As feromonas son substancias químicas producidas polas glándulas sexuais dalgúns animais para atraer ó individuo do outro sexo. Etimoloxicamente vén do grego, e significa "levo excitación". Algunhas bolboretas son capaces de detectar o olor da femia a 20 quilómetros de distancia.

Axila masculina, hipotética fonte de feromonas.

A palabra feromona foi utilizada recentemente en forma xeneralizada para referirse a hormonas de atracción sexual, cando en realidade as feromonas son un tipo de hormona de atracción sexual, especificamente producida polas femias de moitas especies de animais, incluíndo ós seres humanos.

Desde a súa orixe, tódalas especies de plantas, insectos e animais utilizaron diferentes aromas ou mensaxes químicas como medio de comunicación e case todas utilizan un ou varios códigos por este medio para atraerse sexualmente. Estas substancias teñen ademais a particularidade de inducir cambios no comportamento dos individuos que teñen contacto con elas.

En humanos

editar

Ó igual que os demais seres vivos o ser humano segrega hormonas que produce en forma natural para comunicarse a niveis inconscientes. Esas sinais poden ser para comunicar estados de ánimo, para indicarlle á comunidade se un individuo está san ou enfermo, ou ben, para indicar a dispoñibilidade e compatibilidade sexual.

No antigo Exipto, recoñeceuse o uso de hormonas para a fabricación de perfumes. Este era fabricado a partir da suor de homes seleccionados para este traballo e depositado en vasillas para logo ser mesturado con fragrancias. Ó parecer, os exipcios descubriran que a suor contiña substancias afrodisíacas para o ser humano, sobre todo suor de persoas fisicamente sas e vigorosas.

Non está de todo claro se esta substancia é capaz de alterar a conduta sexual humana de forma consciente. Un dos casos máis estudados e explicados é o da sincronización do ciclo menstrual de mulleres que conviven nun mesmo ambiente.

As feromonas nas abellas

editar

As feromonas nas abellas prodúcense en glándulas especiais, e actúan xeralmente a través do olfacto. As obreiras tamén as teñen. Son especialmente coñecidas as glándulas de Nasanov, baixo o abdome, que emiten as feromonas de alarma. Avéntannas levantando o abdome e batendo as ás.

Algunhas feromonas poden funcionar por intercambio oral. A raíña emprégaas para controlar ás obreiras e, no voo nupcial, para atraer ós machos. Estimula a agregación nos enxames, impide a construción de celas realeiras, transmite a súa presenza, o que mantén a tranquilidade da colmea, e promove a recolección de néctar.

Hai feromonas producidas por glándulas mandibulares que impregnan o corpo e son recollidas polas obreiras coa lingua, e así as transmiten para xeneralizar o coñecemento de que a raíña está presente.

As feromonas que inhiben a construción de novas celas realeiras (as que serven para criar novas raíñas) prodúcense en glándulas tarsais (nas patas).

As feromonas nas formigas

editar

As formigas basean a súa complexa organización social nas diferentes feromonas que transmiten, que se poden agrupar en diferentes tipos.

Feromonas de organización social. Transmítense por vías dixestivas, xa sexa pola boca (estomodeal) ou polo ano (proctodeal), durante a trofalaxia. Son a base da organización social, e con ela pódese transmitir diferentes tipos de información, como os niveis de alimento ou as necesidades da raíña.

Feromonas de casta. No proceso de desenvolvemento preséntanse diferentes castas segundo a súa alimentación. As obreiras "alimentan" ás larvas coa feromona, segundo sexa o requirimento do formigueiro. Se se lles subministra a feromona durante 2 ou 3 días, desa larva xurdirá unha obreira, mentres que se se lle dá durante 5 días, xorde unha soldado, e con máis de 12 días, unha princesa. En tódolos casos son femias, pero no caso da obreira e a soldado, as gónadas están atrofiadas. Os machos nestes casos prodúcense mediante a non fecundación do ovo, o que os converte en seres produto de partenoxénese.

Feromonas disparadoras. Trátase de substancias olorosas transmitidas ó medio. Pódense diferenciar catro tipos destas.

  • Feromonas marcadoras de pistas. Cando unha formiga ou un grupo encontran o alimento, deixan un rastro para que outros vaian á mesma fonte de alimento. As formigas marcan o rastro no chan mediante as glándulas que teñen no abdome.
  • Feromonas de agregación social. As colonias nas que viven as formigas teñen un olor característico e propio, recoñecido por tódolos membros da colonia. Un individuo intruso sería rapidamente recoñecido polo seu olor.
  • Feromonas de alarma. Mediante olores, pode facerse un rápido aviso da presenza dun inimigo. As glándulas sitúanse no abdome, cerca da glándula do ácido, e a feromona é disparada en altas concentracións, e difuminada por unhas pequenas setas que hai no poro. Desta forma, a feromona queda en suspensión no ar, e é captada rapidamente polo resto de formigas, que á súa vez volven a disparar a feromona. En moi pouco tempo, actívase unha alarma xeral.
  • Feromonas sexuais. As femias, durante o voo nupcial, producen olores de atracción para os machos, para axudalos a encontrarse e realizar a cópula.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar