Saltar ao contido

Universidade de Constantinopla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sólido bizantino coa representación do emperador Basilio I e a súa dona Eudoxia Ingerina.

A Universidade de Constantinopla, tamén coñecida coma Universidade de Magnaura polo nome do Palacio Imperial bizantino, foi recoñecida como tal no ano 848,[1] sendo emperador Basilio I, mais coma moitas outras universidades do medievo, xa levaba moito tempo funcionando coma institución académica antes de ser recoñecida como universidade. A escola orixinal fundouse no ano 425, sendo emperador Teodosio II. É considerada por moitos especialistas como a primeira universidade do mundo.[2]

A Universidade contaba con escolas de Medicina, Filosofía e Dereito, que xunto con outras institucións (escolas económicas, facultades, politécnicos, bibliotecas e academias de arte), fixeron de Constantinopla o centro de saber do mundo medieval.

A sociedade bizantina pode considerarse moi instruída, tendo en conta os padróns do seu tempo. Posuían un sistema de educación laico herdeiro das academias da antigüidade clásica. A educación primaria estaba amplamente estendida, chegando até as vilas e abranguendo os dous sexos. Só neste contexto pode ser entendida a universidade secular de Constantinopla, que ademais non era unha institución excepcional, xa que existían outras, antes da conquista musulmá, nalgunhas provincias, coma a de Alexandría e a de Antioquia.[3]

Cando se refundou Constantinopla no 330 foron levados alí mestres e profesores doutras partes do imperio, e tomáronse medidas para que fosen supervisados e apoiados polo estado, pero sen formalizar nin regular o seu ensino.

O coloso de Barletta é unha representación do emperador Teodosio I.

A escola orixinaria, o Pandidakterion, foi fundada polo emperador Teodosio II no ano 425,[4], establecendo unha clara distinción entre mestres privados e públicos, estes últimos, pagados polo erario, disfrutaban de privilexios e prestixio. Eran en total 31 catedráticos: dez de Gramática latina e outros tanto de grega, dous de Dereito, un de Filosofía e oito de Retórica (cinco en grego e tres en latín). A Retórica era a máis importante e difícil entre as materias estudadas, e era básica para calquera cidadán que pretendese acceder a un posto público no Estado ou na Igrexa.[4].

Nos séculos VII e VIII (‘’A Idade Escura Bizantina’’) o Imperio atravesou graves dificultades: a presión dos árabes polo sur, e a dos eslavos, ávaros e búlgaros polo norte produciron unha crise económica e a decadencia e transformación do estilo de vida bizantino. Aínda así parece que o ensino superior seguía a recibir fondos públicos, se ben este punto non é abondo coñecido polos historiadores. No que si parecen coincidir é na baixada da calidade do ensino neste tempo.

O aumento da estabilidade no século IX permitiu unha mellora da educación, así no 863 fundáronse novas cátedras de Gramática, Retórica e Filosofía (incluíndo Aritmética, Xeometría, Astronomía, Música) con sede no Palacio Imperial de Magnaura. Todas as cátedras foron mantidas con cartos públicos durante o seguinte século e medio, cando o protagonismo da Educación pasa á Igrexa. Durante o século XII a Escola Patriarcal era o centro de ensino máis importante e de el saíron homes de letras coma Teodoro Pródromo e Eustacio de Salónica.

A captura de Constantinopla no 1204 polos cruzados na coñecida como cuarta cruzada supuxo a fin dos fondos para a Universidade, aínda que o goberno no exilio en Nicea (a İznik turca) mantivo algún profesores privados. Despois da restauración imperial (1261) fixéronse varios tentativas de restaurar o vello sistema, máis nunca se acadou de todo, recaendo a maior parte do ensino en mestres privados, coma: o teólogo e gramático Máximo Planudes (1260-1310), o historiador Nicéforo Grégoras (1291-1360), e o home de letras Manuel Chrysoloras, quen sería máis tarde profesor en Florenza e pioneiro na reintrodución da literatura grega en Occidente. No século XV moitos máis profesores de Constantinopla seguirían a Chrysoloras e acabarían ensinando en Italia, onde influíron grandemente aos humanistas.[5].

As principais materias da maior parte dos estudos eran a retórica, a filosofía e as leis, co obxectivo de formar un persoal culto e competente para asumir os postos burocráticos do Estado e da Igrexa (a universidade laica tiña o seu equivalente relixioso nas Escolas de Teoloxía). Na Universidade conserváronse activas as tradicións platónica e aristotélicas, sendo continuación da Academia de Atenas [1]

A Escola de Magnaura fundouse no século IX, sendo engadidas novas facultades de Filosofía e Dereito na Escola Capitalina, xa no século XI.

O período de decaemento da Universidade comezou coa conquista e saque da cidade na IV Cruzada (1204), a pesar de ter sobrevivido coma institución laica, baixo o goberno da Igrexa até a Caída de Constantinopla. A universidade permaneceu aberta até o século XV.[6]

Profesorado notábel

[editar | editar a fonte]

Algúns alumnos destacados

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Encyclopedia Britannica, Higher Education in the Byzantine Empire, 2008, O.Ed.
  2. Professor Jerome Bump, The Origin of Universities Arquivado 20 de febreiro de 2009 en Wayback Machine., Universidade de Texas, en Austin
  3. Europe: A Cultural History, by Peter Rietbergen 1998, p.101
  4. 4,0 4,1 Elizabeth Jeffreys (2003.). Rhetoric in Byzantium: Papers from the Thirty-Fifth Spring Symposium of Byzantine Studies. Ashgate Publishing, Ltd. ISBN 0-7546-3453-1. 
  5. Harris, Jonathan; Hellenic Institute. "Byzantines in Renaissance Italy". En Royal Holloway. Byzantium. University of London (Egham, Surrey, TW20 0EX, United Kingdom). ISBN. Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2018. Consultado o 01 de abril de 2009. 
  6. Demetrios Constantelos. "The Formation of the Hellenic Christian Mind". En Aristide D. Caratzas. Christian Hellenism. Essays and Studies in Continuity and Change. New Rochelle, New York & Athens. ISBN 0-89241-588-6. 
  7. "Bulgaria.com". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2007. Consultado o 01 de abril de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]