The Economist
The Economist | |
---|---|
Tipo | Semanario[1][2] |
Fundación | 2 de setembro de 1843 |
Propietario | The Economist Group |
Fundador | James Wilson |
Editorial | The Economist Group |
Lingua | inglés |
Localidade | Londres |
Tiraxe | 909 476 (papel) 748 459 (dixital) 1.6 millóns (combinado) |
ISSN | 0013-0613 |
Na rede | |
https://www.economist.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
The Economist é unha publicación semanal en lingua inglesa con sede en Londres, que aborda a actualidade das relacións internacionais e da economía desde un marco global. O seu primeiro número foi publicado o 2 de setembro de 1843 baixo a dirección de James Wilson. Aínda que por razóns históricas se define a si mesma como un xornal, o seu formato actual aseméllao ao dunha revista.
A publicación pertence a The Economist Group, unha sociedade editorial controlada no 50 % polas familias Rothschild e Agnelli.[3] O outro 50 % das accións son propiedade de investidores privados, incluíndo os traballadores da revista.[4] O cadro está formado por máis de 75 xornalistas procedentes de todo o mundo. Un consello editorial encárgase de elixir o redactor xefe, que non pode ser cesado sen o seu consentimento.
The Economist segue unha liña editorial liberal que apoia a liberdade económica, o libre comercio, a globalización, a inmigración e o liberalismo cultural, e que foi definida por eles mesmos como "un produto do liberalismo de Adam Smith e David Hume".[5] Entre outros obxectivos, busca influír nos cargos de responsabilidade política e económica, polo que o seu público destinatario é de clase alta familiarizado coa linguaxe económica. A publicación foi recoñecida no ámbito do xornalismo polo rigor e a excelencia dos seus artigos,[6][7] que adoitan non ir asinados, facéndose responsable da información presentada o consello editorial.[8]
Historia
[editar | editar a fonte]The Economist foi fundado por James Wilson, banqueiro e empresario escocés, co obxectivo de esixir a derrogación do arancel á importación de grans (Corn Laws) e defender o libre comercio.
O 5 de agosto de 1843, Wilson publicou un prospecto en que se rexistraba o nome da cabeceira, o formato de semanario publicado cada domingo e unha liña editorial liberal que cubriría a actualidade informativa, non só no ámbito económico senón tamén en asuntos de interese xeral. Como lema propuña defender a existencia dese medio "para facer parte na contenda entre a intelixencia, que fai presión cara a adiante, e a indigna e tímida ignorancia que obstrúe o progreso".[13]
O naturalista Herbert Spencer foi o subdirector desde 1848 ata 1853. Pola súa parte, entre 1861 e 1877 o redactor xefe foi Walter Bagehot, xenro de Wilson. Neses anos, The Economist especializouse en actualidade política e económica, aumentando a súa influencia nos círculos de poder de Londres. Non obstante, a súa tiraxe estaba limitada a 10 000 exemplares na capital británica, algo que se mantivo ata comezos do século XX.[14]
The Economist non adquiriu un papel relevante no estranxeiro ata a segunda guerra mundial. Geoffrey Crowther, redactor xefe entre 1938 e 1956, apostou entón pola actualidade internacional e estableceu unha sección exclusiva sobre os Estados Unidos. Desde eses anos, a publicación reforzou a difusión e cobertura informativa nos cinco continentes; así, a circulación de exemplares creceu dos 100 000 semanais en 1970 a máis de 500 000 en 1992, e superou o millón na década de 2000.[14]
Liña editorial
[editar | editar a fonte]Cando se fundou The Economist no século XIX, a palabra "economista" era empregada para definir o liberalismo económico. Hoxe en día, considérase unha publicación de filosofía liberal que apoia o libre comercio, a globalización, a libre circulación de persoas, o liberalismo cultural e a liberdade individual. Ademais, propón que o goberno deba manterse o máis afastado posible dos individuos e da empresa privada. De acordo con Bill Emmott, editor entre 1993 e 2006, "The Economist sempre foi liberal e non conservador",[15] e non está adscrito a ningunha corrente política, o que lle permite unha liña editorial flexible; nalgunhas ocasións defendeu políticas keynesianas, sempre e cando as mesmas sexan "razoables" para o contexto en que se aplican, e mesmo avogaron por un imposto sobre o carbono para combater o quecemento global.[16]
Karl Marx era lector da cabeceira, que definía como "o órgano da aristocracia financeira".[17]
En certos casos, The Economist criticou personaxes públicas por corrupción e falta de honradez. Entre os cargos públicos así denunciados estiveron o expresidente do Banco Mundial Paul Wolfowitz; o primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi, que os alcumou "The Ecommunist";[18] o presidente de Zimbabue Robert Mugabe; a expresidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner,[19] o presidente venezolano Nicolás Maduro,[20] e o candidato republicano á presidencia dos Estados Unidos Donald Trump.[21] The Economist tamén defendeu o xuízo político a Bill Clinton polo escándalo Lewinsky, así como a dimisión de Donald Rumsfeld tras desvelarse as torturas en Abu Ghraib.[22]
Contidos
[editar | editar a fonte]The Economist dedica a maioría das súas páxinas a cubrir a actualidade política, económica e internacional. As cinco seccións principais son Countries and Regions (Países e rexións), Business (Negocios), Finance and Economics (Finanzas e economía), Science and Technology (Ciencia e tecnoloxía) e Other (Outros), en que se inclúen recensións de libros e necrolóxicas. Ademais, dentro de cada sección hai columnas de opinión.
Na epígrafe económica, está especializada en táboas estatísticas e índices propios con reputación a nivel internacional. O máis coñecido é o índice Big Mac, publicado por primeira vez en 1986, que compara o poder adquisitivo de distintos países a través do prezo dun Big Mac, a hamburguesa máis emblemática de McDonald's.[23]
Existe unha sección de cartas ao director, téndose en conta as opinións de personalidades influentes ou afectadas por un artigo de números anteriores. Por exemplo, un informe sobre a responsabilidade social corporativa publicado en 2005 provocou a protesta de diversas organizacións, entre elas Oxfam, o Programa Mundial de Alimentos e o presidente de BT Group, que atoparon nesta sección o seu dereito a réplica.[24] De igual modo, Amnistía Internacional contestou en 2007 unha reportaxe da publicación en que criticaban o seu labor.[25] As cartas ao director sempre van asinadas.
Estilo
[editar | editar a fonte]Por tradición, The Economist non asina os seus artigos, xa que o consello editorial se fai responsable colectivamente da información.[8] Se unha reportaxe foi elaborada por máis dun autor, aclárase en que cidades se recolleron datos.
A publicación presupón que os seus lectores están familiarizados cos conceptos básicos da economía e cos seus actores máis coñecidos a nivel internacional. Moitos dos seus artigos están escritos cun estilo agudo e sentido do humor, especialmente notable nas portadas (con fotomontaxes e xogos de palabras) e nos pés de foto das imaxes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Economist Is a Newspaper, Even Though It Doesn't Look Like One". Observer (en inglés). 2013-09-02. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ Iber, Patrick (2019-12-17). "The World The Economist Made". The New Republic. ISSN 0028-6583. Consultado o 2020-04-08.
- ↑ "Exor to get 40 percent of The Economist after Pearson stake sale". Reuters (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Brook, Stephen (25 de febreiro de 2008). "Let the bad times roll". The Guardian (en inglés). Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ "Don’t leave us this way". The Economist (en inglés). 12 de xullo de 2014. ISSN 0013-0613. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ "Nuevos dueños para dos gigantes de la prensa". El País (en castelán). 14 de agosto de 2015. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Pressman, Matt (20 de abril de 2009). "Why Time and Newsweek Will Never Be The Economist". The Hive (en inglés). Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ 8,0 8,1 "Why are The Economist’s writers anonymous?". The Economist (en inglés). 4 de setembro de 2013. ISSN 0013-0613. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ "Smithson Plaza | Properties | Tishman Speyer". tishmanspeyer.com. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2020. Consultado o 30 setembro 2020.
- ↑ "Smithson Plaza". smithson-plaza.com. Consultado o 30 de setembro de 2020.
- ↑ "Smithson Plaza - St James's Street SW1A 1HA | Buildington". www.buildington.co.uk. Consultado o 30 de setembro de 2020.
- ↑ "DSDHA". www.dsdha.co.uk. Consultado o 30 de setembro de 2020.
- ↑ "'The Economist', Premio Internacional Gabarrón de Economía 2012". Europa Press. 5 de novembro de 2012. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ 14,0 14,1 "So what's the secret of 'The Economist'?". The Independent (en inglés). 26 de febreiro de 2006. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Emmot, Bill (8 de decembro de 2000). "Comment:Time for a referendum on the monarchy". The Guardian (en inglés). Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "Let them heat coke". The Economist. 25 de maio de 2012. ISSN 0013-0613. Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "18th Brumaire of Louis Bonaparte. VI". www.marxists.org (en inglés). Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "Report of Rome anti-war demo on Saturday 24th with photos". www.indymedia.org.uk (en inglés). Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ Infobae (13 de decembro de 2015). "The Economist criticó la forma en que Cristina Kirchner le entregó el gobierno a Mauricio Macri". Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "Venezuela parece Zimbabue hace 15 años, según «The Economist»". ABC (en castelán). 4 de xaneiro de 2016. Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "The Economist rates Trump presidency among its top 10 global risks". Politico (en inglés). 16 de marzo de 2016. Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "Resign, Rumsfeld". The Economist. 6 de maio de 2004. ISSN 0013-0613. Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "La devaluación dejó al Big Mac más barato que en Sri Lanka". La Nación (en castelán). 9 de xaneiro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2016. Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "[DOC] Compilation: Full text of responses to Economist survey on Corporate Social Responsibility (Jan-Feb 2005)". Business & Human Rights Resource Centre (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2010. Consultado o 24 de xuño de 2016.
- ↑ "On Amnesty International and human rights, Iraq, tax breaks". The Economist. ISSN 0013-0613. Consultado o 24 de xuño de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arrese, Angel (1995), La identidad de The Economist, Pamplona: Eunsa. ISBN 978-84-313-1373-9
- Edwards, Ruth Dudley (1993), The Pursuit of Reason: The Economist 1843–1993, Londres: Hamish Hamilton, ISBN 978-0-241-12939-5
- Tungate, Mark (2004). "The Economist". Media Monoliths. Kogan Page Publishers. pp. 194–206. ISBN 978-0-7494-4108-1.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web (en inglés)