Tomás de Torquemada
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de outubro de 1420 Torquemada (Coroa de Castela) |
Morte | 16 de setembro de 1498 (77 anos) Ávila (Coroa de Castela) |
Lugar de sepultura | Ávila |
Inquisidor xeral de Aragón | |
1485 – 16 de setembro de 1498 ← Pedro Arbués – Diego de Deza → | |
Inquisidor xeral de Castela | |
1483 – 16 de setembro de 1498 (finado no cargo) – Diego de Deza → | |
Confesor Isabel I de Castela | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Salamanca |
Actividade | |
Ocupación | inquisidor, sacerdote católico, político, frade |
Orde relixiosa | Orde dos Predicadores |
Familia | |
Parentes | Juan de Torquemada, tío |
Descrito pola fonte | Enciclopedia soviética armenia Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Tomás de Torquemada nado en Torquemada ou Valladolid en 1420 e finado en Ávila o 16 de setembro de 1498 foi un presbítero dominico castelán, confesor da raíña Isabel a Católica e primeiro inquisidor xeneral de Castela e Aragón no século XV.
Torquemada iniciou o maior período de persecución a xudeoconversos, entre 1480 a 1530.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Non se coñece a localidade natal de frei Tomás de Torquemada, aínda que os historiadores propuxeron dúas: a vila de Torquemada e Valladolid.[2][3] Con seguridade, creceu na cidade de Valladolid e, do mesmo xeito que o seu tío Juan de Torquemada, ordenouse frade dominico no Convento de San Paulo de Valladolid. É comunmente aceptado que tiña ascendentes xudeus.[4] Fernando del Pulgar, o escribir acerca de Juan de Torquemada no seu libro Claros varones de Castilla,[5] recorda que:
sus aguelos fueron de linage de los Judios convertidos á nuestra Santa Fé Católica.
Parece ser que realizou algún tipo de estudos superiores na Universidade de Salamanca, onde coincidiu con Lope de Barrientos. Era aínda novo cando en 1452 foi destinado como prior ao convento de Santa Cruz la Real de Segovia, onde comezou a destacar polo seu celo organizativo. Coroada raíña Isabel I de Castela en 1474, Torquemada foi nomeado un dos tres confesores persoais que atendían as necesidades espirituais dos Reis Católicos, en premio polos seus destacados servizos como monxe e erudito.
Creación da Inquisición
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Inquisición española.
Durante a estancia da raíña Isabel I de Castela en Sevilla entre 1477 e 1478, o dominico sevillano Alonso de Ojeda, prior do convento de San Paulo, convenceuna da existencia de prácticas xudaizantes entre os conversos andaluces. Un informe, remitido a instancias dos soberanos polo cardeal Mendoza, arcebispo de Sevilla, e por Tomás de Torquemada, veu corroborar as sospeitas. Para descubrir e acabar con todos os falsos conversos, en 1478, os reis solicitaron unha bula papal para a creación do Tribunal da Inquisición do Santo Oficio, como dependencia directa da Coroa. O 1 de novembro de 1478 o papa Sisto IV promulgou a bula Exigit sincerae devotionis affectus, pola cal quedaba constituída a Inquisición para a Coroa de Castela.[6]
Nun principio, a actividade inquisitorial limitouse ás dioceses de Sevilla e Córdoba, onde se sospeitaba que se detectaría o foco de conversos xudaizantes. O primeiro auto de fe celebrouse en Sevilla o 6 de febreiro de 1481, onde foron queimados vivos seis detidos acusados de xudeoconversos. O sermón pronunciouno o propio Alonso de Ojeda, baixo cuxos atentos desvelos rexurdira a Inquisición. Tras diversos problemas na organización e aplicación dos novos poderes inquisitoriais, o papa Sixto IV nomeou a Tomás de Torquemada para o cargo de inquisidor xeneral en 1483 a instancias da raíña Isabel.
Ao pouco tempo, o 17 de outubro de 1483, Torquemada foi nomeado polo papa Inocencio VIII "Inquisidor xeneral do Principado de Cataluña, da cidade e do bispado de Barcelona". Pero atopou unha gran repulsa entre a poboación, negándose os concellers a prestar o xuramento que lles pedía o inquisidor. En 1484 Torquemada redactou o regulamento común que debía guiar as accións dos inquisidores. A posterior extensión do seu poder efectivo sobre a Coroa de Aragón foi facilitada polo asasinato do inquisidor Pedro de Arbués en 1485 en Zaragoza, atribuído polas autoridades a unha comunidade de herexes e xudeus. Trala gran repercusión social deste asasinato, a poboación comezou a colaborar co papado.
Poucos anos despois, o suposto asasinato ritual do chamado Santo Neno de La Guardia en 1491, igualmente atribuído sen probas a un colectivo de xudeus,[7] puido influír na proclamación do Edicto de Granada, que ordenou a proscrición de todos os xudeus de España para o 2 de agosto de 1492, e do que se considera, a Tomás de Torquemada, o máis que probable autor.[8]
En 1493 retirouse ao convento de Santo Tomás de Ávila, onde en 1498, á idade de 77 ou 78 anos, acaeceu a súa morte.
Valoracións
[editar | editar a fonte]Existe moi pouca información sobre a vida persoal de Torquemada, razón pola cal foi obxecto de diversas apreciacións. Destacou nas súas dotes de eficiente administrador,[9] así como na súa integridade, na súa capacidade de traballo e na súa insobornabilidade.[10] Por unha banda, dise que era piadoso e austero: non quixo ser arcebispo de Sevilla, non comía carne, vestía con sinxeleza, non usaba liño como roupa de cama e axudou á súa irmá para ingresar nun convento de beatas dominicas en lugar de concederlle dote para o matrimonio. Por outra banda, vivía en luxosos palacios atendido por numerosos criados, viaxaba protexido por un séquito de cincuenta cabaleiros e douscentos cincuenta infantes, e acumulou unha gran fortuna, procedente en parte de bens confiscados aos herexes perseguidos, que gastou en ampliar o mosteiro de Santa Cruz de Segovia e en erixir en Ávila o magnífico mosteiro de santo Tomé de Aquino.[11][12]
Ao mesmo tempo, o nome de Torquemada, como parte da lenda negra da Inquisición española, converteuse nun alcume para a crueldade e o fanatismo ao servizo do Catolicismo. O cronista coetáneo Sebastián de Olmedo describiuno como:
o martelo dos herexes, o relampo de España, o protector do seu país, a honra da súa orde.
A Inquisición vixiou a vida de cada individuo en España cunha minuciosidade de cando en cando igualada con anterioridade ao século XX.[Cómpre referencia] Calquera persoa maior de 12 anos (no caso das nenas) ou de 14 (no caso dos nenos) era considerada completamente responsable pola Inquisición.[Cómpre referencia] Os herexes (calquera persoa sospeitosa de non someterse ao autoritarismo do clero católico) e conversos (antigos xudeus ou musulmáns convertidos ao catolicismo e os seus descendentes) foron os seus principais obxectivos, pero todo aquel que ousase falar en contra da Inquisición era considerado sospeitoso. Para evitar a propagación das herexías, Torquemada, do mesmo xeito que se facía en toda Europa, promoveu a queima de literatura non católica, en particular bibliotecas xudías e árabes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ABC (ed.). "Tomás de Torquemada el sangriento inqisidor que tenía orígenes judíos". Consultado o 15 de febreiro do 2016.
- ↑ Martínez Peñas, Leandro (2007). El confesor del rey en el antiguo régimen. Madrid: Editorial complutense. p. 166. ISBN 978-84-7491-851-9. OCLC 191760636. Consultado o 15 de febreiro do 2016.
- ↑ Walsh, William Thomas (1963). Personajes de la Inquisición. Traducido por Isabel de Ambía (3.ª ed.). Madrid: Espasa-Calpe. p. 160.
Fray Tomás de Torquemada nació en o cerca de Valladolid [...]
- ↑ Lynch, John (2009). Los Austrias. Serie Mayor (4ª ed.). Barcelona: Crítica. p. 31. ISBN 978-84-8432-960-2. Consultado o 13 de febreiro de 2012.
- ↑ Claros varones de Castilla. G. Ortega. 1789. Consultado o 20 de novembro de 2012.
- ↑ J.A. Escudero. "Inquisición española" (en castelán). Consultado o 15 de febreiro do 2016.
- ↑ Pérez, Joseph (2009). Los judíos en España. p. 186.
Non se sabe como se chamaba o neno nin quen eran os seus pais, que, polo visto, non presentaron ningunha denuncia
- ↑ José María Perceval (febreiro 1993). Historia, ed. "Un crimen sin cadáver: el Santo Niño de la Guardia" (en castelán). pp. 44–58. Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2016. Consultado o 24 de xuño do 2017.
- ↑ Longhurst, John Edward (1962). The age of Torquemada (en inglés). Sandoval, EE.UU.: Coronado Press. p. 90. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2017. Consultado o 29 de decembro de 2016.
As an honest interpreter and efficient administrator of the popular will, Torquemada was superb. In the fifteen years of his reign the Spanish Inquisition grew from the single tribunal at Seville to a network of two dozen Holy Offices
- ↑ Walsh, William Thomas (2004). Isabel de España. Madrid: Palabra. p. 368. ISBN 84-8239-837-7. Consultado o 26 de abril de 2013.
- ↑ Pérez, Joseph (2002). Crónica de la Inquisición en España. Barcelona: Martínez Roca. p. 90. ISBN 84-270-2773-7.
- ↑ Lea, Henry Charles (1922) [1906]. A History of the Inquisition in Spain. Volume I. Nova York: MacMillan. p. 174.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tomás de Torquemada |