Mapa conceptual
Un mapa conceptual é unha estratexia de aprendizaxe propia da teoría construtivista, que produce aprendizaxes significativas ao relacionar os conceptos de xeito ordenado. Caracterízase pola súa simplificación, xerarquización e impacto visual.
Introdución
[editar | editar a fonte]Segundo David Ausubel[1] a maior parte da aprendizaxe escolar é relativamente arbitraria e non substantiva, polo que o alumnado usa a repetición para adquirir os coñecementos escolares (declarativo, procedemental e actitudinal). A repetición é unha técnica de aprendizaxe útil no caso de materiais como as listas de datos sen conexión e as que se require recordar tal coma un número telefónico. Porén, ao non darlle significado á tarefa, o memorizado adoita esquecerse en pouco tempo, polo que convén recorrer a estratexias de aprendizaxe de acordo ao contido en particular, que produzan aprendizaxes significativas e non memorísticas.
A aprendizaxe significativa pon énfase na creación, evolución e relación entre os conceptos. Hai diferentes maneiras de camiñar cara á construción de aprendizaxes significativas, pero todas elas pasan por coñecer o que o alumnado xa sabe e a construción do novo coñecemento a partir dese punto.
Características
[editar | editar a fonte]As características dun bo mapa conceptual son a xerarquización, impacto visual e simplificación.
- Xerarquización é a ordenación dos conceptos máis xerais e inclusivos na parte superior, situando na parte inferior mediante unha diferenciación progresiva os conceptos máis específicos.
- Impacto visual é a consideración da limpeza, espazos, claridade e ortografía para evitar e reducir as confusións e amoreamentos. Por este motivo convén debuxar os mapas varias veces, revisando os posibles erros e defectos. Así mesmo, para a impresión estética, recoméndase usar óvalos no canto de triángulos e cadrados.
- Simplificación é a selección dos conceptos máis importantes, localizando a información central e diferenciando o contido do que non o é para unha mellor comprensión e elaboración. Os conceptos, ao iren relacionándose por medio das palabras enlace, vanse almacenando na mente de modo organizado e xerárquico, sendo así máis facilmente comprendidos. Neste sentido pódense desenvolver novas relacións conceptuais, en especial se os alumnos tratan de construír de forma activa relacións preposicionais entre conceptos que previamente non se consideraban relacionados, xa que cando ao elaboran nos mapas se decatan de novas relacións, e por conseguinte de novos significados.
Considerando estas características, os mapas conceptuais fomentan a creatividade e facilitan a participación.
Usos
[editar | editar a fonte]Joseph D. Novak e D. Bob Gowin[2] afirman que unha vez que o alumno ten a habilidade na súa elaboración, o seu uso permitirá saber o que o alumno xa coñece antes de emprender unha aprendizaxe concreta. Isto permite coñecer as deficiencias e erros conceptuais, así como incorporar aos alumnos que fracasan na aprendizaxe pola negativa a realizar tarefas pouco significativas. Permite ademais construír significados máis ricos e estimular a aprendizaxe significativa, ao ser cada alumno consciente do que aprende. Pódese trazar unha ruta de aprendizaxe que permita saber por onde se vai e cara a onde se camiña.
Na súa elaboración pódense extraer significados dos libros de texto, conferencias, obras literarias e traballos de laboratorio, campo ou estudo. Permite preparar traballos orais ou escritos, facer sínteses de lecturas de artigos, periódicos ou revistas, fomentar o traballo cooperativo, a comunicación, a creatividade e o espírito negociador.
Método de confección
[editar | editar a fonte]Conxuntando as propostas de Novak e Gowin (1984), Ontoria[3], Pérez Cabaní[4], Horton[5] e González[6], para a elaboración dun mapa conceptual é necesario:
- Identificar os conceptos clave do contido que se quere ordenar no mapa. Estes conceptos débense pór nunha lista.
- Colocar o concepto principal ou máis xeral na parte superior do mapa para ir uníndoo cos outros conceptos segundo o nivel de xeneralización e especificidade. Todos os conceptos deben escribirse con maiúscula.
- Conectar os conceptos cunha palabra enlace, a cal debe ir en minúsculas en medio de dúas liñas que indiquen a dirección da proposición.
- Pódense incluír exemplos na parte inferior do mapa baixo os conceptos correspondentes.
- Unha vez observados todos os conceptos de modo liñal poden observarse relacións cruzadas.
Diferenzas respecto ao mapa mental
[editar | editar a fonte]Un mapa mental consta dun concepto en torno ao que se debuxan entre 5 e 10 ideas principais referidas a el. A partir de cada unha das palabras derivadas, debúxanse á súa vez de 5 a 10 ideas principais referidas a cada unha desas palabras.
Gran parte da diferenza estriba na capacidade visual do mapa mental e as conexións que realiza. O mapa mental busca e esixe imaxes para a súa construción. As imaxes e debuxos teñen varias funcións, algunhas mnemotécnicas, outra para reducir as palabras mantendo un concepto ou idea complexa e tamén para buscar novas conexións. As imaxes conectan axiña con outras ideas afíns, polo que parte da potencia do mapa mental está na súa capacidade visual de xerar novas conexións e reter as ideas co hemisferio visual do cerebro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ausubel, D.: Educational Psychology: A Cognitive View, 1978.
- ↑ Novak, J. D. e Gowin, D. B.: Learning How to Learn (1984)
- ↑ Ontoria Peña, A.: Los mapas conceptuales: una técnica para aprender (1993).
- ↑ Pérez Cabaní, M. L.: "Los mapas conceptuales", en Cuadernos de Pedagogía nº 237 (xuño 1995)
- ↑ Horton, P. e outros: "An investigation of the efectiveness of Concept Mapping as an Instructional Tool", en Science Education nº 77 (1993)
- ↑ González, G.: "Los mapas conceptuales de J. D. Novak como instrumentos para la investigación didáctica de las ciencias experimentales", en Enseñanza de las ciencias, Vol. 10 nº 2 (1992)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Software para realizar mapas conceptuais:
- IHMC CmapTools: Programa gratuíto desenvolvido polo Florida Institute for Human and Machine Cognition.
- OpenOffice Draw
- Mapa Conceptual Arquivado 01 de agosto de 2015 en Wayback Machine., Como se elabora un mapa conceptual.