Palla
A palla é a cana ou talo seco de cereais como o trigo, a avea, o centeo ou a cebada despois de o separar do gran ou semente na trilladura.
Historia e características
[editar | editar a fonte]A palla era unha parte útil da colleita, mais coa chegada das colleitadoras na década de 1950 e mais das sementadoras de "labranza cero", nos anos 90, a palla mudou na visión dos granxeiros, quen paulatinamente a foron considerando unha carga ou estorbo. Porén, segue vixente a súa utilidade para a tarefa de manter a calidade do solo, para o cal é reincorporada á terra, a fin de lle servir de materia orgánica adicional.
A palla era obtida tras a operación de separación na eira. Para a súa conservación como alimento para os animais era almacenada en medas ou formando na eira o típico palleiro amoreando a palla ou herba seca en forma de cono de tal xeito que non se molle coas chuvias. Posteriormente os palleiros foron aos poucos substituídos por fardos e silos. A palla é xeralmente comercializada en balas (ou pacas) ou en rolos, e o seu valor pode verse afectado polo limpa e pura que esta sexa, o que revirte nunha maior ou menor calidade do produto.
Usos
[editar | editar a fonte]- Como leito ou cama para o gando (especialmente bestas, ovellas e gando vacún), formando así a base do esterco.
- Como alimento do gado, malia ser de pouca calidade, para os ruminantes, únicos animais de cría capaces de dixerir a celulosa contida na palla, grazas á actividade microbiana do seu bandullo. Para a facer máis apetecíbel, e para mellorar o seu valor nutritivo, pódense engadir diversos produtos (urea, melazo...). A palla é un produto útil no caso de penuria, especialmente durante os períodos de seca que esgotan a produción de forraxe nas zonas de cría gandeira; porén, un bóvido alimentado exclusivamente de palla enfraquece rapidamente.
- Coma protección do solo, formando no chan unha tona ou capa superficial de palla, especialmente en horticultura e silvicultura. É neste sentido que se emprega para manter a humidade despois de se ter sementado. A palla é logo unha das alternativas dentro do grupo de materiais protectores da capa húmida do chan, xunta a casca de piñeiro, ou incluso ás láminas de plástico. Para evitar as perdas de solo despois dos incendios forestais pola escorrenta de auga especialmente nas abas de pendente pronunciada tamén é frecuente o uso de palla no chan.
- Coma fonte de enerxía, ben usada directamente coma combustíbel, ben a través de procedementos de transformación que dan lugar a carburantes de mellor calidade medioambiental, tales como : o biogás (obtido por fermentación), o carbón vexetal (obtido mediante pirólise) ou o (aínda en estudo) etanol.
- Coma fonte de celulosa para fabricar papel.
- Para evitar escorregamento en chans mollados e lameiras.
- Construción.
- A palla dalgunhas plantas, coma os cereais, pode utilizarse coma material de construción (Bioconstrución). Tradicionalmente para a fabricación de adobes e ladrillos.
- Construción de muros de vivendas con balas de palla: Un dos materiais máis antigos usados na construción de vivendas é a palla que agora é embalada e empregada en construcións de vivindas autosoportantes.
- Colmados. Cubertas feitas con vexetación seca como palla, carrizos, xuncos ou uces, colocándoas en capas, de xeito que a auga escorregue pola cuberta e non cimbre no interior.
En Galicia a palla escollida de centeo ou de trigo, era acotío usada para cuberta de certas construcións rústicas coma hórreos, palleiras (construcións onde precisamente se gardaba a palla), alpendres e incluso, nas montañas galegas, en vivendas (pallozas). Neste caso á palla chámaselle colmo, e por iso ás cubertas chámanselle colmados. Os colmados son típicos en moitas cubertas tradicionais en todo o mundo (Europa do Leste, Europa atlántica etc).
Vivendas de palla
[editar | editar a fonte]Exemplos de tipos de vivendas con cubertas de palla son:
- Quinchos, en Suramérica.
- Teitos, en Asturias. Semellantes á palloza galega.
- Chozos
- Rucas
- Chaumières
- Wigwams
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Palla |