Tel Quel
Tel Quel ("Tal Cal", en francés) foi unha revista literaria de avangarda fundada en 1960 en París (Éditions du Seuil) por Phillippe Sollers e Jean-Edern Hallier e fechada en 1982. Tivo un profundo impacto no debate literario e cultural nas décadas de 1960 e 1970 e nela se publicaron algúns dos ensaios fundamentais das figuras máis relevantes do post-estruturalismo.
Á parte dos dous fundadores, participaron no comité editorial Jean-René Huguenin, Jean Ricardou, Jean Thibaudeau, Michel Deguy, Marcelin Pleynet, Denis Roche, Jean-Louis Baudry, Jean Pierre Faye, Jacqueline Risset, e Julia Kristeva. A publicación pretendía reflectir a avangarda atacando a historia literaria clásica. As súas influencias fundamentais proviñan de Friedrich Nietzsche, Jacques Lacan, Roland Barthes, Julia Kristeva, e Jacques Derrida. Entre os colaboradores máis asiduos destacan Roland Barthes, Georges Bataille, Jacques Derrida, Jean-Pierre Faye, Michel Foucault, Julia Kristeva, Bernard-Henri Lévy, Marcelin Pleynet, Philippe Sollers, Tzvetan Todorov, Francis Ponge, Umberto Eco, Gérard Genette, Pierre Boulez, Jean-Luc Godard, e Pierre Guyotat.
Tel Quel é tamén o título de dous volumes de reflexións breves de Paul Valéry publicados en 1941 e 1943.