Apso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Lhasa Apso é unha raza de can que procede da cidade tibetana de Lhasa e orixinariamente foi criado coma can gardián dos mosteiros do Tíbet. Tamén tivo uso nas relacións públicas, era obxecto de agasallo a entidades doutros lugares. Na súa terra aínda é coñecido coma Abso Seng Kye, <<can-león sentinela>>. Actualmente é un animal de compañía.

Carácter

[editar | editar a fonte]

Aínda que é un can pequeno (e hoxe en día está catalogado como can doméstico), o Lhasa Apso evolucionou coma un can seguro de si mesmo, forte e activo que precisa de exercicio tanto físico coma mental. Tende a ser moi independente, polo que a súa socialización a unha idade temperá é crucial. Aínda que é un mamífero moi interesado en mimos, cóxegas e caricias tende a ser reticente ao contacto con descoñecidos. A pesar do seu pequeno tamaño non é un can adecuado para raparigos (xa que supoñen unha aparente ameaza e ás veces real), é mellor para familias con fillos que xa medraran ou coa mentalidade propicia para o seu coidado. É un can moi activo e adaptarase con facilidade ao ritmo de vida e contorno da súa familia adoptiva, xa sexa campo, cidade… Para educalos cómpre ter un carácter firme, xusto e debe ser recompensado polo bo comportamento e castigado pola mala conduta.

Características físicas

[editar | editar a fonte]

Os Lhasa Apso teñen ollos ovalados, escuros e de tamaño medio. As súas orellas colgan da base, aínda que poden semellar agochadas ao estar cubertas por tanto pelo coma no resto da cabeza; ten os bigotes moi desenvolvidos. O seu pescozo é ancho e forte, o seu fociño é moi curto e de cor escura, a súa mordedura é inversa (unha característica distintiva, xa que os seus dentes inferiores móntanse sobre os superiores). A cor da súa pelaxe adoita ser branca con toques dourados e matices grises variados, así como a combinación de negro e marrón. O seu rabo é alongado e monta sobre o lombo. Os machos son un pouco máis grandes que as femias e o peso medio é de 6,5 quilogramos.

É de vital importancia coidar moi ben a pelaxe do Lhasa Apso. Recoméndase peitealo asiduamente, mínimo unha vez semanal cun peite especial para nós, coma o peite de dobre puga. Estes cans son propensos ás infeccións oculares por mor do pelo que monta enriba das pálpebras. Os limpadores de ollos especiais son un bo método preventivo destas doenzas. O seu pelo é moi difícil e laborioso de coidar.

En canto ao seu adestramento, é bo aquel baseado nos reforzos positivos, coma o adestramento con clicker[1] e debe iniciarse nunha idade moi temperá, así coma a súa socialización.

O normal é que estes cánidos gocen de moi boa saúde e escasas enfermidades (a maioría de carácter hereditario). Nalgúns casos presentan problemas de pel por non coidar ben a súa pelaxe. Os casos máis raros e preocupantes son os de displasia de cadrís, problemas renais e úlceras. Cómpre levar ao día o calendario de desparasitacións e vacinacións mensuais ou anuais.

  1. Gutiérrez, Jesús (19-01-2013). "Método de adiestramiento con clicker". adiestradorcanino.com (en castelán). Consultado o 27-04-2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]