Exilio republicano español

migración de cidadáns españois durante a guerra civil (1936-1939)

 

Bandeira de España entre 1931 e 1939

O exilio republicano español é o exilio do conxunto de cidadáns da Segunda República Española que, durante a guerra civil española de 1936 a 1939 e a inmediata posguerra, se viron forzados a abandonar a súa terra natal e desprazarse a outros países. Isto debeuse a motivos políticos e ideolóxicos, ou ben por temor ás represalias por parte do bando vencedor e do réxime político autoritario instaurado en España. Os exiliados permaneceron no estranxeiro até que a evolución das circunstancias internas do país permitiulles regresar paulatinamente. Porén, foron moitos os que finalmente se integraron nas sociedades que lles deron refuxio, e contribuíron nalgúns destacados casos ao seu desenvolvemento.

Unha gran parte dos primeiros refuxiados (até 440 000 en Francia segundo un informe oficial de marzo de 1939) tivo que afrontar no inicio duras condicións de vida que se agravaron tras o estalido da Segunda Guerra Mundial. Aínda que moitos lograron regresar na década de 1940, o exilio republicano «permanente» quedou constituído por unhas 220 000 persoas, moitas delas excombatentes, políticos ou funcionarios comprometidos directamente coa causa republicana. Entre elas había tamén un número significativo de nenos, intelectuais, personalidades da cultura e artistas, científicos e docentes, e persoas de profesións cualificadas, o que supuxo un condicionante máis no proceso de reconstrución do país por consecuencia do conflito.

Os principais países de destino foron Francia, México, Arxentina e a Unión Soviética. Tamén foron amparados grupos importantes noutros países como Chile, Colombia, Cuba, Estados Unidos, Perú, Reino Unido, República Dominicana, Uruguai e Venezuela.[1]

No transcurso dos anos, a evolución política interna en España e o progresivo proceso de reconciliación, que culminaron coa chamada Transición española e a instauración da democracia, permitiron paulatinamente o regreso dos exiliados. Porén, tamén foron moitos os que, polo seu grao de integración, decidiron permanecer nos países que lles deron refuxio. Alí se atoparon posteriormente con outros españois chegados entón como emigrantes por motivos económicos desde a década de 1950 ou por un novo exilio, o dos perseguidos pola ditadura até 1975.

Desprazamentos de poboación durante a guerra

editar
 
Nenos preparados para a evacuación de España co puño ergueito, símbolo utilizado pola esquerda

Os primeiros meses da guerra particularmente entre agosto e decembro de 1936, estiveron marcados polos episodios de violencia sistemática en contra da poboación civil, tanto debido á represión por motivos ideolóxicos como polo avance das operacións militares. Nestes meses tiveron lugar os primeiros desprazamentos de refuxiados e exiliados principalmente cara a Francia, caracterizados polo seu carácter aínda provisional. Agrupaba a persoas provenientes das rexións fronteirizas de Aragón, Cataluña e Euskadi, xa fóra pola súa condición de proximidade ao bando sublevado (no caso das dúas primeiras) ou de partidarios do Goberno que fuxían do avance da fronte de Irún (no último). Porén, tamén incluía persoas «neutras» que se vían ameazadas polo clima de hostilidade e violencia do momento.[2]

Conforme se desenvolvía o conflito, ese carácter provisional foi volvéndose máis permanente e masivo no caso dos desprazados próximos ao bando republicano. De feito, aínda que continuarían producíndose episodios de fuxida en desbandada, o goberno republicano tamén emprendeu accións para planificar algunhas das evacuacións, en particular as de menores. En outubro de 1936 constituíuse a Oficina Central de Evacuación e Asistencia ao Refuxiado, en vésperas da batalla de Madrid, co fin de organizar evacuacións masivas cara á costa mediterránea. Pola súa parte, en novembro dese ano a CXT creou en París o Comité d'accueil aux enfants d'Espagne.

 
Milicianas republicanas no Asedio do Alcázar de Toledo durante a Guerra Civil

As primeiras evacuacións de nenos producíronse desde Madrid e Valencia, co envío de 100 menores cara á URSS en febreiro de 1937. Dende Euskadi evacuáronse 450 persoas cara á illa francesa de Oléron, na colonia Casa Dichosa. Máis adiante preto de 300 deles foron levados a París e os restantes, a Oostduinkerke (Bélxica).[3] En xuño dese ano chegaron a México 456 menores, que recibirían o afectuoso apelativo dos Nenos de Morelia. As xestións para o seu traslado foron posíbeis grazas ao Comité de Axuda aos Nenos do Pobo Español.

Bartolomeu Bennassar sinala que preto de 10 000 cidadáns de Euskadi fuxiron por estrada cara a Francia.[4] De Cataluña saíron moitos refuxiados por vía marítima cara a Marsella e Xénova así como a pé polos Pireneos, evitando a vixilancia de milicianos e carabineros. En conxunto, calcúlase que entre 30 000 e 35 000 refuxiados de Cataluña chegaron a Francia e Italia entre xullo de 1936 e finais de 1938.[5]

As operacións militares na chamada fronte do Norte viron progresar ás unidades franquistas desde Biscaia cara a Santander na primavera de 1937. Estas provocaron unha nova vaga de miles de exiliados, cunha parte significativa de nenos, esta vez exclusivamente republicanos cara a Bordeos, La Rochelle e Lorient.[6] Tras o bombardeo de Gernika, o Reino Unido aceptou de mala gana acoller nenos republicanos. Deste xeito, o 21 de maio de 1937 partían ao exilio desde Santurtzi con destino ao porto inglés de Southampton preto de 4000 nenos vascos a bordo do buque Habana (con capacidade para 400 pasaxeiros).[7] Meses máis tarde Arthur Hinsley, cardeal e arcebispo de Westminster, exemplificaba a actitude profranquista da xerarquía católica inglesa ao mostrarse partidario en público de devolver a España os nenos vascos refuxiados no país.[8] En 1938, tras a batalla da bolsa de Bielsa e a retirada da 43ª División do Exército Popular, tivo lugar un novo desprazamento de persoas en Aragón que se refuxiaron directamente do outro lado da fronteira.[6] A finais de 1938, estímase que en chan francés permanecían 40 000 emigrados, aínda que se consideraba que mantiñan unha situación de desprazamento provisional.[6][9]

A maior avalancha produciuse con ocasión da perda de Barcelona pola República, en febreiro de 1939. Neses momentos máis de medio millón de persoas fuxiron a Francia. Sobre todo nos primeiros momentos unha gran parte foi internada nos campos que habilitou o goberno francés de Daladier,[10] nunhas condicións deplorábeis. Neses primeiros meses produciuse o regreso a España (xa enteiramente dominada polo bando franquista) de arredor da metade de quen se refuxiaran inicialmente en Francia.

Poucas semanas antes do fin da guerra, o informe Valière, realizado por petición do Goberno francés, estimaba a 9 de marzo de 1939 a presenza duns 440 000 refuxiados en Francia. Deles, 170 000 eran mulleres, nenos e anciáns, 220 000 soldados e milicianos, 40 000 inválidos e 10 000 feridos.[11]

O éxodo republicano de 1939 cara a Francia

editar

A retirada (xaneiro-febreiro 1939)

editar

A emigración cara a Francia acelerouse de maneira importante durante o transcurso da Batalla do Ebro e os meses posteriores, nun movemento de «retirada». O éxodo de cidadáns procedentes de Cataluña foi masivo despois da caída de Barcelona o 26 de xaneiro de 1939. O goberno de Daladier decidiu abrir a fronteira o 27 de xaneiro e os refuxiados fuxiron a través dos Pireneos por La Jonquera, Portbou, Le Perthus, Cerbère e Bourg-Madame. Segundo as fontes estímanse en 465.000 o número de refuxiados despois da caída de Cataluña, dos que 170.000 eran civís.

Acollida dos refuxiados

editar

Os departamentos do suroeste de Francia, próximos a España, foron os que acolleron o maior número de refuxiados. Houbo unha alta inmigración nas cidades de Bordeos e Toulouse, onde xa residían españois. Os outros departamentos da costa atlántica, en maior medida o do Loira, tamén acolleron refuxiados, así como Macizo Central, Bocas do Ródano e a rexión parisiense.

A acollida dos viaxeiros foi diferente nun lugar ou outro. Uns foron ben recibidos e obxecto de accións de solidariedade, mentres que outros foron vistos con desconfianza e mesmo hostilidade nunha Francia en crise, con visos de xenofobia.[10] Segundo Bartolomé Bennassar, as vagas de exiliados foron peor recibidas despois de 1939.

Os campos de concentración franceses

editar
 
Liberación polos EUA do campo de concentración de Mauthausen-Gusen baixo unha pancarta en español que reza: «os españois antifascistas saúdan as forzas liberadoras». Case 9000 republicanos españois acabaron en campos de concentración nazis

Principais campos de internamento

editar

As autoridades francesas, desbordadas, reagruparon os refuxiados en centros de "control" ou de "clasificación" na fronteira. Máis tarde distribuíronos en campos de concentración (termo oficial da época) ou de "internamento" situados aos pés dos Pireneos e especialmente nas praias mediterráneas máis próximas á fronteira. Neles foron recluídos uns 270.000 homes, os máis deles excombatentes do exército republicano. Consistía nun terreo de area cercado por aramados no que nin sequera existía un teito baixo o que acubillarse e rodeado de soldados senegaleses armados de metralladoras e fusís.[10]

Os campos de concentración situábanse en principio no departamento de Pireneos Orientais, como no caso do de Saint-Cyprien, o de Argelès-sur-Mer ou o de Le Barcarès nas praias. Reagrupaban especialmente vascos, antigos membros das Brigadas Internacionais (campo de Gurs), cataláns (Agde, campo de Rivesaltes), anciáns (Bram) e á columna Durruti (Campo de Vernet d'Ariège). Foron creados terra dentro en febreiro de 1939 nos departamentos veciños do Rosellón, para paliaren o crecemento das estruturas do litoral e as condicións sanitarias deterioradas.[10]

A bibliografía omite a miúdo os preto de 10 000 exiliados españois que desembarcaron no norte de África. Anne Charaudeau explica detalladamente como estes foron tratados tras a súa chegada.[12] Primeiro detidos nos campos por mor do seu potencial perigo, os exiliados tornan axiña nunha man de obra indispensábel en tempo de guerra. Na Alxeria francesa, os exiliados que volveron ser capturados foron usados nas canteiras do Transsaharien dende 1939. O traballo forzado dos refuxiados non é unha invención da Francia de Vichy, senón que se xeneraliza nese período.

Peter Gaida, doutor en Historia pola universidade de Bremen, explica as súas condicións de vida nas obras do Transsaharien despois de 1940:

"Nos campos do «Transsaharien», os refuxiados son expostos a un réxime brutal de traballo forzoso. Numerosos traballadores sucumben á fame, as enfermidades e a tortura, para ser liberados en maio de 1943, despois do desembarco dos Aliados no norte de África".[13]

Nos campos reprodúcense enfrontamentos ideolóxicos entre os prisioneiros derivados da Guerra civil española. As autoridades francesas aproveitáronse destes e utilizaron, por exemplo, as tensións entre anarquistas e comunistas para controlar a estes últimos. Así, Vernet d'Ariège[14] converteuse nun campo disciplinario para prisioneiros políticos baixo o réxime de Vichy.

Durante a Segunda Guerra Mundial (1940-1945)

editar

Internamento e traballos forzados no Réxime de Vichy

editar

As fontes históricas dos campos do suroeste observaron un endurecemento da política de internamento baixo o réxime de Vichy e unha «lóxica de exclusión».

 
Desfile da 2ª División Blindada do xeneral Leclerc polos Campos Elisios de París o 26 de agosto de 1944. A vangarda dos soldados que liberaron París constituíuna A Nove, compañía da División Leclerc formada na súa maioría por republicanos españois

O réxime de Vichy incorporou ademais aos republicanos ao esforzo de guerra de xeito sesgado nas Compagnies de Travailleurs Étrangers (CTE) e máis tarde, en 1940, nos Groupements de Travailleurs Étranger (GTE). Entre 1942 e 1943, 26 000 españois dos GTE ou outros foron enviados, encadrados no Service du Travail Obligatoire (STO), ás canteiras da Organización Todt na fachada atlántica.[15]

Para Lilian Pouységur, o episodio dos campos actuou como «un catalizador da identidade republicana española». Tivo un forte impacto no imaxinario republicano, deixando o recordo dun país pouco aberto á loita contra as forzas fascistas.

Compromiso entre o exército francés e a resistencia

editar

Entre 1939 e 1940 moitos republicanos, como os irmáns Juan e José Bort-Vela, pediron enrolarse nas Compañías de Traballadores Estranxeiros e nos batallóns de estranxeiros do exército francés, malia a desconfianza dos oficiais cara a estes «roxos». A finais de 1942 foron moitos os que se uniron á resistencia, o maquis e as forzas francesas libres. O criptógrafo Antonio Camazón e o seu equipo contribuíron a descifrar o código alemán da Máquina Enigma. Os exiliados republicanos esperaban que tras a caída do nazismo, a liberación de Francia contribuise á reconquista do seu país.[16] Durante a liberación de París o primeiro destacamento do exército de Leclerc que entrou na cidade era unha sección española.[17]

Deportación

editar

Os traballadores españois ou os resistentes republicanos detidos en territorio francés que non tiñan o status de prisioneiros de guerra foron deportados a diversos campos de concentración franceses (Saint-Cyprien ou Argelès-sur-Mer, entre outros) e máis tarde alemáns. As mulleres republicanas detidas por actos de resistencia pasaron ao campo de concentración de Ravensbrück. Esparexidos en numerosos campos,[18] constitúen un grupo importante esencialmente no complexo de Mauthausen, no cal se rexistraron 7288 españois dos que 4676 atoparon a morte.[19] En total, 12.000 republicanos españois[20] foron conducidos aos campos de concentración ou de traballo entre o 6 de agosto de 1940, que marca a primeira saída cara a Mauthausen, e maio de 1945.

O exilio republicano cara a América

editar
 
O expresidente Niceto Alcalá-Zamora no exilio en Buenos Aires, en 1942

O México posrevolucionario, de man do presidente Lázaro Cárdenas, decidiu aceptar unha parte da emigración desde febreiro de 1939[21] a instancias de Chile, que estaba ben disposto neste aspecto cara á República.[22] México foi o único país que recibiu os emigrados cos brazos abertos e con fondos do estado. Grazas a eles fundouse a Casa de España en México (1938-1940), antecedente do actual Colexio de México, e estabelecéronse a revista España Peregrina e a Editorial Séneca, dedicadas a autores e temas españois.

Arxentina tamén foi destino de refuxiados. O 19 de outubro de 1939 partiu de La Rochelle o vapor Massilia, que chegou a Buenos Aires o 5 de novembro de 1939. Viaxaban nel 384 persoas de varias nacionalidades que fuxían da guerra europea, das que máis da metade eran intelectuais republicanos españois pertencentes a diversas profesións e oficios.[23] Outros países como Venezuela, Colombia ou Cuba acolleron preto de 2000 exiliados.[6]

Rafael Alberti e Manuel de Falla exiliáronse na Arxentina.[6] Os escritores Tomás Segovia, Emilio Prados, Max Aub e José Bergamín e o físico Blas Cabrera ficaron en México. Os Estados Unidos acolleron o médico e biólogo Severo Ochoa, os filólogos Américo Castro e Tomás Navarro Tomás, o escritor Ramón J. Sender, o profesor e político Fernando de los Ríos e a familia de Federico García Lorca (o seu pai, o seu irmán Francisco e a súa irmá Isabel). Pola súa parte, o escritor Manuel Altolaguirre refuxiouse en Cuba. Así, a Xeración do 27 dispersouse por Europa e América.

O caso mexicano

editar

Preto de 50 000 exiliados[6] embarcaron cara México, cun nivel cultural máis elevado que a media dos demais exiliados. Tratábase en boa parte de intelectuais, científicos e artistas que contribuíron á dinamización mexicana. Para o historiador e filósofo Juan Marichal «o exilio español foi unha sorte para o país».[6]

A aclimatación é outra diferenza do que prevalecía en Francia no mesmo momento. O escritor José Gaos, instalado en México, cuñou o neoloxismo «transtierro» para cualificar esa emigración transformada en integración avanzada nas culturas hispanoamericanas. Foi unha reacción ao termo «desterro», máis frecuentemente empregado.[24]

O exilio cara á Unión Soviética

editar

As cifras da emigración republicana cara á URSS son obxecto de discusión. A maioría das fontes coincide en calcular o seu número en varios miles de persoas, exclusivamente membros do Partido Comunista de España acompañados das súas familias. Calcúlase que entre 2900 e 3200 nenos foron enviados á URSS entre marzo de 1937 e outubro de 1938.[6] Esquecidos tras a derrota da República, coñeceron destinos diversos. Algúns quedaron no país; outros, como El Campesino, lograron fuxir; e outros foron dispersados ou morreron combatendo pola súa nova patria, caso de Rubén Ruiz Ibárruri (fillo da Pasionaria) durante a Segunda Guerra Mundial. Este episodio suscitou unha abundante literatura.[25]

O exilio cara á Alxeria francesa

editar

Conforme avanzaban as tropas franquistas, os republicanos de Castelló e Alacant tiveron que escapar por mar a bordo de máis de 40 barcos, como o Stanbrook e o Galatea. Estes puxeron rumbo ao norte de África levando mulleres, homes e nenos en condicións inhumanas. O Stanbrook foi o último barco que partiu de Alacant o 28 de marzo de 1939 con 2638 refuxiados e alcanzou o porto de Mers el-Kébir, próximo a Orán.[26]

Campamentos na Alxeria Francesa

editar

Estes refuxiados eran internados nos chamados «campos de acollida», que en realidade eran campos de traballos forzados situados en Boghar (campo de Morand) e Suzoni. Arredor de 15.000 refuxiados españois na Francia continental foron deportados á Alxeria francesa no verán. En total, o número de españois que pasaron polos campos norteafricanos estímase en 30.000. Entre os cincuenta campos utilizados para internar a españois, os principais son, amais dos xa mencionados, os de Relizane, Bouarfa, Settat, Oued-Akrouch, Kenadsa e Tandara. Creáronse campos disciplinarios ou de castigo en Hadjerat M'Guil, Ain el-Ourak, Meridja, Djelfa e Berrouaghia.[27] Moitos destes refuxiados atoparon a morte nos campamentos do norte de África.[26]

Os exiliados da posguerra (1945-1975)

editar

Aínda que o campo vencedor foi recoñecido polos observadores internacionais despois da caída de Barcelona, as cousas non ficaron resoltas para España. A Segunda Guerra Mundial marxinou a sorte dos españois, o país non era nin tan sequera unha segunda fronte. A policía franquista perseguiu a oposición e depurou as cidades, deixando unha situación que os historiadores cualificaron de "posguerra". Desde 1938 até o inicio dos anos 60 os exiliados seguiron fuxindo do réxime, que consolidou o seu asentamento.

Evolución posterior do exilio republicano

editar

Algúns dos exiliados, principalmente os homes en idade militar, víronse inmersos como combatentes na inminente Segunda Guerra Mundial. Exerceron de combatentes regulares ou en accións da Resistencia principalmente na Francia metropolitana, pero tamén na URSS, no Norte de África e no resto dos escenarios da guerra. Case 9.000 republicanos españois sufriron a deportación aos campos de concentración nazis.

 
Luís Buñuel
 
Rafael Alberti nunha fotografía de 1968

Unha parte do exilio republicano marchou a Hispanoamérica, que se beneficiou dun elenco intelectual e artístico formado no seu maior parte polas institucións derivadas do Krausismo, a Institución Libre de Enseñanza, a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, a Residencia de Estudiantes, o Centro de Estudos Históricos, o Instituto-Escuela e o Museo Pedagóxico Nacional, entre outras. Esta fuga de cerebros empobreceu a vida cultural da posguerra española e enriqueceu a dos países de acollida, en especial, México (grazas ao apoio do presidente Lázaro Cárdenas), Arxentina e os Estados Unidos. Máis de 500 médicos foron parar a México. A xeración do 14, a xeración do 27 e as Vangardas históricas emigraron na súa maioría a outras terras, no que algúns chamaron trastierro ou desterro.

Algúns non puideron regresar á súa terra ou o fixeron xa moi anciáns, coa restauración da democracia. Entre moitos outros dos que non se pode dar conta certa, destacan:

Con todo, houbo numerosos casos de exiliados que regresaron a España durante a época de Franco. Foron os casos de, entre outros, o xeneral Vicente Rojo ou os escritores Manuel Altolaguirre e José Bergamín. Outros optaron por quedar e foron represaliados, como Antonio Rodríguez-Moñino, ou viviron unha especie de exilio interior, como Juan Gil-Albert ou Vicente Aleixandre, aínda que este último recibise un Premio Francisco Franco en 1949.

Conmemoracións oficiais do 80º aniversario (2019)

editar

España

editar

En España, tres exposicións marcaron o inicio das conmemoracións do 80 aniversario do exilio republicano.[30]

Francia

editar

Francia conmemorou oficialmente o 80 aniversario da «Retirada» particularmente na cidade de París, nos Pireneos Orientais e en todo o sur do país, en memoria dos 500.000 republicanos españois que cruzaron a fronteira a principios de 1939.[31] Por primeira vez, un presidente de Goberno español, Pedro Sánchez, visitou en Montauban a tumba do último presidente da Segunda República Española, Manuel Azaña. Tamén rendeu homenaxe na cidade de Colliure ao poeta Antonio Machado, falecido e enterrado alí en 1939.[32]

Na capital francesa, o Consello de París votou por unanimidade crear un xardín dedicado á memoria de Federica Montseny[33] e unha rúa dedicada a Neus Català.[34] Leváronse a cabo cerimonias, en particular fronte ao Jardin des Combattants de La Nueve, no Concello de París, ante as placas en memoria de Domingo Tejero Pérez,[35] José Barón Carreño, Conrad Miret i Musté (declarados oficialmente polo goberno francés «Mortos por Francia») e Manuel Pinto Queiroz Ruiz. Tamén se celebraron actos no cemiterio do Père-Lachaise, onde se sitúa o monumento aos «Españois Mortos pola Liberdade», en honra á República española, ante as sepulturas de Juan Negrín e Francesc Boix, ou no Mont-Valérien, no Memorial Nacional da Resistencia inaugurado por Charles de Gaulle o 18 de xuño de 1960, onde se conservan os tanques republicanos «Teruel» e «Guadalajara».

  1. Aunión, Juan Antonio (31 de marzo de 2019). "Una geografía del exilio republicano español". El País (en castelán). Consultado o 21 de xullo de 2024. 
  2. Bennassar, Bartolomé (2004). La guerre d'Espagne et ses lendemains (en francés). Perrin. ISBN 9782262020019. 
  3. Alted Vigil, Alicia (2002). "El exilio de los niños". Exilio (en castelán). Fundación Pablo Iglesias. ISBN 84-95886-02-2. 
  4. Bennassar, Bartolomé (2004). La guerre d'Espagne et ses lendemains (en francés). Perrin. ISBN 9782262020019. 
  5. Rubió Coromina, Jordi (2015). L'èxode català de 1936 a través dels Pirineus (en catalán). Maçanet de la Selva: Gregal. p. 388. ISBN 9788494389856. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Bennassar, Bartolomé (2004). La guerre d'Espagne et ses lendemains (en francés). Perrin. ISBN 9782262020019. 
  7. Esparza, Pablo (21 de maio de 2012). "Los niños octogenarios que se salvaron de la guerra de España". BBC Mundo (en castelán) (Londres). Consultado o 22 de xullo de 2024. 
  8. Rankin, Nicholas (2017). Defending the Rock: How Gibraltar Defeated Hitler (en inglés). Faber & Faber. pp. 187–188. ISBN 9780571307739. 
  9. Peschanski, Denis (xaneiro de 2001). La France des camps (1938-1946) (en francés). Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2007. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Monzón, Agustín (17 de febreiro de 2019). "Españoles tras la alambrada: los campos de concentración del exilio en Francia". El Independiente (en castelán). Consultado o 22 de xullo de 2024. 
  11. Exilio (en castelán). Fundación Pablo Iglesias. 2002. ISBN 9788495886873. 
  12. Charaudeau, Anne (outubro de 1992). "Les réfugiés espagnols dans les camps d'internement en Afrique du Nord". Hommes & Migrations (en francés) (1158): 23–28. ISSN 2262-3353. 
  13. Gaida, Peter (2014). Camps de travail sous Vichy: Les "groupes de travailleurs étrangers" (GTE) en France et en Afrique du Nord 1940-1944 (en francés). Lulu.com. ISBN 9781291842739. 
  14. Peschanski, Denis (2002). La France des camps: l'internement, 1938-1946 (en francés). Gallimard. ISBN 9782070731381. 
  15. Milza, Pierre; Peschanski, Denis (1994). Exils et migration: Italiens et Espagnols en France, 1938-1946 (en francés). L'Harmattan. ISBN 9782738430533. 
  16. Milza, Pierre; Peschanski, Denis (1994). Exils et migration: Italiens et Espagnols en France, 1938-1946 (en francés). L'Harmattan. ISBN 9782738430533. 
  17. Fernandez Recatala, Denis (agosto de 2004). "Ces Espagnols qui ont libéré Paris". Le Monde Diplomatique (en francés). Consultado o 30 de xullo de 2024. 
  18. Dreyfus-Armand, Geneviève (1999). L'Exil Des Republicains Espagnols En France. De La Guerre Civile A La Mort De Franco (en francés). Albin Michel. ISBN 9782226107213. 
  19. Crémieux-Brilhac, Jean-Louis (1994). "L’engagement militaire des Italiens et des Espagnols dans les armées françaises de 1939 à 1945". En Milza, Pierre; Peschanski, Denis. Italiens et Espagnols en France (1938-1946) (en francés). París: L’Harmattan. pp. 505–518. ISBN 9782738430533. 
  20. Fau, Jean-Claude (1994). "Le camp de réfugiés espagnols de Septfonds (Tarn-et-Garonne), 1939-1940". En Cohen, Monique-Lise; Malo, Éric. Les camps du Sud-Ouest de la France. Exclusion, internement et déportation, 1939-1944 (en francés). Toulouse: Privat. pp. 35–41. ISBN 9782708953758. 
  21. Bennassar, Bartolomé (2004). La guerre d'Espagne et ses lendemains (en francés). Perrin. ISBN 9782262020019. 
  22. Peschanski, Denis (xaneiro de 2001). La France des camps (1938-1946) (en francés). Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2007. 
  23. "El vapor Massilia, el barco de los intelectuales republicanos que arribó a Buenos Aires el 5 de noviembre de 1939". Casa de la Memoria La Sauceda (en castelán). 
  24. "Del destierro al transtierro, conferencia de Adolfo Sánchez Vázquez". Ateneo Español de México (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 5 de marzo de 2009. 
  25. González Gallego, Rubén (2003). Blanc sur noir (en francés). Actes Sud. ISBN 9782742741632. 
  26. 26,0 26,1 "EXPO - L’exil oublié des républicains espagnols en Afrique du Nord". Le Petit Journal (en francés) (Valence). 5 de outubro de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2024. 
  27. Mesquida, Evelyn (2011). La Nueve, 24 août 1944: ces Républicains espagnols qui ont libéré Paris (en francés). París: Le Cherche Midi. p. 29. ISBN 9782749120461. 
  28. "Rojo Asenjo, Onofre". Reseñas Biográficas Asturias (en castelán). 
  29. "Químics a l'exili: l'impacte de la Guerra Civil en una comunitat científica". Arxiu de la paraula de l'Ateneu Barcelonès (en catalán). 
  30. Aguilar, Andrea (5 de decembro de 2019). "La España peregrina vuelve del olvido". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 1 de agosto de 2024. 
  31. Hidalgo, Anne (9 de febrero de 2019). "Hommage aujourd’hui aux républicains espagnols qui ont fui le régime franquiste lors de la Retirada. Il y a 80 ans, près de 500 000 Espagnols franchissaient la frontière des Pyrénées pour échapper au fascisme et à une mort plus que probable.pic.twitter.com/klwZjlNQ49". X (en francés). 
  32. "En France, hommage inédit de Pedro Sanchez aux Espagnols exilés". Le Point (en francés). 25 de febreiro de 2019. Consultado o 2 de agosto de 2024. 
  33. "Conseil de Paris (juin 2019)" (en francés). 
  34. "Conseil de Paris, juillet 2019" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 28 de julio de 2022. 
  35. "Conseil de Paris" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2019. 

Erro no código da cita: A etiqueta <ref> co nome "peschanski_1" definida en <references> non se utiliza no texto anterior.
Erro no código da cita: A etiqueta <ref> co nome "bennassar_1" definida en <references> non se utiliza no texto anterior.

Erro no código da cita: A etiqueta <ref> co nome "cohen_1" definida en <references> non se utiliza no texto anterior.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar