Saltar ao contido

Velibor Vasović

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaVelibor Vasović

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(sr) Велибор Васовић Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento3 de outubro de 1939 Editar o valor en Wikidata
Požarevac (Reino de Iugoslavia) Editar o valor en Wikidata
Morte4 de marzo de 2002 Editar o valor en Wikidata (62 anos)
Belgrado (Serbia) Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinfarto agudo de miocardio Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaNovo Cemitério de Belgrado (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
ResidenciaPožarevac Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversity of Belgrade Faculty of Law (en) Traducir
First Belgrade Gymnasium (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista, avogado, adestrador de fútbol Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaIugoslavia Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDefensa Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1958–1963 FK Partizan 88(6)
1963–1963 Fudbalski Klub Crvena Zvezda 13(0)
1964–1966 FK Partizan 40(4)
1966–1971 AFC Ajax 145(13)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1961–1966   Iugoslavia 32(2)
  Adestrador Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
  Paris Saint-Germain Editar o valor en Wikidata

FIFA: 59487 UEFA: 36751 Editar o valor en Wikidata

Velibor Vasović (en serbio cirílico: Велибор Васовић), nado en Požarevac o 3 de outubro de 1939 e finado en Belgrado o 4 de marzo de 2002, foi un futbolista e adestrador iugoslavo, de orixe serbia. Histórico defensa do Partizan de Belgrado e do Ajax, gañou oito títulos de liga (5 de Iugoslavia e 3 dos Países Baixos) e disputou tres finais da Copa de Europa, gañando a de 1971 co Ajax.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como futbolista

[editar | editar a fonte]

Naceu en Požarevac pouco antes do inicio da segunda guerra mundial, sendo o noveno fillo de Živojin Vasović e Jelka Laušević. Seus pais procedían de Montenegro, sendo el funcionario de facenda e ela ama de casa.[1] Trala invasión do seu país por parte da Alemaña nazi e o posterior desmembramento do Reino de Iugoslavia en 1941, seu pai foi feito prisioneiro polos alemáns, pasando catro anos en catividade, mentres que os seus irmáns máis vellos se uniron ao movemento de resistencia partisano.[1]

Velibor completou a educación primaria na súa cidade natal antes de mudarse á capital, Belgrado, xunto con toda a súa familia, grazas ao seu tío materno David Laušević, que ascendera a altos cargos na Administración de Seguridade do Estado (UDBA). Vasović comezou os seus estudos secundarios matriculándose no Primeiro Gymnasium de Belgrado.[1]

Ao mesmo tempo que comezaba os seus estudos secundarios, empezou tamén a xogar ao fútbol no FK Novi Beograd, un pequeno equipo local das categorías inferiores.[1]

En 1955, o adestrador xuvenil do FK Partizan, Florijan Matekalo, descubriu o talento do mozo, que aos seus 15 anos ingresou na estrutura do club xunto a outras destacadas promesas como o lateral dereito Fahrudin Jusufi e o centrocampista Vladica Kovačević. Uníronse a un equipo xuvenil no que xa estaban os irmáns xemelgos Srđan e Zvezdan Čebinac, así como Branko Pejović. Toda esa talentosa xeración de futbolistas pasou a ser coñecida como "os bebés de Matekalo".[1]

En xuño de 1958, aos 18 anos, subiu ao primeiro equipo, que militaba na Primeira División de Iugoslavia. Xogou no Partizan durante as seguintes cinco tempadas, conquistando tres títulos de liga consecutivos.

Estrela Vermella de Belgrado

[editar | editar a fonte]

O seu contrato expirou no verán de 1963, e ante a falta de vontade do club para lle propoñer unha boa oferta económica, ofreceuse aos directivos do Estrela Vermella, máximo rival histórico do Partizan, que lle pagaron 5 millóns de dinares iugoslavos.[2] Cando dende o Partizan coñeceron a noticia, ofrecéronlle ao xogador o dobre de diñeiro, pero este rexeitouno. A súa polémica fichaxe provocou protestas dos afeccionados e incluso ameazas de morte.[1]

Debutou co Estrela Vermella o 1 de setembro de 1963, durante a inauguración do novo estadio Marakana de Belgrado, e fíxose rapidamente coa titularidade, xunto a Milan Čop e Vojkan Melić. O equipo chegou ao ecuador da competición de liga liderando a táboa con 5 puntos de vantaxe sobre o Partizan.

Durante a parada invernal o presidente do Partizan, Ilija Radaković, conseguiu persuadir ao futbolista para que volvese ao seu antigo club, ofrecéndolle máis diñeiro do que lle pagara o Estrela Vermella. Vasović aceptou, pero o Estrela Vermella non quería deixalo ir, a pesar de que a oferta incluía unha cantidade para o club en concepto de traspaso. Vasović comezou a adestrar unilateralmente co seu antigo club.

Cando a competición se retomou, Vasović estaba nun limbo legal, fóra da formación dun Estrela Vermella que, con todo, seguía pagando o seu salario. Despois de varios meses de ausencia recibiu instrucións do vicepresidente do Partizan, Čeda Džomba, para se reunir coa máxima autoridade política da República Socialista de Serbia nese momento, o vicepresidente federal Aleksandar Ranković, que lle dixo que investigaría o caso.[1] Varios meses despois, o director técnico do Estrela Vermella, Aca Obradović, aceptou que Vasović regresase ao Partizan a cambio de Zvezdan Čebinac.[1]

Regreso ao Partizan

[editar | editar a fonte]

Ao seu regreso ao Partizan non foi recibido por todos cos brazos abertos, pois algúns dos seus compañeiros consideraban que viña de chantaxear ao club. Ademais, o seu regreso produciuse no contexto de disputas internas dentro da xunta directiva do club, concretamente entre o presidente Radaković e o secretario xeral Mirko Nenezić.

A tempada 1964/65 comezou co liderado na táboa do Partizan, adestrado por Aleksandar Atanacković, pero a situación interna empeoraba cada semana. O equipo acabou por dividirse en dous grupos: os que apoiaban ao presidente Radaković, entre eles Vasović, e os que daban o seu apoio a Nenezić, entre os que se atopaba o adestrador Atanacković. O técnico foi despedido e o caso chegou ata as máis altas instancias do poder en Iugoslavia, coa intervención do mariscal Tito, que destituíu a toda a xunta directiva.[1]

En novembro de 1964, o Partizan xogou un amigable contra o AC Milan, no que Vasović protagonizou unha dura pelexa co defensa peruano Víctor Benítez, á que se sumaron varios xogadores e centos de seareiros.[3] Aínda que desagradable, e a pesar das sancións recibidas, a liorta serviu para unir o equipo, despois de meses de fractura.[1] O equipo acabou gañando ese ano a súa sexta liga iugoslava, a quinta na conta persoal de Vasović, e clasificándose para a Copa de Europa.

Na máxima competición europea o Partizan meteuse na final, despois de eliminar nas semifinais ao Manchester United. Na final, disputada no estadio de Heysel ante o Real Madrid, Vasović abriu o marcador no minuto 55, pero o equipo español acabou remontando o partido con dous goles de Amancio e Serena.[4]

Trala derrota europea mudouse aos Países Baixos, onde asinou co Ajax. Militou cinco anos no club neerlandés, actuando na última tempada como capitán do equipo, sendo o primeiro estranxeiro na historia do club en portar o brazalete. Na tempada 1968/69 acadou a súa segunda final da Copa de Europa, na que se enfrontou ao Milan no estadio Santiago Bernabéu. Volveu marcar un gol, pero quedou de novo ás portas da coroa europea, pois o Milan gañou por 4-1.[5]

Dous anos despois, xa como capitán, disputou a súa terceira final, na que finalmente conseguiu o trofeo ao vencer por 2-0 ao Panathinaikos en Wembley.[6]

Retirouse aos 31 anos, afectado pola asma que padecía.

Selección iugoslava

[editar | editar a fonte]

Foi 32 veces internacional coa selección de Iugoslavia, coa que xogou entre 1961 e 1966. Marcou dous goles, contra Bélxica e Noruega.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

En decembro de 1971, con 32 anos, converteuse no adestrador máis novo da historia do Partizan, ao que dirixiu ata novembro de 1973. Posteriormente pasou polo banco do Proleter Zrenjanin, antes de saír ao fútbol francés, onde adestrou o Angers SCO e o Paris Saint-Germain.[7] Nos seguintes anos dirixiu o Zamalek SC de Exipto e o Ethnikos Piraeus de Grecia, antes de regresar en 1986 a Iugoslavia para coller as rendas do Estrela Vermella de Belgrado, co que gañou a liga iugoslava na tempada 1987/88. Pechou a súa carreira como adestrador no Bellinzona suízo.[8] De regreso a Belgrado traballou como avogado.

Críticas á Federación

[editar | editar a fonte]

Vasović foi unha das personalidades máis críticas coa Asociación de Fútbol de Iugoslavia (FSJ), especialmente durante a presidencia de Miljan Miljanić. As súas críticas intensificáronse especialmente despois da ruptura da RFS de Iugoslavia. En 1997 fundou a organización Udruženje za razvoj i prosperitet jugoslovenskog fudbala (Organización para o Desenvolvemento e a Prosperidade do Fútbol Iugoslavo) a través da cal canalizou as súas críticas á FSJ.

Durante o verán de 2000 participou en varios mitins da Esquerda Iugoslava (JUL), partido político encabezado pola esposa do presidente iugoslavo Slobodan Milošević, Mira Marković. O 10 de outubro de 2000, cinco días despois do derrocamento de Milošević, Vasović e unha ducia de gardacostas irromperon nas oficinas da FSJ na praza de Terazije, no centro de Belgrado.[9] Intentaron aproveitar o caos e a confusión para gañar a vantaxe no esperado cambio de liderado da FA, pero non tiveron éxito.[10]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Licenciouse na Facultade de Dereito da Universidade de Belgrado. Casou dúas veces, primeiro con Mirjana Preradović, e despois con Branka Zorić. Tivo dous fillos, ambos coa súa primeira esposa: Vladimir (1963) e Aleksandar (1968). Do seu fillo máis novo ten unha neta, Tara (2009) e un neto, Stefan (2015).[11]

Morreu en 2002 tras un ataque cardíaco aos 62 anos e foi enterrado no Paseo de Cidadáns Distinguidos do Novo Cemiterio de Belgrado.[12]

Palmarés

[editar | editar a fonte]

Como xogador

[editar | editar a fonte]

Partizan

Estrela Vermella

Ajax

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

Estrela Vermella

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 "Velibor Vasović, životna priča najuspešnijeg YU fudbalskog profesionalca: Po prirodi kockar". Setembro de 1986. Consultado o 2 de maio de 2022. 
  2. "Vasović Velibor". reprezentacija.rs (en serbio). Consultado o 2 de maio de 2022. 
  3. ",,Crno-beli“ i ,,rossoneri“ i jedna žestoka tuča" (en serbio). 20 de abril de 2014. Consultado o 2 de maio de 2022. 
  4. "Real Madrid 2-1 Partizan". UEFA (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2022. 
  5. "Milan 4-1 Ajax". UEFA (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2022. 
  6. "Ajax 2-0 Panathinaikos". UEFA (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2022. 
  7. "France - Trainers of First and Second Division Clubs". rsssf.com (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2022. 
  8. "Switzerland - Trainers of First and Second Division Clubs". rsssf.com (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2022. 
  9. "VELIBOR VASOVIC UPAO U FSJ" (en serbio). 110 de outubro de 2000. Consultado o 2 de maio de 2022. 
  10. "KONTROVERZE PRELAZNOG PERIODA" (en serbio). Arquivado dende o orixinal o 1 de abril de 2008. Consultado o 2 de maio de 2022. 
  11. "Velibor Vasovic" (en neerlandés). Consultado o 2 de maio de 2022. 
  12. "Ajax great Vasovic dies". UEFA (en inglés). 4 de marzo de 2002. Consultado o 2 de maio de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]