Vera Mukhina
Vera Ignatievna Mukhina (en ruso: Ве́ра Игна́тьевна Му́хина; en letón: Vera Muhina), nada en Riga o 1 de xuño de 1889 e finada en Moscova o 6 de outubro de 1953, foi unha pintora e escultora soviética, alcumada como "a raíña da escultura soviética".[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Mukhina naceu en Riga (daquela integrada no Imperio Ruso) nunha familia adiñeirada dedicada ao comercio. Viviu nos números 23/25 da Turgeņeva iela (rúa Turgeņeva), onde hoxe figura unha placa conmemorativa.
Os antepasados de Mukhina viviron en Riga após a Guerra de 1812, en que as tropas napoleónicas invadiron Rusia. A familia era de boa posición económica: en 1937 Mukhina herdou 4 millóns de lats do seu avó.[2] Pasou a infancia e a xuventude (1892-1904) en Feodosia, na península de Crimea. Alí estivo ao coidado do seu pai, quen velou pola saúde de Vera, xa que a nena tiña só dous anos cando a nai morreu de tuberculose.[3] En Feodosia, Mukhina recibiu as súas primeiras leccións de debuxo e pintura. En 1904, cando morreu o pai, Vera e Maria, a súa irmá máis vella, foron atendidas por tíos e tías que viviron en Kursk, onde Mukhina cursou a secundaria, da que se graduou con honras.
O día de Nadal de 1912, estando Mukhina na casa do seu tío na provincia de Smolensk, tivo un accidente. Mentres baixaba por un monte montada nunha zorra, chocou contra unha árbore e cortou o nariz cunha póla. Foi operada nun hospital en Smolensk, mais as cicatrices ficaron na súa cara de por vida. Amais, a súa face delicada e infantil ficou moi distinta após as oito cirurxías plásticas realizadas por varios médicos franceses. Adquiriu un aspecto masculino, de trazos ásperos e irregulares. O accidente tivo importantes consecuencias na vida de Mukhina, así como na súa carreira futura.[4]
Anos despois mudouse a Moscova, onde estudou en varios centros de arte privados, incluíndo os de Konstantin Yuon e Ilya Mashkov. En 1912 viaxou a París, onde estudou de maneira simultánea na Académie de la Grande Chaumière e na Académie de La Palette (onde tivo como profesores a Henri Le Fauconnier e Jean Metzinger), ao tempo que tomou clases con Emile-Antoine Bourdelle.[5] Posteriormente viaxou a Italia para coñecer a pintura e a escultura do Renacemento.
Mukhina regresou a Moscova o verán de 1914, dúas semanas antes do inicio da Primeira guerra mundial. Como tiña coñecementos de enfermaría, estivo traballando nun hospital militar.[6] Alí coñeceu ese ano o médico militar Alexei Zamkov, un mozo con quen casou en 1918.[7]
En 1915 e 1916 traballou como asistente de Aleksandra Ekster no teatro de cámara Alexander Tairov en Moscova.[8] Tras a Revolución de Outubro en Rusia, adoptouse o coñecido como "plan Lenin de propaganda monumental". Os escultores recibiron encomendas do estado para facer monumentos na cidade. En 1918 Mukhina completou o proxecto do monumento ao educador e publicista Nikolai Ivanovich Novikov. Dito proxecto foi aprobado polo Narkompros, o Comisariado de Educación. Porén, o modelo do monumento, feito de arxila e almacenado nun taller sen calefacción, acabou por gretarse, polo que o proxecto ficou incumprido.[9]
Como parte do plan de propaganda monumental, Mukhina creou esbozos das esculturas Revolución e mais Liberated Labor (1919), así como monumentos a Vladimir Mikhailovich Zakorskii (1921) e Iakov Mikhailovich Sverdlov, tamén coñecido como A Chama da Revolución, (1923)[10] e inspirada na obra Formas únicas da continuidade no espazo (1913), do artista futurista italiano Umberto Boccioni.
Na década de 1920 Mukhina converteuse nunha das escultoras máis salientábeis da Unión Soviética. Malia manterse como escultora cubista até 1922, deveu nunha artista de renome do realismo socialista, tanto no estilo coma no ideolóxico. En 1923 Mukhina e Aleksandra Ekster deseñaron o pavillón do periódico Izvestia na primeira exposición sobre os eidos agrícola e artesanal de toda Rusia, en Moscova. En 1925 Mukhina e a deseñadora de moda Nadezhda Petrovna Lamanova recibiron o "Grand Prix" na Exposición Internacional de Artes Decorativas e Industriais Modernas de París pola súa colección de roupa elegante para mulleres. Estaba elaborada a partir de materiais bastos mais accesíbeis: farrapo, percal, lona, flanela, tecido para elaborar chapeus, cintos decorados con ervillas de cores e botóns entallados en madeira. A decoración dos vestidos consistía en ornamentos orixinais, incluíndo o estampado de galos, inventado por Mukhina.[11]
Mukhina deuse a coñecer a nivel internacional coa escultura O Obreiro e a Muller do Kolkhoz, de 1937. Entre 1938 e 1939 traballou nas obras Himno á Internacional, Chama da Revolución, Mar, Terra, Fertilidade e Pan, para a ponte Moskvoretski. Pan (1939) é a única escultura feita por Mukhina, xa que as demais foron recreadas a partir de bosquexos tras o pasamento da escultora.
Desde outubro de 1941 até abril de 1942 viviu e traballou no centro de evacuación de Kamensk-Uralski. En 1945 Mukhina foi convidada a Riga como experta para facer unha conclusión do monumento Liberdade, o cal ía ser derrubado. Porén, defendeu ferreamente o monumento, malia a súa opinión contradicir a do partido, e o monumento foi mantido.
Esculpiu, amais, dous monumentos a Maxim Gorki. Un deles foi instalado en 1943 en Moscova na terminal ferroviaria de Belorusski; o outro, na cidade de Gorki (actualmente coñecida como Nizhnii Novgorod) en 1952.
De entre as obras de Mukhina tamén é famosa o monumento a Chaikovskii, instalado en 1954 no patio do Conservatorio de Moscova, na rúa Bolshaya Nikitskaya. Localizada diante da fachada principal do Conservatorio, é o elemento principal do complexo arquitectónico no seu conxunto.
Mukhina continuou coas súas creacións de monumentos oficiais e coa escultura arquitectónica, por encargo do Estado, até o seu pasamento. Tamén experimentou co vidro, e elaborou bustos con ese material, co obxectivo de enriquecer o vocabulario artístico da arte soviética. Presentou acotío as súas teorías sobre a escultura, experimentou con materiais novos e desenvolveu unha técnica de escultura polícroma.
Entre 1941 e 1952, Mukhina gañou o Premio Estatal da URSS cinco veces, e en 1943 foi nomeada Artista do Pobo da URSS.[12] Debido á influencia de Mukhina como gran artista soviética, e como antiga alumna do escultor letón Kārlis Zāle, persuadiu os oficiais soviéticos a finais da década de 1940, sinalando a grande importancia artística do Monumento de Liberdade de Riga. Grazas ao seu esforzo, evitou que o monumento fose demolido, xa que se pretendía levantar no seu lugar unha estatua de Iosif Stalin.[13]
En 1953 escribiu o libro A Sculptor's Thoughts.[14] Finou ese ano en Moscova o 6 de outubro a causa dunha anxina.[15] Está enterrada, xunto co seu home, no cemiterio moscovita de Novodevichi.
Obra
[editar | editar a fonte]En Moscova
[editar | editar a fonte]- O Obreiro e a Muller do Kolkhoz
A obra máis célebre de Mukhina, con diferenza, é O Obreiro e a Muller do Kolkhoz. Esta escultura de grandes dimensións foi a principal atracción do pavillón soviético na Exposición Internacional en París de 1937.[16][17] Dito monumento era o máis preciado do pavillón deseñado polo arquitecto Boris Mikhailovich Iofan. O deseño permitía que o sol, ao alumear a escultura pola parte frontal, crease un efecto resplancedente. Dese xeito, as dúas figuras semellaban estar a voar, sensación realzada por unha bufanda ou pañoleta ondeante. O conxunto transmitía un poderío pouco común que representaba as aspiracións da URSS de lograr novas vitorias. A prensa francesa considerouna como "a mellor escultura do século XX". A estatua, co brillo do sol, parecía desafiar a aguia nazi no alto da esvástica do pavillón alemán, situado xusto enfronte.[18]
Pola súa parte, Pablo Picasso declarou:
"Que fermosos fican os colosos soviéticos no ceo parisense de cor lila".[19]
Esta foi a primeira obra escultórica do mundo creada mediante soldadura. O monumento, de 24 metros de altura e 75 toneladas de peso, foi construído a partir de placas de aceiro inoxidábel sobre un soporte de madeira. As placas estaban unidas mediante unha técnica anovadora de soldadura por puntos. Cada unha das figuras sostén, respectivamente, un martelo e un fouciño, que unidos representan o distintivo da Unión Soviética.
Trala clausura da exposición, o monumento foi desmontado e levado de regreso a Moscova. En 1939 foi instalado onda a entrada principal do Centro Panrruso de Exposicións (VDNKH), malia que o deseño sufriu alteracións. O monumento foi situado nun pedestal baixo e, ao seren as costas das estatuas orientadas cara ao sol, desapareceu a sensación de estaren voando. Ante isto, Mukhina afirmou que o seu monumento quedara "a rastro".[20] Con todo, en 1947 a escultura converteuse no logo do estudo cinematográfico Mosfilm, un dos máis antigos de Europa. En 2009 foi restaurada e instalada nun pedestal máis alto.[21]
- Escultura Ciencia, instalada na Universidade Estatal de Moscova
- Esculturas Pan e Fertilidade no Parque Druzhba preto da estación de metro de Rechnoy Vokzal
- Esculturas Terra e Auga no estadio de Luzhniki
- Monumento a Petr Chaikovskii no Conservatorio de Moscova
- Monumento a Maxim Gorki na estación de tren de Belorusski
- Monumento a Maxim Gorki no Instituto de Literatura Mundial
- Sete lápidas no cemiterio de Novodevichi
Noutras cidades
[editar | editar a fonte]- Escultura Mir en Volgogrado
- Composición escultórica Farhad e Shirin para a Farkhad central hidroeléctrica de Farkhad, (actualmente en Taxiquistán)
- Monumento a Maxim Gorki en Nizhnii Novgorod
- Escultura Mir no tellado do planetario en Volgograd, a última obra de Mukhina
Galardóns
[editar | editar a fonte]- Premio Estatal da URSS de primeira clase (1941)
- Premio Estatal da URSS de segunda clase (1943)
- Premio Estatal da URSS de primeira clase (1946)
- Premio Estatal da URSS de segunda clase (1951)
- Premio Estatal da URSS de primeira clase (1952)
- Orde da Bandeira Vermella do Traballo (1938)
- Artista do Pobo da URSS de artes plásticas (1943)
- Orde da Insignia de Honra (1945)
- Orde do Mérito Civil de Bulgaria
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Dende 1938 emitíronse na URSS varios selos postais coa efixie de Vera Mukhina ou das súas obras
- En 1985 creouse en Feodosia (Crimea, Ucraína) o Museo de Vera Mukhina, dedicado á súa adolescencia e obra[22]
- Na cidade de Klin (Óblast de Moscova) hai unha rúa chamada Vera Mukhina
- Hai un cráter en Venus chamado Mukhina
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Vera Mukhina Queen of Soviet Sculpture". www.russia-ic.com. Consultado o 24 de outubro de 2019.
- ↑ Vera Mukhina//The Russians of Latvia Consultado o 25 de maio de 2020
- ↑ Vera Mukhina//the Russians of Latvia Consultado o 25 de maio de 2020
- ↑ The preserved heritage//The arguments and facts Consultado o 27 de maio de 2020
- ↑ V.O.K.S. Organe de la Société pour les relations culturelles entre l'U.R.S.S. et les pays étrangers, febreiro de 1935. p. 157. Gallica, Bibliothèque nationale de France
- ↑ Vera Mukhina museum in Feodosia//Kafanews Consultado o 27 de maio de 2020
- ↑ The preserved heritage//The arguments and facts Consultado o 27 de maio de 2020
- ↑ "The Theater of Vera Mukhina: Unknown Chapter In the Career of a Sculptor". Moscow Museum of Modern Art. Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2020. Consultado o 3 de xaneiro de 2020.
- ↑ Vera Mukhina//Tass Consultado o 27 de maio de 2020
- ↑ Vera Mukhina-The first lady of Russian Sculpture Consultado o 28 de maio de 2020
- ↑ Vera Mukhina museum in Feodosia//Kafanews Consultado o 27 de maio de 2020
- ↑ "Mukhina, Vera (1889–1953)". Encyclopedia.com. Consultado o 3 de xaneiro de 2020.
- ↑ Institute of the Russian heritage of Latvia (ed.). "The Freedom Monument and V.Mukhina". Russians of Latvia. Consultado o 3 de xaneiro de 2020.[Ligazón morta]
- ↑ Vera Mukhina, A Sculptor's Thoughts, traducido dende o ruso por Fainna Solasko, Foreign Languages Publishing House, Moscova, 1953.
- ↑ "Vera Mukhina e sua obra-prima realista, socialista e feminista - Portal Vermelho". www.vermelho.org.br (en portugués). Consultado o 24 de outubro de 2019.
- ↑ Phaidon Editors, ed. (2019). Great women artists. Phaidon Press. p. 291. ISBN 978-0714878775.
- ↑ Richard Overy, The Dictators: Hitler's Germany, Stalin's Russia, p. 260 ISBN 0-393-02030-4
- ↑ РИА Новости, ed. (11 de abril de 2007). ""Рабочий и колхозница". Сложная судьба эталона соцреализма" (en ruso). Consultado o 13 de xullo de 2019.
- ↑ Vera Mukhina museum in Feodosia Consultado o 27 de maio de 2020
- ↑ Vera Mukhina-The first lady of Russian sculpture|data-consulta=28 de maio de 2020
- ↑ Elizabeth Waters, "Female Form in Soviet Political Iconography, 1917–32" in ed. Barbara Evans Clements et al., Russia's Women: Accommodation, Resistance, Transformation, University of California Press, Berkeley and Los Angeles, 1991, p. 240 ISBN 978-052-00702-40
- ↑ Russia-InfoCentre, V.Mukhina
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vera Mukhina |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vera Mukhina en Artnet.com