Maniqueísmo
O maniqueísmo foi unha seita filosófica e relixiosa fundada polo sabio persa Mani (ou Manes) (c. 215-275), considerado polos seus seguidores como divinamente inspirado.
Historia
[editar | editar a fonte]A comezos do século III estendeuse a través de oriente e en moitas partes do Imperio Romano.
Os maniqueos -a semellanza dos gnósticos e os mandeos— eran dualistas, crían que había unha eterna loita entre dous principios opostos e irredutíbeis, o ben e o mal, que eran asociados á luz (Ormuz) e ás tebras (Ahrimán). Segundo eles, Deus é o creador de todo o bo e Ahrimán o creador de todo o malo. Posteriormente algúns maniqueos dualizaban a natureza do deus e outorgáronlle a calidade de conter todo o bo e todo o malo.
Doutrina
[editar | editar a fonte]O maniqueismo é un sincretismo que combina elementos do Zoroastrismo, Cristianismo e Gnosticismo.
Os maniqueos cren que o espírito do home é de Deus pero o corpo do home é do demo. No home, o espírito ou luz está cativo por causa da materia corporal; polo tanto, cren que é necesario practicar un estrito ascetismo para iniciar o proceso de liberación da luz atrapada. Desprezan por iso a materia, incluso o corpo. Os «ouvintes» aspiraban a reencarnarse como «elixidos», os cales xa non necesitarían reencarnarse máis.
Buda e outras moitas figuras relixiosas foron enviadas á humanidade para axudala na súa liberación espiritual.
Na práctica, o maniqueísmo nega a responsabilidade humana polos males cometidos porque cre que non son produto da libre vontade senón do dominio do mal sobre a nosa vida.
A igrexa maniquea
[editar | editar a fonte]A igrexa cristiá de Mani estaba estruturada a partir dos diversos graos de desenvolvemento interior. El mesmo a encabezaba como apostol de Xesucristo. Xunto a el estaban doce instrutores ou fillos da misericordia. Seis fillos iluminados polo sol do coñecemento asistían a cada un deles. Eses "epíscopos" (bispos) eran auxiliados por seis presbíteros ou fillos da intelixencia. O cuarto círculo comprendía inumerábeis electos chamados fillos e fillas da verdade ou dos misterios. A súa tarefa era rezar, cantar, escribir e traducir. O quinto círculo estaba formado polos auditores ou fillos e fillas da comprensión. Para ese último grupo, as esixencias eran menores.
Os mandamentos
[editar | editar a fonte]Debían seguir sobre todo os dez mandamentos seguintes como fío condutor da súa vida cotiá:
- Non adorar ningún ídolo;
- Purificar o que sae da boca: non maldicir, non mentir, non levantar falso testemuño ou calumniar;
- Purificar o que entra pola boca: non comer carne, nin inxerir alcohol;
- Venerar as mensaxes divinas;
- Ser fiel ao seu cónxuxe e manter a continencia sexual durante os xaxúns;
- Auxiliar e consolar aqueles que sofren;
- Evitar os falsos profetas;
- Non asustar, ferir, atormentar ou matar animais;
- Non roubar nin cometer fraude;
- Non practicar ningunha maxia ou feiticería;
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Puech, Henri-Charles (2006). Sobre el maniqueísmo y otros ensayos. Madrid: Siruela. ISBN 978-84-7844-977-4.