Saltar ao contido

Skylab

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Skylab
TipoEstación espacial
OrganizaciónNASA
Data de lanzamento14 de maio de 1973, 17:30 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorSaturno V[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 39A[2][6]
Obxectivo da misiónEstación espacial tripulada[2][6]
Decaemento11 de xullo de 1979[1]
NSSDC ID1973-027A
Masa90.607 kg[2][5][6]
Dimensións36,12 m de longo, 21,0 m de envergadura[6]
Potencia11 kW[6]

Skylab foi unha estación espacial da NASA lanzada o 14 de maio de 1973 mediante un foguete Saturno V desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral.[2][3][5]

Skylab foi a resultante de equipo sobrante do programa Apolo tras os recortes que eliminaron as últimas misións luares programadas. Como consecuencia quedaron dispoñibles varios Saturno V e outro material que foi adaptado para o lanzamento da que sería a primeira estación espacial dos Estados Unidos.[2][3][5]

Características

[editar | editar a fonte]

Skylab estaba composta de cinco partes: a montura para o telescopio Apolo (ATM), o adaptador para acoplamentos múltiples (MDA), o módulo de esclusa de aire (AM), a unidade instrumental (IU) e o taller orbital (OWS). A estación tiña forma de cilindro cunha lonxitude total de 36,12 m, unha envergadura de 21,0 m e un volume interno de 361 m3, co telescopio formando un ángulo de 90 graos respecto do resto da estación despois de ser lanzada. O telescopio estaba destinado á observación solar e usaba película fotográfica para rexistrar as imaxes que debía ser recuperada polos astronautas mediante unha saída extravehicular. A estación estaba deseñada para ser visitada por naves Apolo, que se acoplaban ao módulo de acoplamento múltiple, permitindo o acceso dos astronautas ao interior. A unidade instrumental foi usada unicamente durante o lanzamento para proporcionar capacidade de guiado e navegación ata a chegada a órbita e posterior despregue do telescopio e os paneis solares. O taller orbital estaba formado por un cilindro que era en realidade unha etapa Saturno 4B modificada para ser habitable por tres astronautas durante longos períodos de tempo e era capaz de producir ata 11 kW de potencia. Contiña provisións e as estancias dos astronautas, permitindo permanecer ata 84 días de maneira continua na estación.[2][3][4][5]

Despois da terceira e última visita tripulada á estación os enxeñeiros de terra fixeron probas coa estación en remoto para comprender determinados fallos e gañar experiencia en sistemas de longa duración no espazo.[2][3][4][5]

A estación foi deixada nunha órbita que se pensou suficientemente estable e segura como para poder ser visitada nos primeiros voos do incipiente programa do transbordador espacial, pero a combinación dunha taxa de diminución da órbita maior do esperada e o atraso nos primeiros voos do transbordador causaron que a estación reentrara na atmosfera o 11 de xullo de 1979. Anacos resultantes da desintegración acabaron dispersos sobre Australia.[1]

Lanzamento

[editar | editar a fonte]

Aos 63 segundos do lanzamento un dos escudos antimeteoritos e o panel solar número 2 foron arrincados debido ás forzas aerodinámicas. Os restos ademais atascaron o panel solar número 1. A estación foi insertada de maneira normal nunha órbita de 435 km de altura, pero debido á falta do escudo antimeteoritos a temperatura no interior da estación comezou a subir perigosamente, chegando a 52 °C. O panel solar número 1 non conseguiu despregarse pero afortunadamente si se despregou o panel que ía montado no telescopio Apolo. A primeira misión tripulada á estación atrasou o seu lanzamento dez días, durante os cales practicaron técnicas para reparar os estragos unha vez a bordo, conseguindo restablecer unhas mínimas condicións de habitabilidade e traballo e permitindo que as dúas expedicións posteriores pudiesen facer o seu traballo con normalidade.[2][3][4][5]

Instrumentos

[editar | editar a fonte]

Skylab levaba a bordo instrumentos para realizar diversos experimentos científicos:[2][3][4][5]

A estación foi visitada por tres tripulacións, cada unha composta por tres astronautas, en tres misións distintas:[2][3][4][5]

  • Skylab 2: do 25 de maio ao 22 de xuño de 1973.
  • Skylab 3: do 28 de xullo ao 25 de setembro de 1973.
  • Skylab 4: do 16 de novembro de 1973 ao 8 de febreiro de 1974.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2017). Real Time Satellite Tracking, ed. "SKYLAB 1" (en inglés). Consultado o 21 de xullo de 2017. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 NASA (21 de marzo de 2017). "Skylab" (en inglés). Consultado o 21 de xullo de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "Letter dated 19 September 1973 from the Permanent Representative of the United States of America to the United Nations addressed to the Secretary-General" (PDF) (73-18805). 25 de setembro de 1973: 2. Consultado o 21 de xullo de 2017. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Claude Lafleur (2017). "Skylab 1" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2012. Consultado o 21 de xullo de 2017. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 Gunter Dirk Krebs (2017). Gunter's Space Page, ed. "Skylab" (en inglés). Consultado o 21 de xullo de 2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Mark Wade (2017). "Skylab" (en inglés). Consultado o 21 de xullo de 2017.