Saltar ao contido

Menxevique

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os menxeviques Pavel Axelrod, Julius Martov e Alexander Martínov en Estocolmo (maio de 1917)

Os menxeviques (en ruso меньшевики, mensheviki) eran a facción moderada do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia.

Os menxeviques, encabezados por Julius Martov, sostiñan que non había que esixir pertencer a unha das organizacións de base do partido, como condición para ser recoñecido como membro del. Por contra, pensaban que era preferible contar cunha base partidaria ampla, a diferenza do modelo de partido único de vangarda do proletariado que propuña Lenin. Consideraban que en Rusia debía cumprirse en primeiro lugar unha revolución burguesa durante a que ó partido obreiro lle correspondería ser a facción da esquerda. Nunha liña socialdemócrata, formulaban a instauración dunha democracia representativa mantendo a estrutura de produción capitalista.

A posición organizativa de Martov sobre o partido contou co apoio maioritario dos delegados presentes no congreso. Porén, inmediatamente achouse en minoría á hora de escoller o comité directivo, debido a que algúns delegados se retiraron do congreso porque este non aceptou certas propostas do seu interese. De aí provén o alcume de menxeviques, "a minoría".

Pese ás diferenzas, os menxeviques mantivéronse formalmente dentro do partido e foron moi activos na organización dos soviets durante a Revolución de 1905. Porén, tras o fracaso desta, abandonaron a idea da loita armada. Centráronse en tratar de formar un partido legal e avogaron por unha liquidación progresiva do tsarismo cara a unha revolución burguesa, na que o terceiro estado compartise o poder. A súa separación do partido fíxose definitiva en 1912.

En 1914, Martov, ó igual que os bolxeviques, opúxose frontalmente á participación na Primeira guerra mundial. Porén, en medio da Segunda Internacional, os menxeviques mantiveron posicións diferenciadas e ata diverxentes sobre a guerra. Alexander Potrésov, Piotr Máslov Kusmá Gvósdev e Emanuel Smirnov chamaron a "defender a patria", incluso Georgii Plekhanov tornouse defensista. O resto dos menxeviques uníronse nun principio ó sector "internacionalista", aínda que Nikolay Chkheidze, deputado na Duma, publicaba Nashe Dielo ("A Nosa Causa"), cunha posición máis conciliadora co defensismo que a posición oficial do Comité de Organización menxevique, expresada por Spectator, Martínov e Pavel Axelrod. No entanto, Martov, integrante deste comité, chegou a colaborar con Lev Trotski en Nashe Slovo (A Nosa Palabra), cunha posición de rexeitamento a todo defensismo.

Tras a Revolución de Febreiro de 1917, ó chegaren ó goberno os menxeviques en alianza cos socialrevolucionarios e os liberais, mantiveron o Exército Ruso na fronte e asumiron a responsabilidade de continuaren a guerra en alianza con Francia, Gran Bretaña e máis Serbia. Martov opúxose abertamente a esta política e Axelrod aconsellou abrir as negociacións de paz con Alemaña e Austria. Porén, os menxeviques apoiaron as políticas de Fiódor Dan e o ministro do goberno provisional Irakli Tsereteli de seguiren a guerra e aprazaren a reforma agraria. Con isto perderon a simpatía das masas obreiras, que se volcaron cara ós bolxeviques, e os campesiños, que apoiaran os socialrevolucionarios.

Anos posteriores

[editar | editar a fonte]

O partido menxevique foi proscrito tras a Revolta de Kronstadt en 1921. Uns poucos dos seus membros emigraron, publicaron o xornal O Mensaxeiro Socialista fundado por Martov e mantiveron o Centro Menxevique en Berlín, París e Nova York ata comezos da década de 1970. Actualmente algunhas formacións políticas rusas reivindícanse herdeiras do patrimonio político dos menxeviques.