Vere Gordon Childe
Vere Gordon Childe foi un arqueólogo australiano. Naceu en Sidney (Australia) o 14 de abril de 1892 e faleceu o 19 de outubro de 1957 en Monte Vitoria (Nova Gales do Sur, Australia).
Especialista na prehistoria europea dos milenios segundo e terceiro, foi catedrático de Arqueoloxía Prehistórica da Universidade de Edimburgo entre 1927 e 1946, director do Instituto de Arqueoloxía da Universidade de Londres, de 1946 a 1956 e membro da British Academy. É destacado pola súa visión materialista dialéctica, ou marxista, da prehistoria, sendo o máximo representante desta escola historiográfica neste eido.
Comezou a producir os seus primeiros estudos nun intre no que a prehistoria deixaba de ser unha disciplina estática, susceptible de parcialización e fragmentación. Childe consideraba o estudo da historia como dunha evolución dinámica, sen a cal non poderían entenderse as contradicións e paradoxos que compoñen a historia humana.
V. Gordon-Childe acuñou o termo «revolución neolítica», o paso dunha economía depredadora a outra produtora, así como a revolución urbana.