Presidente de Fidxi
Presidente da República de Fidxi | |
---|---|
Estandarte presidencial | |
Residencia | [[Casa do Goberno (Suva) |Casa do Goberno]], Suva |
Designado por | Parlamento de Fidxi |
Duración | 3 anos |
Creación | 5 de decembro de 1987 |
Primeiro titular | Penaia Ganilau |
O presidente da República de Fidxi é o xefe de estado de Fidxi. O presidente é designado polo Parlamento de Fidxi para un mandato de tres anos segundo os termos da Constitución de Fidxi de 2013.[1] O seu papel no goberno é principalmente cerimonial, pero conta con importantes poderes de reserva que pode exercer en caso de crise. Ademais, o presidente é comandante en xefe das Forzas Armadas de Fidxi.
Historia do cargo
[editar | editar a fonte]O cargo de presidente foi establecido a raíz de dous golpes militares en 1987 que levaron á proclamación dunha república o 7 de outubro, poñendo fin á monarquía de Fidxi. O xeneral maior Sitiveni Rabuka, cerebro dos golpes de estado, formou un goberno militar interino encabezado por el. Non obstante, non tomou o título de presidente e o 5 de decembro nomeou a Penaia Ganilau, último gobernador xeral, como primeiro presidente da república.
No ano 2000 produciuse un golpe civil, instigado por George Speight. O presidente Kamisese Mara dimitiu o 29 de maio en vez de abolir a Constitución, tal e como solicitaran os militares, apoiados polo Tribunal Supremo (se se forzou ou non a súa dimisión foi obxecto dunha investigación policial que se mantivo ata o momento do golpe de 2006). O comodoro Frank Bainimarama asumiu o poder como xefe do goberno militar interino (igual que Rabuka en 1987), ata que Josefa Iloilo foi nomeado presidente o 13 de xullo.
O 5 de decembro de 2006, as forzas militares derrocaron de novo o goberno. Bainimarama declarouse presidente en funcións. Inicialmente dixo que asumira o cargo con carácter provisional e pronto pediría ao Gran Consello de Xefes que reintegrase a Iloilo, pero o 17 de decembro insistiu en que agora era el o presidente e que o Gran Consello debería recoñecelo como tal.[2] O 4 de xaneiro de 2007 Iloilo foi reinstalado como presidente.
En xaneiro de 2008, Bainimarama declarou que o exército era "a autoridade executiva para nomear presidente", tras a suspensión do Gran Consello de Xefes. O presidente sería un nomeado militar, ata que se instalase un Gran Consello de Xefes reformado.[3]
Uns días despois, o director do Foro Constitucional de Cidadáns, o reverendo Akuila Yabaki, suxeriu que o cargo de presidente debería estar, no futuro, aberto a persoas de calquera etnia en vez de reservado para os indíxenas fidxianos. Esta suxestión foi controvertida e foi particularmente rexeitada pola primeira ministra Laisenia Qarase.
O 28 de xullo de 2009, Iloilo anunciou que deixaría o cargo o 30 de xullo.[4] O xeneral Epeli Nailatikau sucedeuno como presidente en funcións. O 5 de novembro de 2009, Nailatikau xurou como presidente.[5]
En marzo de 2012, o goberno de Bainimarama aboliu o Gran Consello de Xefes por decreto.[6] Bainimarama confirmou que iso significaba que habería que crear un novo método para nomear ao presidente; isto, dixo, faríase cunha unha nova Constitución, que finalmente foi adoptada en 2013.[7]
O 12 de outubro de 2015, o Parlamento elixiu o xeneral Jioji Konrote como presidente.[8] O 12 de novembro de 2015, Konrote xurou como presidente.[9]
Lista dos presidentes de Fidxi (1987 – actualidade)
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Constitución da República de Fidxi" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2015. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "Fiji military seizes power in bloodless coup" (en inglés). 5 de decembro de 2006. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "Voreqe: Army is executive authority" (en inglés). 2 de xaneiro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2012. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "President of military-led Fiji plans to step down" (en inglés). 28 de xullo de 2009. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "Former army chief Nailatikau now Fiji’s new President" (en inglés). 5 de novembro de 2009. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "Fiji's Great Council of Chiefs abolished" (en inglés). 14 de marzo de 2012. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "Fiji: New Constitution Signed into Law" (en inglés). 5 de setembro de 2013. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "Fiji Parliament elects new President" (en inglés). 12 de outubro de 2015. Consultado o 19 de decembro de 2019.
- ↑ "Fiji swears in new president" (en inglés). 12 de novembro de 2015. Consultado o 19 de decembro de 2019.