Saltar ao contido

Rock cómico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O rock cómico (comedy rock en inglés) é un termo usado para describir a música rock que se mestura coa sátira ou outras formas da comedia. Esta tradición remóntase aos primeiros días do rock and roll en si. Os primeiros exemplos máis notables son Stan Freberg, que satirizou artistas como Elvis Presley e The Platters, e Sheb Wooley, cuxa canción «Purple People Eater» alcanzou o número 1 nas listas de Billboard en 1958 e permaneceu alí durante seis semanas.

O rock cómico no mundo anglosaxón

[editar | editar a fonte]

Algúns artistas do rock cómico, como Frank Zappa, Tenacious D (liderada por Jack Black, Taintstick, Green Jellÿ e, recentemente, Flight of the Conchords, crearon cancións divertidas e enxeñosas. Outros artistas, como Dread Zeppelin, Beatallica ou GWAR confían máis nos trucos, como vestimentas ou mestura de xéneros para o efecto cómico.

Moitos grupos de rock convencional son coñecidos por incorporar cancións de comedia no seu traballo: The Bloodhound Gang, Blink-182, Bowling for Soup, Reel Big Fish, Sublime, Primus, Alestorm, The Flaming Lips, The Offspring, Foo Fighters, Steam Powered Giraffe, System of a Down, Mr. Bungle, Red Hot Chili Peppers e The Presidents of the United States of America. En Suramérica salientan as letras humorísticas do grupo uruguaio de rock El Cuarteto de Nos.

O rock foi o albo de moitas parodias e varias bandas chegaron a ter discos realmente exitosos, como é o caso de The Hee Gee Bee Bees e, posteriormente, Spinal Tap, nos Estados Unidos, e Bad News, no Reino Unido. O artista paródico de máis éxito é Weird Al Yankovic, que está agora na súa cuarta década da creación de parodias de cancións e vendeu máis de 12 millóns de discos (máis que calquera outro artista de comedia na historia).

O punk-rock fixo tamén a súa contribución ao rock cómico, con bandas como The Dead Milkmen, The Aquabats, The Horror of Voluptous Karen Black e Sid Vicious, versionando My Way.

Emir Kusturica & The Non Smoking Orchestra, Viza e Gogol Bordello son bandas de punk-rock balcánico coñecidas polos seus concertos cheos de humor, con letras graciosas, vestimentas raras e elementos para divertir o público.

A banda virtual Gorillaz é coñecida polos seus personaxes estraños, que integran a banda coas súas raras historias. As súas cancións adoitan ser metafóricas e a maioría dos seus vídeos conteñen situacións cómicas relacionadas cos seus membros.

O cantante Andrew WK é coñecido polas súas letras de temáticas festeira, e nos seus espectáculos, cheos de alegría, aparece normalmente maquillado como se estivese co nariz roto. É moi respectado pola comunidade bronie (fans de My Little Pony: Friendship Is Magic) a raíz dun vídeo gore que se realizou coa súa canción "Ready To Die".

A banda Twisted Sister chegou a coller certa sona coa maioría dos seus vídeos, onde os seus membros aparecen amolando dun xeito cómico a persoas da clase media conservadora estadounidense.

A banda de Steel Panther, anteriormente coñecida como Metal Skool, acadou o éxito en Sunset Strip coa súa parodia do glam metal dos 80, e este éxito abriu as portas para outras bandas de parodia de Hollywood, como The Homeless Jimi Experience.

O rock cómico no resto do mundo

[editar | editar a fonte]

Na Arxentina moitos artistas cultivaron este xénero, como Asspera, banda de metal; Árbol, co seu rock alternativo con cancións con letras divertidas e alegres; Superhéroes, con power pop; Bersuit Vergarabat, que na maioría dos seus vídeos e letras aborda temáticas relacionados ao sexo ou con situacións cómicas; Los Parraleños, mesturando cumbia samurai con rock clásico; Los Auténticos Decadentes, unha banda tropical popular; Intoxicados, a ex-banda de rock de Pity Álvarez, con algunhas cancións burlescas cara a famosos do país; Kapanga, a banda de rock-ska con discos que son pura comedia e cancións que falan de cousas sen sentido; Las Manos de Filippi, banda de punk-ska con letras acedas e con críticas ao sistema capitalista, que conteñen insultos graciosos; e Superuva co seu "rock punkito". O actor cómico Diego Capusotto deulle unha xenial reviravolta ao rock cómico desde o seu programa de televisión "Peter Capusotto y sus vídeos". Outro actor cómico que está relacionado con este xénero é Alfredo Casero, con letras e sketchs estraños en cada canción.

No Brasil, as Mamonas Assassinas venderon máis de dous millóns de copias en só oito meses, toda unha fazaña. Mamonas Assassinas foi, e segue a ser, unha das bandas máis famosas do Brasil. Cómpre ter en conta tamén a banda paródica de heavy metal Massacration, xurdida no contexto dun programa de MTV.

En Chile cómpre salientar Los Mox!, e no Perú Chabelos

En Italia, os grupos de rock cómico son GemBOY, Elio e lle Storie Tese, Skiantos, Prophilax e Vincisgrassi.

En México, Botellita de Jerez, cun estilo autotitulado como "guacarock" (de "guacamole" e "rock"), pode considerarse como rock cómico. E tamén a banda Molotov ten letras acedas e cómicas, sen deixar de burlarse do goberno mexicano.

No Uruguai, a veterana banda Cuarteto de Nos amosa letras satíricas nas súas cancións, xeralmente baseadas en trivialidades ficticias dos membros da banda.

En Rusia, Nogués Svelo! é unha das bandas de rock máis populares entre as que experimentan co humor e a comedia.

En España, Mamá Ladilla é unha banda de punk-rock mesturado con rock cómico. Tamén cómpre mencionar os Mojinos Escozíos, como un dos grupos máis coñecidos, El Reno Renardo, El Koala e Ska-P, que tamén contiñan algunhas cancións cómicas, sen perder as críticas sociais.

En Galicia pode destacarse o grupo Siniestro Total dentro deste estilo de música rock.