Xacobe Francisco Eduardo Estuardo
Xacobe Francisco Eduardo Estuardo, orixinalmente James Francis Edward Stuart, nado o 10 de xuño de 1688 e finado o 1 de xaneiro de 1766,[1] alcumado "o vello pretendente" polos whigs e "o rei sobre a auga" polos xacobitas, era fillo do rei Xacobe II de Inglaterra, Escocia e Irlanda, e a súa segunda esposa, María de Módena. Foi Príncipe de Gales desde xullo de 1688 ata que, poucos meses despois do seu nacemento, o seu pai católico foi deposto e exiliado na Revolución Gloriosa de 1688. A filla maior protestante de Xacobe II (a media irmá do príncipe) María II e o seu marido (o curmán do príncipe) Guillerme III convertéronse en co-monarcas. A Declaración de Dereitos de 1689 e a Lei de Instauración de 1701 excluíron aos católicos como Xacobe do trono inglés.
Xacobe creceu na Europa continental e foi coñecido como o Cabaleiro de San Xurxo. Despois da morte do seu pai en 1701, reclamou as coroas inglesa, escocesa e irlandesa como Xacobe III de Inglaterra e Irlanda e Xacobe VIII de Escocia, co apoio dos seus seguidores xacobitas e Lois XIV de Francia, curmán do seu pai. Catorce anos despois, intentou sen éxito gañar os tronos británico e irlandés durante o levantamento xacobita de 1715. Un último intento de restauración, o levantamento xacobita de 1745, foi dirixido polo seu fillo maior Carlos Eduardo Estuardo (o mozo pretendente).
Despois da morte de Xacobe en 1766, Carlos continuou reclamando as coroas británica e irlandesa como parte da sucesión xacobita.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bevan, Bryan (1967). King James the Third of England: A Study of Kingship in Exile. Hale.