Saltar ao contido

Moeda provincial romana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda provincial romana emitida en Galicia: ás de César Augusto cuñado na ceca móbil de Lucus Augusti durante as guerras cántabras (ca. 25 a. de C.)

No ámbito numismático, coñécese moeda provincial romana a emitida entre os anos 44 a. de C. e 297 da nosa era na área de influencia do Imperio Romano mais a nome ou por iniciativa das autoridades provinciais, sen un control directo do Imperio.[1][2] Con frecuencia, estas moedas supuñan, tanto nos seus deseños como na súa métrica, unha continuación das xa existentes nesas rexións con anterioridade á chegada do poder de Roma, aínda que habitualmente engadían o retrato do emperador romano ou algún sinal do seu poder.[3][4][5][6]

O Imperio Romano e as súas provincias despois do ano 120

Moitas destas moedas foron cuñadas en zonas do Imperio de influencia grega, e en case todos estes casos supuxeron unha evolución das moedas emitidas nas polis gregas asentadas no sur de Italia e en Sicilia (Magna Grecia); no caso das moedas desta procedencia aplícanse adoito de maneira sinónima as expresións "moeda provincial romana" e "moeda imperial grega".[7][8][9]

As emisións e as súas cecas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cecas da Antiga Roma.
Moeda provincial romama de Alexandría: tetradracma de billón a nome de Tiberio con caracteres gregos (ca. 20-21 d. de C.)

Cando unha rexión nova era asimilada pola civilización Romana, ás veces permitíase o mantemento en circulación das moedas locais preexistentes (no caso de as haber), por pura conveniencia. Ademais disto, algunhas das novas colonias recibían autorización para a cuñaxe de moedas de cobre, xa que as de prata (agás algunhas excepcións) e sobre todo as de ouro eran prerrogativa da capital do Imperio. Estas moedas provinciais eran maioritariamente utilizadas pola poboación local só para as pequenas transaccións cotiás, tendo en conta que o seu valor intrínseco era case sempre inferior ao do circulante imperial.

As moedas provinciais foron cuñadas maioritariamente en cobre e en billón e, en menor número, en prata, estas últimas baixo un control estrito de Roma. As emisións en prata e en billón eran máis características das rexións orientais do Imperio, e moi particularmente de Alexandría.

Moeda provincial romana: arxénteo da provincia de Antioquía (ca. 294-295 d. de C.) a nome de Constancio Cloro. Ceca de Antioquía.

Cara ao ano 210 a. de C., Roma controlaba todas das cidades establecidas por emigrantes e colonos gregos da rexión da Magna Grecia, e ao principio do século seguinte xa se notaba unha clara influencia romana na moeda emitida nesas antigas polis.[10] Tanto a iconografía e como o estilo das moedas cambiaran considerablemente, ata se considerar habitualmente como as primeiras mostras de moedas provinciais romanas.[11][12]

Durante a época imperial contabilízanse arredor de 600 obradoiros monetarios provinciais, establecidas ao longo de todo o Imperio, cunha maior concentración na zona oriental, aínda que tamén frecuentes en puntos como Hispania e a Galia.[13][14][15][16]

As principais cidades provinciais, como Corinto, Antioquía, ou Mesia, tiñan unha gran capacidade para a emisión de moeda destinada á circulación en toda a provincia, en tanto que outras, como Viminacium, realizaban simplemente pequenas tiraxes para a circulación local.[17][18]

  1. "Information". En Roman Provincial Coinage Online.
  2. Heath, Sebastian. "Roman Provincial Coins and Imperial Chronology Arquivado 31 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". En ANS Magazine. Primavera de 2005. American Numismatic Society.
  3. "Roman Provincial Coin Portraits". En Coin Week. 31 de xaneiro de 2018.
  4. Wayne G. Sayles (1998).
  5. Heuchert, V. (2003). "Roman Provincial Coinage". En Alfaro, C.; Burnett, A. (eds.). A Survey of Numismatic Research 1996-2001. International Numismatic Commission - International Association of Professional Numismatists: 313-43. Madrid.
  6. Kremydi, S. (2009). "Roman Provincial Coinage". En Bateson, D.; Amandry, M. (eds.). A Survey of Numismatic Research 2002-2007. International Numismatic Commission - International Association of Professional Numismatists: 182-195. Glasgow. ISBN 9781902040950
  7. "Coins of the Finest Period of the Greek Cities of the South opf Italy". En Noel Humphreys, Henry. (1869). Páxinas 66-72.
  8. Butcher, Kevin (1988).
  9. "Roman Provincial Coins". En Forum Ancient Coins.
  10. Johnson, A. (1985). "The so-called pseudo-autonomous Greek Imperials". En American Numismatic Society Museum. Notes 30: 89-112.
  11. Wayne G. Sayles (2003). Páxina 21.
  12. "Roman Provincial Coins". En Gordian III and Roman Provincial Coins.
  13. Arévalo González, A. "La moneda provincial romana de Hispania en el Museo de Cádiz". En La colección de monedas del Museo de Cádiz. Cádiz. 2005. Páxinas 58-68. ISBN 84-95952-45-9
  14. Ripollés, P. P. (2010).
  15. Ripollès, P. P. (1993). "Hispania: las acuñaciones locales y la financiación de las Rei Publicae". En Rivista italiana di numismatica e scienze affini, XCV. Páxinas 295-306.
  16. Delmaire, Roland (1996). "De la monnaie gauloise à la monnaie romaine : l'exemple de la région du Nord - Pas-de-Calais". En Revue du Nord. 318. Páxinas 9-14.
  17. "Algunas cecas provinciales romanas". En www.tesorillo.com.
  18. "Roman Provincial Mint Cities Compiled by Henrik Agndal". En Ancient Coins.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]