Trímetro iámbico
O trímetro iámbico é un tipo de verso nado na poesía grega que se basea no iambo (∪ —) e que consta de tres metros iámbicos que adoptan o seguinte esquema:
X — ∪ — |X — ∪ — |X — ∪ — |
É unha estrutura fixa e inflexíbel nos iambógrafos arcaicos; pero no drama e sobre todo na comedia, podemos asistir a substitucións e resolucións:
- ∪ ― (iambo) pode ser substituído por ∪ ∪ ∪ (tríbraco).
- ― ― (espondeo) por ∪ ∪ ― (anapesto) ou por ― ∪ ∪ (dáctilo) e ∪ ∪ ∪ ∪ (proceleusmático).
Ademais, pode presentar as cesuras trihemímera, pentemímera e heptemímera, pero nunca diérese.
No trímetro iámbico cúmprese a Lei de Porson, é dicir, se o verso termina en palabra trisílaba e a esta a precede unha palabra polisílaba, a última sílaba desta (a penúltima palabra) debe ser sempre breve.
Foi utilizado en primeiro lugar na lírica iambógrafa grega do s. -VII, pero con posterioridade este tipo de versificación será adoptado tamén polas partes recitadas dos xéneros teatrais, a comedia grega e a traxedia grega.