Titanic (filme de 1997)
Titanic | |
---|---|
Logo do filme. | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | Titanic |
Director | James Cameron |
Produtor | James Cameron Jon Landau |
Guión | James Cameron |
Intérpretes | Leonardo DiCaprio Kate Winslet Billy Zane Kathy Bates Frances Fisher Victor Garber Bernard Hill Jonathan Hyde Danny Nucci David Warner Bill Paxton Gloria Stuart |
Música | James Horner Tema principal interpretado por Céline Dion |
Fotografía | Russell Carpenter |
Montaxe | Conrad Buff IV James Cameron Richard A. Harris |
Estudio | 20th Century Fox[1] Paramount Pictures[1] Lightstorm Entertainment[1] |
Distribuidora | 20th Century Fox (Internacional) Paramount Pictures (Norte América) |
Estrea | Toquio: 1 de novembro de 1997 19 de decembro de 1997 |
Duración | 193 minutos[2] |
Orixe | Estados Unidos |
Xénero | Romance, Drama, histórica |
Orzamento | $200 000 000[3][4][5] |
Recadación | $2 186 772 302[6] |
Na rede | |
http://www.titanicmovie.com | |
|
Titanic é un filme dramático estreado en 1997, escrito, producido e dirixido por James Cameron. Está protagonizado por Leonardo DiCaprio e Kate Winslet como Jack Dawson e Rose DeWitt Bukater respectivamente, membros de diferentes estratos sociais que se namoran a bordo do RMS Titanic mentres realizan unha mesma viaxe pero con diferentes "destinos".
O filme está coprotagonizado por Billy Zane que interpreta o papel de Caledon Hockley, prometido de Rose, Bill Paxton que interpreta o líder da expedición que na actualidade trata de atopar a xoia O Corazón do Mar e Gloria Stuart, que dá vida á anciá Rose, no ano 1996.
Titanic non estaba completada a mediados de 1997, e existiron problemas entre produtora e o propio director sobre a duración da mesma. Pero a insistencia de Cameron unida a sacrificios propios, como non cobrar o que correspondía da billeteira (tendo en conta a recadación, iso supuxo perder moito diñeiro) fixeron que ó final a película vira a luz como James Cameron quería.
Nos Estados Unidos foi estreada o 19 de decembro de 1997, pero non foi ata primeiros do ano seguinte cando empezou a subir a súa recadación.
O orzamento foi de aproximadamente 240 millóns de dólares, e só en Estados Unidos a película recadou arredor de 600.
Sinopse
[editar | editar a fonte]En 1996 o cazador de tesouros Brock Lovett e o seu equipo a bordo do buque de investigación Keldysh exploran os restos do RMS Titanic á busca dun colar cun raro diamante, o Corazón do océano. Durante os seus traballos recuperan un cofre que contén un debuxo dunha moza levando tan só o colar. Ten data do 14 de abril de 1912, o día que o barco bateu co iceberg. Rose Dawson Calvert, afirmando ser a muller do debuxo, visita a Lovett e cóntalle as súas experiencias no barco.
En 1912 en Southampton, Rose DeWitt Bukater, unha pasaxeira de primeira clase de 17 anos, o seu prometido Cal Hockley, e a súa nai Ruth embarcan no Titanic. Ruth sublíñalle á súa filla que o seu matrimonio resolverá os problemas financeiros dos DeWitt Bukaters. Alterada polo compromiso, Rose considera a posibilidade de se suicidar lanzándose ao mar; Jack Dawson, un artista sen unha cadela, convéncea para que non o faga. Descuberta con Jack, Rose dille a Cal que Jack salvouna de caer. Cal amósase indiferente pero cando Rose lle indica que lle deben algún recoñecemento pola súa acción, ofrécelle a Jack un pouco de diñeiro. Rose reacciona dicíndolle que ben pouco vale logo a súa vida e Cal convida a Jack a cear con eles en primeira clase a noite seguinte. Jack e Rose desenvolven a súa amizade a pesar do receo de Cal e Ruth. Despois da cea Rose ás agachadas vai con Jack a unha festa na terceira clase.
Consciente da desaprobación de Cal e Ruth, Rose desdeña as insinuacións de Jack pero máis tarde decátase que ela o prefire a Cal. Despois dunha cita na proa no solpor, Rose conduce a Jack ao seu camarote e ensínalle o agasallo de compromiso de Cal, o Corazón do océano e pídelle que a debuxe espida co colar. Eles conseguen eludir a vixilancia de Cal e fan o amor nun automóbil no departamento de carga. Logo de volver á cuberta son testemuñas da colisión cun iceberg e oen aos oficiais falaren da gravidade da situación.
Mentres Cal descobre o debuxo de Rose e unha carta de Jack no cofre xunto co colar. Cando Jack e Rose intentan falarlle a Cal do choque, el mete o colar no peto de Jack acusándoo de roubalo polo que queda arrestado na oficina do capitán de armas esposado a un cano. Cal coloca o colar no seu propio peto.
Co navío afundíndose, Rose está deseperada por liberar a Jack, arrédase de Cal e a súa nai, que están subindo nun bote salvadidas, e rescátao, volvendo os dous para a cuberta, onde Cal e Jack intentan convencela para que suba a un bote salvavidas, afirmando Cal que ten un acordo cun oficial para salvarse el e Jack; tras subirse Rose no bote, Cal dille a Jack que o acordo é só para el e Rose decide que non pode deixar a Jack e brinca a bordo de novo. Cal coa súa pistola perségueos ata o parcialmente alagado comedor de primeira clase, disparándolles e ao acabar a munición dase de conta que lle dera o seu abrigo a Rose e con el o colar que estaba no peto. Despois Cal volve para a cuberta e sobe a un bote finxindo coidar unha nena perdida.
Despois de superar varios obstáculos, Jack e Rose volven á cuberta, pero xa non quedan botes e os pasaxeiros van morrendo ao caer á auga ao se inclinar o barco, que se parte en dous, quedando a popa no aire que se afunde no océano. Cando os dous namorados están no mar, el axúdalle a ela a subir a un panel de madeira que apenas pode soportar o peso dunha persoa. Aferrándose nun recanto, Jack asegúralle que morrerá de vella, quente na súa cama, el morre de hipotermia pero ela está san e salva tras ser rescatada e levada a bordo do RMS Carpathia que leva os superviventes a Nova York. Alí dá o nome de Rose Dawson. Máis tarde sabe que Cal se suicidou tras perdelo todo no crac de 1929.
Tras oír a historia de Rose, Lovett abandona a súa busca. Soa na popa do Keldysh, Rose colle o Corazón do océano, que estivo no seu poder todos estes anos, e guíndao no mar sobre os restos do Titanic. Mentres ela aparentemente dorme na súa cama, as fotos e o seu vestido reflicten unha vida de liberdade e aventuras, parcialmente inspirada por Jack. Unha Rose moza xúntase con el na Grande Escaleira do Titanic, mentres que todos os que faleceron no naufraxio aplauden.
Produción
[editar | editar a fonte]Cando a película non fora terminada para a data prevista, os executivos de Hollywood comezaron a impacientarse debido á fortísima suma investida no proxecto. Na 20th Century Fox (que acababa de estrear The Mask of Zorro e que controlou a distribución da película fóra dos Estados Unidos, e na Paramount Pictures (que a controlou dentro) reinou o pánico.
Cun orzamento de 240 millóns de dólares, Titanic converteuse na película máis custosa de todos os tempos a mediados de 1997. Cando o director James Cameron entregou a montaxe definitiva ós directivos, cunha duración de 3 horas, comezou a haber serias dúbidas do seu posible funcionamento nas billeteiras, o que se uniu á perda de confianza no director canadense. Cameron defendeu a súa produción e enfrontouse a eles para convencelos de que non podían acurtar a película por debaixo desas 3 horas. Cameron admitiría máis tarde que naquel momento pensou que a película Titanic tiña todas as papeletas para converterse nun fracaso absoluto.
Na primeira fin de semana trala estrea, o filme recadou preto de 28 millóns de dólares, cifra que antes de acabar o ano subiu ata acadar os 100. Titanic era número un, e mantívose nese posto máis de catro meses, sendo dese xeito a película con maior recadación da historia do cine. No mundo enteiro, recadou algo máis de 1800 millóns de dólares.
O éxito da película estendeuse tamén á banda sonora da mesma, cuxo tema central, "My heart will go on", estaba interpretado pola canadense Céline Dion.
Premios
[editar | editar a fonte]Premios Oscar
[editar | editar a fonte]Titanic gañou Oscars en case todas as categorías ás que foi nomeada, un total de 11 Oscars de 14 nomeamentos. Isto supúxolle converterse, igualando a Ben-Hur, na película máis premiada pola Academia. Ademais, resultaron nomeados ó Oscar dúas actrices que interpretaban o mesmo personaxe, Kate Winslet e Gloria Stuart por interpretar a Rose, se ben ningunha das dúas resultou vencedora. Criticouse que o guión de Cameron non recibise nin sequera un nomeamento, o mesmo que ocorreu coa interpretación de Leonardo DiCaprio.
Oscar | Persoa | Resultado |
---|---|---|
Mellor película | Gañadora | |
Oscar ó mellor director | James Cameron | Gañador |
Oscar á mellor actriz | Kate Winslet | Nomeada |
Oscar á mellor actriz secundaria | Gloria Stuart | Nomeada |
Oscar á mellor banda sonora dramática | James Horner | Ganador |
Oscar á mellor canción My Heart Will Go On |
James Horner Will Jennings |
Ganadores |
Oscar á mellor fotografía | Russell Carpenter | Gañador |
Oscar ó mellor deseño de vestiario | Deborah Lynn Scott | Gañadora |
Oscar á mellor dirección artística | Peter Lamont Michael Ford Michael Foster |
Gañadores |
Oscar á mellor montaxe | Conrad Buff IV James Cameron Richard A. Harris |
Gañadores |
Oscar á mellor maquillaxe | Tina Earnshaw Greg Cannom Simon Thompson |
Nomeados |
Oscar á mellor edición de son | Tom Bellfort Christopher Boyes |
Gañadores |
Oscar ó mellor son | Gary Rydstrom Tom Johnson Gary Summers Mark Ulano |
Gañadores |
Oscar ós mellores efectos visuais | Robert Legato Mark A. Lasoff Thomas L. Fisher Michael Kanfer |
Gañadores |
- Venceu nas categorías de mellor película - drama, mellor director, mellor banda sonora e mellor canción ("My Heart Will Go On").
- Nomeada nas categorías de mellor actor - drama (Leonardo DiCaprio), mellor actriz - drama (Kate Winslet) e mellor actriz secundaria (Gloria Stuart).
Premios BAFTA (Reino Unido)
[editar | editar a fonte]- Nomeada nas categorías de mellor película, mellor director, mellor banda sonora, mellor fotografía, mellor edición, mellor maquillaxe, mellor deseño de produción, mellor son e mellores efectos especiais.
- Nomeada na categoría de mellor película estranxeira.
- Venceu nas categorías de mellor película e mellor actor (Leonardo DiCaprio).
- Nomeada nas categorías de mellor actriz (Kate Winslet), mellor vilán (Billy Zane), mellor bico, mellor secuencia de acción, mellor parella (Leonardo DiCaprio e Kate Winslet) e mellor canción orixinal ("My Heart Will Go On").
Grammy (EUA)
[editar | editar a fonte]- Recibiu o premio á mellor canción creada para o cine ("My Heart Will Go On").
- Venceu na categoría de mellor actriz (Kate Winslet).
Premio Eddie (American Cinema Editors, EUA)
[editar | editar a fonte]- Recibiu o premio de Filme Mellor Editado.
Academia Xaponesa de Cine (Xapón)
[editar | editar a fonte]- Venceu na categoría de mellor película estranxeira.
Polémica
[editar | editar a fonte]A película suscitou numerosas polémicas. Por exemplo, o seu alto custo, que foi tema de crítica desde antes mesmo de finalizar a produción. Tamén o foron o feito de que o romance tome protagonismo por enriba do desastre en si e numerosas incorreccións históricas, a pesar do empeño de Cameron por coidar ó detalle estes aspectos.
- É incorrecto que a nave estivese intentando bater un récord. O Titanic, ó igual que o seu xemelgo Olympic, tiña unha velocidade máxima de 23 nós. Na viaxe non superou os 21 nós e calquera intento de bater un récord resultaría inútil, dado que o récord estaba en mans das naves Mauretania e Lusitania, as dúas cunha velocidade de 26 nós. Aínda que totalmente incorrecta, a actitude de manter 21 nós durante a noite non foi unha tolemia extraordinaria, pois aquela mesma noite o Olympic facía a mesma ruta en sentido contrario a uns 800 km no mesmo campo de xeo e os mencionados Lusitania e Mauritania cruzaban estes campos a 24 nós ou máis.
- Non se pechou a pasaxeiros de terceira clase nas súas áreas contra a súa vontade, o que ocorreu foi que non se lles prestou axuda e non se lles informou. Moitos cando se decataron do que ocorría e cando lograron saír do labiríntico Titanic atopáronse con que case todos os botes foran xa lanzados.
- Non hai probas de que o primeiro oficial W.Murdoch se suicidase. Hai testemuñas de que se efectuaron disparos ó aire e unha lenda de que un oficial se suicidou. Hai quen asegura que este oficial foi o capitán, outros que un oficial superior, pero ningún que relacione este feito con W. Murdoch (hai testemuños que din que o viron na auga tralo afundimento e mesmo axudando a subir a xente ós botes desde a auga). Por tanto, mostrar a unha persoa que existiu e morreu de verdade coma un asasino que logo se suicida non sentou ben á familia do propio W. Murdoch que demandou (e gañou) a James Cameron por como mostrou ó seu defunto antepasado.
- Esta película, ó igual que moitas outras, mostra que o Titanic dá marcha atrás para evitar a colisión (algunhas películas mesmo van máis alá e sinalan isto coma un erro). É certo que o oficial W.Murdoch deu orde de contramarcha para evitar a colisión, pero segundo expertos e xulgando pola maquinaria da época, os motores dunha nave da clase Olympic necesitaban máis de 1 minuto tan só para parar e probablemente outro para volver a coller velocidade. O Titanic só tivo 40 segundos desde que se deu a orde ata a colisión fatal. Iso implica que no momento da colisión as hélices do Titanic (polo menos as exteriores) aínda estaban xirando cara a adiante. Na película amósase como en menos de 40 segundos deceleran, frean, inverten e chegan á máxima potencia cara a atrás. É algo incorrecto tecnicamente.
- A película tamén amosa ó enxeñeiro Thomas Andrews facendo unha estimación de 1 hora no tempo que tardaría o Titanic en afundirse. Andrews non fixo tal estimación, a aproximación era de entre 2 e 4 horas.
- Se ben isto non é unha polémica e non se pode culpar á película, hoxe sábese que a nave se partiu en 2 de forma moi diferente á amosada na película.
Elenco de actores
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Film & TV Database (ed.). "Titanic (1997)". Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2011. Consultado o 29 de xullo de 2011.
- ↑ British Board of Film Classification, ed. (14 de novembro de 1997). "TITANIC (12)". Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2018. Consultado o 8 de novembro de 2014.
- ↑ Garrett, Diane (20 de abril de 2007). Variety, ed. "Big-budget bang-ups.". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2009. Consultado o 16 de novembro de 2009.
- ↑ Wyatt, Justin; Vlesmas, Katherine (1999). "The Drama of Recoupment: On the Mass Media Negotiation of Titanic": 29–45. En Sandler & Studlar (1999).
- ↑ Welkos, Robert W. (11 de febreiro de 1998). Los Angeles Times, ed. "The $200-Million Lesson of 'Titanic'". Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2012. Consultado o 12 de decembro de 2009.
- ↑ Box Office Mojo (ed.). "Titanic (1997)". Consultado o 8 de xuño de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Cine |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Filmes de 1997
- Filmes en lingua inglesa
- Filmes dos Estados Unidos de América
- Filmes dirixidos por James Cameron
- Filmes con bandas sonoras de James Horner
- Filmes de Paramount Pictures
- Filmes de 20th Century Fox
- Filmes de Lightstorm Entertainment
- Filmes rodados en Vancouver
- Filmes rodados en México
- Filmes ambientados en 1912
- Filmes ambientados en 1996
- Filmes de catástrofes dos Estados Unidos de América
- RMS Titanic
- Óscar ó mellor filme
- Filmes cuxo director gañou o Óscar ó mellor director
- Filmes gañadores do Óscar á mellor canción orixinal
- Filmes preservados no National Film Registry
- Filmes distribuídos en sistemas IMAX