Trigo
O trigo é o termo xeral que designa as distintas especies bravas e cultivadas do xénero Triticum spp, cereal anual que se cultiva en todo o mundo.[2] Globalmente, é o segundo gran comestíbel máis cultivado, xunto ao millo; sendo o terceiro o arroz; e o máis consumido polo ser humano na civilización occidental dende a antigüidade. En Galiza cultívase dende hai séculos, aínda que outros cereais, como o millo, que ten máis importancia no país [3].
O glute do trigo dálle ao pan unha consistencia elástica á masa de fariña e auga. Por mor da intolerancia ao glute (doenza celíaca) moitas persoas non poden consumir trigo nin outros cereais (orxo, centeo).
O gran de trigo utilízase para facer fariña triga, sémola, cervexa e unha gran variedade de produtos alimentarios.[4] Coa fariña faise:
- Pan: empanadas, pizzas etc.
- Repostaría: biscoitos, madalenas, roscas etc.
- Pasta: tallaríns, macarróns, canelóns etc.
- Mollos: salsa bechamel
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]En galego a palabra trigo designa tanto á planta coma ás súas sementes comestíbeis, coma ocorre cos nomes doutros cereais. Tamén trigo e triga son adxectivos que designan a algo que está feito de fariña de trigo: ex. fariña triga, pantrigo[5].
A palabra «trigo» provén do vocábulo latino triticum, que significa ‘crebado’, ‘triturado’ ou ‘triscado’, facendo referencia á actividade que cómpre realizar para separar o gran de trigo da casca que o recobre. Triticum significa, polo tanto, "[o gran] que cómpre triturar [para poder ser consumido]"; asemade a verba galega millo (derivada en realidade do millo miúdo) deriva do latín milium, que significa "moído", ou sexa, "[o gran] que cómpre moer [para poder ser consumido]". O trigo (triticum) é, polo tanto, unha das palabras máis antigas para denominar os cereais.
Descrición do xénero
[editar | editar a fonte]O trigo medra en ambientes coas seguintes características:
- Clima: temperatura mínima de 3 °C e máxima de 30 a 33 °C, sendo unha temperatura óptima entre 10 e 25 °C.[6]
- Humidade: require unha humidade relativa entre 40 e 70%; dende o espigado até a colleita é a tempada que ten maiores requirimentos neste aspecto, xa que esixe unha humidade relativa entre o 50 e 60% e un clima seco para a súa maduración.[6]
- Auga: ten uns baixos requirimentos de auga, xa que se pode cultivar en zonas onde chove entre 25 e 2.800 mm anuais de auga, aínda que un 75% do trigo medra entre os 375 e 800 mm. A cantidade óptima é de 400–500 mm/ciclo (menor á precipitación de Galiza).[6]
- Solo: os mellores solos para o seu crecemento deben ser soltos, fondos, vizosos e libres de asolagamentos, e deben ter un pH entre 6,0 e 7,5; en terreos moi acedos, coma os galegos, é difícil acadar un crecemento axeitado.[6]
A sementeira en cultivos rotativos de trigo é moi benéfica para os solos xa que, como a meirande parte das gramíneas, ten raíces en cabeleira, axudando a mellorar a estrutura dos mesmos, e fornecendo maior aeración, permeabilidade e teor de humidade.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]As partes da planta de trigo pódense describir do xeito a seguir:
Raíz
[editar | editar a fonte]O trigo posúe unha raizame fasciculada ou raizame en cabeleira, é dicir, con numerosas ramificacións, que acadan na súa maioría unha profundidade de 25 cm, chegando algunhas delas até un metro de fondo. [7]
Talo
[editar | editar a fonte]O talo do trigo é unha cana oca con nós que se alongan cara a parte superior, acadando entre 0,5 a 2 metros de altura, e é pouco ramificado.
Follas
[editar | editar a fonte]As follas do trigo teñen unha forma linear-lanceolada (alongadas, rectas e rematadas en punta) con vaíña, lígula e aurículas ben definidas.
Inflorescencia
[editar | editar a fonte]A inflorescencia é unha espiga composta por un raque (eixo graduado), talo central de entrenós curtos, sobre o que van dispostas de 20 a 30 espiguetas, de xeito alterno, laxas ou compactas, levando cada unha nove flores, a maioría das cales abortan, arrodeadas por glumas, glumelas, lodículos ou glomélulas.[8]
Grans
[editar | editar a fonte]Os grans son cariópsides que presentan forma oval cos seus extremos arredondados. O xerme sobresae nun deles e no outro hai unha mecha de pelaxe fina. O resto do gran, denominado endosperma, é un depósito de alimentos para o embrión, que representa o 82% do peso do gran. Ao longo da cara ventral do gran hai unha depresión (suco): unha invaxinación da aleurona e todas as cubertas. No fondo do suco hai unha zona vascular fortemente pigmentada. O pericarpo e maila testa, xunto coa campa de aleurona, conforman o farelo de trigo.
O gran de trigo contén unha parte da proteína que se chama glute. O glute facilita a elaboración de lévedos de alta calidade, que son necesarios na panificación.
Xenética
[editar | editar a fonte]A xenética do trigo é máis complicada que a da maioría das outras especies de plantas domesticadas. A especie trigo é un poliploide estábel, que ten máis de dous conxuntos de sete cromosomas. Tanto o Triticum durum coma o Triticum turgidum evolucionaron como especies de tetraploides polo cruzamento natural de dúas especies bravas, Triticum urartu e unha especie hoxe extinta, Sitopsis. O trigo vulgar do pan (Triticum aestivum) evolucionou coma unha especie de hexaploide posterior hai arredor de 2000 anos, despois do cruzamento natural de Triticum turgidum e Aegilops taushii.
- A especie de trigo cultivado Triticum monococcum é Diploide (2n=2x=14 cromosomas).
- Os trigos Tetraploides (por exemplo trigo durum) son derivados da especie brava Triticum dicoccoides (amidoeiro), e este á súa vez é o resultado dunha hibridación entre dúas herbas bravas diploides: Triticum urartu e Aegilops searsii ou Aegilops speltoides. A hibridación que xerou o Triticum dicoccoides ocorreu en terra virxe, moito antes da súa domesticación.[4]
- Os trigos Hexaploides evolucionaron xa en leiras cultivadas. Tanto o trigo dicoccoides coma o durum hibridaron con outra herba diploide brava (Aegilops tauschii) para crear os trigos hexaploides (cromosomas 6x), Triticum spelta e Triticum aestivum.
A heterose ou vigor híbrido ocorre nos trigos hexaploides, mais a semente é difícil de producir en variedades híbridas cultivadas nunha escala comercial como se fai coas flores de millo, porque as flores do trigo son completas e adóitanse autopolinizar. A semente híbrida comercial do trigo produciuse utilizando axentes químicos hibridantes, reguladores do crecemento da planta que interveñen selectivamente co desenvolvemento do pole, ou ocorrendo naturalmente en sistemas masculinos citoplasmáticos de esterilidade. O trigo híbrido tivo un éxito comercial limitado en Europa (especialmente en Francia), nos Estados Unidos e en Suráfrica.
Historia
[editar | editar a fonte]O trigo ten as súas orixes na antiga Mesopotamia. As máis antigas evidencias arqueolóxicas do cultivo do trigo veñen de Siria, Xordania, Turquía e Iraq. Hai arredor de 8.000 anos, unha mutación ou unha hibridación ocorreu no trigo silvestre, dando por resultado unha planta tetraploide con sementes máis grandes, a cal non podería terse espallado co vento. Existen achados de restos carbonizados de grans do trigo Triticum dicoccoides[9] e pegadas de grans en barro cocido en Jarmo (Iraq setentrional), que datan do ano 6700 a. C.[8] Mentres que esta planta non podería ter éxito en estado silvestre, dentro dos campos de cultivo produciu máis alimento para os seres humanos. Este feito provocou unha auténtica revolución agrícola no denominado Crecente Fértil. Simultaneamente, desenvolveuse a domesticación da ovella e a godalla, especies bravas que moraban na rexión, o que permitiu o asentamento da poboación e, con isto, a formación de comunidades humanas máis complexas, como o demostra tamén o xurdimento da escritura, concretamente a escritura cuneiforme, creada polos sumerios, e, polo tanto, o principio da historia e o fin da prehistoria.
A agricultura e a gandaría nacentes esixían un coidado continuo, o que xerou unha conciencia respecto do tempo e as estacións, obrigando a estas pequenas sociedades a gardar provisións para as épocas menos xenerosas, tendo conta dos beneficios que brinda o gran de trigo ao facilitar o seu almacenamento durante tempadas considerábeis.
A semente de trigo foi introducida na civilización do antigo Exipto para dar comezo ao seu cultivo no val do Nilo dende os seus primeiros períodos e de alí ás civilizacións grega e romana. A deusa grega do pan e mais da agricultura chamábase Deméter, cuxo nome significa ‘deusa nai’, o seu equivalente na Mitoloxía romana é Ceres, de onde xorde a verba «cereal» [10].
En Roma, o goberno aseguraba o mantemento dos cidadáns sen posibilidades económicas fornecendo trigo a un baixo prezo e regulando a moedura e fabricación do pan, xa que era unha práctica común o seu racionamento. A moedura e mais a cocción eran actividades que se realizaban á vez, de tal xeito que se deseñaban muíños-fornos cunha alta capacidade de produción.
O consumo de trigo e de pan no Imperio romano revestiu unha grande importancia que xa confirma a Biblia, xa que de acordo coas traducións máis exactas é posíbel contar no seu texto 40 veces a palabra «trigo», 264 veces a palabra «pan» e 17 veces a palabra «pans», acepcións estas últimas que poden referirse a pantrigo ou a pan de orxo (común daquela), aínda que nas citas bíblicas son frecuentemente utilizadas para se referir ao concepto máis amplo do conxunto de cousas que se requiren para vivir, coma na expresión «gañar o pan». Na parábola do sementador faise referencia á adulteración dos grans, comparando o trigo (a bondade) co xoio (Lolium temulentum) (a maldade).
Até o século XVII non se presentaron grandes avances nos métodos de cultivo e procesamento do trigo. En case toda Europa cultivouse o gran de trigo, aínda que nalgunhas rexións, coma en Galiza, foron preferidos o centeo e o orxo (especialmente no norte). A invención do muíño de vento xerou unha nova fonte de enerxía, mais non variaron moito os métodos de traballo empregados.
A finais do século XVIII presentáronse algúns desenvolvementos mecánicos no proceso de moedura como ventiladores, montacargas e métodos modernos para a transmisión de forza, co cal se aumentou a produción de fariña.
No século XIX aparece o muíño de vapor con rodetes ou cilindros de ferro que representou un cambio radical na moedura. O cultivo do trigo foi aumentando á vez que estes e moitos outros desenvolvementos tecnolóxicos que permitiron mellorar o rendemento da planta e chegar a diversas rexións do planeta coma América do Norte ou Oceanía.
Clasificación
[editar | editar a fonte]A nivel xeral, o trigo clasifícase de acordo á textura do endosperma, porque esta característica do gran está relacionada coa súa forma de crebar na moedura,[4] a cal pode ser vítrea ou fariñenta, e de acordo á riqueza proteica, porque as propiedades da fariña e a súa conveniencia para diferentes obxectivos están relacionadas con esta característica. Deste xeito, pódense mencionar as variedades de trigo: aestivum (fariñento), aethiopicum, araraticum, boeoticum, carthlicum, compactum (club), dicoccoides (escanda), dicoccum (farro), durum, ispahanicum, karamyschevii, macha, militinae, monococcum, polonicum (polonés), repens, spelta (espelta), sphaerococcum, timopheevii, turanicum, turgidum, urartu, vavilovii e zhukovskyi.
Os trigos monococcum, dicoccum e spelta son vestidos, é dicir, a lemma e pálea forman unha cuberta que fica unida ao gran trala malla.
Os trigos máis importantes para o comercio son o Triticum durum (utilizado principalmente para pastas e sémola), o Triticum aestivum (utilizado para elaborar pan) e mais o Triticum compactum (para facer galletas).
Cultivo do trigo
[editar | editar a fonte]O trigo é o cereal máis importante do mundo tanto en termos de área cultivada (232 millóns de hectáreas), coma de gran producido (595 millóns de toneladas). Cultívase nun amplo abano de temperaturas (no norte de Europa até os 60º N) e nalgunhas rexións tropicais e subtropicais a maior altitude.[11].
O maior produtor mundial de trigo foi por moitos anos a Unión Soviética, que superaba os 100 millóns de toneladas de produción anuais. Hoxe China representa a maior produción deste cereal cunhas 96 millóns de toneladas (16%), seguida pola India (12%) e polos Estados Unidos (9%). Séguenlle despois Rusia, Francia, Alemaña e o Paquistán.[12]
A información a seguir é principalmente para Triticum aestivum, aínda que tamén é válida para Triticum durum.
É unha planta anual, existen variedades de sementeira outonal (trigo de inverno) e variedades que se sementan na primavera (trigo de verán). A colleita de trigo é principalmente para produción de gran, pero tamén apáñase a planta verde, e ás veces a palla para colmo (palla colma).
Fertilización
[editar | editar a fonte]As características desexadas dependen das necesidades e polo tanto da fertilización:
Finalidade
[editar | editar a fonte]- Se se procura gran para fariña triga para produción de pan e pasta: requírese un contido proteico (endosperma) alto.
- En gran para malte e cervexa: procúrase alto contido en amidón, pouca proteína crúa e ausencia de agromación.
- Para alimentación animal: moita proteína, especialmente lisina.
- Para amidón industrial: alta concentración de amidón porén de maduración lenta, tamén alto contido de proteína (endosperma).
- Para produción de alcohois: alto contido de amidón, baixo contido de proteína crúa.
- A palla para leitos e almadraques debe estar ben seca e ser absorbente.
- A palla para papel e cartón debe ter un alto contido en amidón, pouca lignina e poucas cinsas.
- A palla para construción de illamento debe ser seca e de pouca densidade.
- A planta enteira para forraxe verde: alto contido proteico, grande enerxía.
- A planta enteira para ensilaxe, alta concentración de carbohidratos facilmente solúbeis.
A calidade da proteína no gran depende en gran medida da variedade. A relación proteína/amidón no gran depende tanto da variedade coma do xeito no que o cultivo madurou.
Solo
[editar | editar a fonte]O trigo, o mesmo que o orxo, xeralmente prefire solos fértiles, mais pode medrar en case todos os tipos, agás en solos moi pouco areentos ou tipo turba, sempre que os requirimentos de auga sexan cubertos coa rega e a demanda de nutrientes sexa axeitada co uso de fertilizantes.
A sementeira do trigo de inverno cómpre facela cedo de abondo para termos polo menos dúas folliñas antes do comezo do período de repouso vexetativo. O tempo de crecemento dispoñíbel para comezar a producir diferentes talos a partir da plántula inicial (tillering en inglés) debería ser de polo menos 21 días.
No caso do trigo de verán, cómpre sementar axiña, sempre que o solo sexa axeitado e sempre que a temperatura e a humidade do solo o permita.
Densidade de plantación
[editar | editar a fonte]A densidade de sementeira adoita estar no rango de 140-380 grans/m² para o trigo de inverno e 200-350 grans/m² para o trigo de verán, sementando en ringleiras separadas de 13 a 20 cm para o trigo de inverno e de 12 a 18 cm para o de verán.
Porén idealmente a densidade de sementeira debería basearse na pluviometría, na densidade óptima de espigado e no número de espigas por planta; segundo a variedade e o rendemento de gran por hectárea previsto; tendo tamén en conta a porcentaxe de emerxencia prevista e, no caso do trigo de inverno, a porcentaxe esperada de supervivencia ao inverno.
Etapas de desenvolvemento do trigo
[editar | editar a fonte]Estado de desenvolvemento | Duración en días (trigo de inverno) | Duración en días (trigo de verán) |
---|---|---|
Sementeira e xerminación | 7 | 7 |
Emerxencia e crecemento cedo | 28 | 12 |
Comezo do Tillering (afillamento), comezo do espigado | 35 | 35 |
Elongamento do talo, formación da espiga primordial | 25 | 19 |
Folla bandeira, flósculo, arranque | 16 | 10 |
Emerxencia da espiga | 6 | 5 |
Floración e inicio do gran | 11 | 14 |
Formación do gran | 20 | 20 |
Maduración | 21 | 21 |
Período total de crecemento | 169 | 143 |
Demanda de nutrientes
[editar | editar a fonte]As cantidades precisas de nutrientes que o trigo precisa para un correcto desenvolvemento varían segundo múltiples condicións. En xeral, tanto para o trigo de inverno coma para o de verán, o 60% dos nutrientes (N + P2O5 + K2O) que a planta toma é antes do espigado, no alongamento da planta.
O trigo de inverno apaña uns 130 kg/ha de N, 39 kg/ha de P2O5 e uns 51 kg/ha de K2O. Para o trigo de verán, 100 kg/ha de N, 50 kg/ha de P2O5 e 25 kg/ha de K2O (para unhas condicións medias de 550 mm de precipitación dispoñíbel por planta e un rendemento de gran agardado de 6,7 t/ha).[13]
Na análise de micronutrientes a comezos da etapa de alongamento, detectáronse en ppm (partes por millón) de materia seca os contidos a seguir: Fe: 40-59; Mn: 40-59; Zn: 30-49 ; Cu: 6,0-7,9; B: 6,0-9,9 ; Mo: 0,30-0,49.
É posíbel calcular as taxas de fertilización a partir de datos da análise do solo, mais a información dispoñíbel é xeralmente moi imprecisa para o cultivo intensivo do trigo. Ademais, a dispoñibilidade de nutrientes do solo cambia coa dinámica climática, e os cereais en si mesmos varían na súa capacidade de mobilizar e absorber nutrientes do solo. Os datos de modelos de extracción de solo xerais deben usarse con cautela. En moitos países onde a recomendacións de fertilización é a partir dos resultados das análises de solo, os valores adóitanse agrupar en rangos (sobre todo de P, K, Ca e micronutrientes), en vez de dar valores específicos.
Recomendacións de fertilización
[editar | editar a fonte]O crecemento dos cereais vese influenciado principalmente pola temperatura e as precipitacións. Se estas non están nos límites desexábeis, polo xeral será difícil que se poida compensar co uso de fertilizantes (particularmente se a espigua fica pequena por mor de temperaturas excesivas na fase de desenvolvemento). Con todo, se só unhas poucas plantas se ven afectadas, as plantas adxacentes aínda poden ser estimuladas coa subministración de nutrientes, formándose máis rebentos e minimizando, así, o efecto global, co risco de que as plantas non maduren á vez.
Posto que en sistemas intensivos de produción de cereais, o número de plantas por metro cadrado acada case a capacidade de campo, calquera adubado mineral debe ser distribuído o máis uniformemente posíbel, na data correcta, e cunha cantidade (especialmente de N) coidadosamente axustada tendo sempre en conta as reservas do solo e a demanda do cultivo. A aplicación excesiva de nitróxeno (N) tamén pode aumentar o risco de enfermidades xa que fai que aumente a densidade vexetativa.
Un espigado improdutivo e a formación de ramos secundarios pode evitarse, restrinxindo a subministración de nutrientes (especialmente de N), durante o crecemento inicial (fases N1 e N3). Do mesmo xeito, pódese aumentar o contido de proteínas do cereal aumentando a cantidade de N subministrado no período axeitado (fases N5 e N6, especialmente). Hai, con todo, o perigo de que o exceso de N neste momento pode perturbar a uniformidade do proceso de maduración por retardar a mesma, co resultado de que só se forman os precursores do proteínas asociadas coa variedade en cuestión , baixando así a calidade da proteína no gran. É importante a elección dunha variedade axeitada á produción arelada e ás condicións meteorolóxicas agardadas.
Se existe o perigo de que os nutrientes aplicados fiquen inmobilizados no solo, especialmente o P nos solos alcalinos ou acedos, cómpre tomar medidas correctoras antes da aplicación, por exemplo, aplicar fertilizantes acidificantes, ou adicionando calcaria, ou, en rexións áridas, asolagando.
Posto que a resistencia ás xeadas e ás secas está determinada segundo a hidratación dos tecidos vexetais, cómpre ter sempre K dispoñíbel de abondo.
Preferencias na forma dos nutrientes
[editar | editar a fonte]- Nitróxeno: a eficacia de diferentes tipos de fertilizantes nitroxenados en cereais é case idéntica. As diferenzas son principalmente o resultado de influencias ambientais (precipitación, temperatura, desnitrificación). Normalmente conteñen N nítrico e amoniacal, como nitrato de amonio, nitrato de calcio amonio, nitrato amonio sulfato, o solución de nitrato e urea-amonio (UAN). O N amoniacal xeralmente mellora a calidade de panificación.
- Fósforo: a aplicación depende, sobre todo, da dispoñibilidade de P no solo. Polo tanto, a solución do solo debe ter P de abondo, especialmente na primavera, no inicio do período de crecemento. Prefírense fertilizantes que conteñen P2O5 solúbel en auga, que poden aplicarse xunto co K2O e coa primeira aplicación de N en forma dun fertilizante composto NPK.
- Nitróxeno-Fósforo: os fertilizantes que conteñen N e mais P aceleran especialmente o crecemento inicial de plantas novas, particularmente cando se aplican por baixo da semente ("starter"). Son xeralmente máis eficaces que cando se aplican os fertilizantes de N e de P por separado (sinerxía). Con todo, en contraste cos nitrofosfatos, o fosfato de diamonio ou o fosfato de urea poden queimar as sementes, especialmente en solos calcários, secos, se se botan doses maiores que 11 kg/ha de N.
- Potasio: cloruro de potasio.
- Xofre: se existen deficiencias de xofre no cultivo, cómpre usar fertilizantes que conteñan S na composición.
- Magnesio: os fertilizantes potásicos conteñen Mg. Se as deficiencias de Mg son severas poden ser tratadas por aplicación foliar, normalmente con sulfato de magnesio (se é necesario en combinación con micronutrientes, manganeso por exemplo).
- Micronutrientes: as deficiencias poden ocorrer en lugares cálidos, secos desde a fase final de crecemento até comezos da floración e poden tratarse con tratamentos foliares As taxas de aplicación de fertilizantes deben basearse no equilibrio de nutrientes para a rotación do cultivo en xeral, apoiándose sempre nos datos de análise de solo e incluíndo unha previsión da eliminación de nutrientes polo cultivo.
Doses
[editar | editar a fonte]- P-K: as cantidades precisas e a época de aplicación dos fertilizantes P-K non son particularmente importantes para o trigo, xa que o solo adoita ter cantidades de abondo destes dous nutrientes. Así, na práctica, P e K non se aplican tanto para o trigo en si, como para os requisitos da rotación en conxunto.
- N: o cálculo exacto da demanda de N para un rendemento especificado é particularmente importante na produción intensiva de cereais. A orientación xeral para o cálculo da demanda N obtese grazas a "modelos" precalculados. Tales cálculos fanse pouco antes da tempada de primavera cunha análise do N dispoñíbel no solo.
Aplicación foliar
[editar | editar a fonte]A vantaxe da aplicación foliar é a absorción directa dos nutrientes que se incorporan no metabolismo dos tecidos das plantas. Deste xeito, o consumo de enerxía para o transporte no interior da planta é moi baixo, ademais a absorción é practicamente independente dos factores ambientais, como a humidade do solo. A desvantaxe é que a cantidade aplicada de nutrientes pode ser limitada por mor do risco de queimadura das follas, pero se calculamos ben a concentración e aplicamos axeitadamente non ten que supor unha limitadción grave. Outra vantaxe é a posibilidade de combinar a aplicación de fertilizantes con pesticidas e reguladores de crecemento, en moitos casos con beneficiosos efectos sinérxicos. En condicións secas a aplicación foliar de mesturas moi concentradas reduce a evaporación, e así redúcese a vaporización dos compoñentes activos, permitindo unha redución no uso de pesticidas cun beneficio resultante para o ecosistema.
Enfermidades do trigo
[editar | editar a fonte]O trigo é susceptíbel a máis enfermidades que calquera dos demais grans,[14] e, nas estacións húmidas as perdas máis grandes prodúcense por mor das patoloxías doutros cereais que afectan a planta de trigo.
A planta de trigo pode ser afectada principalmente por enfermidades causadas por bacterias, fungos, parasitos ou por virus.[15] O trigo ademais pode sufrir o ataque de insectos na raíz; tamén pode sufrir o ataque de pragas que afectan principalmente á folla ou ao farelo (casca do grao), e que finalmente privan ao gran de alimento de abondo; con maior gravidade tamén pode ser afectado pola Fusariose, que é un efecto da presenza de mofo na espiga, que se manifesta principalmente na decoloración da planta (dáse moito nos celeiros) e a Septoriose, un fungo que aparece nas sementes e se espalla polas follas e o tecido verde da planta.
Na súa almacenaxe, o gran de trigo tamén pode ser atacado por catro tipos de pragas: os insectos (principalmente gurgullos e traza), os microorganismos (principalmente fungos e bacterias por efecto da temperatura e a humidade), os roedores e os paxaros. Calquera deles pode contaminar o produto e impedir o seu consumo.
Datos do mercado do trigo
[editar | editar a fonte]Produción mundial
[editar | editar a fonte]A nivel mundial, a mellora das técnicas de cultivo e mais a selección xenética (por exemplo a creación da variedade Norin 10) conduciu a un incremento considerábel do seu rendemento,[9] pasando de menos de 560 kg/ha en 1900 a máis de 1151 en 1990. O rendemento do trigo nos países de América do Sur mantense estábel cuns 920 kg/ha, e en África e no Oriente próximo cuns 460 kg, Exipto e Arabia Saudita acadan en terreos irrigados de 1600 a 2000 quilogramos. En Europa, os rendementos máis altos obtéñense en cultivos intensivos. O rendemento medio pasou de 1400 a 2700 kg/ha durante os últimos 30 anos, logrando un crecemento medio de 46 kg/ha/ano.
Así pois, o aumento do rendemento e das superficies cultivadas levou a un grande incremento da produción, que acadaba 275 millóns de toneladas en 1965 e 628 en 2005. O trigo é igualmente o primeiro cereal desde o punto de vista comercial (45% dos intercambios totais en 1998).
Anualmente prodúcense 100 kg de trigo por cada habitante no mundo. Case toda a súa produción destínase á alimentación humana. A produción mundial de trigo desde 1996 até 2005[16] foi:
Produción mundial de trigo[16] (millóns de toneladas) | ||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1996 | 1997 | 1998 | 1999 | 2000 | 2001 | 2002 | 2003 | 2004 | 2005 | 2012 | ||||
585,4 | 613,4 | 593,5 | 587,7 | 586,1 | 590,0 | 574,4 | 561,1 | 629,9 | 628,1 | 674,9 |
Principais países produtores
[editar | editar a fonte]O trigo pode medrar en diversidade de latitudes, climas e solos, aínda que se desenvolve mellor en zonas temperadas. Por mor disto, é posíbel atopar colleitas de trigo en todos os continentes.
Os principais países produtores de trigo en 2008 foron:
País | Produción[16] (millóns de toneladas) |
---|---|
China | 96,3 |
India | 72,0 |
Estados Unidos | 57,1 |
Rusia | 47,7 |
Francia | 36,9 |
Canadá | 25,5 |
Australia | 24,1 |
Alemaña | 23,6 |
Paquistán | 21,6 |
Comercio mundial
[editar | editar a fonte]Logo da caída do prezo mundial do trigo producida no ano 2010 e a súa rápida recuperación, o prezo tivo unha tendencia a se estabilizar nos anos posteriores abaleando entre os 140 e 150 dólares estadounidenses por tonelada.
En 2011 as exportacións de trigo ascenderon a 121,3 millóns de toneladas sendo os principais países exportadores Estados Unidos (20%), Australia (12,1%), Francia (11,3%) e o Canadá (10,1%), seguidos por Rusia e Ucraína.
Por outra banda, 32 países importaron no 2002 máis dun millón de toneladas representando un 80% do total. Os maiores importadores de trigo foron Italia (6,5%), o Brasil (5,5%), España (5,3%), Alxeria (5%), o Xapón (4,9%), seguidos de Exipto, Indonesia, Irán, Corea do Sur, Holanda, Bélxica e Marrocos, entre outros.
Consumo de trigo
[editar | editar a fonte]Valor nutricional por 100 g | |
---|---|
Enerxía | 1 368 kJ (327 kcal) |
71.18 g | |
Azucres | 0.41 |
Fibra alimentaria | 12.2 g |
1.54 g | |
12.61 g | |
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Tiamina (B1) | 33% 0.383 mg |
Riboflavina (B2) | 10% 0.115 mg |
Niacina (B3) | 36% 5.464 mg |
Ácido pantoteico (B5) | 19% 0.954 mg |
Vitamina B6 | 23% 0.3 mg |
Ácido fólico (B9) | 10% 38 μg |
Colina | 6% 31.2 mg |
Vitamina E | 7% 1.01 mg |
Vitamina K | 2% 1.9 μg |
Minerais | Cantidade %DV† |
Calcio | 3% 29 mg |
Ferro | 25% 3.19 mg |
Magnesio | 35% 126 mg |
Manganeso | 190% 3.985 mg |
Fósforo | 41% 288 mg |
Potasio | 8% 363 mg |
Sodio | 0% 2 mg |
Cinc | 28% 2.65 mg |
Outros constituíntes | Cantidade |
Auga | 13.1 g |
Selenio | 70.7 µg |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. Fonte: Base de datos USDA Nutrient |
O trigo xeralmente é moído como fariña triga para a súa utilización.[4] Unha gran porcentaxe da produción total de trigo é utilizada para o consumo humano na elaboración de pan, galletas, tortas e pastas; outro tanto é destinado a alimentación animal e o restante emprégase na industria ou como semente; tamén se utiliza para a preparación de aditivos para a cervexa e outros licores.
Torrefacción ou resecamento
[editar | editar a fonte]O gran de trigo pódese consumir torrado, aínda que o seu valor nutritivo vese reducido polo efecto da calor.
Este método de tratamento consiste en retirar a humidade do gran de trigo proporcionándolle calor, para consumilo directamente sen elaboración culinaria. Adóitase tamén moer o gran para facelo po antes de o consumir nalgunhas rexións de América do Sur. No Tíbet tórrase o trigo antes de o moer.
Papas
[editar | editar a fonte]A papa é unha masa mol feita de fariña de trigo cocida con auga e sal e adubada con leite, mel ou outros ingredientes. É un prato consumido dende o Antigo Exipto, moi tradicional entre os pastores e na civilización grega, quen o consumían con aceite.
Na India e Paquistán é tradicional a súa elaboración a base de fariña triga integral e de preferencia da de trigo durum. En Arabia elabóranse unha especie de papas chamadas fereek a base de grans de trigo non madurecidos. En Inglaterra facíanse antigamente un prato chamado frumenty a base de grans de trigo enteiro, que se poñían a remollo e se cocían no leite. Algo semellante facíase en Galiza, as papas ou polenta, mais adoitaba cocerse fariña de millo en leite, xa que a fariña triga era reservada para días especiais, considerándose un luxo. En África faise o cuscús, que se elabora preferibelmente a base de sémola de trigo duro; o cuscús foi introducido na cociña francesa a través dos restaurantes alxerianos. Tamén son moi famosas as gachas manchegas, un prato típico español.
Pan
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pan.
Antes de coñecer os métodos para levedar a masa de fariña triga, era moi popular o consumo de pan asmo ou sen fermento. Faise mesturando a fariña con auga e formando unha masa á que se lle engade sal e se lle dá forma antes de cocela. Na antigüidade usábanse pedras quentes ou cinsas como fonte de calor antes de desenvolverse o forno. En Arabia e no norte de África aínda se elabora pan asmo.
A maior evolución na panificación deuse no antigo Exipto, xa que descubriron o proceso de fermentación. O fermento orixinario consistía en lévedos naturais. Os lévedos son diversos fungos microscópicos unicelulares que levedan os hidratos de carbono na masa de fariña e auga producindo diversas substancias. Pode facerse pan fermentado de calquera clase de fariña, porén se se quere que a masa creza para termos un pan poroso e lixeiro, cómpre termos forza na fariña, o que depende dun maior contido en glute e da natureza das súas proteínas. Engadir sal inflúe na actividade dos encimas e na estrutura da masa.
Algúns pans elabóranse engadindo diversas substancias químicas que lle brindan á fariña un tratamento especial. Durante o século XVIII utilizouse o alume coma aditivo da fariña en diversos países de Europa coma Inglaterra, xa que o seu uso permite que o pan sexa máis branco, teña un maior tamaño e presente unha textura máis branda, mais foi rexeitada polos consumidores pola orixe desta substancia, o que produciu a súa prohibición.[17] Máis recentemente téñense empregado outras substancias como o ácido ascórbico, o bromato potásico, o persulfato amónico, o fosfato monocálcico, o dióxido de cloro e o peróxido de benzoilo, que lle provocan un avellentamento artificial á fariña e melloran as cualidades que conveñen para a cocedura.
O pan fermentado ten moitas variedades en diversas rexións do mundo.
O pan en Galiza
[editar | editar a fonte]Aínda que hoxe o pan en Galiza sexa feito con fariña triga, até hai ben pouco eran máis populares o pan centeo e o pan millo. O pan branco, de trigo, moito máis valorado, era o pan das ocasións especiais, e por iso chamábano pan de festa, pan dos días de festa ou pan feiral. Máis usual era a denominación apocopada pantrigo. En Galiza, a importancia do pan é capital desde hai séculos, sendo a base de alimentación para a poboación. O xeito tradicional de elaboración do pan é con fermento, o que fai que haxa que gardar un chisco de masa madre para a elaboración da seguinte quenda de pan. Os estilos son variados: dende o pan de bóla, pasando polo tradicional molete —o cal adoita ter unha especie de "moño" na zona central da parte superior—, ata a boroa, o pan centeo ou o pan co que se fan as empanadas.
Segundo a Federación Galega de Panadeiros e Pasteleiros, cada galego consumía en 2009, anualmente, ao redor de 56 quilogramos de pan, o que supón un 37% menos que nos anos 90, cando o consumo medio dos galegos elevábase aos 90 quilos.[18]
Empanada
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Empanada.
Outro xeito de consumo de trigo en Galiza moi común é coa empanada. É unha preparación culinaria consistente nunha masa e un recheo que se frixe ou coce no forno. A masa de fariña, elaborada máis ou menos como unha masa de pan, énchese de carne ou outros produtos (tamén verduras peixes, ou mariscos variados), previamente cociñados de formas moi variadas segundo a gastronomía local. A masa está preparada xeralmente con trigo, pero pode estar feita con outros cereais, coma o millo, engadíndoselle ás veces na preparación algún tipo de graxa (que pode ser aceite, manteiga ou graxa de porco).
Galletas
[editar | editar a fonte]As galletas son anacos pequenos e máis ou menos finos que resulta de cocer unha pasta composta de fariña, auga, azucre e outros ingredientes, coma ovos, manteiga etc.
O trigo utilizado para as galletas é da variedade Compactum (tamén coñecida como Club), considerada feble pola pouca cantidade de glute e de proteína e case sempre de baixa extracción. A maior produción deste tipo de trigo dáse no Reino Unido, importante fabricante de galletas a nivel mundial.
Pastas alimenticias
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: pasta.
As pastas son alimentos elaborados a base de sémola de trigo mesturada con auga e á que se lle pode engadir ovo, sal ou outros ingredientes, conformando un produto que se coce en auga a ferver. A elaboración de pastas alimenticias a base de trigo é unha práctica antiga, que segue especialmente nos países onde se cultiva o trigo. Normalmente utilízase a variedade de trigo Durum para a súa elaboración, polo que é dun alto valor nutritivo, aínda que en lugares como Italia (onde o consumo de pasta é o máis elevado do mundo) fanse de fariña triga dura soa ou mesturada con fariña candeal dura en iguais proporcións. En Francia, unha lei di que os macarróns e produtos semellantes só poden facerse de sémola de trigo duro.
"Carne vexetal"
[editar | editar a fonte]Dende o Extremo Oriente, particularmente dende a China e o Xapón espallouse un alimento de alto valor proteico baseado no glute do trigo; pola súa consistencia, aspecto ao ser cociñado e pola mencionada alta cantidade de proteínas, tal alimento é chamado "carne vexetal" ou seitán.
Cereais prontos para consumir
[editar | editar a fonte]A elaboración de produtos a base de cereais listos para o almorzo obtivo unha crecente importancia nos últimos anos. Un gran número deles están elaborados a base do endosperma de trigo, millo, arroz ou avea. Ás veces o endosperma simplemente se creba ou esmaga e algunhas veces se torra para obtermos cereais como fariña de avea ou para seren cociñados antes de os consumir.[19]
O desenvolvemento destes cereais xorde a finais do século XIX cando os doutores William Keith Kellogg e o seu irmán John Harvey Kellogg da vila de Battle Creek (Estados Unidos), seguidores das crenzas adventistas de vida sa consistentes en abstención de alcol, tabaco e carne, descobren o proceso de temperado no trigo e posteriormente inventan un método de procesamento dos cereais que inclúe cocedura, temperado, laminado e torrado do gran para obter flocos e láminas torrados, un alimento lixeiro que contrarrestaba os costumes daquela época de alimentos cheos de graxas. Inicialmente os cereais dos irmáns Kellogg só se producían para a dieta alimenticia dos pacientes do hospital Battle Creek Sanitarium e posteriormente comezou a venda aos consumidores en xeral en 1906, cando se funda a compañía The Battle Creek Toasted Corn Flakes Company (hoxe The Kellogg's Company).
Cervexa
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: cervexa.
A cervexa é unha bebida alcohólica obtida de grans de cereal fermentados e aromatizados con lúpulo. A elaboración da cervexa iniciouse de xeito simultáneo á elaboración do pan. O uso de trigo para a elaboración desta bebida é común en moitos países.
A cervexa a base de trigo e orxo tipo Weissbier ten principalmente dúas variedades: a Witbier en Bélxica e a Weizenbier en Alemaña, que ten variantes en diversas rexións do país.
A cervexa de trigo tipo Lambic elabórase en Bélxica empregando lévedos bravos obtidos por fermentación espontánea.
Outros produtos a base de fariña triga
[editar | editar a fonte]Ademais do pantrigo e da empanada, existen infinidade de produtos típicos de Galiza feitos con fariña triga, especialmente de repostaría: filloas, melindres, roscas, orellas, torta de Santiago etc.
Etnoloxía
[editar | editar a fonte]Galiza
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: O pan na cultura popular galega.
En Galiza, a importancia do pan é capital desde hai séculos, sendo a base de alimentación para a poboación. O xeito tradicional de elaboración do pan é con fermento.
O pan feito de trigo, chamado tamén pan branco, era moito máis valorado, reservado para as ocasións especiais, e por iso chamábano pan de festa, pan dos días de festa ou pan feiral. Máis usual era a denominación apocopada pantrigo. Frei Martín Sarmiento falaba no século XVIII do pantrigo da vila, referíndose a Pontevedra onde, dicía, cocíanse moitos pans miúdos de trigo para o gasto da vila e para o consumo das aldeas achegadas. Dicía que o pantrigo era un agasallo común.[20]
De sempre, o pan recibiu un trato de respecto debido, seguramente, das implicacións relixiosas derivadas do seu uso por Xesús Cristo en momentos relevantes do nacemento do catolicismo. O feito de considerar o pan coma o corpo de Cristo esixía darlle un trato especial. Por todo o anterior, nunca se debe tirar o pan ao chan e, se cae, debe recollerse inmediatamente e bicalo. Se alguén atopa un anaco de pan caído nun camiño, debe recollelo e colocalo onde ninguén o poida pisar.
Literatura
[editar | editar a fonte]Dende a antigüidade, o trigo é un dos cultivos que máis aparece na literatura, en especial, no mundo occidental.
Na mitoloxía grega representábase en contextos funerarios simbolizando a morte e a esperanza no alén. O trigo é o atributo característico da deusa Deméter, deusa da agricultura (Ceres para os romanos, que dá nome ós cereais). Cando Hades raptou á súa filla Perséfone, Deméter deixou de atender ó cambio das estacións e ó crecemento dos cultivos pero cando, por fin, recuperou á filla mostrou ó seu agradecemento ós reis de Eleusis, que tan ben a recibiran, entregando ó seu fillo Triptólemo espigas de trigo para que este o sementase por toda a faz da terra, desde un carro tirado por dragóns alados (tamén regalo seu). Os grans de trigo sementados, como o corpo enterrado do defunto, evocan o ciclo da vida e a pervivencia futura[21].
Rosalía de Castro citou o trigo en varias ocasións na súa obra, e amosaba a importancia que tiña este cereal así coma o pantrigo, reservados en Galiza, para ocasións especiais:
- Unha muller sin home...¡santo bendito!, é corpiño sin alma, festa sin trigo
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Watson L, Dallwitz MJ. (2008). "The grass genera of the world: descriptions, illustrations, identification, and information retrieval; including synonyms, morphology, anatomy, physiology, phytochemistry, cytology, classification, pathogens, world and local distribution, and references". The Grass Genera of the World (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2012. Consultado o 16 de marzo de 2010.
- ↑ Cendrero, Orestes (1938) Nociones de historia natural. Sétima Edición, París. pp. 243.
- ↑ Segundo o Anuario de Estatística Agraria e Contas Económicas da Agricultura Arquivado 20 de setembro de 2016 en Wayback Machine., a superficie dedicada en Galiza ó cultivo do millo en gran, en 2011, era de 18.085 hectáreas, cunha produción de 127.425 toneladas; o trigo ocupaba 15.478 ha e alcanzaba unha produción de 45.542 tn. O centeo só ocupaba 4.909 ha cunha produción de 8.544 toneladas.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Kent, Norman Leslie (1983) Technology of Cereals: An introduction for students of food science and agriculture. Pergamon Press Ltd, Oxford.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 05 de febreiro de 2013.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Ruiz Camacho, Rubén (1981): Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá. pp. 19-20.
- ↑ Léase botánica del trigo en Infoagro (en castelán).
- ↑ 8,0 8,1 Ruiz Camacho, Rubén (1981): Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá. pp. 9-12.
- ↑ 9,0 9,1 Kent, Norman Leslie (1983): Technology of cereals: An introduction for students of food science and agriculture. Pergamon Press Ltd, Oxford. pp. 13.
- ↑ Deméter entregou a Triptólemo, o maior dos fillos de Céleo e Metanira, reis de Eleusis, un carro con dragóns alados. Tamén lle deu o trigo e, remontándose polo ceo, Triptólemo sementouno por toda a terra habitada (PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, Libro I, 5, 2).
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2013. Consultado o 05 de febreiro de 2013.
- ↑ http://faostat3.fao.org/home/index_es.html?locale=es#VISUALIZE_TOP_20
- ↑ http://www.fertilizer.org/
- ↑ Forero, Daniel Gonzalo (2000): Almacenamiento de granos. UNAD, Facultad de Ciencias Agrarias, Bogotá. pp. 25.
- ↑ Ruiz Camacho, Rubén (1981): Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá. pp. 32.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Todas as estatísticas de produción mundial baséanse nos datos oficiais da FAO Arquivado 19 de xuño de 2012 en Wayback Machine. (Food and agriculture organization of the United Nations), 2006.
- ↑ Oriol Ronquillo, José (1857). Diccionario de materia mercantil, industrial y agrícola, que contiene la indicación, la descripción y los usos de todas las mercancías IV. pp. 48–49. Consultado o 31 de outubro de 2010.
- ↑ Cada galego consume ao ano 56 quilos de pan La Voz de Galicia 15/05/09.
- ↑ Potter, Norman (1995): Ciencia de los Alimentos, Editorial Acribia, Zaragoza. pp. 436.
- ↑ http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=pantrigo&tipo_busca=lema
- ↑ Juan Carmona Muela (2018):Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal, 5ª ed. (3ª reimpr.), px. 190 (ISBN= 9788446029397.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Trigo |
A Galicitas posúe citas sobre: Trigo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aykrod, W.R. & Doughty, Joyce (1970) El trigo en la alimentación humana. FAO, Roma, ISBN 92-5-300437
- Belderok, Bob & Hans Mesdag & Dingena A. Donner. (2000) Bread-Making Quality of Wheat. Springer. ISBN 0-7923-6383-3
- Cendrero, Orestes (1938) Nociones de historia natural. Sétima Edición, París.
- Dendy, David & Dobraszczyk, Bogdan (2001) Cereals and Cereal Products: Chemistry and Technology. Kluver Academic Plenum Publishers, Nova York. ISBN 84-200-1022-7
- Forero, Daniel Gonzalo (2000) Almacenamiento de Granos. UNAD, Facultad de Ciencias Agrarias, Bogotá.
- Hoseney, Carl (1991) Principles of Cereal Science and Technology. American Association of Cereal Chemists, St Paul, Minnessota. ISBN 84-200-0700-X
- Kent, Norman Leslie (1983) Technology of Cereals: An introduction for students of food science and agriculture. Pergamon Press Ltd, Oxford. ISBN 84-200-0608-4
- Kent, Norman Leslie (1975) Technology of Cereals with special reference to wheat. Pergamon Press Ltd, Oxford. ISBN 0-08-018177-5
- Potter, Norman (1995) Ciencia de los Alimentos. Editorial Acribia, Zaragoza. ISBN 84-200-0891-5
- Ruiz Camacho, Rubén (1981) Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá. ISBN 0049-3333
- Saltini Antonio, I semi della civiltà. Frumento, riso e mais nella storia delle società umane,, Prefazione di Luigi Bernabò Brea, Bologna 1995
- Salvat Editores (1985) Diccionario enciclopédico Salvat básico. Salvat, Barcelona ISBN 958-620-003-5
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Estatísticas de produción agrícola da Food and Agriculture Organization Arquivado 19 de xuño de 2012 en Wayback Machine. (en inglés).
- Xeneralidades sobre o trigo en Monografías (en castelán).
- O cultivo do trigo en InfoAgro (en castelán).
- Food and Agriculture Organization of the United Nations
- Prezos mensuais históricos do trigo, de acordo á FMI