Saltar ao contido

Música rock

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Música rock
, , , , , , e
Orixe musicalrock and roll, blues eléctrico, jazz, folk, country, blues, rhythm and blues, soul
Orixe culturalanos 50 e 60 no Reino Unido e os Estados Unidos
Instrumentos típicosvoces, guitarra eléctrica, baixo, guitarra acústica, batería, piano, sintetizador, teclados
DerivadosNew Age, synthpop
Subxéneros
rock alternativo - art rock - baroque pop - música beat - Britpop - emo - rock experimental - garage rock - glam rock - rock gótico - grunge - hard rock - hardcore punk - heartland rock - heavy metal - rock instrumental - indie rock - rock industrial - jangle pop - Krautrock - Madchester - New Wave - noise rock - post-punk - post-rock - power pop - rock progresivo - protopunk - rock psicodélico - punk rock - soft rock - southern rock - música surf - rock sinfónico - stoner rock
Instrumentos típicos da música rock.

Rock ou música rock é un xénero musical popular que se desenvolveu durante e despois da década de 1950. As súas raíces atópanse no rock and roll e mais no rockabilly que emerxeu e se definiu nos Estados Unidos de América ao final dos anos corenta e inicio dos cincuenta. Evolucionou a partir do blues, da música country e do rhythm and blues, entre outras influencias musicais que mesmo inclúen o folk, o jazz e a música clásica. Todas estas influencias combinadas nunha estrutura musical bailábel e de composición sinxela.

Os sons do rock adoitan xirar sobre a guitarra eléctrica ou acústica, e ten unha forte sección rítmica formada polo baixo, a batería, e instrumentos de teclado coma órgano, piano ou, dende os anos 70, os sintetizadores. Xunto coa guitarra ou os teclados, ás veces tamén son usados como instrumentos solistas o saxofón ou a harmónica cun estilo blues.

A finais dos 60 e principios dos 70 desenvolvéronse diferentes estilos dentro do rock. Cando foi mesturado coa música folk apareceu o folk rock, uniuse ao blues para crear o blues-rock e co jazz na jazz-rock fussion. Nos anos 70 o rock incorporou influencias do soul, o funk e a música latina. Tamén nesa época desenvolvéronse numerosos subxéneros, coma o soft rock, glam rock, heavy metal, hard rock, rock progresivo e punk rock. Os subxéneros que xurdiron nos anos 80 inclúen o New Wave, o hardcore punk e o rock alternativo. Nos anos 90 apareceron o grunge, o britpop, o indie rock e o nu metal.

Rock and roll

[editar | editar a fonte]

Os fundamentos da música rock atopámolos no rock and roll, orixinado nos Estados Unidos durante os últimos anos da década dos 40 e os primeiros da década dos 50, e rapidamente estendeuse ao resto do mundo. As súas orixes inmediatas eran unha mestura de varios xéneros musicais dos cidadáns negros da época, como rhythm and blues e música gospel, con country e western. En 1951, o pinchadiscos de Cleveland, Ohio Alan Freed comezou a poñer música rhythm and blues para unha audiencia multi-racial, e está considerado o primeiro en usar a frase "rock and roll" para desribir a música[1] .

Existe un gran debate sobre cal foi a primeira gravación de rock and roll. As "competidoras" son "Rock Awhile" de Goree Carter (1949); "Rock the Joint" de Jimmy Preston (1949), que posteriormente versionou Bill Haley & His Comets en 1952; e "Rocket 88" de Jackie Brenston and his Delta Cats, gravada por Sam Phillips para Sun Records en 1951. Catro anos despois "Rock Around the Clock" de Bill Haley converteríase na primeira canción de rock and roll en encabezar as listas de vendas e difusión por radio da revista Billboard, abrindo a porta a todo o mundo para esta nova forma de expresión da cultura popular[2] .

Díxose que "That's All Right (Mama)" (1954), o primeiro sinxelo de Elvis Presley para Sun Records en Memphis, foi a primeira gravación de rock and roll, pero, nese mesmo tempo, "Shake, Rattle & Roll" de Big Joe Turner, posteriormente versionada por Haley, xa estaba na cima das listas R&B da Billboard. Outros artistas artifices dos primeiros éxitos do rock and roll foron Chuck Berry, Bo Diddley, Fats Domino, Little Richard, Jerry Lee Lewis e Gene Vincent. Ao pouco tempo o rock and roll era o principal xénero en volume de vendas nos Estados Unidos e os crooners, como Eddie Fisher, Perry Como e Patti Page, que dominaran a música popular na década anterior, atoparon o seu acceso ás listas de pop considerablemente reducido.

Buddy Holly

O rock and roll deu pé á aparición de distintos subxéneros como o rockabilly, que combinaba o rock and roll co country "hillbilly", que normalmente era cantado a mediados dos 50 por cantantes brancos como Carl Perkins, Jerry Lee Lewis, Buddy Holly ou Elvis Presley. En contraste, o doo wop enfatizou as harmonías vocais, formadas por varias voces, e as letras sen sentido de acompañamento (das cales o xénero collería posteriormente o seu nome), que era normalmente apoiado por instrumentación lixeira e ten as súas orixes nos grupos vocais afroamericanos dos anos 30 e 40. Artistas como The Crows, The Penguins, The El Dorados e The Turbans conseguiron grandes éxitos, e grupos como The Platters, con cancións como "The Great Pretender" (1955), e The Coasters, con temas humorísticos como "Yakety Yak" (1958), estiveron entre os artistas de rock and roll máis exitosos deses período.

A época tamén viu como medrou a popularidade da guitarra eléctrica, e o desenvolvemento dunha forma específica de interpretar rock and roll a través de expoñentes como Chuck Berry, Link Wray e Scotty Moore. O uso da distorsión, do que foron pioneiros guitarristas de blues eléctrico como Guitar Slim, Willie Johnson e Pat Hare a principios dos 50, foi popularizado por Chuck Berry a mediados da década. O uso de power chords, iniciado por Willie Johnson e Pat Hare os comezos dos anos 50 foi popularizado por Link Wray a finais.

No Reino Unido, os movementos trad jazz e folk levaron á visita de artistas de blues ao país. O éxito de 1955 de Lonnie Donegan "Rock Island Line" foi unha grande influencia, e axudou a desenvolver a tendencia dos grupos de skiffle en todo o Reino Unido, moitos dos cales, incluídos The Quarrymen de John Lennon, cambiaron para tocar rock and roll.

Os estudosos do rock perciben un declive no rock and roll a finais dos 50 e comezos dos 60. Cara 1959, a morte de Buddy Holly, The Big Bopper e Richie Valens nun accidente de avión, a marcha de Elvis Presley ao exército, o retiro de Little Richard para converterse en predicador, os procesamentos de Jerry Lee Lewis e Chuck Berry, e un escándalo de subornos que implicou a figuras como o pinchadiscos Alan Freed, levaron á sensación de que a primeira época do rok and roll chegara ao seu fin.

Os anos intermedios

[editar | editar a fonte]

O tempo que vai dende finais dos 50 ata comezos dos 60, entre o final do período inicial de innovación e o que foi coñecido nos Estados Unidos como a "British Invasion", foi tradicionalmente vista como unha época de hiato para o rock and roll. Máis recentemente algúns actores enfatizaron importantes innovacións e tendencias neste período, sen os cales non poderían levarse a cabo futuros desenvolvementos. Mentres que nos primeiros anos do rock and roll, particularmente durante a chegada do rockabilly, viuse un maior éxito comercial entre intérpretes masculinos e brancos, neste tempo estivo dominado por artistas negros e mulleres. O rock and roll non desaparecera a finais dos anos 50 e parte da súa enerxía pode verse nos bailes Twist de principios da década dos 60, cun dos máximos representantes na figura de Chubby Checker. O doo wop morrera a finais da década, pero tivo un rexurdimento nos primeiros anos 60, destacando artistas como The Marcels, The Capris, Maurice Williams e Shep and the Limelights. A aparición de grupos de rapazas como The Chantels, The Shirelles e The Crystals puxo unha énfase nas harmonías e nunha produción máis pulcra que contrastaba co rock and roll anterior. Moitos dos máis significativos éxitos dos grupos de rapazas foron produtos do Brill Building Sound, chamado así por un bloque de edificios de Nova York onde vivían moitos compositores. Entre estes éxitos estiveron "Will You Love Me Tomorrow" de The Shirelles en 1960, escrito por Gerry Goffin e Carole King.

Chubby Checker

Cliff Richard tivo o primeiro éxito do rock and roll británico con "Move It", iniciando así o son do rock británico[3] . A comezos da década dos 60, o seu grupo de acompañamento, The Shadows, era a banda máis exitosa gravando temas instrumentais. Mentres que o rock 'n' roll esvaecíase cara ao pop lixeiro e as baladas, os grupos de rock británicos en lubs e salas de baile, fortemente influenciados po pioneiros do blues-rock como Alexis Korner, comezaron a tocar cunha intensidade e unha intención atopada nos artistas brancos estadounidenses.

Tamén foi significativa a aparición da música soul cunha forza comercial importante. Desenvolvida a partir do rhythm and blues con elementos do gospel e do pop, e liderada por pioneiros como Ray Charles e Sam Cooke dende mediados dos 50, a principios dos anos 60 figuras como Marvin Gaye, James Brown, Aretha Franklin, Curtis Mayfield e Stevie Wonder dominaban as listas de R&B e entraron nas principais listas de pop, axudando a acelerar a súa disgregación, mentres que os selos Motown e Stax/Volt pasaban a colocarse entre os primeiros postos da industria musical. Todos estes elementos, incluídas as harmonías próximas do doo wop e dos grupos de rapazas, a coidadosa elaboración dos compositores do Brill Building Sound e os puídos valores de produción no soul, foron vistos como influencia do son Merseybeat, particularmente nos primeiros traballos de The Beatles e a través deles conformando a música rock posterior. Algúns historiadores da música tamén apuntaron aos importantes e innovadores avances tecnolóxicos que construíron o rock and roll nese momento, incluído o tratamento electrónico do son por innovadores como Joe Meek, e os elaborados métodos de produción de Wall of Sound seguidos por Phil Spector.

Música surf

[editar | editar a fonte]

O rock and roll instrumental, do que foron pioneiros artistas como Duane Eddy, Link Wray e The Ventures, desenvolveuno Dick Dale que engadiu a distintiva reverberación "húmida", unha pulsación das cordas coa man dereita con alternancia rápida, así como influencias de Oriente Medio e México, producindo o éxito rexional "Let's Go Trippin'" en 1961 e iniciando a febre pola música surf, ao que seguirían temas como "Misirlou" (1962). Ao igual que Dale e os seus Del-Tones, a meirande parte das primeiras bandas de surf formáronse no Sur de California, e entre elas estaban The Bel-Airs, The Challengers e Eddie & the Showmen. The Chantays conseguiron entrar no top 10 nacional con "Pipeline" en 1963, e probablemente o tema surf máis coñecido sería "Wipe Out" (1963), de The Surfaris, que chegaría aos postos 2 e 10 das listas da Billboard en 1965[4] .

The Beach Boys

A crecente popularidade do xénero levou a grupos doutras zonas a probar sorte. Entre estes grupos estaban The Astronauts de Boulder, Colorado; The Trashmen de Minneapolis, Minnesota, que proseguiran un número 4 con "Surfin Bird" en 1964; e The Rivieras de South Bend, Indiana, que acadaran o número 5 con "California Sun" tamén no ano 1964. The Atlantics, procedentes de Sydney, realizaron unha contribución significativa ao xénero co seu éxito "Bombora" (1963). Bandas instrumentais europeas dese tempo polo xeral centráronse máis no estilo rock and roll, tocado por conxuntos como The Shadows, pero The Dakotas, que era a banda de acompañamento do cantante británico de Merseybeat Billy J. Kramer, gañaron unha certa atención como músicos de surf con "Cruel Sea" (1963), que posteriormente sería versionada por bandas de surf instrumental estadounidense, como The Ventures.

A música surf conseguiu o seu maior éxito comercial como música vocal, particularmente co traballo de The Beach Boys, formada en 1961 en Southern California. Seus primeiros álbums inclúen tanto surf rock instrumental (entre eses temas hai versións de temas de Dick Dale) e cancións vocais, influenciadas polo rock and roll e o doo wop e das harmonías de artistas de pop vocal como The Four Freshmen. O primeiro éxito seu que destacou nas listas, "Surfin'" (1962), entrou no top 100 da Billboard e axudou a facer da manía da música surf un fenómeno nacional. Dende 1963 o grupo comezou a deixar o surf a medida que Brian Wilson pasaba a ser o principal compositor e produtor, movéndose cara temáticas máis xerais da adolescencia dos homes como os coches e as rapazas en cancións como "Fun, Fun, Fun" (1964) e "California Girls" (1965).

Aos Beach Boys seguíronlle outros conxuntos de surf vocal, como os one-hit wonders Ronny & the Daytonas con "G. T. O." (1964) e Rip Chords con "Hey Little Cobra", chegando os dous temas ao top 10. Pero o único outro artista en ter un éxito substancial con esa fórmula foi Jan & Dean, que tivo un número 1 con "Surf City" (co-escrita con Brian Wilson) en 1963. A manía da música surf e as carreiras de case todos os artistas do xénero remataron coa chegada da British Invasion dende 1964. Só The Beach Boys foron capaces de manter unha carreira creativa a mediados dos anos 60, producindo un feixe de sinxelos e álbums exitosos, como o Pet Sounds de 1966, sendo probablemente o único grupo estadounidense que puido ser rival dos Beatles no seu tempo.

Idade dourada

[editar | editar a fonte]

A Invasión Británica

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Invasión Británica.
Os Beattles chegando a Nova York en xaneiro de 1964 no comezo da Invasión Británica

Cara finais de 1962, o que se convertería na escena británica do rock iniciouse con grupos de beat como The Beatles, Gerry & The Pacemakers e The Searchers de Liverpool, e Freddie and the Dreamers, Herman's Hermits e The Hollies de Manchester. Estas bandas baseáronse nun amplo espectro de influencias estadounidense, como o soul, o rhythm and blues e a música surf, inicialmente reinterpretando melodías estándar estadounidenses e tocándooas para o baile. Grupos como The Animals de Newcastle e Them de Belfast, e particularmente as procedentes de Londres como The Rolling Stones e The Yardbirds, estiveron máis directamente influenciados polo rhythm and blues e posteriormente polo blues. Ao pouco tempo estes conxuntos estaban xa compoñendo o seu propio material, combinando formas estadounidenses de música en infundíndlle ritmos moi enérxicos. As bandas de beat tendían cara "vivas melodías irresistibles", mentres que os primeiros artistas británicos de rhythm and blues ían cara cancións máis agresivas e menos inocentes, adoptando a miúdo unha postura anti-sistema. oubo, porén, particularmente nas primeiras fases, considerables cruces musicais entre as dúas tendencias. Cara 1963, liderados polos Beatles, os grupos de beat comezaran a acadar éxito nacional no Reino Unido, e ao pouco serían seguidos polas bandas máis enfocadas cara ao rhythm and blues.

"I Want to Hold Your Hand" foi o primeiro número 1 dos Beatles na lista Billboard Hot 100, pasando 7 semana na súa cima e un total de 15 semanas na lista. A súa primeira aparición no programa The Ed Sullivan Show o 9 de febreiro, cunha audiencia estimada de 73 millóns de televidentes (no tempo un récord para un programa de televisión nos Estados Unidos), adoita a ser considerada un hito na cultura popular estadounidense. Os Beatles chegou a ser a banda de rock con maiores vendas de todos os tempos e foi seguida nas listas dos Estados Unidos por numerosos grupos británicos. Durante os seguintes dous anos os artistas do Reino Unido dominaron tanto as listas do seu país como as estadounidense, con Peter and Gordon, The Animals, Manfred Mann, Petula Clark, Freddie and the Dreamers, Wayne Fontana and the Mindbenders, Herman's Hermits, The Rolling Stones, The Troggs e Donovan tendo un ou máis sinxelos números 1. Outras grandes bandas que formaron parte da invasión británica foron The Kinks e The Dave Clark Five.

A Invasión Británica axudou a internacionalizar a produción de rock and roll, abrindo as portas a posteriores artistas británicos (e irlandeses) para que acadasen o éxito internacional. Nos Estados Unidos pode dicirse que significou o final da música surf instrumental, dos grupos vocais femininos e (durante un tempo) dos ídolos adolescentes, que dominaran as listas do país a finais dos 50 e nos anos 60. Isto danou as carreiras de artistas de R&B estabelecidos como Fats Domino e Chubby Checker e incluso temporalmente botou fóra das listas de éxito a artistas superviventes do rock and roll, incluído a Elvis. A Invasión Británica tamén xogou un papel importante na aparición dun xénero distintivo da música rock, e cementou a primacía do grupo de rock, baseado en guitarras e batería e producindo o seu propio material como cantautores.

Garage rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Garage rock.

O garage rock foi unha forma de música rock de afeccionados, particularmente frecuente en Norteamérica a mediados dos anos 60 e chamada así pola percepción de que as bandas deste estilo ensaiaban nos garaxes das familias suburbanas. As cancións do garage rock xiraban ao redor dos traumas da vida no instituto, sendo moi comúns os temas que falaban sobre "rapazas mentirosas". As letras e a entrega eran máis agresivos que o normal nese tempo, acotío con voces berradas. Esténdese dende música crua dun só acorde (como The Seeds) ata case a calidade musical de estudio (como The Knickerbockers, The Remains e The Fifth Estate). Houbo tamén variacións rexionais en moitas partes do país con florecentes escenas particularmente en California e Texas. Os estados de Washington e Oregón tiveron quizais o son rexional máis definido.

O estilo foi evolucionando dende as escenas rexionais xa dende 1958. "Tall Cool One" (1959) de The Wailers e "Louie Louie" de The Kingsmen (1963) son exemplos de temas do xénero que chegaron ao gran público nas súa fase formativa. Cara 1963 os sinxelos das bandas de garage estaban arrasando nas listas nacionais en gran cantidade, incluíndo temas de Paul Revere and the Raiders, The Trashmen e The Rivieras. Outras influínres bandas de garage, como The Sonics, nunca entraron na lista Billboard Hot 100. Nos seus primeiros tempos moitos grupos estiveron fortemente influenciados polo surf rock e houbo unha polinización cruzada entre o garage rock e o frat rock, que ás veces é visto como un subxénero do garage rock.

A Invasión Británica de 1964–66 influenciou enormemente aos grupos de garage, proporcionándolles unha audiencia nacional, levando a moitos grupos (a miúdo de surf ou hot rod) a adoptar a entonación da Invasión Británica, e fomentando que se formasen moitas máis bandas. Milleiros de grupos de garage estiveron activas nos Estados Unidos e o Canadá nesa época e centos delas produciron hits rexionais. A pesar de que ducias de bandas asinasen con grandes discográficas ou importantes selos rexionais, a meirande parte delas foron un fracaso comercial. En xeral acéptase que o garage rock chegou ao seu cumio comercial e artístico sobre 1966. Cara 1968 o estilo case desaparecera das listas nacionais e a nivel local existía como grupos de afeccionados. Novos estilos evolucionaron para substituír o garage rock, como o blues rock, o rock progresivo e o country rock. En Detroit o garage estivo vivo ata principios dos 70, con bandas como MC5 e The Stooges, que empregaban un estilo moito máis agresivo. Estes grupos comezaron a ser etiquetados como punk rock e na actualidade adoitase a falarse delas como banda de proto-punk ou proto-hard rock.

Artigo principal: pop rock.
The Everly Brothers

O termo pop vén sendo usado dende principios do século XX para referirse á música popular en xeral, pero dende mediados dos anos 50 comezou a utilizarse para un xénero distintivo, dirixido a un mercado novo, a miúdo caracterizado como unha alternativa máis suave do rock and roll. Como consecuencia da Invasión Británica, ao redor de 1967, utilizouse cada vez máis en oposición ao termo música rock, describindo unha forma que era máis comercial, e fímera e accesible. A diferenza do pop, o rock era visto como algo máis centrado en traballos extensos, particularmente álbums, asociado a miúdo con sub-culturas particulares (como a contra-cultura), facendo fincapé nos valores artísticos e na "autenticidade", destacando as actuacións ao vivo e o visrtuosismo vocal ou instrumental, e acotío visto como un resumo de desenvolvementos progresivos e non como algo que sinxelamente reflectía as tendencias existentes.

Porén, moita música pop e rock ten sido moi semellante no seu son, instrumentación e incluso no contido lírico. Os termos "pop-rock" e "power pop" foron usados para describir música máis exitosa comercialmente que usa elementos ou formas do rock. O pop-rock foi definido como unha "variedade optimista da música rock representada por artistas como Elton John, Paul McCartney, The Everly Brothers, Rod Stewart, Chicago e Peter Frampton". O termo power pop foi cuñado por Pete Townshend de The Who en 1966, pero non foi moi usado ata que se aplicou a bandas como Badfinger nos anos 70, que tivo algúns dos maiores éxitos comerciais desa época. Ao longo da súa historia houbo grupos de rock que usaron elementos do pop, e artistas de pop que usaron música rock como base para o seu traballo, ou buscando a "autenticidade" do rock.

Blues rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: blues rock.

Aínda que o primeiro impacto da Invasión Británica na música popular estadounidense foi a través de artistas baseados no beat e no R&B, o ímpeto foi collido ao pouco tempo por unha segunda quenda de bandas que se inspiraban máis directamente no blues estadounidense, como The Rolling Stones e The Yardbirds. Os músicos de blues británicos de finais dos 50 e principios dos 60 inspiráranse no son acústico de figuras como Lead Belly, que foi unha das principais influencias no popular xénero skiffle, e Robert Johnson. Cada vez máis foron adoptando un forte son amplificado, a miúdo centrado ao redor da guitarra eléctrica, baseado no blues de Chicago, particularmente despois da xira británica de Muddy Waters en 1958, que levou a Cyril Davies e ao guitarrista Alexis Korner a formar o grupo Blues Incorporated. A banda involucrou e inspirou a moitas das figuras do estoupido do blues británico posteriormente, como os membros de The Rolling Stones e Cream, combinando estándares de blues e formas con énfase e instrumentación do rock.

Eric Clapton

O outro elemento clave para o blues británico foi John Mayall, que formou The Bluesbreakers, onde estiveron Eric Clapton (tras deixar The Yardbirds) e posteriormente Peter Green. Particularmente significativa foi a edición do álbum Blues Breakers with Eric Clapton en 1966, considerada unha das gravacións seminais do blues británico, e cun son que moitos trataron emular tanto no Reino Unido como nos Estados Unidos. Eric Clapton formaría os supergrupos Cream, Blind Faith e Derek and the Dominos, ao que lle seguiría unha extensa carreira en soltario que axudaría a levar o blues rock ao gran público. Green, xunto coa sección rítmica dos Bluesbreaker, Mick Fleetwood e John McVie, formaron Fleetwood Mac, que conseguiu algúns dos maiores éxitos comerciais do xénero. A finais dos anos 60 Jeff Beck, tamén un alumno de The Yardbirds, movou o blues rock na dirección do heavy rock coa súa banda, The Jeff Beck Group. O derradeiro guitarrista dos Yardbirds foi Jimmy Page, que pasaría a formar The New Yardbirds que ao pouco tempo se convertería en Led Zeppelin. Moitas das cancións dos seus tres primeiros álbums, e agunhas posteriormente na súa carreira, foron extensións de temas de blues tradicionais.

Nos Estados Unidos o blues rock iniciárase a principios dos anos 60 polo guitarrista Lonnie Mack, pero o xénero comezou a coller pulo a mediados da década cando algúns artistas desenvolveron un son semellante aos dos músicos de blues británicos. Figuras clave son Paul Butterfield (cuxa banda actuou como os Bluesbreakers no Reino Unido, como un punto de inicio para moitos exitosos músicos), Canned Heat, os primeiros Jefferson Airplane, Janis Joplin, Johnny Winter, The J. Geils Band e Jimi Hendrix co seu tríos, The Jimi Hendrix Experience e Band of Gypsys, cuxo virtuosismo coa guitarra e talento para o espectáculo estiveron entre os máis imitados da década. Bandas de blues rock dos estados do sur, como Allman Brothers Band, Lynyrd Skynyrd e ZZ Top, incorporaron elementos do country ao seu estilo, producindo o distintivo southern rock.

Os primeiros grupos de blues rock adoitaban a emular ao jazz, tocando longas e complicadas improvisacións, que posteriormente serían un dos elementos principais do rock progresivo. Dende aproximadamente 1967 bandas como Cream e The Jimi Hendrix Experience comezaron a alonxarse da música puramente baseada no blues dirixíndose cara a psicodelia. Contra os anos 70 o blues rock fixérase máis pesado e máis baseado nos riffs, exemplificado polo traballo de Led Zeppelin e Deep Purple, e as liñas entre o blues rock e o hard rock apenas eran visibles, xa que as bandas comezaron a gravar álbum cun estlo máis roqueiro. O xénero foi continuado nos anos 70 por figuras como George Thorogood e Pat Travers, pero, particularmente na escena británica (agás quizais pola chegada de bandas como Status Quo e Foghat que se moveron cara a unha forma enérxica e repetitiva de boogie rock), os grupos centráronse na innovación do heavy metal, e o blues rock comezou a desaparecer do mainstream.

Folk rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: folk rock.
Joan Baez e Bob Dylan

Noa anos 60 a escena que se desenvolvera a partir do rexurdimento do folk estadounidense medrara e transformáranse nun gran movemento, utilizando música tradicional e composicións novas nun estilo tradicional, normalmente con instrumentos acústicos[5] . Nos Estados Unidos o xénero foi iniciado por figuras como Woody Guthrie e Pete Seeger, e adoita a ser identificado a políticas progresistas. A comezos dos anos 60 músicos como Joan Baez e Bob Dylan pasaran a un primeiro plano neste movemento como cantautores. Dylan comezara a acadar popularidade entre o gran público cos seus éxitos "Blowin' in the Wind" (1963) e "Masters of War" (1963), que levaron as "cancións protesta" a un público máis amplo, pero, a pesar de comezar a influír noutras, o rock e folk mantíñanse aínda como xéneros moi separados.

Os primeiros intentos de combinar elementos do folk e do rock inclúen os temas "House of the Rising Sun" (1964) de The Animals, que foi a primeira canción de folk con éxito comercial gravada con instrumentación rock and roll, e a dos Beatles "I'm a Loser" (1964), posiblemente a primeira canción dos Beatles influída directamente por Dylan. Adoita a crese que o movemento folk rock comezou a coller pulo coa gravación de The Byrds do tema de Dylan "Mr. Tambourine Man", que acadou a cima das listas en 1965. Con membros que formaran parte da escena folk dos Ánxeles, The Byrds adoptaron instrumentación rock, incluída batería e guitarras Rickenbacker de 12 cordas, que se converteu nun elemento principal no son do xénero. Posteriormente ese mesmo ano Dylan adoptou instrumentos eléctricos, coa indignación de moitos puristas do folk, no seu "Like a Rolling Stone" que sería un éxito nos Estados Unidos. O folk rock comeou a ter éxito en California, onde estaba dirixido por artistas como The Mamas & the Papas e Crosby, Stills and Nash ao moverse cara a instrumentación eléctrica, e en Novs York, de onde saíron The Lovin' Spoonful e Simon and Garfunkel.

Estes artistas influíron directamente a intérpretes británicos como Donovan e Fairport Convention. En 1969 Fairport Convention abandonou a súa mestura de versións e temas influenciados por Dylan para tocar música folk tradicional inglesa con instrumentos eléctricos. Este folk eléctrico foi collido por bandas como Pentangle, Steeleye Span e The Albion Band, que á súa vez impulsaron a grupos irlandeses como Horslips e escoceses como JSD Band, Spencer's Feat e Five Hand Reel, a usar a súa música tradicional para crear unha marca de rock celta a comezos dos 70.

O folk rock acadou o seu pico de popularidade comercial entre 1967 e 1968, antes de que moitos artistas se movesen cara distintas direccións, como Dylan e The Byrds, que comezaron a desenvolver o country rock. Porén, a hibridación de folk e rock tivo unha grande influencia no desenvolvemento da música rock, traendo elementos de psicodelia e axudando a desenvolver as ideas dos cantautores, as cancións protesta e os conceptos de "autenticidade".

Rock psicodélico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: rock psicodélico.
Jimi Hendrix

A música psicodélica inspirada no ambiente do LSD iniciouse na escena folk, usando o termo os neoiorquinos Holy Modal Rounders na súa gravación de 1964 "Hesitation Blues". O primeiro grupo en promocionarse como rock psicodélico foi The 13th Floor Elevators de Texas, a finais de 1965; producindo un álbum ao aono seguinte que deixaba clara a súa dirección, The Psychedelic Sounds of the 13th Floor Elevators. The Beatles introduciron moitos dos principais elementos do son psicodélico ao público nese período, con "I Feel Fine" usando guitarras retroalimentadas; a finais de 1965 o álbum Rubber Soul incluíu o uso dun sitar en "Norwegian Wood" e a banda empregou backmasking na cara-b "Rain" e noutros temas que aparecerían no álbum Revolver.

O rock psicodélico colleu pulo particularmente na emerxente escena de California cando os grupos seguiron a The Byrds dende o folk cara ao folk rock dende 1965. O estilo de vida psicodélico desenvolvérase xa en San Francisco e artistas prominentes da escena eran The Grateful Dead, Country Joe and the Fish, The Great Society e Jefferson Airplane. The Byrds progresaron rapidamente do folk rock puro en 1966 co seu sinxelo "Eight Miles High", amplamente tomado como unha referencia no uso das drogas. No Reino Unido sen dúbida a banda máis influente do xénero foi The Yardbirds, a cal, con Jeff Beck como guitarrista, moveuse cara ao territorio psicodélico. Dende 1966 a escena underground británico baseada no norte de Londres, contou co apoio de novos artistas como Pink Floyd, Traffic e Soft Machine. Ese mesmo ano apareceu o exitoso álbum influído polo folk de Donovan Sunshine Superman, considerado un dos primeiros discos de pop psicodélico, e ademais estreáronse as bandas de blues rock Cream e The Jimi Hendrix Experience, que serían figuras claves na psicodelia.

O rock psicodélico acadou o seu apoxeo nos últimos anos da década. En 1967 os Beatles publicaron a súa declaración psicodélica definitiva con Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, onde se incluía a controvertida canción "Lucy in the Sky with Diamonds", e The Rolling Stones responderon ese mesmo ano con Their Satanic Majesties Request. Pink Floyd produciu o que normalmente é considerado a súa mellor obra psicodélica, The Piper at the Gates of Dawn. Nos Estados Unidos o Verán do Amor foi precedido polo evento Human Be-In e acadou a cima no Monterey Pop Festival, que axudou a converter en grandes estrelas no país a Jimi Hendrix e The Who, cuxo sinxelo "I Can See for Miles" adentrouse no territorio psicodélico. Gravacións clave do xénero foron Surrealistic Pillow de Jefferson Airplane e Strange Days de The Doors. Esas tendecias chegaron ao seu clímax no Festival de Woodstock de 1969, onde actuaron a meirande parte dos principais artistas da psicodelia, pero cara finais da década o rock psicodélico atopábase en retroceso. Brian Wilson dos Beach Boys, Brian Jones dos Rolling Stones, Peter Green de Fleetwood Mac e Syd Barrett de Pink Floyd foron as primeiras "baixas do ácido", The Jimi Hendrix Experience e Cream separáronse ao rematar os anos 60 e moitos grupos superviventes pasáronse da psicodelia a un rock de raíces máis básico, ao rock progresivo ou ao heavy rock.

Progresión

[editar | editar a fonte]

Roots rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: roots rock.

Roots rock é o termo usado agora para describir un alonxamento do que algúns viron como os excesos da escena psicodélica, cara a unha forma máis básica de rock and roll que incorporaba as súas influencias orixinais, particularmente country e folk dando lugar á creación do country rock e o southern rock. En 1966 Bob Dylan foi a Nashville para gravar o álbum Blonde on Blonde[6] . Este, e os posteriores traballos máis claramente influenciados polo country, foron vistos como creadores do xénero do country folk, un camiño que seguiron un gran número de músicos folk principalmente acústicos. Outros artistas que seguiron esta tendencia de volver ás bases foron os canadenses The Band e os californianos Creedence Clearwater Revival, que mesturaron rock and roll básico con folk, country e blues, para estar entre as máis exitosas e influentes bandas de finais dos anos 60. O mesmo movemento viu o inicio das carreiras de artistas en solitario como Ry Cooder, Bonnie Raitt e Lowell George, e influenciou no traballo de músicos xa establecidos como o Beggars Banquet (1968) dos Rolling Stones e o Let It Be (1970) dos Beatles.

The Eagles

En 1968 Gram Parsons gravou Safe at Home coa International Submarine Band, sendo posiblemente o primeiro disco de country rock verdadeiro. Posteriormente ese mesmo ano uniuse a The Byrds para gravar Sweetheart of the Rodeo (1968), xeralmente considerada unha das gravacións máis importantes do xénero. The Byrds continuaron polo mesmo camiño, pero Parsons deixou o grupo para unirse a outro ex-membro da banda, Chris Hillman, e formar The Flying Burrito Brothers, que axudou a establecer a respetabilidade e os parámetros do estilo antes de que Parsons marchase para realizar carreira en solitario. Bandas en California que adoptaron o foron Hearts and Flowers, Poco, New Riders of the Purple Sage, The Beau Brummels e Nitty Gritty Dirt Band. Algúns artistas tamén gozaron dun renacimento adoptando sons country, como The Everly Brothers, Rick Nelson, Mike Nesmith e Neil Young. The Dillards foron, excepcionalmente, unha banda de country que se moveu cara a música rock. O maior éxito comercia para o country rock chegou nos anos 70 con músicos como The Doobie Brothers, Emmylou Harris, Linda Ronstadt e The Eagles (composta por membros de Burritos, Poco e Stone Canyon Band), que chegou a ser un dos grupos de rock máis exitosos de todos os tempos[7].

The Allman Brothers Band adoitan a ser considerados como os fundadores do southern rock, ao desenvolver un son distintivo, derivado principalmente do blues rock pero que incorporaba elementos do boogie, do soul e do country a comezos dos 70. O grupo máis exitoso que os seguiu foi Lynyrd Skynyrd, que axudou a establecer a imaxe do subxénero e a forma do rock de guitarras dos anos 70. Entre os seus sucesores estaban Dixie Dregs, Outlaws, Wet Willie e Ozark Mountain Daredevils. Tras a perda dos membros orixinais de Allmans e Lynyrd Skynyrd, o xénero comezou a perder popularidade cara finais da década, pero aguantou nos 80 con artistas como .38 Special, Molly Hatchet e The Marshall Tucker Band.

Rock progresivo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: rock progresivo.

O rock progresivo, un termo ás veces de xeito intercambiable co art rock, foi un intento de ir máis alá das fórmulas musicais experimentando con diferentes instrumentos, tipos de cancións e formas. Dende mediados dos 60 The Left Banke, The Beatles, The Rolling Stones e The Beach Boys foran pioneiros na inclusión de clavicémbalos e seccións de vento e corda nas súas gravacións para producir unha forma de baroque rock, e ese son pode escoitarse en temas como "A Whiter Shade of Pale" (1967) de Procol Harum, coa súa introdución inspirada en Bach. The Moody Blues usou unha orquestra completa no seu álbum Days of Future Passed (1967) e posteriormente crearon sons orquestrais con sintetizadores. Orquestración clásica, teclados e sintetizadores eran frecuentes engadidos ao formato de rock guitarras, baixo e batería no rock progresivo[8].

Os temas instrumentais eran comúns, mentres que as cancións con letras ás veces eran conceptuais, abstractas ou baseadas na fantasía e na ciencia ficción. Os álbums SF Sorrow (1968) de The Pretty Things, Tommy (1969) de The Who e Arthur (Or the Decline and Fall of the British Empire) de The Kinks (1969) introduciron o formato de opera rock e abriron a porta aos álbums conceptuais, contando a miúdo unha historia épica ou abordando un gran tema central. O álbum de estrea de King Crimson, In the Court of the Crimson King (1969), que mesturaba potentes riffs de guitarra e melotrón, con música jazz e sinfónica, adoita a ser collido como a gravación clave no rock progresivo, axudando á adopción xeneralizada do xénero a principios dos 70 entre as bandas de blues-rock e rock psicodélico, ademais de que se formasen novos grupos.

Yes en 1977

A vibrante escena de Canterbury viu a artistas que seguiron a Soft Machine dende a psicodelia, a través de influencias jazz, cara a un estilo hard rock máis amplo, como Caravan, Hatfield and the North, Gong e National Health. Pink Floyd gozou dun grande éxito comercial, que tamén se movera dende a psicodelia tras a saída de Syd Barrett en 1968, co álbum The Dark Side of the Moon (1973), visto como unha obra metra do xénero, converténdose nun dos álbums máis vendidos de todos os tempos. Púxose énfase no vistuosismo instrumental, con Yes amosando as habilidades do guitarrista Steve Howe e do teclista Rick Wakeman, mentres que Emerson, Lake & Palmer foi un supergrupo que produciu algúns dos traballos tecnicamente máis esixentes do xénero. Jethro Tull e Genesis perseguiron metas moi diferentes, pero cun selo musical claramente inglés. A meirande parte das bandas británicas dependían só dun pequeno grupo de seareiros, pero un feixe delas, como Pink Floyd, Genesis e Jethro Tull,conseguiron producir sinxelos top 10 no Reino Unido e entrar no mercado estadounidense.

A marca estadounidense de rock progresivo variou dende os innovadores e eclécticos Frank Zappa, Captain Beefheart e Blood, Sweat & Tears, ata bandas máis orientadas ao pop rock como Boston, Foreigner, Kansas, Journey e Styx. Estas, xunto cos grupos británicos Supertramp e ELO, demostraron unha influuencia do rock progresivo e á súa vez estiveron entre os artistas máis exitosos comercialmente dos 70, iniciando a era do arena rock, que duraría ata que os custosos e complexos concertos (a miúdo con ecenarios teatrais e efectos especiais) foron substituídos polos máis económicos festivais de rock como principais eventos ao vivo nos anos 90[9].

A liña instrumental do xénero deu como resultado discos como o Tubular Bells (1973) de Mike Oldfield, a primeira edición, e un éxito en todo o mundo, do selo Virgin Records, converténdose nun dos piares do estilo. O rock instrumental foi particularmente significativo na Europa continental, permitindo a bandas como Kraftwerk, Tangerine Dream, Can e Faust eludir as barreiras lingüísticas. O seu pesado "Kraut rock" baseado en sintetizadores, xunto co traballo de Brian Eno (por un tempo teclista de Roxy Music), sería unha grande influencia no posterior synth rock. Coa chegada do punk rock e os cambios tecnolóxicos nos 70, o rock progresivo foi sendo desestimado por pretencioso e esaxerado. Moitas bandas separáronse, pero algunhas, como Genesis, ELP, Yes e Pink Floyd, conseguiron regularmente exitosos álbums acompañados de xiras mundiais. Algúns grupos creados como consecuencia do punk, como Siouxsie and the Banshees, Ultravox e Simple Minds, amosaron a influencia do rock progresivo, ademais das máis recoñecidas influencias punk.

Jazz rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: jazz rock.
Jaco Pastorius de Weather Report

A finais da década dos 60 apareceu o jazz rock como un subxénero distinto das escenas do blues rock, do rock psicodélico e do rock progresivo, mesturando a potencia do rock coa complexidade musical e elementos de improvisación do jazz. Moitos dos primeiros músicos de rock and roll estadounidense iniciáranse no jazz e levaron algúns destes elementos a este novo estilo. No Reino Unido o subxénero do blues rock, e moitas das súas principais figuras, como Ginger Baker e Jack Bruce de Cream, emerxeran da escena británica do jazz. O primeiro grupo de bandas que conscientemente usaron a etiqueta foron conxuntos de R&B orientados ao rock branco que fixeron uso de seccións de metais jazzisticas, como Electric Flag, Blood, Sweat & Tears e Chicago, para converterse nalgúns dos artistas máis exitosos comercialmente de finais dos 60 e principios dos 70.

Os músicos británicos que xurdiron no mesmo período dende a escena do blues para facer uso dos aspectos tonais e de improvisación do jazz, como Nucleus e o spin-off de Graham Bond John Mayall Colosseum. Das escenas do rock psicodélico e de Canterbury viñeron Soft Machine, que produciron unha das fusións dos dous xéneros máis exitosa artisticamente. Quizais a fusión máis aclamada pola crítica chegou dende o lado jazz da ecuación con Miles Davis, particularmente influenciado polo traballo de Hendrix, incorporando instrumentación rock ao seu son no álbum Bitches Brew (1970). Foi unha grande influencia en posteriores artistas de jazz rock, como Herbie Hancock, Chick Corea e Weather Report. O xénero comezou a esvaecerse a finais dos 70, cando unha forma máis suave da fusión comezou a tomar a súa audiencia, pero artistas como Steely Dan, Frank Zappa e Joni Mitchell gravaron significativos álbums influenciados polo jazz nesta época, e continuou sendo unha das principais influencias na música rock.

Glam rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: glam rock.

O glam rock xurdiu das escenas inglesas da psicodelia e do art rock de finais dos anos 60 e pode ser vista como unha extensión e unha reacción a estas tendencias. Diverso musicalemnte, variando entre o sinxelo revivalismo do rock and roll de figuras como Alvin Stardust ata o complexo art rock de Roxy Music, pode ser visto tanto como un subxénero musical como unha moda ou actitude[10] . Visualmente era unha mestura de varios estilos, que ían dende o glamour dos anos 30 de Hollywood, pasando polo sex appeal pin-up dos 50, o cabaret de pre-guerra, a literatura vitoriana e os estilos simbolistas, a ciencia ficción, ata o misticismo e a mitoloxía; manifestándose con roupas estravagantes, maquillaxe, peiteados e botas de plataforma[11]. O glam destaca principalmente pola súa ambigüedade sexual e as súas representacións da androxinia, xunto co amplo uso da teatralidade. Foi prefigurado pola mestría escénica e a manipulación da identidade de xénero de artistas estadounidenses como The Cockettes e Alice Cooper.

David Bowie en 1972

As orixes do glam rock están asociadas con Marc Bolan, que renomeou ao seu dúo de folk como T. Rex e fíxose con instrumentos eléctricos cara finais dos anos 60. Acotío é citado como o momento da orixe do xénero a súa aparición no programa de televisión británico Top of the Pops en decembro de 1970 levando purpurina, e interpretando o que sería o seu primeiro sinxelo número 1 "Ride a White Swan"[12]. Dende 1971, aínda unha estrela menor, David Bowie desenvolveu a súa personaxe Ziggy Stardust, incorporando elementos de maquillaxe profesional, mimo e performance nas súas representacións. Estes intérpretes foron seguidos ao pouco tempo por artistas como Roxy Music, Sweet, Slade, Mott the Hoople, Mud e Alvin Stardust. Mentres que no Reino Unido tiveron un grande éxito nas listas de sinxelos, moi poucos destes músicos foron capaces de ter un impacto serio nos Estados Unidos; Bowie foi a principal excepción, converténdose unha estrela internacional e provocando que artistas como Lou Reed, Iggy Pop, New York Dolls e Jobriath adoptasen o estilo glam, a miúdo coñecido como "glitter rock" e cun contido lírico máis escuro que os seus homólogos británicos. No Reino Unido o termo glitter rock foi principalmente usado para referirse á versión extrema do glam seguida por Gary Glitter e a súa banda de apoio The Glitter Band, que conseguiron 18 sinxelos top 10 nas listas británicas entre 1972 e 1976. Unha segunda fornada de bandas de glam rock, entre as que estaban Suzi Quatro, Wizzard e Sparks, dominou a lista de sinxelos británicas dende 1974 ata 1976. Artistas xa existentes, algúns deles non considerados normalmente fundamentais para o xénero, tamén adoptaron o estilo glam, como Rod Stewart, Elton John, Queen e, durante un tempo, incluso The Rolling Stones. Houbo tamén unha influencia directa en músicos que acadaron a fama posteriormente, incluídos Kiss e Adam Ant, e menos directamente na formación do rock gótico e do glam metal ademais do punk rock, que axudou a rematar coa moda do glam cara 1976. Dende entón tivo esporadicamente modestos rexurdimentos con artistas como Chainsaw Kittens, The Darkness ou Prince[13].

Soft rock, hard rock e primeiro heavy metal

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: soft rock, hard rock e heavy metal.

Dende finais dos anos 60 fíxose común dividir o mainstream rock entre soft e hard rock. O soft rock adoitaba a derivar do folk rock, usando instrumentos acústicos e poñendo máis énfase na melodía e na harmonía. Entre os seus principais artistas están Carole King, Cat Stevens e James Taylor. Acadou o seu pico comercial de mediados a finais dos 70 con músicos como Billy Joel, America e os reformados Fleetwood Mac, dos cal Rumours (1977) foi o álbum máis vendido da década. Polo contrario, o hard rock adoitaba a derivar do blues-rock e era tocado máis alto e con máis intensidade. Normalmente enfatizaba a guitarra eléctrica, tanto como instrumento rítmico usando riffs sinxelos repetitivos ou como instrumento solista, e normalmente tocábase con distorsión e outros efectos. Bandas clave do hard rock foron grupos da Invasión Británica como The Who e The Kinks, ademais de intérpretes da era da psicodelia como Cream, Jimi Hendrix e The Jeff Beck Group. Músicos infuenciados polo hard rock que gozaron de éxito internacional a finais dos 70 foron Queen, Thin Lizzy, Aerosmith e AC/DC.

Dende finais dos 60 o termo heavy metal comezou a ser usado para describir a un certo tipo de hard rock interpretado con incluso máis volume e intensidade, primeiro como adxectivo e cara pricipios dos 70 como nome. O termo foi usado por vez primeira na música co tema "Born to Be Wild" (1967) de Steppenwolf e comezou a ser asociado con bandas pioneiras como Blue Cheer de Boston e Grand Funk Railroad de Míchigan. Cara 1970 tres grupos británicos clave desenvolveron os característicos sons e estilos que axudarían a formar o subxénero. Led Zeppelin engadiu elementos de fantasía ao seu blues-rock cargado de riffs, Deep Purple trouxo intereses sinfónicos e medievais da súa etapa progresiva e Black Sabbath introduciu facetas do gótico e da harmonía vocal, axudando a producir un son máis escuro. Estes elementos foron collidos por unha segunda xeración de bandas de heavy metal a finais dos 70, como Judas Priest, UFO, Motörhead e Rainbow do Reino Unido, Kiss, Ted Nugent e Blue Öyster Cult dos Estados Unidos, Rush do Canadá e Scorpions de Alemaña, facendo todos eles que aumentase a pularidade do subxénero. A pesar dunha falta de presenza nas emisoras e nos listas de sinxelos, a finais dos 70 o heavy metal forxara un considerable número de seguidores, particularmente entre homes adolescentes de clase traballadora en Norteamérica e Europa.

Rock cristián

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: rock cristián.

O rock ten sido criticado por algúns líderes relixiosos cristiáns, condenándoo de inmoral, anti-cristián e incluso demoníaco[14] . Porén, o rock cristián comezou a desenvolverse a finais dos anos 60, particularmente a partir do Jesus movement iniciado no sur de California, e emerxeu como un subxénero nos 70 con artistas como Larry Norman, normalmente visto como a primeira grande estrela do rock cristián. O xénero foi particularmente popular nos Estados Unidos. Moitos intérpretes de rock cristián teñen vínculos coa escena contemporánea de música cristiá, mentres que outras bandas e artistas están estreitamente ligados á música independente. Dende os anos 80 os músicos de rock cristián fixéronse un oco entre o gran público, entre eles figuras como Amy Grant ou Cliff Richard. Aínda que estes artistas foron moi aceptados nas comunidades cristiás a adopción dos estilos heavy rock e glam metal de bandas como Petra e Stryper, que acadaron un certo grao de éxito nos 80, foi máis controvertida. Dende a década dos 90 incrementouse o número de artistas que preferiron evitar a etiqueta de banda cristiá, preferindo ser vistos como grupos que eran tamén cristiáns, como P.O.D e Collective Soul[15].

Punk rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: punk rock.
Patti Smith

O punk rock desenvolveuse entre 1974 e 1976 nos Estados Unidos e no Reino Unido. Con raíces no garage rock e outras formas do que agora se coñece como protopunk, as bandas de punk rock evitaron os excesos percibidos no roc de masas dos 70. Crearon unha música rápida e dura, normalmente con cancións curtas, instrumentación básica e a miúdo con letras políticas e anti-sistema. O punk abrazou a ética DIY (faino ti mesmo), con moitos grupos autoproducindo as súas gravacións e distribuíndoas a través de canles informais.

Cara finais de 1976, artistas como os Ramones e Patti Smith en Nova York, e os Sex Pistols e The Clash en Londres, foron recoñecidos como a vangarda dun novo movemento musical. O ano seguinte o punk rock espallouse por todo o mundo. Rapidamente, aínda que moi brevemente, o punk converteuse nun gran fenómeno cultural no Reino Unido. Durante a meirande parte, o punk botou raíces en escenas locais que tendían a rexeitar a asociación co mainstream. Emerxeu unha subcultura punk asociada, expresando a rebelión da mocidade e caracterizada por distintos estilos de vestir e unha variedade de ideoloxías anti-autoritarias.

Cara comezos dos anos 80, estilos máis rápidos e agresivos como o hardcore e o Oi! fixéronse predominantes dentro do punk rock. Isto tamén deu como resultado diversas variedades do hardcore punk, como o D-beat, o anarcho-punk, o grindcore ou o crust punk. Os músicos que se identificaban ou inspiraban co punk tamén perseguiron un amplo abano de variacións, aparecendo así os movementos do rock alternativo, New Wave e post-punk.

Artigo principal: New Wave.
Deborah Harry de Blondie

Aínda que o punk rock foi un fenómeno social e musical significativo, as cifras non foron tan altas en vendas de discos (sendo distribuídos por pequenos selos especialiados), ou na aparición nos medios estadounidenses (xa que a escena da radio seguía estando dominada por formatos mainstream como o disco e o rock non orientado aos álbums). O punk rock atraera a devotos da arte e do mundo universitario e en pouco tempo as bandas buscaron un enfoque máis culto e artístico, como o caso de Talking Heads e Devo que comezaron a infiltrarse na escena punk; nalgúns sectores comezou a usarse a descrición "new wave" para diferenciar a estes grupos menos abertamente punks. Os executivos das discográficas, que na súa meirande parte quedaran desconcertados co movemento punk, recoñeceron o potencial dos máis accesibles artistas desta nova corrente, e comezaron a asinar contratos e a comercializar agresivamente calquera banda que puidese ter unha conexión remota co punk ou o new wave. Moitos destes grupos, como The Cars e The Go-Go's poden verse como bandas de pop comercializadas como New Wave; outras artistas xa existentes, entre eles The Police, The Pretenders e Elvis Costello, usaron o movemento new wave como un trampolín para as súas carreiras, mentres que outros grupos como The Knack ou Blondie iniciáronse no punk e movéronse cara a un territorio máis comercial.

Entre 1979 e 1985, influenciado por Kraftwerk, Yellow Magic Orchestra, David Bowie e Gary Numan, o new wave británico foi cara a dirección do New Romantic, con grupos como Spandau Ballet, Ultravox, Japan, Duran Duran, A Flock of Seagulls, Culture Club, Talk Talk e Eurythmics, usando ás veces os sintetizadores para substituír a outros instrumentos. Este período coincidiu coa aparición da MTV e levou a este tipo de synthpop a unha gran cantidade de exposición, creando o que se describiría como a segunda Invasión Británica. Algunhas bandas de rock máis tradicionais adaptáronse á éra do vídeo e beneficiáronse das emisións da MTV, principalmente Dire Straits.

Post-punk

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: post-punk.

Se o hardcore perseguía máis directamente desmontar a estética do punk, e o new wave viña a represetar o súa parte comercial, o post-punk apareceu a finais dos 70 e principios dos 80 como o seu lado máis artístico e desafiante. As súas principais influencias xunto as bandas de punk foron The Velvet Underground, The Who, Frank Zappa e Captain Beefheart, e a escena no wave baseada en Nova York, con artistas como James Chance and the Contortions, DNA e Sonic Youth. Entre os primeiros músicos do xénero estarían as bandas estadounidense Pere Ubu, Devo, The Residents e Talking Heads.

Os irlandeses U2

A primeira marea de post-punk británico incluíu a Gang of Four, Siouxsie and the Banshees e Joy Division, que puxeron menos énfase na arte que os seus homólogos estadouidenses e máis nas calidades emocionais escuras da súa música. Bandas como Siouxsie and the Banshees, Bauhaus, The Cure e The Sisters of Mercy movéronse cada vez máis nesa dirección para fundar o rock gótico, que sería a base dunha gran subcultura a comezos dos 80[16]. Un territorio emocional semellante foi perseguido por artistas australianos como The Birthday Party e Nick Cave. Membros de Bauhaus e Joy Division exploraron novos estilo con Love and Rockets e New Order respectivamente. Outro dos primeiros movementos post-punk foi a música industrial desenvolvida polas bandas británicas Throbbing Gristle e Cabaret Voltaire, e os neoiorquinos Suicide, usando unha variedade de técnicas electrónicas e de sampleado que emulaban o son da produción industrial e que evolucionaría nun feixe de formas de música post-industrial nos anos 80.

A segunda xeración de grupos post-punk británicos aparecería a comezos dos 80, entre eles estaban The Fall, The Pop Group, The Mekons, Echo and the Bunnymen e Teardrop Explodes, intentando alonxarse de paisaxes sonoras escuras. Podería dicirse que a banda máis exitosa en xurdir do post-punk foi a irlandesa U2, que incorporou elementos de imaxinería relixiosa xunto con temáticas políticas na súa música, e cara finais dos 80 convertérase nunha das bandas máis grandes do mundo[17]. A pesar de que moitos grupos de post-punk continuaron gravando e actuando, o movemento declinou cara mediados da década cando as bandas foron desaparecendo ou movéndose para explorar outras áreas musicais, aínda que continuou influíndo no desenvolvemento da música rock e ten sido un elemento principal na creación do rock alternativo.

Novos xéneros do heavy metal

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: heavy metal.

Aínda que moitas bandas establecidas continuaron actuando e gravando, o heavy metal sufriu un hiato debido á aparción do movemento punk a mediados dos anos 70. Parte da reacción chegou coa popularidade de bandas como Motörhead, que adoptou unha sensibilidade punk, e Judas Priest, que creou un son máis simplificado, retirando principalmente os elementos que permanecían do blues dende o seu álbum Stained Class de 1978. Este cambio de dirección comparouse co punk e a finais dos 70 coñeceuse como New Wave of British Heavy Metal (NWOBHM). A estas bandas seguíronlle ao pouco tempo artistas como Iron Maiden, Vardis, Diamond Head, Saxon, Def Leppard e Venom, moitos dos cales comezaron a gozar dun considerable éxito nos Estados Unidos. No mesmo período Eddie Van Halen estableceuse como un virtuoso da guitarra metal tras o álbum autotitulado da súa banda de 1978. Randy Rhoads e Yngwie Malmsteen tamén se estableceron como virtuosos, relacionados co que é coñecido co estilo do metal neoclásico[18] .

Iron Maiden

Inspirada polo NWOBHM e polo éxito de Van Halen, comezou a desenvolverse unha escena no sur de California dende finais dos anos 70, baseadas en clubs de Sunset Strip nos Ánxeles e que incluía a bandas como Quiet Riot, Ratt, Mötley Crüe e W.A.S.P., os cales, xunto con artistas de estilo semellantes como os neoiorquinos Twisted Sister, incorporaron a teatralidade (e ás veces a maquillaxe) de artistas glam rock como Alice Cooper e Kiss. As letras desas bandas de glam metal normalmente emfatizaban o hedonismo e o comportamento salvaxe, e musicalmente distinguíanse por solos rápidos de guitarra, coros épicos, e un enfoque orientado cara ao pop relativamente melódico. Cara mediados dos 80 comezaron a aparecer guppos da escena de Los Angeles que perseguían unha imaxe menos glam e un son máis cru, particularmente Guns N' Roses, que entrou nas listas de éxitos co seu álbum Appetite for Destruction (1987), e Jane's Addiction, que apareceu coa súa estrea nun gran selo, Nothing's Shocking, o ano seguinte[19] .

A finais dos anos 80 o metal fragmentouse en varios subxéneros, incluído o thrash metal (desenvolvido nos Estados Unidos a partir do speed metal), baixo a influencia do hardcore punk, con riffs de guitarra graves xeralmente superpostos por guitarras solistas facendo shredding. As letras adoitan a expresar puntos de vista nihilistas ou tratan sobe temas sociais usando unha linguaxe visceral e sanguenta. Foi populariado polos "catro grandes do thrash": Metallica, Anthrax, Megadeth e Slayer[20].

O death metal desenvolveuse a partir do thrash, particularmente influenciado por Venom e Slayer. Death de Florida e Possessed de Bay Area enfatizaron os elementos líricos de blasfemia, satanismo e milenarismo, con voces xeralmente entregadas como gruñidos guturais ou berros agudos, complementados por guitarras altamente distorsionadas e afinadas á baixa con percusión moi rápida con dobre bombo. O black metal, tamén influenciado por Venom e iniciado polos daneses Mercyful Fate, os suízos Hellhammer e Celtic Frost e os suecos Bathory, tiña moitas semellanzas no seu son ao death metal, pero adoitaba a ter intencionadamente unha produción lo-fi e tiña máis énfase nas temáticas satánicas e pagás. Bathory foi particularmente importante ao inspirar aos posteriores subxéneros do viking metal e o folk metal.

O power metal aparaceu en Europa a finais dos 80 como reacción á dureza do death e black metal e foi estabecido polos alemáns Helloween, que combinaban un enfoque melódico coa enerxía e velocidade do thrash. DragonForce de Inglaterra e Iced Earth de Florida teñen un son que lle debe moito ao NWOBHM, mentres que artistas como os tamén de Florida Kamelot, os fineses Nightwish, os italianos Rhapsody of Fire e os rusos Catharsis teñen un son "sinfónico" baseado en sintetizadores, ás veces empregando orquestras e cantantes de ópera. A diferenza doutros subxéneros o doom metal, influenciado polo rock gótico, frea a música, con bandas como os ingleses Pagan Altar e Witchfinder General e os estadounidense Pentagram, Saint Vitus e Trouble, facendo énfase na melodía, con guitarras afinadas á baixa, un son máis pesado ou groso e un estado de ánimo sepulcral. Bandas estadounidenses como Queensrÿche e Dream Theater foron pioneiras nunha desafiante fusión do NWOBHM e o rock progresivo bautizada como metal progresivo, con grupos como Symphony X combinando aspectos do power metal e a música clásica co estilo, mentres que os suecos Opeth desenvolveron un estilo único con influencias do death metal e o rock progresivo dos 70.

Heartland rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: heartland rock.
Bruce Springsteen

A clase traballadora estadounidense orientou ao heartland rock, caracterizado por un estilo musical sinxelo e a preocupación pola vida da xente común, desenvolveuse na segunda metade dos anos 70. O termo heartland rock fou usado por vez primeira para describir a grupos de arena rock do Medio Oeste dos Estados Unidos como Kansas , REO Speedwagon e Styx, pero asociouse cunha forma de rock de raíces máis preocupada socialmente e máis directamente influenciada polo folk, o country e o rock and roll. Foi visto como a contrapartida do Medio Oeste e o Rust Belt ao country rock da costa oeste e o southern rock do sur do país. Dirixido por figuras que inicialmente foran identificadas co punk e o New Wave, estivo principalmente influenciado por artistas como Bob Dylan, The Byrds, Creedence Clearwater Revival e Van Morrison, e polo rock básico do garage dos 60 e os Rolling Stones.

Exemplificado polo éxito comercial dos cantautores Bruce Springsteen, Bob Seger e Tom Petty, xunto cos menos coñecidos Southside Johnny and the Asbury Jukes e Joe Grushecky and the Houserockers, foi parcialmente unha reacción ao declive urbano post-industrial do leste e o medio oeste dos Estados Unidos, a miúdo deténdose en temas de desintegración e illamento social, ademais dunha forma de revivalismo do rock and roll. O xénero acadou o seu pico comercial e artístico a mediados dos anos 80, con Born in the USA (1984) de Springsteen encabezando as listas e obtendo unha serie de sinxelos top ten, xunto coa chegada de artistas como John Mellencamp, Steve Earle ou Bruce Hornsby. Tamén pode verse como influencia en artistas tan diversos como Billy Joel, Kid Rock e The Killers.

O heartland rock esvaeceuse como un xénero recoñecido cara principios da década dos 90, cando a música rock en xeral e as temáticas relacionadas coas clases traballadoras en particular perderon influencia entre as audiencias máis novas, e os artistas deste estilo comezaron a realizar traballos máis persoais. Moitos artistas de heartland rock continuaron gravando con éxito de crítica e comercial, destacando entre eles Bruce Springsteen, Tom Petty e John Mellencamp, aínda que as súas obras fixéronse máis persoais e experimentais sen que encaixen doadamente nun único xénero. Novos artistas cunha música que podería ser etiquetada como heartland editaron discos nos anos 70 e 80, como Bottle Rockets e Uncle Tupelo, sendo moitas veces etiquetados como country alternativo.

Aparición do rock alternativo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: rock alternativo.
R.E.M.

O termo rock alternativo foi cuñado a comezos dos 80 para describir a artistas de rock que non encaixaban cos xéneros populares da época. As bandas etiquetadas como "alternativas" non tiñan un estilo unificado, pero todas elas eran vistas como algo distinto á música comercial. Estes grupos estaban ligados pola súa débeda colectiva ao punk rock, a través dos movementos hardcore punk, New Wave ou post-punk. Bandas de rock alternativo importantes dos anos 80 nos Estados Unidos foron R.E.M., Hüsker Dü, Jane's Addiction, Sonic Youth e Pixies, e no Reino Unido The Cure, New Order, The Jesus and Mary Chain e The Smiths.Estes artistas limitáronse en gran medida a selos independentes, construíndo unha extensa escena musical underground baseada nas radios universitarias, nos fancines, nas xiras e no boca a boca. Rexeitaron o synthpop dominante a comezos dos 80, regresando ao rock baseado nas guitarras.

Poucas destas primeiras bandas, coa excepción de R.E.M. e The Smiths, tiveron éxito entre o gran público, pero a pesar da falta de espectaculares vendas de discos, exerceron unha considerable influencia na xeración de músicos que viría na década dos 80 e que acabarían por ter éxito nos anos 90. Estilos do rock alternativo nos Estados Unidos durante os 80 son o jangle pop, asociado coas primeiras gravacións de R.E.M., que incorporaba guitarras resoantes do pop e o rock de mediados dos 60, e o college rock, usado para describir a bandas alternativas que se iniciaron nos circuítos e nas radios universitarias, con artistas como 10,000 Maniacs e The Feelies.No Reino Unido o rock gótico era dominante a principios da década, pero cara ao final da mesma apareceu o indie e o dream pop de artistas como Primal Scream, Bogshed, Half Man Half Biscuit e The Wedding Present, e as denominadas bandas de shoegaze como My Bloody Valentine, Ride, Lush, Chapterhouse e The Boo Radleys. Particularmente vibrante foi a escena Madchester, saíndo dela grupos como Happy Mondays, Inspiral Carpets e The Stone Roses. A seguinte década vería o éxito do grunge nos Estados Unidos e do britpop no Reino Unido, levando ao rock alternativo cara ao mainstream.

Alternativo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: grunge.
Nirvana

Descontentas co pop e o rock comercial e altamente producido de mediados dos 80, bandas do estado de Washington (particularmente na área de Seattle) formaron un novo estilo de rock que contrastaba fortemente coa música comercial do momento. O xénero coñeceríase como "grunge", un termo descritivo do son sucio da súa música e do aspecto descoidado da meirande parte dos seus intérpretes, que se rebelaron activamente contra as imaxes demasiado coidadas doutros artistas. O grunge fusionou elementos do hardcore punk e o heavy metal nun son sinxelo, e fixo un grande uso da distorsión de guitarra, do fuzz e da retroalimentación. As letras eran normalmente apáticas e cheas de angustia, e adoitaban a tratar temas como a alienación social e o atrapamento, aínda que tamén foi coñecida polo seu humor escuro e as parodias do rock comercial.

Bandas como Green River, Soundgarden, Melvins e Skin Yard iniciaron o xénero, sendo Mudhoney a de máis éxito no final da década. Porén, o grunge permaneceu sendo principalmente un fenómeno local ata 1991, cando o Nevermindde Nirvana converteuse nun grande éxito grazas ao seu sinxelo "Smells Like Teen Spirit". O Nevermind era máis melódico que os seus predecesores, pero a banda negouse a empregar a tradicional promoción corporativa e mecanismos de mercadotecnia. Durante 1991 e 1992 outros álbums de grunge como o Ten de Pearl Jam, o Badmotorfinger de Soundgarden e o Dirt de Alice in Chains, xunto co disco de Temple of the Dog que contaba con membros de Pearl Jam e Soundgarden, estiveron entre os 100 álbums máis vendidos. As grandes discográficas contrataron á meirande parte das bandas grunge que quedaban en Seattle, mentres que unha segunda afluencia de artistas mudouse á cidade na procura do éxito. Porén, coa morte de Kurt Cobain e a posterior separación de Nirvana en 1994, os problemas para xirar de Pearl Jam e a saída do cantante de Alice in Chains Layne Staley en 1996, o xénero comezou a declinar, en parte á sombra do britpop e o son máis comercial do post-grunge.

Artigo principal: Britpop.
Oasis

O britpop emerxeu dende a escena británica do rock alternativo de principios dos 90 e caracterizouse por bandas particularmente influenciadas pola música de guitarras británica dos anos 60 e 70. The Smiths foi unha grande influencia, así como bandas da escena Madchester, que se disolveran a principios da década. Este movemento ten sido visto parcialmente como unha reacción contra varias tendencias musicais e culturais dos Estados Unidos de finais dos 80 e comezos dos 90, particularmente o fenómeno grunge, e como unha reafirmación da identidade rock británica. O britpop era variado no estilo, pero adoitaba a usar tons pegadizos xunto con letras con temas particularmente británicos e a adopción da iconografía da British Invasion dos 60, como os símbolos de identidade británica usados anteriormente polos mods. Apareceu ao redor de 1992 cos lanzamentos de grupos como Suede e Blur, aos que se lles uniron ao pouco tempo Oasis, Pulp, Supergrass e Elastica, que produciron unha serie de sinxelos e álbums exitosos. Durante un tempo, a contenda entre Blur e Oasis foi creada na prensa popular como "A batalla do britpop", inicialmente gañada polos primeiros, pero con Oasis conseguindo un éxito de maior duración e máis internacional, influíndo directamente na aparición dunha terceira xeración de bandas de britpop, con The Boo Radleys, Ocean Colour Scene e Cast. Os grupos do xénero levaron ao rock alternativo británico ao gran público e formaron a columna vertebral dun movemento cultural británico máis grande coñecido como Cool Britannia. Aínda que as súas bandas máis populares, particularmente Blur e Oasis, foron capaces de espallar o seu éxito comercial cara ao estranxeiro, especialmente nos Estados Unidos, o movemento esvaecérase en gran parte a finais da década.

Post-grunge

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: post-grunge.
Foo Fighters

O termo post-grunge foi cuñado para unha xeración de bandas que seguiron á entrada no mainstream e ao posterior hiato dos grupos grunge de Seattle. As bandas de post-grunge imitaban a súa actitude e a súa música, pero cun son máis comercial. A miúdo traballaban con grandes discográficas e foron incorporando diversas influencias do jangle pop, pop-punk, metal alternativo ou hard rock. O termo post-grunge estaba destinado a ser pexorativo, suxerindo que era sinxelamente un derivado musical, ou unha resposta cínica ao "auténtico" movemento rock. Dende 1994, a nova banda do antigo batería de Nirvana Dave Grohl, Foo Fighters, axudou a popularizar o xénero e a definir os seus parámetros.

Algúns grupos post-grunge, como Candlebox, eran de Seattle, pero o subxénero caracterizouse pola ampliación da base xeográfica do grunge, con bandas como Audioslave dos Ánxeles ou Collective Soul de Xeorxia, ou de fóra dos Estados Unidos como os australianos Silverchair e os británicos Bush, que cementaron o post-grunge como un dos subxéneros comercialmente máis viables de finais dos 90. Aínda que predominaban as bandas de homes, o álbum de 1995Jagged Little Pill da artista Alanis Morissette, etiquetado como post-grunge, foi un grande éxito. Grupos como Creed e Nickelback puxeron o post-grunge no século XXI cun considerable éxito comercial, abandonando a meirande parte da angustia e a rabia do movemento orixinal por himnos máis convencionais e cancións narrativas e románticas, sendo seguidos nesta liña por novos artistas como Shinedown, Seether, 3 Doors Down e Puddle of Mudd.

Artigo principal: pop punk.
Green Day

As orixes do pop punk dos anos 90 poden verse nas bandas do movemento punk dos 70 máis orientadas ás cancións como Buzzcocks e The Clash, a artistas de New Wave comercialmente exitosos como The Jam e The Undertones, e aos elementos do rock alternativo dos 80 máis influenciados polo hardcore punk. O pop punk adoita a usar melodías power-pop e cambios de acordes con tempos rápidos do punk e guitarras a un volume alto. A música punk foi a fonte de inspiración para algunhas bandas californianas de selos independentes a principios dos 90, como Rancid, Pennywise, Weezer e Green Day. En 1994 Green Day asinou cun gran selo e realizou o álbum Dookie, que atopou unha nova audiencia, principalmente adolescente, e foi un éxito sorpresa de vendas. Ao pouco foi seguido polo álbum de estrea de Weezer, que conseguiu tres sinxelos top 10 nos Estados Unidos. Este éxito abriu a porta ás vendas multi-platino do Smash de The Offspring. Esta primeira onda de grupos pop punk acadou o seu pico comercial co Nimrod (1997) de Green Day e o Americana (1998) de The Offspring.

Unha segunda formada de artistas pop punk foi encabezada por Blink-182, co seu exitoso traballo Enema of the State (1999), seguida por Good Charlotte, Bowling for Soup e Sum 41, que usaron o humor nos seus vídeos e tiñan un son máis accesible, mantendo a velocidade, e parte da actitude e da estética do punk dos 70. Posteriores bandas do xénero, como Simple Plan, The All-American Rejects e Fall Out Boy, tiñan un son que foi descrito como máis próximo ao hardcore dos 80, conseguindo aínda así un considerable éxito comercial.

Indie rock

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: indie rock.
Pavement

Nos anos 80 os termos indie rock e rock alternativo usábanse indistintamente. Cara mediados dos 90, cando elementos do movemento comezaron a atraer o interese do gran público, particularmente o grunge e despois o britpop, o post-grunge e o pop-punk, o termo alternativo comezou a perder o seu significado. Esas bandas que seguiron os contornos menos comerciais da escena foron coñecidas cada vez máis pola etiqueta indie. Normalmente intentaban manter o control das súas carreiras editando álbums a través dos seus propios selos ou por pequenas discográficas independentes, mentres confiaban nas xiras, no boca a boca, e na emisión a través de radios independentes ou universitarias para a súa promoción. Ligados por un espírito máis que polo seu enfoque musical, o movemento indie rock abarcaba un amplo rango de estilos, dende as máis duras influenciadas polo grunge como The Cranberries e Superchunk, pasando por bandas experimentais coa ética do "faino ti mesmo" como Pavement, ata cantantes punk-folk como Ani DiFranco. Observouse que o indie rock tivo unha relativa alta promoción de artistas femininas en comparación con anteriores xéneros do rock, unha tendencia exemplificada no desenvolvemento da música feminista Riot Grrrl. Moitos países desenvolveron unha ampla escena indie local, aparecendo bandas coa suficiente popularidade como para sobrevivir nos seus respectivos países, pero virtualmente descoñecidas fóra deles.

Cara finais dos anos 90 moitos subxéneros recoñecibles, a meirande parte coas súas orixes no movemento alternativo de finais dos 80, foron incluídos baixo o paraugas do indie. O lo-fi evitaba as puídas técnicas de gravación cunha ética D.I.Y. e foi encabezado por Beck Sebadoh e Pavement. O traballo de Talk Talk e Slint axudou a inspirar tanto ao post rock, un estilo experimental influenciado polo jazz e a música electrónica, iniciado por Bark Psychosis e continuado por artistas como Tortoise, Stereolab e Laika, e ao máis denso e complexo math rock, desenvolvidos por Polvo e Chavez. O space rock volveu ás súas raíces progresivas, con artistas drone e minimalistas como Spacemen 3, as dúas bandas creadas tras a súa separación, Spectrum e Spiritualized, e posteriores grupos como Flying Saucer Attack, Godspeed You Black Emperor! e Quickspace. A diferenza destes, o sadcore enfatiza a dor e o sufrimento a través do uso melódico de instrumentación acústica e electrónica e está representado por American Music Club e Red House Painters, mentres que o rexurdimento do baroque pop reaccionou contra o lo-fi e a música experimental enfatizando a melodía e usando instrumentación clásica, con artistas como Arcade Fire, Belle and Sebastian e Rufus Wainright.

Metal alternativo, rap rock e nu metal

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: metal alternativo, rap rock e nu metal.

O metal alternativo xurdiu da escena hardcore punk estadounidense a finais dos 80, pero gañou máis audiencia despois de que o grunge chegase ao gran público a principios dos 90. As primeiras bandas do xénero mesturaban unha ampla variedade de estilos con sensibilidades hardcore e heavy metal, con artistas como Jane's Addiction e Primus usando rock progresivo, Soundgarden e Corrosion of Conformity co garage punk, The Jesus Lizard e Helmet mesturando noise rock, Ministry e Nine Inch Nails influenciados pola música industrial, Monster Magnet movéndose pola psicodelia, Pantera, Sepultura e White Zombie creando o groove metal, ou Biohazard e Faith No More virando cara ao hip hop e o rap.

Linkin Park

O hip hop gañou a atención dos grupos de rock a principios dos 80, entre eles The Clash con "The Magnificent Seven" (1981) e Blondie con "Rapture" (1981). Entre os primeiros artistas en realizar cruzamentos entre os dous xéneros están Run DMC e Beastie Boys. O rapeiro de Detroit Esham fíxose coñecido polo seu estilo que fusionaba rapeo cun son que adoitaba a estar baseado no rock e no heavy metal. Rapeiros que samplearon cancións rock foron Ice-T, The Fat Boys, LL Cool J, Public Enemy e Whodini. A mestura de thrash metal e rap foi iniciada por Anthrax no seu influente sinxelo de 1987 "I'm the Man".

En 1990 Faith No More entrou no mainstream co seu tema "Epic", a miúdo considerado como a primeira combinación exitosa de heavy metal con rap. Este abriu o camiño ao éxito a banda existintes como 24-7 Spyz e Living Colour, e a novos grupos como Rage Against the Machine e Red Hot Chili Peppers, que fusionaron rock e hip hop entre outras influencias. Entre os primeiros artistas en ter éxito facendo rap rock están 311, Bloodhound Gang e Kid Rock. Un son máis metálico, o nu metal, foi perseguido por bandas como Limp Bizkit, Korn e Slipknot. Posteriormente nese dácada, ese estilo, que contén unha mestura de grunge, punk rock, heavy metal, rap e scratching, deu unha serie de exitosos grupos como Linkin Park, P.O.D. e Staind, que adoitaban a ser clasificados como rap metal ou nu metal.

No ano 2001 o nu metal acadou o seu punto máis alto con álbums como Break the Cycle de Staind, Satellite de P.O.D., Iowa de Slipknot e Hybrid Theory de Linkin Park]]. Apareceron novos grupos como Disturbed, Godsmack e Papa Roach, cuxa estrea, Infest, foi disco de platino. O agardado quinto álbum de Korn, Untouchables, e o segundo de Papa Roach, Lovehatetragedy, non veneron tan ben como os seus predecesores, mentres que as bandas de nu metal aparecían cada vez menos nas radio e na MTV, que comezaban a centrarse no pop punk e no emo. Dende entón, moitos grupos cambiaron para facer hard rock, heavy metal ou música electrónica cun son máis convencional.

Post-britpop

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: post-britpop.
Coldplay

Dende 1997, ao medrar a insatisfacción co concepto Cool Britannia, e o britpop comezou a disolverse como movemento, as novas bandas comezaron a evitar a etiqueta britpop aínda que producían música derivada do estilo. Moitos deses grupos adoitaban a mesturar elementos do rock tradicional británico, particularmente dos Beatles, Rolling Stones e Small Faces, con influencias estadounidense como o post-grunge. Saíndo de todo o Reino Unido (con varias importantes bandas emerxendo do norte de Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte), os temas da súa música tendían a estár menos centrados na vida británica e eran máis introspectivos do que o fora o britpop no seu apoxeo. Isto, xunto cunha maior disposición a colaborar coa prensa e seareiros estadounidenses, puido axudar a algunha das bandas a acadar o éxito internacional.

As bandas de post-britpop presentaron a imaxe da estrela de rock como unha persoa normal e a súa música cada vez máis melódica foi criticada por ser branda ou pouco orixinal. Grupos post-britpop como The Verve con Urban Hymns (1997), Radiohead dende OK Computer (1997), Travis dende The Man Who (1999), Stereophonics dende Performance and Cocktails (1999), Feeder dende Echo Park (2001) e particularmente Coldplay dende o seu álbum de estrea Parachutes (2000), acadaron un éxito internacional máis amplo que a meirande parte dos srtistas britpop que os precederon, e estiveron entre as bandas máis exitosas comercialmente de finais dos 90 e principios dos 2000, posiblemente proporcionando unha platafora de lanzamento aos posteriores ovementos do garage rock revival e post-punk revival.

Anos 2000

[editar | editar a fonte]

Post-hardcore e emo

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: post-hardcore e emo.

O post-hardcore desenvolveuse nos Estados Unidos, particularmente nas áreas de Chicago e Washington, D.C., de principios a mediados dos 80, con bandas inspiradas pola ética do "faino ti mesmo" e polo hardcore punk, pero influenciadas polo post-punk, adoptando os seus longos formatos de cancións, estruturas musicais máis complexas e ás veces letras máis melódicas. Entre as bandas existintes que se moveron cara ao post-hardcore están Fugazi. Dende finais dos 80 foron seguidos por grupos como Quicksand, Girls Against Boys e The Jesus Lizard. Entre as bandas formadas nos 90 están Thursday, Thrice, Finch e Poison the Well.

Fugazi

O emo tamén emerxeu da escena hardcore en Washington, D.C. nos anos 80, inicialmente como "emocore", un termo usado para descrubir ás bandas que empregaban voces expresivas en lugar dos berros abrasivos máis comúns no estilo. O xénero foi iniciado por grupos como Rites of Spring e Embrace, este último formado por Ian MacKaye, furndador tamén do selo Dischord Records que se convertería nunha peza clave na aparición da escena emo de Washington, D.C. ao publicar traballos de Rites of Spring, Dag Nasty, Nation of Ulysses e Fugazi. Fugazi apareceu como a banda definitiva da primeira época do emo, gañando unha base de seareiros entre os seguidores do rock alternativo, sobre todo pola súa postura anti-comercial. A primeira escena emo operou dende o underground, con bandas de vida curta editando discos de vinilo a pequena escala a través de pequenos selos independentes. O son do emo de mediados dos 90 foi definido por grupos como Jawbreaker e Sunny Day Real Estate que incorporaron elementos do grunge e do rock máis melódico. Só despois da entrada do grunge e do pop punk no mainstream o emo gañou máis atención co éxito do Pinherton (1996) de Weezer, que tiña un son pop punk. As bandas de finais dos 90 inspiráronse no son de Fugazi, SDRE, Jawbreaker e Weezer, como The Promise Ring, The Get Up Kids, Braid, Texas Is the Reason, Joan of Arc, Jets to Brazil e a de máis éxito Jimmy Eat World, e no final do milenio foi un dos xéneros máis populares nos Estados Unidos.

O emo entrou no mainstream a principios dos anos 2000 co éxito de Jimmy Eat World Bleed American (2001) e o de Dashboard Confessional The Places You Have Come to Fear the Most (2003). O novo emo tiña un son moito máis comercial que o dos 90 e un maior atractivo entre os adolescentes que as súas primeiras encarnacións. Ao mesmo tempo, o uso do termo emo estendeuse máis aló do xénero musical, asociandose coa moda, un estilo de peiteado e todo tipo de música que espresase emoción. Os críticos e xornalistas aplicaron o termo a unha variedade de artistas, como os multiplatino Fall Out Boy e My Chemical Romance, e bandas dispares como Paramore e Panic at the Disco, incluso cando se queixaban da etiqueta. Cara ao ano 2003 as bandas de post-hardcore tamén colleron a atención dos grandes selos e comezaron a ter éxito nas listas de álbum. Un bo número desas bandas foron vistas como unha rama máis agresiva do emo e recibiu a vaga etiqueta de screamo. Sobre ese tempo unha nova onda de grupos de post-hardcore comezou a emerxer na escena incorporando estilos máis pop punk e rock alternativo á súa música, formada por The Used, Hawthorne Heights, Senses Fail, From First to Last e Emery e os canadenses Silverstein e Alexisonfire. Grupos británicos como Funeral For a Friend, The Blackout e Enter Shikari tamén fixeron progresos.

Garage rock/post-punk revival

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: garage rock revival e post-punk revival.
The Strokes

A principios da década dos 2000, un novo grupo de bandas que tocaban unha versión simplificada do rock básico de guitarras apareceu no mainstream. Estas foron caracterizadas como parte do garage rock, post-punk ou new wave revival. Debido a que estas bandas procedían de todo o globo, citaban diversas influencias (dende o blues tradicional, pasando polo New Wave ata o grunge), e adoptaban distintos estilos de vestir, a súa unidade como xénero estivo en disputa. Houbo intentos de revivir o garage rock e elementos do punk rock nos 80 e nos 90 e cara mediados dos 2000 as escenas medraran en varios países. A escena rock de Detroit incluía a The Von Bondies, Electric Six, The Dirtbombs e The Detroit Cobras a a de Nova York a Radio 4, Yeah Yeah Yeahs e The Rapture. Noutros lugares, artistas menos coñecidos como Billy Childish e The Buff Medways do Reino Unido, The (International) Noise Conspiracy de Suecia, The 5.6.7.8's do Xapón e The Oblivians de Memphis acadaron un éxito underground, rexional ou nacional[21] .

O éxito comercial desas escenas foi liderado por catro grupos: The Strokes, procedentes da escena neoiorquina de clubs, co seu álbum de estrea Is This It (2001); The White Stripes, de Detroit, co seu terceiro traballo White Blood Cells (2001); os suecos The Hives, tras o seu recompilatorio Your New Favourite Band (2001); e The Vines, dende Australia, con Highly Evolved (2002). Estas foron alcumadas polos medios como "as" bandas, e bautizadas "as salvadoras do rock 'n' roll", dando lugar a acusacións de esaxeración. Onha segunda onda de bandas que conseguiu gañar o recoñecemento internacional como resultado do movemento incluía a Black Rebel Motorcycle Club, The Killers, Interpol e Kings of Leon dos Estados Unidos, The Libertines, Arctic Monkeys, Bloc Party, Editors, Franz Ferdinand e Placebo do Reino Unido, Jet de Australia e The Datsuns e The D4 de Nova Zelandia.

Heavy metal contemporáneo, metalcore e retro-metal

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Heavy metal.

Cara ao novo milenio Escandinavia converteuse nunha das zonas onde apareceron as bandas máis exitosas e innovadoras, mentres que Bélxica, Países Baixos e especialmente Alemaña tiñan os mercados máis significativos. Bandas de metal continentais xa establecidas que colocaron múltiples álbums no top 20 das listas alemás entre 2003 e 2008 foron os fineses Children of Bodom, os noruegueses Dimmu Borgir, os alemáns Blind Guardian e os suecos HammerFall.

Children of Bodom

O metalcore, orixinalmente un híbrido estadounidense de thrash metal e hardcore punk, apareceu comercialmente con forza a mediados dos 2000. Tiña as súas raíces no estilo crossover thrash desenvolvido dúas décadas atrás por grupos como Suicidal Tendencies, Dirty Rotten Imbeciles e Stormtroopers of Death e permaneceu como un fenómeno underground durante os anos 90; entre os seus primeiros grupos están Earth Crisis, Converge, Hatebreed e Shai Hulud. The End of Heartache de Killswitch Engage e The War Within de Shadows Fall estreáronse nos números 21 e 20 da lista de álbums da Billboard. Os galeses Bullet for My Valentine entrarían no top 5 dos Estados Unidos e o Reino Unido con Scream Aim Fire (2008). As bandas de metalcore terían un espazo importante no Ozzfest e no Download Festival. Lamb of God, cunha mestura de estilos relacionados co metal, acadou o número 2 da Billboard no ano 2009 con Wrath.

O éxito destas bandas e outras como Trivium, que editara álbums tanto de metalcore como de thrash metal, e Mastodon, que tocaba un estilo de progresivo/sludge, inspirou un renacemento do metal nos Estados Unidos, e a escena foi bautizada por algúns críticos como a "Nova onda de heavy metal estadounidense". As súas raíces remóntanse á música de grupos como Pantera, Biohazard e Machine Head, baseándose no hardcore punk de Nova York, no thrash metal e no punk rock, axudando a inspirar a un movemennto afastado do nu metal de comezos dos 2000 e un regresando aos riffs e os solos de guitarra.

O termo "retro-metal" foi aplicado a bandas como a texana The Sword, a californoana High on Fire, a sueca Witchcraft e a australiana Wolfmother. Age of Winters (2006) de The Sword inspírase fortemente no traballo de Black Sabbath e Pentagram, mentres que Witchcraft engade elementos do folk rock e do rock psicodélico, e o álbum de estrea autotitulado de Wolfmother (2005) combinaba elementos do son de Deep Purple e Led Zeppelin.

Rock electrónico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: rock electrónico.

Nos anos 2000, ao facerse máis accesible a tecnoloxía informática e co avance do software musical, foi posible crear música de alta calidade usando pouco máis que un ordenador. Isto levou a un masivo incremento da cantidade de música electrónica producida na casa dispoñible ao público xeral a través de Internet, e a novas formas de interpretación como a laptronica ou a programación ao vivo. Estas técnicas tamén comezaron a ser usadas por bandas existintes, como no álbum Year Zero (2007) de Nine Inch Nails, e desenvolvendo xéneros que mesturaban rock con técnicas e sons dixitais, como indie electrónico, electroclash, dance-punk e new rave.

Gaspard Augé e Xavier de Rosnay de Justice

O indie electrónico, que se iniciara a principios dos 90 con bandas como Stereolab e Disco Inferno, colleu pulo no novo milenio ao desenvolverse a tecnoloxía dixital, con artistas como os británicos Broadcast, os franceses Justice, os alemáns Lali Puna e os estadouidenses The Postal Service e Ratatat, mesturando unha variedade de sons indie con música electrónica, principalmente producida a traves de pequenos selos independentes. O subxénero do electroclash comezou en Nova York a finais dos 90, combinando synthpop, techno e punk rock. Foi iniciado por I-F co seu tema "Space Invaders Are Smoking Grass" (1998), e seguido por artistas como Felix da Housecat, Peaches, Chicks on Speed e Ladytron. Gañou atención internacional a comezos do novo milenio e espallouse ás escenas de Londres e Berlín, pero esvaeceuse rapidamente como un xénero recoñecible. O dance-punk, mesturando sons post-punk con disco e funk, desenvolvérase nos 80, pero foi revivido por algúns grupos do movemento garage rock/post-punk revival nos primeiros anos dos 2000, particularmente entre bandas de Nova York como Liars, The Rapture e Radio 4, acompañados por conxuntos orientados cara ao dance que incorporaron sons rock como Out Hud. No Reino Unido a combinación de indie con dance-punk foi bautizada new rave na publicidade de Klaxons e o termo foi tomado e aplicado pola revista NME para referirse a bandas como Trash Fashion, New Young Pony Club, Hadouken!, Late of the Pier, Test Icicles e Shitdisco, formando unha escena cunha estetica visual semellante á da primeira música rave.

O renovado interese pola música electrónica e a nostalxia dos 80 levou ao rexurdimento do synthpop, con grupos como Adult e Fischerspooner. Contra os anos 2003-2004 este comezou a entrar no mainstream con Ladytron, The Postal Service, Cut Copy, The Bravery e, co seu éxito máis comercial, The Killers, producindo todos eles discos que incorporaban sons de sintetizadores vintage que contrastaban cos dominantes post-grunge e nu metal. O estilo foi recollido por un gran número de intérpretes, particularmente artistas femininas en solitario, levando aos medios (sobre todo británicos) a anunciar unha nova era do electropop feminino. Entre estes artistas británicos estaban Little Boots, La Roux e Ladyhawke. Intérpretes masculinos que apareceron no mesmo período son Calvin Harris, Frankmusik, Hurts, Kaskade, LMFAO e Owl City.

Impacto social

[editar | editar a fonte]

Diferentes subxéneros do rock foron adoptados pola revelación dos adolescentes, converténdose tamén no seu centro de identidade, creáronse tamén un gran número de subculturas. Nos anos 50 e 60, respectivamente,os mozos británicos adoptaron as subculturas de Teddy Boy e Rocker, que xiraban ao redor do rock and roll estadounidense. A contracultura dos anos 60 estaba estreitamente relacionada co rock psicodélico. A subcultura do punk de mediados dos 70 iniciouse nos Estados Unidos, pero a deseñadora británica Vivian Westwood deulle un aspecto distinto, un look que se espallou por todo o mundo. Fóra da escena punk, medraron as subculturas gótica e emo, ámbalas dúas con estilos visuais distintos. Nos nosos días estas culturas séguense estendendo e tamén aparecen novas subculturas para identificarse con outros estilos de música ou cunha banda concreta.

  1. Scheurer, T. E. (1989). American Popular Music: The Age of Rock. Madison, WI: Popular Press. p. 170. ISBN 0-87972-468-4. 
  2. Browne, P. (2001). The Guide to United States Popular Culture. Madison, WI: Popular Press. pp. 358. ISBN 0-87972-821-3. 
  3. D. Hatch e S. Millward (1987). From Blues to Rock: an Analytical History of Pop Music. Manchester: Manchester University Press. pp. 78. ISBN 0-7190-1489-1. 
  4. Blair, J. (1985). The Illustrated Discography of Surf Music, 1961–1965. Ypsilanti, MI: Pierian Press. p. 75. ISBN 0-87650-174-9. 
  5. Mitchell, G. (2007). The North American Folk Music Revival: Nation and Identity in the United States and Canada, 1945–1980. Ashgate. pp. 95. ISBN 0-7546-5756-6. 
  6. K. Wolff e O. Duane (2000). Country Music: The Rough Guide. Londres: Rough Guides. pp. 392. ISBN 1-85828-534-8. 
  7. Tawa, N. E. (2005). Supremely American: Popular Song in the 20th Century: Styles and Singers and What They Said About America. Lanham, MA: Scarecrow Press. pp. 227-228. ISBN 0-8108-5295-0. 
  8. Macan, E. (1997). Rocking the Classics: English Progressive Rock and the Counterculture. Oxford: Oxford University Press. pp. 34-35. ISBN 0-19-509887-0. 
  9. Scaruffi, P. (2003). A History of Rock Music: 1951–2000. iUniverse. pp. 142. ISBN 0-595-29565-7. 
  10. Shuker, R. (2005). Popular Music: the Key Concepts. Abingdon: Routledge. pp. 124-125. ISBN 0-415-34770-X. 
  11. Auslander, P. (2006). Gender and Theatricality in Popular Music. Ann Arbor, MI: University of Michigan Press. pp. 57, 63, 87 e 141. ISBN 0-7546-4057-4. 
  12. Auslander, P. (2006). Gender and Theatricality in Popular Music. Ann Arbor, MI: University of Michigan Press. p. 196. ISBN 0-7546-4057-4. 
  13. Auslander, P. (2006). Gender and Theatricality in Popular Music. Ann Arbor, MI: University of Michigan Press. p. 227. ISBN 0-7546-4057-4. 
  14. Thompson, J.J. (2000). Raised by Wolves: the Story of Christian Rock & Roll. Toronto: ECW Press. pp. 30-31. ISBN 1-55022-421-2. 
  15. Thompson, J.J. (2000). Raised by Wolves: the Story of Christian Rock & Roll. Toronto: ECW Press. pp. 206-207. ISBN 1-55022-421-2. 
  16. L. M. E. Goodlad e M. Bibby (2007). Goth: Undead Subculture. Durham: Duke University Press. p. 239. ISBN 0-8223-3921-8. 
  17. F. W. Hoffmann e H. Ferstler (2004). Encyclopedia of Recorded Sound, Volume 1. Nova York: CRC Press. p. 1135. ISBN 0-415-93835-X. 
  18. P. Prown, H. P. Newquist e J. F. Eiche (1997). Legends of Rock Guitar: the Essential Reference of Rock's Greatest Guitarists. Milwaukee, WI: Hal Leonard Corporation. pp. 198 - 199. ISBN 0-7935-4042-9. 
  19. Walker, M. (2007). Laurel Canyon: The Inside Story of Rock-And-Roll's Legendary Neighborhood. Londres: Macmillan. p. 241. ISBN 0-86547-966-6. 
  20. Walser, R. (2003). Running with the Devil: Power, Gender, and Madness in Heavy Metal Music. Middletown, CT: Wesleyan University Press. pp. 11 - 14. ISBN 0-8195-6260-2. 
  21. True, E. (2004). The White Stripes and the Sound of Mutant Blues. Londres: Omnibus Press. p. 59. ISBN 0-7119-9836-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]