Plecópteros
Plecópteros Rango fósil: Permiano–Actul (-229 Ma-0) | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Eusthenia sp. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Subordes | |||||||||||||||
Arctoperlaria |
Os plecópteros[1] (Plecoptera) son unha orde de insectos no que se describiron ata agora unhas 3.500 especies en todo o mundo.[2] Viven en todos os continentes menos na Antártida.[3] Considéranse uns dos grupos máis primitivos de insectos neópteros. Os seus parentes antigos máis próximos identificáronse en restos fósiles dos períodos xeolóxicos que van desde o Carbonífero ao Permiano inferior, e os verdadeiros plecópteros atopáronse en restos fósiles só un pouco máis recentes. Porén, a diversidade moderna do grupo parece ser que ten orixe mesozoica.[4]
Os plecópteros encóntranse nos hemisferios norte e sur e as poboacións de ambas as partes son bastante distintas, aínda que a evidencia evolutiva suxire que as especies puideron ter cruzado o ecuador en varias ocasións e quedaron xeograficamente illadas.[4][5]
Todas as especies de plecópteros non toleran a contaminación da auga, polo que a súa presenza nun regato ou en auga estancada é xeralmente un indicador de que a calidade da auga é boa ou excelente.[6]
Descrición e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Os plecópteros teñen unha anatomía xeneralizada, con poucas características especializadas comparados con outros insectos. Teñen pezas bucais simples con mandíbulas mastigadoras, antenas longas, de múltiples segmentos, grandes ollos compostos e dous ou tres ocelos. As patas son robustas, e cada unha delas acaba en dúas garras. O abdome é relativamente brando, e pode incluír restos das branquias ninfais mesmo no estado adulto. Tanto as ninfas coma os adultos teñen cercos pares longos que se proxectan desde o extremo do abdome.[7]
O nome "Plecoptera" significa "ás trenzadas", do grego antigo plekein (πλέκειν 'trenzar') e pteryx (πτέρυξ 'ás').[8] Isto refírese á venación complexa dos seus dous pares de ás, que son membranosas e se recollen pegadas aos seus dorsos. Xeralmente non son moi bos voadores e algunhas especies mesmo carecen de ás.
Unhas poucas especies sen ás, como "Capnia" lacustra[Note 1] ou Baikaloperla, son os únicos insectos coñecidos, quizais coa excepción de Halobates, que son exclusivamente acuáticos desde o seu nacemento ata a súa morte.[10] (Ademais, algúns Nepomorpha poden ter unha vida totalmente acuática, pero poden abandonar a auga para viaxar).
As ninfas (tecnicamente, "náiades") son acuáticas e viven na zona bentónica de lagos e correntes fluviais ben oxixenados. En Nova Zelandia e illas próximas encóntranse unhas poucas especies que teñen ninfas terrestres, pero incluso estas habitan só en sitios moi húmidos. As ninfas lembran fisicamente a adultos sen ás, pero adoitan ter branquias externas, que poden estar situadas en case calquera parte do seu corpo. As ninfas poden captar oxíxeno por difusión a través do exoesqueleto, ou polas branquias localizadas detrás da cabeza, no tórax ou arredor do ano.[11] Debido á necesidade que ten a ninfa de augas oxixenadas, a especie é moi sensible á contaminación da auga. Isto fainos importantes indicadores da calidade da auga.[12] A maioría das especies son herbívoras no estado de ninfa, alimentándose de follas mergulladas e algas bentónicas, pero moitas son cazadoras doutros artrópodos acuáticos.[7]
Ciclo vital
[editar | editar a fonte]As femias poden poñer ata mil ovos. Deixan caer os ovos ao voaren sobre a superficie da auga ou tamén poden deixalos colgando de rochas ou ramas. Os ovos están cubertos de cubertas pegañentas que lles permiten adherirse ás rochas sen ser arrastrados polas correntes rápidas.[13] Os ovos normalmente tardan de dúas a tres semanas en eclosionar, pero algunhas especies sofren unha diapausa, e os ovos permanecen dormentes durante a estación seca e eclosionan só cando as condicións son as axeitadas.[7]
O insecto permanece en forma de ninfa durante un ou dous anos, dependendo da especie, e sofre de 12 a 36 mudas antes de emerxer e facerse un adulto terrestre.[14] Antes de converterse en adultos, as ninfas abandonan a auga, únense a unha superficie fixada e mudan por última vez.
Os adultos xeralmente só sobreviven unhas poucas semanas, e emerxen só durante épocas específicas do ano cando os recursos son óptimos. Algúns non se alimentan en absoluto, pero os que si o fan son herbívoros.[7] Os adultos non son bos voadores e xeralmente permanecen preto das correntes de auga ou lagos nos que naceron.[13]
Sistemática
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente, os plecópteros estaban divididos en dúas subordes, os "Antarctoperlaria" (ou "Archiperlaria") e os Arctoperlaria. Non obstante, o primeiro simplemente constaba das dúas superfamilias máis basais de plecópteros, que non parecían estar entre elas moi estreitamente relacionadas. Así, os "Antarctoperlaria" non son considerados un grupo natural (malia algunhas opinións contrarias).[15]
Os Arctoperlaria foran divididos en dúas infraordes, os Euholognatha (ou Filipalpia) e os Systellognatha (tamén chamados Setipalpia ou Subulipalpia). Os Scopuridae deben considerarse unha familia basal dos Arctoperlaria, non asignable a ningunha das infraordes. Alternativamente, os Scopuridae foron situados nun clado sen categoría taxonómica chamado "Holognatha" xunto cos Euholognatha (que significa aproximadamente "Holognatha avanzados").
Ademais, a non adopción dos clados Antarctoperlaria e Holognatha permite facer un esquema sistemático dos Plecoptera que reproduce adecuadamente a filoxenia, mentres que mantén as categorías taxonómicas tradicionais.[4][16]
Liñaxes basais ("Antarctoperlaria")
- Superfamilia Eusthenioidea
- Familia Diamphipnoidae
- Familia Eustheniidae
- Superfamilia Leptoperloidea
- Familia Austroperlidae
- Familia Gripopterygidae
Suborde Arctoperlaria
- Familia basal Scopuridae
- Infraorde Euholognatha
- Familia Capniidae (unhas 300 especies)
- Familia Leuctridae (300+ especies)
- Familia Nemouridae (600+ especies)
- Familia Notonemouridae
- Familia Taeniopterygidae (unhas 75 especies)
- Infraorde Systellognatha
- Familia Chloroperlidae (100+ especies)
- Familia Perlidae (unhas 400 especies)
- Familia Perlodidae (250+ especies)
- Familia Peltoperlidae (unhas 68 especies)
- Familia Styloperlidae (unhas 10 especies)
- Familia Pteronarcyidae (unhas 12 especies)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O xénero Capnia non é monofilético (por iso foi entrecomiñado) e esta especie sospéitase que pertence a outro taxon.[9]
- Referencias
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para plecópteros.
- ↑ Romolo Fochetti & José Manuel Tierno de Figueroa (2008). E. V. Balian; C. Lévêque; H. Segers; K. Martens, eds. "Global diversity of stoneflies (Plecoptera; Insecta) in freshwater". Hydrobiologia 595: 265–377. doi:10.1007/978-1-4020-8259-7_39.
- ↑ Brittain, 1987
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Peter Zwick (2000). "Phylogenetic system and zoogeography of the Plecoptera". Annual Review of Entomology 45: 709–746. doi:10.1146/annurev.ento.45.1.709.
- ↑ H. B. N. Hynes (1993). Adults and Nymphs of British Stoneflies. Freshwater Biological Association. ISBN 0-900386-28-2.
- ↑ Nelson, Riley. "Clean water has bugs in it, says BYU Biology Professor Riley Nelson". Arquivado dende o orixinal o 06 de setembro de 2015. Consultado o 16 May 2013.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Hoell, H.V., Doyen, J.T. & Purcell, A.H. (1998). Introduction to Insect Biology and Diversity, 2nd ed. Oxford University Press. pp. 383–386. ISBN 0-19-510033-6.
- ↑ S. C. Woodhouse (1910). English-Greek Dictionary - a Vocabulary of the Attic Language. London: George Routledge & Sons.
- ↑ C. Riley Nelson (January 1, 1996). "Capniidae. Winter Stoneflies". Tree of Life Web Project. Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2019. Consultado o July 31, 2008.
- ↑ E. M. Holst (2000). "Lake Tahoe benthic stonefly (Capnia lacustra)" (PDF). En D. D. Murhy; C. M. Knopp. Lake Tahoe Watershed Assessment (PDF). United States Department of Agriculture. pp. O–118 – O–120.
- ↑ "ENT 425 | General Entomology | Resource Library | Compendium [plecoptera]". www.cals.ncsu.edu. Consultado o 2016-02-23.
- ↑ "Plecoptera - Stoneflies -- Discover Life". www.discoverlife.org. Consultado o 2016-02-23.
- ↑ 13,0 13,1 "ENT 425 | General Entomology | Resource Library | Compendium [plecoptera]". www.cals.ncsu.edu. Consultado o 2016-04-12.
- ↑ "Order Plecoptera - Stoneflies - BugGuide.Net". bugguide.net. Consultado o 2016-04-12.
- ↑ C. Riley Nelson (January 1, 1996). "Plecoptera. Stoneflies". Tree of Life Web Project. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2019. Consultado o July 31, 2008.
- ↑ Nelson (1996b)
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Plecópteros |