Saltar ao contido

Monte Apo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monte Apo
O Monte Apo
O Monte Apo
Altitude 2.954 m
Latitude 7º 0' 30 N
Lonxitude 125º 16' 33 L
Rexión Mindanao (Filipinas)
Montaña Montes de Mindanao
Primeiro ascenso 1880 por Joaquín Rajal e outros.
Tipo de volcán Estratovolcán, activo
O Apo localízase no sur de Filipinas

O Monte Apo é un estratovolcán e a montaña máis elevada das illas Filipinas cunha altura de 2.954 metros.

O seu nome significa "amo" ou "avó".

Situación

[editar | editar a fonte]

O Apo está situado ao sueste de Mindanao, a grande illa do arquipélago, na provincia de Cotobato, a poucos quilómetros ao suroeste da cidade de Davao. A cima presenta un cume aplanado, con tres picos, e un cráter de aproximadamente 500 metros de diámetro cun pequeno lago.

Erupcións

[editar | editar a fonte]

Aínda que o volcán é potencialmente activo, do que son signo as súas solfataras, descoñécese a data da súa derradeira erupción, e non se coñecen rexistros históricos que poidan documentar algún dato ao respecto. É aproveitado para xerar enerxía xeotermal.

Ascensións

[editar | editar a fonte]

Doadamente escalábel, o Apo foi ascendido, en subida rexistrada, por vez primeira o 10 de outubro de 1880 por Joaquín Rajal e outros acompañantes. Actualmente a cima do Monte Apo é un dos destinos preferidos polos filipinos. As sendas de subida están ben marcadas, aínda que presentan abundancia de lixo.

Contorno ambiental

[editar | editar a fonte]

O presidente Manuel L. Quezón declarou a área do Apo parque nacional o 9 de maio de 1936. Ten sido tamén proposto para as candidaturas de Patrimonio Mundial da UNESCO.

O monte está considerado como o centro de endemismos da illa de Mindanao. A súa área alberga arredor de 270 especies distintas de aves, das que un centenar se consideran endémicas. A respecto da flora, o monte acolle tres tipos diferentes de bosques tropicais, desde a base até media ladeira, con bosque de montaña na parte superior.