Saltar ao contido

Terraza fluvial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As terrazas fluviais[1][2] son terrazas ou bandas de terreo alongadas que flanquean os lados dunha chaira de inundación ou val fluvial creadas de forma natural pola erosión dos ríos. Non hai que confundilas coas construcións artificiais reforzadas por muros de uso agrícola para realizar cultivos en bancais en zonas con moita pendente, chamadas socalcos.[3]

As terrazas fluviais consisten en bandas de terreo situadas a un mesmo nivel relativo, separadas dunha chaira fluvial adxacente, doutra terraza fluvial situada a outro nivel, ou de elevacións de maior pendente. As terrazas discorren paralelamente e a maior nivel que o leito do río e a súa chaira de inundación. Debido á maneira en que se forman, as terrazas fluviais normalmente teñen debaixo sedimentos fluviais (aluvións) de grosor moi variable,[4][5] aínda que nalgúns casos o río pode formar terrazas no leito de rocha do fondo do val.

As terrazas fluviais son os restos que quedan de antigas chairas de inundación que existían cando o río fluía a unha maior altura antes de que a canle do río as erosionase e crease unha nova chaira de inundación a menor altura. Estes cambios de elevación altitudinal adoitan deberse a cambios no nivel de base do río do sistema fluvial (elevación do punto máis baixo do sistema fluvial, xeralmente da cunca hidrográfica), o que orixina unha erosión en dirección á cabeceira do río ao longo de toda a lonxitude do río, rebaixando así gradualmente a súa elevación. Pode deberse a unha diminución do nivel do mar ou elevación do terreo. A erosión profundizando o seu leito feita por un río principal, pode causar un aumento da velocidade dun afluente, o que fai que este erosione en dirección á súa cabeceira. As terrazas poden tamén orixinarse cando o volume do fluxo fluvial declina debido a cambios no clima, típico de áreas que están cubertas de xeo durante períodos de glaciación e as súas cuncas hidrográficas adxacentes.[5][6]

Hai dous tipos básicos de terrazas fluviais, as terrazas deposicionais e as terrazas erosivas de val. As terrazas deposicionais divídense ás veces en aniñadas e de incisión. Ambas poden ser emparelladas ou desemparelladas baseándose nas elevacións relativas da superficie desas terrazas en cada ribeira do río.[7][8]

Recheo aluvial erosionado de 18 m de grosor en Kanab Creek, Kane County, Utah. En 1884 o río discorría na parte superior da terraza. Foto de 1939 do Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos.

Terrazas deposicionais ou de agradación. As terrazas deposicionais (fill terraces na literatura inglesa) son o resultado do recheo dun val por aluvións e súa posterior erosión. O val pode encherse de aluvións por moitas razóns, como o fluxo de carga de fondo debido a unha glaciación ou cambios na potencia da corrente, que causan que o val, que foi modelado pola erosión dun río, se encha de depósitos. O río continúa depositando material ata que se chega a un equilibrio e pode transportar o material en vez de depositalo. Este equilibrio pode durar un breve período de tempo, como despois dunha galciación, ou un longo período de tempo se as condicións non cambian. A terraza de recheo créase cando as condicións cambian de novo e o río xa non deposita nin transporta, senón que empeza a erosionar no material que el mesmo depositara no val.[9] Unha vez que isto ocorre fórmanse bancais compostos completamente de aluvións a cada lado do val. Os bancais superiores son as terrazas deposicionais. A medida que o río segue profundizando nos aluvións estas terrazas quedan nun nivel superior sobre o leito do río (ás veces a 100 m ou máis). A terraza deposicional é só a terraza máis alta resultante do episodio deposicional, se despois se forman múltiples terrazas debaixo da terraza deposicional estas denomínanse terazas de incisión.[9]

Corte transversal dun val hipotético que ilustra unha complexa secuencia de terrazas de agradación (recheo ou deposición) e degradación (de incisión e de val). ct = terraza de incisión, ft = terraza deposicional, ft(b) = terraza deposicional soterrada, fp = chara aluvial activa, e st = terraza de val.

Terrazas de incisión (cut terraces). As terrazas de incisión, tamén chamadas "de incisión no recheo" (cut-in-fill), son similares ás terazas deposicionais mencionadas antes, pero son de orixe erosiva. Unha vez que se depositou o aluvión no val o río empezou a erosionalo e formáronse primeiro as terrazas deposicionais ao longo das ladeiras do val, e seguidamente poden formarse tamén terrazas de incisión baixo as terrazas deposicionais. A medida que o río segue incidindo no material depositado, poden formarse múltiples niveis de terrazas. A superior é a teraza deposicional e as restantes a nivel inferior son terrazas de incisión.[9]

Terrazas de incisión aniñadas (nested fill terraces). Son o resultado de que nun val que estivo cheo de aluvions, que despois foron en parte erosionados, prodúcese unha nova deposicións de aluvións pero a un nivel inferior ao anterior. A terraza que resulta do segundo recheo é unha terraza aniñada porque foi “incrustada ou aniñada” dentro do aluvión orixinal e creou unha terraza, que ´súa vez é erosionada. Estas terrazas son de orixe deposicional e poden ser identificadas por un súbito cambio nas características do aluvión, como un material máis fino, por exemplo.[9]

Terrazas erosivas de val (strath terraces). Son o resultado de que o río erosiona o leito de rocha do val (non os aluvións). A medida que continúa escavando o seu leito, pode producirse un período de ensanchamento do val, que se fai máis largo. Isto pode ocorrer debido a un equilibrio ao que se chega no sistema fluvial como resultado de: unha elevación do tereo máis lenta ou detida, un cambio climático, ou un cambio no tipo de leito rochoso polo que pasa o río. Unha vez que continúa a incisión, o achaiado fondo do val composto de rochas (ás veces cubertas cunha posible capa delgada de aluvións) queda por riba do nivel do leito do río. Estas terrazas rochosas son as terrazas de val (strath terraces), que son de natureza erosiva.[10]

Terrazas fluviais desemparelladas en South Fork do río Shoshone, Park County, Wyoming, 1923. O río á esquerda atopouse cunha formación de brechas volcánicas resistentes á erosión, o que fixo que erosionase máis rapidamente a parte dereita, deixando terrazas de diferentes elevacións.

Terrazas emparelladas ou desemparelladas. As terrazas da mesma elevación a cada lado dun río denomínanse terrazas emparelladas. Aparecen cando o río erosiona uniformemente a ambos os lados do río, formando terrazas a cada lado do río que se corresponden en altura. As terazas emparelladas orixínase polo rexuvenecemento do río. Ao contrario, as terrazas desemparelladas aparecen cando un río atopa material nunha das súas ribeiras que resiste a erosión, deixando unha soa teraza nun dos lados e sen terraza correspondente no outro lado máis resistente.[6]

Aplicacións

[editar | editar a fonte]

As terazas fluviais poden utilizarse para medir a velocidade coa que un río está encaixándose no seu val. Usando varios métodos de datación, pode determinarse unha idade para a deposición dunha terraza. Usando os datos resultantes e a altura sobre o seu nivel actual, pode determinarse unha velocidade aproximada de incisión no seu leito do río.[10]

  1. "Xeoloxía" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991
  2. Léxico de xeografía. Universidade de Santiago de Compostela, 1996
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para socalco.
  4. Fairbridge, R. W., 1968, Encyclopedia of Geomorphology. Reinhold Book Company, New York.
  5. 5,0 5,1 Blum, M., and T.E. Tonqvist, 2000, Fluvial responses to climate and sea-level change, a review and look forward. Sedimentology. v. 47 suppl. 1, pp. 2-48.
  6. 6,0 6,1 Leet, L.D., S. Judson, and M.E. Kauffman, 1982, Physical Geology, 6th Edition. Englewood Cliffs, NJ: Prentice-Hall. ISBN 0-13-669762-3
  7. Pazzaglia, Frank J., in press, 9.2.3 Fluvial Terraces, Arquivado 01 de agosto de 2010 en Wayback Machine. in Wohl, E., ed., Treatise of Geomorphology. New York, NY: Elsevier.
  8. Morfología y geometría de los depósitos fluviales. Terrazas fluviales
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Easterbrook, Don J., 1999, Surface Processes and Landforms, 2nd Edition. Upper Saddle River, NJ: Prentice Hall. ISBN 0-13-860958-6
  10. 10,0 10,1 Burbank, D.W., and R.S. Anderson, Robert, 2001, Tectonic Geomorphology, Malden, MA: Blackwell Publishing ISBN 0-632-04386-5

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]