O asasinato (tamén denominado homicidio cualificado) é un delito contra a vida humana independente, de carácter moi específico, que consiste en matar a unha persoa concorrendo certas circunstancias, tales como: aleivosía; prezo, recompensa ou promesa remuneratoria; asañamento. Co novo Código Penal de 1995 desapareceu a circunstacia de "premeditación", recollida no anterior CP de 1944/1973.

Caín asasinando a Abel, políptico de Gante de Jan van Eyck

Diferenza entre asasinato e homicidio

editar

Mentres que o homicidio é o delito que alguén comete por acabar coa vida dunha persoa, o asasinato require dun maior número de requisitos.

Aínda que o tema discutiuse moito, o asasinato non se trata dun simple homicidio agravado, senón dun delito distinto (de acordo coa maioría da doutrina e a xurisprudencia), no que as circunstancias sinaladas son elementos constitutivos do mesmo. No asasinato existe unha maior intensidade do propósito criminal que no homicidio, polos medios prexudiciais utilizados dun modo especial ou pola inconfundíbel malicia e perigo que se revela.

Existe, con todo, materia xurisprudencial e doutrinal en contrario, o que reflicte as discusións que aínda hoxe este tema suscita.

Entre as razóns para consideralo un homicidio agravado, destacan dúas:

  • A súa regulación separada do homicidio.
  • Consideralo homicidio agravado non rompería a unidade de título de imputación no caso de que existise participación no delito e os partícipes non coñecesen que o autor actuou por unha das causas ou requisitos esixidos para esta figura. Podería castigarse, así, ao autor como tal dun delito de asasinato e aos partícipes como autores dun delito de homicidio.

Por todos estes motivos é polo que non existe o asasinato imprudente, senón que leva sempre aparellada a intencionalidade.

Regulación por países

editar

España

editar

A figura do asasinato atópase dentro do título do Código Penal: "Do homicidio e as súas formas", no artigo 139[1]. Os seus requisitos son os seguintes:

  • Aleivosía: consiste no emprego de medios, modos ou formas na execución que tendan directa e especialmente a asegurala, sen risco para o agresor que proceda da defensa que puidese facer a vítima ou coa procura consciente de que o delito quede impune. Son casos de aleivosía aqueles nos que se aproveita a particular situación de desvalimiento e indefensión do agredido, cando a execución é súbita e inesperada, por sorpresa, ou cando se fai mediante asexo, apostamento, trampa, emboscada ou celada.

Tamén se entende que se trata desta circunstancia cando o asasinato se realiza por medio de inundación, incendio, explosivo ou veleno, entendendo por este último calquera substancia que introducida no corpo humano por inxestión, inxección ou inhalación poida producir a morte. A comisión dun asasinato mediante inundación ou incendio supón que este é o medio utilizado, non que se comete este delito e, de forma imprudente, se provoca a morte dunha persoa; xa que neste caso o que se daría é un delito de incendio/danos/estragos en concuro ideal cun delito de homicidio imprudente.

  • Prezo, recompensa ou promesa: esta circunstancia ten un carácter ineludibelmente económico. É unha expresión antiga, pero que o lexislador español quixo manter por existir unha xurisprudencia profusa en aplicación da mesma.

Non é necesario que a contraprestación económica sexa previa á comisión do feito delituoso, nin que se verifique obxectivamente (caben casos de fraude). O importante é que o suxeito activo cometa o feito movido por esta intencionalidade económica.

  • Asañamento: aumentando deliberada e de forma inhumana a dor do ofendido. O asañamento apréciase tanto pola intención, como polo obxectivo resultado de incrementar a dor do agredido, e por iso exclúe actos realizados sobre o cadáver con posterioridade á morte da vítima (que podería constituír outro delito diferente, como é a profanación do cadáver).

O Código Penal non recolle como tal estes preceptos nos dous artigos que dedica ao asasinato, 139 e 140, pero todos eles poderían encadrarse nalgunha das circunstancias anteriormente expresadas e que son causa do agravamento do tipo delituoso.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Vives Antón, T. S. e outros. Derecho Penal. Parte Especial. Tirant Lo Blanch. ISBN. 
  • Muñoz Conde, F. Derecho Penal. Parte Especial. Tirant Lo Blanch. ISBN. 
  • Suárez-Mira Rodríguez, C.; Judel Prieto, A. e Piñol Rodríguez, J.R. Manual de Derecho Penal. Parte Especial. Civitas. ISBN. 

Outros artigos

editar