Ourizo cacho
Ourizo cacho | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Erinaceus europaeus Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||
Distribución Erinaceus europaeus
| |||||||||||||||||
Distribución en Europa
|
O ourizo cacho ou ourizo cacheiro[1] (Erinaceus europaeus) é un mamífero insectívoro que abunda nas fragas galegas e nas pradarías que teñen arbustos, sebes e valados onde agocharse. O adxectivo cacho aplícase a calquera animal ou planta que se envolve sobre si mesmo[2]. Tamén recibe os nomes de porco espiño,[3] que non se debe confundir co roedor histrícido[4] que ten ese mesmo nome, cachourizo e, simplemente, ourizo[1] ou orizo[5]
Descrición
[editar | editar a fonte]Os adultos poden chegar a pesar máis dun quilo. A súa característica máis rechamante son as pugas ou espiñas de que está revestido. Os músculos cutáneos permítenlle envolverse e formar unha bóla de pugas contra a que os seus inimigos naturais son impotentes. Ás veces é presa de cans, raposos, porcos teixos, lamotes ou curuxas.
Non teñen pescozo e os seus ollos son pequeniños. As orellas son redondeadas e o fociño aguzado. A súa dentamia componse de 36 pezas. As súas catro patas son curtas, teñen 5 dedos e están providas de fortes unllas. Ten un rabiño pequeno. Os machos son máis grandes que as femias, e o abdome é dunha cor parda máis clara que as pugas. As femias poden ser tamén da cor da cinza.
Son animais lentos, aínda que poden apurar o paso. Camiña moito e sabe nadar. No caso de presentir perigo tenden a inhibirse e enrodelarse sobre si mesmos. Emite sopridos e asobíos. O seu olfacto está moi desenvolvido.
Hábitat
[editar | editar a fonte]Vive en bosques con abundante vexetación, pero sobre todo gusta de terreos con matogueiras, silveiras e arbustos. É un animal frecuente nos montes e aldeas de Galiza e nos arredores das vilas. En Inglaterra e noutros países europeos vive nas zonas periféricas das poboacións e mesmo nos xardíns das casas e nos parques urbanos.
O seu maior inimigo hoxe é o ser humano. Os pesticidas foron noutrora causa da súa morte pero a mortalidade accidental nas estradas e autovías galegas é hoxe o seu maior problema. Moita menor incidencia no descenso de exemplares téñena os seus depredadores naturais.
Reacción dun ourizo ao detectar perigo
[editar | editar a fonte]Alimentación
[editar | editar a fonte]Procura xeralmente o alimento de noite, cando se mostra moito máis activo. Caza e come sobre todo insectos, pero pode alimentarse de caracois, limachas e mesmo ras. Esta dieta compleméntaa ás veces con ovos de aves que aniñan no chan, con landras, castañas e outros froitos e bagas. A súa actividade é sobre todo nocturna, polo que pode ser visto á tardiña. As luces dos coches céganos ou asústanos e ao se encoscaren son atropelados. Polo día está en niños inaccesibles, normalmente no medio de matogueiras densas ou silveiras nas que lle é doado introducirse. Ten sempre varios niños no seu territorio, mudando adoito de agocho.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Normalmente teñen dous períodos de celo, un cando comeza o bo tempo e outro entre agosto e setembro. A xestación dura uns dous meses. Poden chegar a ter cinco ou seis crías, que ao primeiro son de cor rosa e nacen cegas. Non abren os ollos ata a idade de dúas semanas. Aos tres días dispoñen de pinchos que se van endurecendo pouco a pouco. Maman uns vinte días e a partir do mes acompañan á nai nas súas saídas e exploracións. A partir das cinco ou seis semanas independízanse. A madurez sexual chégalles aproximadamente aos dez meses.
O ano dos ourizos cachos dívídese nun período de actividade entre abril e novembro e un período de hibernación que pasan nos seus niños cando comeza a facer frío. Espertan coa primavera cando soben as temperaturas.
Imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ourizo.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cacho.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para porco.
- ↑ Definición de porco no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia. O dicionario de Ir Indo reserva o nome de porco espiño para o roedor.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para orizo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ourizo cacho |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Imaxes e consellos para detectar a súa presenza Arquivado 21 de xullo de 2006 en Wayback Machine.
- Thehedgehog.co.uk