Lou Reed
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2014.) |
Lewis Allen Reed, nado en Freeport (Long Island, Nova York) o 2 de marzo de 1942 e finado o 27 de outubro de 2013,[1][2] foi un cantante de rock e escritor estadounidense, máis coñecido como Lou Reed. Está considerado o pai do rock independente, primeiro como líder do grupo The Velvet Underground e logo en solitario. Enormemente influente na arte pop desde a década de 1960, os seus principais discos son Rock'n Roll Animal, Transformer e, para un primeiro acercamento, o soberbio concerto que ofreceu no Meltdown Festival: Perfect Night Live in London.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Reed era un fan do rock e o rhythm and blues que tocaba en varias bandas durante a súa época de estudante, e gravado un disco sinxelo de estilo doo wop como membro de The Shades. Asistiu á Universidade de Syracuse, onde coñeceu ó poeta Delmore Schwartz, quen o animou a converterse en escritor. Reed tamén se afeccionou ó free jazz e á música experimental. Máis tarde afirmou que os seus obxectivos eran "traer a sensibilidade da novela á música rock" ou escribir "a Gran Novela Americana" nun disco.
Trasladouse á cidade de Nova York, onde traballou como escritor de cancións para Pickwick Records e cofundou The Velvet Underground como guitarrista, vocalista e letrista, xunto con John Cale, Sterling Morrison e Maureen Tucker. Se ben a banda se desfixo en 1973 (Lou a deixara en 1970) e nunca tivo éxito comercial, a súa reputación como un dos grupos máis influentes na cultura underground mantense intacta.
En 1972 Reed, xa en solitario, lanzou Transformer, un álbum de glam rock producido por David Bowie. A continuación publicou Berlin, que conta unha tráxica historia de amor entre dous drogadictos en Berlín. Este disco inclúe Caroline Says (violencia), The Kids (prostitución e adicción ás drogas), The Bed (suicidio) e Sad song ("Canción triste").
Reed adiantouse ó seu tempo na elección destes temas. A música popular non se poría á súa altura ata a aparición dos punks, entre mediados e finais dos 70; pero incluso entón as súas cancións eran únicas: xa fose entre guitarras distorsionadas ou ben suavemente melódicas, Reed cantaba sobre as cousas desasosegantes, ou incluso sórdidas, que outros letristas non trataban. "Walk on the Wild Side" é un saúdo irónico e gráfico ós inadaptados, chapeiros e travestís na Factoría de Andy Warhol. "Perfect Day" é unha elexía á adicción de Reed á heroína, máis tarde incluída na banda sonora da película Trainspotting. No material que escollía, Reed seguía, e actualizaba, a autores tales como Allen Ginsberg ou Jean Genet. A personalidade de Reed foi tamén avanzada, preferindo o coiro negro e a imaxinería sadomasoquista incluso na época hippie.
En 1975, produciu o dobre álbum de estudio Metal Machine Music, cheo de pura distorsión e sons de sintetizadores electrónicos. A súa discográfica estaba presionándoo para que gravara outro álbum comercial ó estilo de Transformer, e Lou decidiu cortar con eles gravando intencionadamente un dos discos máis insoportables da historia. O xornalista de rock Lester Bangs declarouno xenial. Aínda que admitindo que as notas internas dos instrumentos usados é ficticia e paródica, Reed mantén que MMM era e é un álbum serio. Os seus discos de finais dos 70 son frecuentemente recordados con reservas polos críticos de rock, debido ó menos en parte ás adiccións de Reed naqueles anos.
Ó principio dos 80, Reed deixou as drogas e comezou, tanto no seu traballo como na súa vida privada, a intentar asuntos máis serios. Este cambio déixase ver notablemente no seu aclamado disco de regreso The Blue Mask. Casou con Sylvia Morales (máis tarde divorciáronse). No exitoso álbum New York lanzou unha enfadada salva contra os problemas políticos da súa cidade, denunciando o crime, os caros alugueiros, a Jesse Jackson e incluso ó papa Xoán Paulo II e Kurt Waldheim. Cando Andy Warhol, que foi anfitrión e produtor de The Velvet Underground, morreu tras unha operación rutineira, Reed pechou unha brecha de 25 anos para colaborar co seu compañeiro da Velvet John Cale en Songs for Drella, unha biografía de Warhol en música pop minimalista. Emocionante e dolorosamente confesional, a miúdo enxeñosa, a voz de Reed produce desacougo cando canta sobre presuntos erros médicos e sobre o intento de asasinato de Warhol levado a cabo por Valerie Solanas en 1968.
Reed continuou neses tons escuros con Magic and Loss, un disco sobre a mortalidade. En 1997 máis de 30 artistas fixeron unha versión de "Perfect Day" para un especial da BBC en favor dos nenos. En 2001 foi vítima dunha alburgada que afirmaba que morrera de sobredose de heroína. En 2003 publicou un dobre álbum, The Raven, baseado na obra de Edgar Allan Poe. En 2004, publicouse unha remestura da súa canción "Satellite of Love" que alcanzou o número 10 nas listas inglesas.
A comezos de 2013 fixéronlle un transplante de fígado. Faleceu o 27 de outubro dese ano.
Discografía en solitario
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]- Lou Reed (1972)
- Transformer (1972)
- Berlin (1973)
- Sally Can't Dance (1974)
- Metal Machine Music (1975)
- Coney Island Baby (1976)
- Rock 'n' Roll Heart (1976)
- Street Hassle (1978)
- The Bells (1979)
- Growing Up in Public (1980)
- The Blue Mask (1982)
- Legendary Hearts (1983)
- New Sensations (1984)
- Mistrial (1986)
- New York (1989)
- Magic and Loss (1992)
- Set the Twilight Reeling (1996)
- Ecstasy (2000)
- The Raven (2003)
- Hudson River Wind Meditations (2007)
- Lulu (2011) (con Metallica)
En directo
[editar | editar a fonte]- Rock n Roll Animal (1974)
- Lou Reed Live (1975)
- Live: Take No Prisoners (1978)
- Live in Italy (1984)
- Live in Concert (1996) (Unha reedición do álbum de 1984)
- Perfect Night: Live in London (1998)
- American Poet (2001)
- Animal Serenade (2004)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "rollingstone.com, Lou Reed, Velvet Underground Leader and Rock Pioneer, Dead at 71". Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2017. Consultado o 27 de outubro de 2013.
- ↑ Lou Reed, lead singer of Velvet Undergound, dies aged 71
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial de Lou Reed Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. (en inglés)
- Páxina dedicada a Lou Reed (en castelán)
- Páxina italiana de Lou Reed (en italiano)
- 'Real Good Time Together'. Foro sobre Lou Reed. (en inglés)