Alberto Núñez Feijóo
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961,[1] é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022.
Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia. Encabezou a candidatura popular nas eleccións autonómicas de 2009, acadando a maioría absoluta, e foi elixido polo Parlamento de Galicia como o quinto presidente da Xunta de Galicia. Tomou posesión o 18 de abril dese mesmo ano[2] e revalidou o cargo nas eleccións de 2012, nas de 2016 e nas de 2020. En 2022 deixou todos os seus cargos en Galicia para ocupar a presidencia do Partido Popular a nivel estatal, trala dimisión do seu predecesor, Pablo Casado.
Traxectoria
editarFormación
editarNaceu en Ourense, pero criouse nos Peares. Alberto Núñez Feijóo licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.
Cargos en empresas
editarFormou parte de diversos consellos de administración: Banco de Crédito Local, Empresa Nacional de Autopistas, Paradores de Turismo de España, Instituto Galego de Medicina Técnica, International Post Corporation, Fábrica Nacional de Moneda y Timbre e Chronopost Express. Tamén foi membro do Consello Asesor de Telecomunicacións e do Consello Asesor Postal.
Política
editarA súa entrada na alta política veu da man de José Manuel Romay Beccaría, quen, sendo conselleiro de Sanidade, o designou secretario xeral da consellería e secretario xeral do Sergas. Cando en 1996 Romay Beccaría foi nomeado ministro de Sanidade no primeiro goberno de José María Aznar, Núñez Feijóo pasou a ser presidente executivo do Insalud en 1996. De aí chegou a ser director xeral de Correos y Telégrafos, a empresa pública española de envíos postais.
En xaneiro de 2003 foi designado por Manuel Fraga como conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e en setembro de 2004 vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, converténdose no primeiro vicepresidente que nomeaba Fraga mentres ocupou a cadeira de San Caetano. Colocábase así de primeiro nos postos de sucesión ó xa daquela octoxenario Manuel Fraga.
Ao perder o Partido Popular a maioría absoluta nas eleccións do 19 de xuño de 2005, abriuse un período de rifas internas no PPdeG para acadar a presidencia do partido. Nesas eleccións, Núñez Feijóo encabezou a lista electoral por Pontevedra e converteuse en deputado. Dos catro candidatos, Xosé Cuíña, Xosé Manuel Barreiro, Henrique López Veiga e Alberto Núñez Feijóo, foi este último quen conseguiu vencer nos comicios internos e a partir daquela ocupou o cargo de líder da oposición, presidente do Partido Popular de Galicia e voceiro parlamentario dos populares.
Por outra banda, foi vogal electo do Comité Executivo Nacional do Partido Popular español.
Presidente da Xunta de Galicia
editarNúñez Feijóo foi nomeado Presidente da Xunta de Galicia polo Parlamento de Galicia o 16 de abril de 2009, tomando posesión dous días despois.[2]
Ao día seguinte ás eleccións ao Parlamento de Galicia, Feijóo deu a coñecer as súas prioridades: baixar impostos como o IRPF, eliminación de dúas Consellarías, a derrogación do decreto do galego no ensino e rematar coas galescolas.[3] Prometeu, ademais, que os pais ían ter liberdade de escolla da lingua vehicular no ensino dos seus fillos, máis tamén afirmou que non ía segregar por lingua e que non ía, polo tanto, duplicar o sistema educativo.[4] Ás súas declaracións reaccionaron con prontitude a Mesa pola Normalización Lingüística[5] e o STEG.[6]
Estes anuncios motivaron asemade que a Real Academia Galega elaborase un comunicado moi crítico coa dirección que tomara o Goberno de Feijóo, acusándoo de "desprotexer a lingua".[7]
Xa en xuño, a Xunta anunciou que se ía facer unha enquisa lingüística aos pais con fillos en idade escolar.[8][9] Non houbo que agardar moito para ver as diferentes reaccións. En contra dela, situáronse galeguistas históricos como Avelino Pousa Antelo, quen cualificou a enquisa como unha "aberración pedagóxica e unha pallasada".[10] O Bloque Nacionalista Galego anunciou que a denunciaría ante a UNESCO.[11]
Polémicas
editarEn marzo de 2013 o xornal El País publicou unhas polémicas fotos nas que Feijóo aparecía de vacacións co contrabandista Marcial Dorado no ano 1995. Por aquel entón, Dorado era xa un famoso narcotraficante arousán que fora detido dúas veces.[12] Feijóo non dimitiu como esixía a oposición, pese a que el mesmo pedira en 2009 a dimisión de Anxo Quintana, antigo Vicepresidente da Xunta de Galicia, cando se publicaran unhas fotos nas que saíra cun empresario.[13]
O 3 de setembro de 2015 ocorreron dúas multitudinarias protestas na cidade de Lugo para a defensa do sector lácteo galego, e na cidade de Vigo pola deficiencia nas dotacións no Hospital Álvaro Cunqueiro.[14][15][16] Tamén recibiu críticas en 2017 polo cambio no nomeamento do Consello Consultivo de Galicia[17] e pola súa xestión na Vaga de incendios forestais de 2017 en Galicia.[18]
O goberno de Alberto Núñez Feijoo ten recibido moitas críticas polos recortes en servizos públicos. Ao longo do seu mandato pecháronse numerosas escolas, especialmente en áreas rurais.[19] En sanidade foi moi criticada a falta de persoal médico.[20] Neste último apartado, a principal crise foron as protestas polo peche do paridoiro de Verín, anunciado en decembro de 2019.[21]
Notas
editar- ↑ Biografía de Núñez Feijóo en ABC.
- ↑ 2,0 2,1 "Feijóo toma posesión como nuevo presidente de la Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2009. Consultado o 12 de setembro de 2013.
- ↑ Derrogar o decreto e converter as Galescolas en garderías, prioridades de Feijóo, Vieiros, 2 de marzo de 2009.
- ↑ Feijóo garante agora que non vai haber segregación nas escolas por razón de idioma, Vieiros, 5 de marzo de 2009.
- ↑ "O futuro presidente da Xunta promete unha involución lingüística histórica", Vieiros, 6 de marzo de 2009.
- ↑ O futuro da lingua e o aumento de concertos educativos, principais preocupacións para STEG, Vieiros, 6 de marzo de 2009.
- ↑ A RAG considera 'desprotectoras' as decisións lingüísticas da Xunta Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine., en A Nosa Terra, 12 de maio de 2009.
- ↑ Feijóo anuncia 300.000 consultas a los padres sobre la lengua Arquivado 12 de xuño de 2009 en Wayback Machine., en Xornal de Galicia, 3 de xuño de 2009.
- ↑ Consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia
- ↑ “A enquisa aos pais é unha aberración pedagóxica e unha pallasada” Arquivado 10 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine., en Galicia Hoxe, 22 de xuño de 2009.
- ↑ "Isto é un lingüicidio" Arquivado 10 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine., en Galicia Hoxe, 21 de xuño de 2009.
- ↑ Feijóo y el contrabandista
- ↑ Feijoo pide el cese de Quintana por las fotos comprometedoras
- ↑ "Vigo y su área toman la calle para "recuperar" una sanidad pública de calidad" Faro de Vigo.
- ↑ "A sanidade e o leite abren dúas vías de auga na xestión da Xunta" Praza Pública.
- ↑ "O PP ofrece a comparecencia da conselleira de Sanidade, pero o PSOE reclama a de Feijoo" La Voz de Galicia.
- ↑ Protesta polos propios membros do Consello Consultivo, que foi levado ó Tribunal Constitucional
- ↑ Da poboación civil partiron protestas e concentracións, mentres que os efectivos de urxencias pedían a demisión da conselleira e baseábanse na ausencia dun mando único (xa en 2015), no modelo e desmantelamento anticipado do dispositivo e na recomendación a chamar ó 112. O secretario xeral do Eixo Atlántico Xoán Vázquez Mao, ante a insinuación de culpar o descontrol dos incendios en Portugal, criticou a falta de coordinación de medios tamén nun mando unificado transfronteirizo. Pola súa banda, a Televisión de Galicia recibiu tamén críticas tamén pola "desconexión" da realidade
- ↑ "A Xunta pechou máis de 200 escolas unitarias en pouco máis dunha década". 27/07/2017. Consultado o 13/01/2019.
- ↑ "A 'austeridade' levará por diante o 10% do cadro médico do Sergas". Praza Pública. https://praza.gal/movementos-sociais/a-austeridade-levara-por-diante-o-10-do-cadro-medico-do-sergas. Consultado o 13/01/2019.
- ↑ "Verín cumpre un mes en pé contra o peche da atención aos partos: "Aguantaremos o que faga falta"". Praza Pública. 2/01/2019. Consultado o 13/01/2019.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alberto Núñez Feijóo |
Outros artigos
editar- Lista de Presidentes de Galicia
- Partido Popular de Galicia
- Lista de senadores galegos desde a Transición