Batalla de Ethandun

A Batalla de Ethandun ou de Edington foi unha batalla que tivo lugar no reino de Wessex, entre o 6 e o 12 de maio do 878, sendo os bandos que se enfrontaban as forzas inglesas de Alfredo o Grande, por unha banda e, por outra, forzas de daneses viquingos lideradas por Guthrum o Vello.

Batalla de Ethandun

Memorial da Batalla de Ethandun (2000).
Data maio de 878
Lugar Ethandun, posibelmente Edington de Wiltshire ou Edington de Somerset
Resultado Vitoria de Alfredo o Grande e sinatura do Tratado de Wedmore
Cambios territoriais Reino de Wessex
Líderes
Alfredo o Grande Guthrum
Forzas en combate
Descoñecidas, posibelmente 3.000-4.000[1] Descoñecidas, posibelmente 3.000[2]

Tras loitar gran parte do día, o rei Alfredo resultou vencedor, grazas a unha vella técnica usada polas lexións romanas, que consistía en crear un muro defensivo cos escudos. Os daneses fuxiron cara ao Danelaw, sendo derrotados ao fin en Chippenham, fortaleza controlada por eles, tras catorce días de cerco. Unha das consecuencias da derrota danesa, foi que Guthrum foi bautizado no cristianismo. Alfredo foi o seu padriño e quen o elevou da pila bautismal.

Pouco máis tarde foi asinado o Tratado de Wedmore e despois o Tratado de Alfredo e Guthrum.

A opinión xeneralizada sobre a localización da batalla é que foi en Edington, Wiltshire, aínda que hai dúbidas respecto diso. Baralláronse outras zonas como Edington, Somerset.

Acontecementos antes da batalla

editar

De acordo coa Crónica de Peterborough, a historia dos ataques viquingos en Inglaterra comeza co asalto a Lindisfarne, Northumbria, no ano 793[3]. Tras este asalto inicial, houbo máis ataques en Wessex. Con todo, estes non supuñan unha gran ameaza até unha batalla en Carhampton, que tivo lugar no ano 836[4]. Ao longo do século IX, os daneses conquistaron cada vez máis territorios en Inglaterra, pondo á maioría dos seus habitantes baixo presión. Os Saxóns Occidentais (Wessex) “tiveron éxito contra os escandinavos, mesmo cando os invasores se uniron cos habitantes de Cornualla. Con todo, tras o ano 851, os éxitos comezaron a escasear”[5]. Cando chegou o grande exército pagán ou, simplemente, Grande exército, no ano 865, os ingleses levaban catorce anos de “grandes campañas” e sufriran moitas perdas.

O grande exército pagán non era moi grande en tamaño; de feito, usando os canons actuais, probabelmente non se lle chamaría grande exército. Gwyn Jones estimou que o seu número estaría comprendido entre os cincocentos e mil homes, baixo o liderado dos irmáns Ivar o Desosado, Ubbe Ragnarsson e Halfdan Ragnarsson[6]. Outras fontes establecen o seu número en 3.000, tampouco unha cantidade excesiva. Por tanto, descoñécese que é o que facía a este exército diferente a tantos outros que chegaran antes. Coa súa chegada, comezou unha nova estratexia dos viquingos, "a de conquista e permanencia”[7]. No ano 870, os invasores xa conquistaran os reinos de Deira e Anglia Oriental e, no 871, atacaron Wessex. Das nove batallas mencionadas nas Crónicas Anglosaxoas que tiveron lugar este ano, só unha resultou vitoriosa para os locais. Con todo, este ano Alfredo substituiría ao seu irmán Aethelred, morto na Batalla de Marton[8].

O reino de Mercia fora derrotado no 874. O seu exército desapareceu completamente. Halfdan volveu a Deira e loitou contra os celtas; o seu exército asentouse alí e é mencionado despois do 876, cando “(os daneses) se dedicaban á agricultura e a construír vivendas para eles”[9]. Guthrum, xunto con dous reis descoñecidos, “partiu cara a Cambridge en Anglia Oriental”. Realizou varios ataques a Wessex, empezando no 875, logrando capturar a Alfredo na súa fortaleza invernal de Chippenham.

No 878, os daneses apoderouse do leste e o nordés de Inglaterra e, a súa derrota na Batalla de Ashdown, alterou pero non detivo o seu avance. Alfredo pasou o inverno que precedeu á Batalla de Ethandun no pantano de Athelney, Somerset, xa que as características do lugar lle daban certa protección. Na primavera do ano 878, reuniu as súas forzas e marchou cara a Ethandun, onde se atopou cos daneses, liderados por Guthrum o Vello, en batalla.

Posición de Alfredo antes da batalla

editar

Guthrum e os seus homes aplicaran a típica estratexia danesa consistente en ocupar prazas fortificadas e esperar a un tratado de “paz”, esixindo un pago monetario a cambio da promesa de abandonar o reino inmediatamente. Alfredo seguía de preto ao exército danés; trataba de evitar maiores danos dos que xa ocorreran. No 875, o exército de Guthrum “escapou do exército saxón e penetrouse en Wareham[10]. Entón ofreceron entregar reféns e deron a promesa a Alfredo de abandonar o país; Alfredo aceptou e pagoulles[11]. Os daneses, incumprindo a súa promesa, pronto se internaron sen ser descubertos en Exeter, aínda máis dentro do reino de Alfredo, onde asinaron, no outono do 877, outro “acordo de paz” con el, cuxos termos esixían deixar o reino e non volver nunca máis[12]. Isto último cumprírono, pasando o resto do ano 877 (segundo o calendario gregoriano) en Gloucester. Alfredo pasou o Nadal en Chippenham, a trinta millas de Gloucester. Os daneses atacaron Chippenham “en pleno inverno, tras o Día de Reis”, probabelmente na noite do seis ao sete de xaneiro do ano 878. Lograron capturar Chippenham (non atoparon a Alfredo por pouco) e forzando a este a escapar.

Parece ser que nesta época, Alfredo perseguiu por todo Wessex aos invasores, mentres que os daneses estaban en situación de facer todo o que querían. A Crónica Anglosaxoa tenta dar a impresión de que Alfredo tiña a iniciativa; é “unha crónica anódina que, de forma breve, traza os movementos dos daneses e que, de forma pouco honesta, trata de transmitir a impresión de que Alfredo o tiña todo baixo control”, aínda que non o consegue en absoluto. Mesmo se Alfredo tivese alcanzado á forza danesa, é pouco probábel que estivese en condicións de lle facer dano. O feito de que o seu exército non puidese defender a fortificada Chippenham, mesmo “nunha época… en que a técnica de asedio aínda non estaba moi desenvolvida”, demostra que existen grandes dúbidas de que puidese facer fronte aos daneses en campo aberto, sen axuda de fortificacións[13]. Non había gran cousa, á parte do pago repetido aos invasores, que Alfredo puidese facer contra a ameaza danesa entre o ano 875 e finais do 877.

A batalla

editar

Todos estes feitos son aínda máis certos tras o ataque do Día de Reis. Coa súa pequena forza, apenas unha fracción do exército que posuía en Chippenham, Alfredo non podía ter a esperanza de recuperar esta praza aos daneses, quen en anteriores batallas (por exemplo, en Reading, no ano 871), probaron a súa pericia na defensa de posicións fortificadas[14]. Por tanto, Alfredo decidiu retirarse ao sur, preparando ás súas forzas para outra batalla e entón derrotar a Guthrum e os seus seguidores. O primeiro que se pode ler sobre Alfredo tras o desastre de Chippenham, é algo relacionado coa Pascua, cando construíu unha fortaleza en Athelney[15]. Na sétima semana tras a Pascua, ou entre o catro e o sete de maio, Alfredo mandou realizar un recrutamento en Ecgbryhtesstan (Egbert’s Stone; a Pedra de Ecgberht)[16]. Moitos dos homes dos condados de ao redor (Somerset, Wiltshire e Hampshire) que non fuxiran, uníronse a el[17]. Ao seguinte día, Alfredo desprazou ao seu continxente a Iley Oaks. Tras pasar un día neste lugar, marcharon cara a Ethandun[18]. Alí, nunha data descoñecida, que puido ser entre o seis e o doce de maio, pelexaron contra os daneses[19]. De acordo coa "Vida do Rei Alfredo" ("Life of King Alfred"), escrita por Asser:

“Pelexando ferozmente, formando un denso muro cos seus escudos contra a totalidade do exército dos pagáns, e esforzándose longa e bravamente… ao final el (Alfredo) conseguiu a vitoria. Derrotou aos pagáns, causándolles gran número de baixas e perseguindo aos fuxitivos ata a fortaleza de Chippenham”.[20]

Tras a vitoria, cando os daneses xa estaban refuxiados en Chippenham, os saxóns occidentais levaron toda a comida que os invasores tivesen podido coller nunha saída e esperaron. Tras dúas semanas, os daneses, famentos, pediron a paz, entregando a Alfredo “como acción preliminar para chegar a un acordo, os primeiros reféns e a promesa solemne de que deixarían inmediatamente o seu reino”, como era normal neles, pero coa promesa adicional de que Guthrum sería bautizado[21]. A diferenza substancial entre este acordo e os tratados de paz de Wareham e Exeter é que Alfredo derrotara completamente aos daneses en Ethandun, moito máis que nas outras ocasións que só conseguira detelos. Por conseguinte, os daneses víronse obrigados a cumprir este acordo.

A principal razón da derrota danesa foi probabelmente a diferenza de tamaño entre os dous exércitos: o conxunto de homes dun condado (shire) podía chegar a ser unha forza considerábel, como se demostrou ese mesmo ano, derrotando a un exército ao mando de Ubbe Ragnarsson na Batalla de Cynwit[22]. Ademais, no ano 875 Guthrum perdera o apoio dos outros señores daneses, incluíndo a Ivar e Ubbe. Outras forzas danesas asentáronse na zona antes de que Guthrum atacase Wessex: en Anglia Oriental, e en Mercia entre o tratado de Exeter e o ataque a Chippenham; outros moitos perdéronse nunha tormenta fronte á costa de Swanage, en Dorset, no 876-7, onde naufragaron 120 barcos. As discrepancias internas ameazaban con dividir aos daneses e necesitaban tempo para se reorganizaren. Afortunadamente para Wessex, non o fixeron a tempo.

Consecuencias

editar

Tras Ethandun, o territorio dominado polos daneses quedou restrinxido ao Danelaw; Wessex, o último reino inglés libre, quedou fóra do control danés. Se Alfredo perdese en Ethandun, probabelmente tería sido inevitábel que Guthrum se fixese co control de Wessex. Outra consecuencia directa da batalla, o bautismo de Guthrum e os seus homes en Aller, sendo Alfredo o padriño de Guthrum, deu ao rei inglés certo dominio moral sobre os guerreiros da Danelaw.

A paternidade espiritual establecida por Alfredo sobre Guthrum en Aller, supuxo que o primeiro conseguise certa superioridade cultural e política. Á súa vez, os saxóns pensaban que Guthrum, como fillo espiritual de Alfredo, aceptara a superioridade do rei que lle obrigou a adoptar a súa relixión. Con todo, os daneses loitaron contra esta crenza.

A derrota de Guthrum “o Desafortunado” tras a Batalla de Ethandun, e tras outros moitos intentos de tomar o país, desmoralizou aos daneses, deixando libre a Wessex durante anos.

A batalla na literatura

editar
  1. Paul Hill (2008). The Viking wars of Alfred the Great. Pen & Sword Military. ISBN 978-1-84415-758-7.
  2. Documental "Los Vikingos". Parte 3. Serie En la línea de Fuego.
  3. Garmonsway, 57
  4. Yorke, 151, Garmonsway, 62-63
  5. Yorke, 151
  6. Jones, 219
  7. Jones, 218
  8. Garmonsway, 70-73
  9. Jones, 221
  10. Garmonsway, 74
  11. Smyth 70
  12. Smyth 72
  13. Smyth, 70
  14. Garmonsway, 70
  15. Garmonsway, 76; Life, 26
  16. Smyth, 74
  17. Life, 26; Garmonsway, 76
  18. Garmonsway, 76; Life, 26-27
  19. Smyth, 75
  20. Vida, 27
  21. Garmonsway, 76
  22. Life, 26

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Garmonsway, G.N., tradución The Anglo-Saxon Chronicle (A Crónica Anglosaxoa). Londres: Dent, 1972.
  • Jones, Gwyn. A History of the Vikings (Unha Historia dos Viquingos). Edición revisada. Oxford: Oxford University Press, 1984.
  • Smyth, Alfred P. Alfred the Great (Alfredo o Grande). Oxford: Oxford University Press, 1995.
  • Smyth, Alfred P., tradución The Medieval Life of Alfred (A Vida Medieval de Alfredo). Houndmills: Palgrave, 2002.
  • Yorke, Barbara. Kings and Kingdoms of Anglo-Saxon England (Reis e Reinos da Inglaterra Anglosaxoa). Londres: Routledge, 1997.

Ligazóns externas

editar