Tui
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2018.) |
Tui é un concello galego da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Baixo Miño da que é capital. Tui foi a capital dunha das sete provincias de Galicia até 1833, da provincia de Tui. Segundo o IGE a súa poboación en 2016 era de 16.966 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é tudense.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital de | |||||
Capital | Tui | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 17.327 (2023) (253,69 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 68,3 km² | ||||
Altitude | 44 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Santo padrón | Pedro González Telmo | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Enrique Cabaleiro González | ||||
Eleccións municipais en Tui | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36700 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36055 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | tui.gal | ||||
Dende o 10 de febreiro de 2012, forma coa cidade portuguesa de Valença do Minho unha eurocidade, como mostra de cooperación e integración dos dous concellos, separados tan só polo río Miño.[1]
Xeografía
editarSituación
editarO concello está emprazado no suroeste de Galicia, límitando ao sur co Río Miño e ao norte coa Serra do Galiñeiro e o Val da Louriña.
Noroeste: Gondomar | Norte: O Porriño | Nordeste: Salceda de Caselas |
Oeste: Tomiño | Leste: Salvaterra de Miño | |
Suroeste: Tomiño | Sur: Valença do Minho | Sueste: Valença do Minho |
A súa superficie é de 68,3 km², e limita polo norte co Porriño e Gondomar, polo leste con Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, polo sur con Valença do Minho (Portugal) polo oeste con Tomiño, estando dividido en 155 entidades singulares agrupadas en doce parroquias. A parroquia de Tui é, xunto con algunhas zonas lindantes de Pazos de Reis e Rebordáns, a única de carácter urbano. O resto das parroquias son rurais ou rururbanas. Estas parroquias son Areas, Randufe, Rebordáns, Pexegueiro, Malvas, Ribadelouro, Guillarei, Caldelas de Tui, Baldráns, Paramos e Pazos de Reis. Esta última é, ademais, unha entidade local menor.
Clima
editarO clima do concello é de carácter oceánico con forte influencia mediterránea. Caracterízase por uns invernos suaves e chuviosos e uns veráns calorosos mais non extremos, xa que as temperaturas non adoitan superar os 35 °C. As xeadas son escasas no val e máis comúns nas zonas de maior altura. Hai unha media de 20,4 días ao ano con mínimas inferiores aos 0 °C e 98,1 días con temperaturas máximas superiores a 25 °C. Adoita haber seca estival nos dous meses máis cálidos do verán. As precipitacións son elevadas, cunha media anual de 1.633 mm.[2] Segundo a clasificación de Köppen é un clima Csb, é dicir, morno con verán seco e suave, tamén coñecido coma clima mediterráneo de veráns frescos[3], típico de varias zonas das provincias de Ourense e Pontevedra[4]. É un concello moi soleado, con entre 2.200 e 2.400 horas de sol anuais, entre as cifras máis altas de Galiza[5].
Tui (valores medios do concello) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima media (°C) | 13,1 | 14,8 | 17,4 | 18,7 | 21,0 | 25,2 | 28,0 | 28,1 | 25,7 | 20,6 | 16,4 | 13,9 | |
Temperatura media (°C) | 8,2 | 9,5 | 11,3 | 12,7 | 15,2 | 18,7 | 21,1 | 21,0 | 19,1 | 15,2 | 11,4 | 9,3 | |
Temperatura mínima media (°C) | 3,3 | 4,1 | 5,1 | 6,7 | 9,4 | 12,3 | 14,3 | 13,9 | 12,6 | 9,7 | 6,4 | 4,8 | |
Precipitacións (mm) | 216 | 184 | 119 | 129 | 122 | 57 | 29 | 34 | 99 | 182 | 193 | 263 | |
Fonte: Atlas Climático de España, Informe sobre o concello de Tui - AEMET |
Demografía
editarA poboación de Tui variou ó longo da historia dependendo de factores externos e internos, coma as crises e consecuentes emigracións do século XIX, a guerra civil, ou o auxe do comercio con Portugal. Esta foi a súa evolución, segundo datos do INE:
Censo total 2018 | 16.902 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 2.541 (15.03 %) |
Entre 15 e 64 anos | 10.779 (63.77 %) |
Maiores de 65 anos | 3.582 (21.19 %) |
Evolución da poboación de Tui dende 1877 | |||||||||||||||||||
1877 | 1887 | 1897 | 1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 2001 | 2011 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 |
12.039 | 11.462 | 11.524 | 11.631 | 12.907 | 13.484 | 12.602 | 14.012 | 13.738 | 13.331 | 13.189 | 15.076 | 15.242 | 16.042 | 17.236 | 16.884 | 17.013 | 16.966 | 16.860 | 16.902 |
Fontes: INE e IGE (Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Inmigración
editarPrincipais nacionalidades estranxeiras (2018)[6] | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Posición | Nacionalidade | Poboación | |||||
1ª | Portugal | 460 | |||||
2ª | Marrocos | 147 | |||||
3ª | Brasil | 46 | |||||
4ª | Italia | 20 | |||||
5ª | Venezuela | 20 | |||||
6ª | Arxentina | 19 | |||||
7ª | Colombia | 18 | |||||
8ª | China | 17 | |||||
9ª | Reino Unido | 16 | |||||
10ª | Romanía | 14 |
Tui conta con 868 veciños de nacionalidade non española, o 5,1% do total da poboación. Máis da metade dos estranxeiros son de nacionalidade portuguesa.[7] A poboación estranxeira creceu de maneira exponencial entre 1998 e 2009, a causa do boom económico do momento. Neste período a poboación estranxeira aumentou dunha cifra de apenas 254 (dos cales 169 eran portugueses) no 200 a 892 en 2010. Destaca o gran crecemento nestes 10 anos dalgunhas comunidades, como a marroquí, que pasou de 0 membros no 2000 a 184 só 10 anos despois. Co cambio de década a poboación estranxeira reduciuse lixeiramente, até os 868 actuais.[8]
División administrativa
editar- Artigo principal: Lugares de Tui.
Tui divídese en 13 parroquias. Tui (O Sagrario) é a parroquia máis pequena, máis poboada e onde se localiza a sede municipal. A parroquia de maior superficie, Reboreda. Á súa vez, cada parroquia divídese en varios núcleos de poboación, coñecidos como entidades singulares e a nivel popular como barrios, aldeas ou lugares. Hai un total de 155 entidades singulares en Tui,.
# | Parroquia | Entidades menores (lugares) | Superficie[a] (km²) |
Poboación[10] (hab) |
---|---|---|---|---|
1 | Areas | Anta, O Atrio, A Bouza Valada, O Carballo, Os Gaios, O Regueiro e A Toxeira | 3,9 | 837 |
2 | Baldráns | A Carballiza, O Cerqueiro, O Facho, A Igrexa, A Malladoura, A Parceira, O Rapado, A Teixeira e As Veigas | 2,8 | 480 |
3 | Caldelas de Tui | Os Baños, O Calvario, O Coello, Engarde, O Foxo, Os Gaios, A Igrexa, O Monte, O Monteiro, As Peteiras, O Piñeiro, O Pozón, O Seixal, O Souto de Arriba, O Souto de Engarde e A Telleira | 3,3 | 847 |
4 | Guillarei | Albelos, A Arrotea, O Calvario, As Cegoñeiras, Eidos, A Estación, A Fenteira, A Fonte, A Gándara, A Igrexa, A Millada, O Outeiro, As Penizas, As Peteiras, A Pinza, O Pombal, A Ponte Nova, Ribe, Rodas, Sobredo, O Souto, A Teixugueira e A Torre | 7,3 | 1.866 |
5 | Malvas | A Cruz, A Devesa, A Estrada, O Guindal, Paderne, Recarei e Sambade | 9,0 | 387 |
6 | Paramos | Os Campos, A Cancela, A Igrexa, As Laxes, O Outeiro, A Praza, O Rapadouro, O Regueiro, San Caetano e A Torre | 2,4 | 550 |
7 | Pazos de Reis | O Ánxel, Circos, O Eirado, Frinxo, Herdeiros, Muíños, A Poboanza, A Porteliña, Ricamonde e O Seixal | 4,3 | 1.122 |
8 | Pexegueiro | Carraveda, A Corredoura, A Fonte Seca, O Foxo, O Marco da Fontenla, O Monte, Mosteiro, Palláns, A Pereira, A Regueira, Saídes, A Salgosa, O Souto, Vilanova e Vilapouca | 8,8 | 451 |
9 | Randufe | A Abelleira, Arcos, Bermún, As Bornetas, Camiño Branco, Casas Novas, As Chans do Carrasco, Corvaceiras, Cotarel, Coto de Gaio, Cruceiro, Dices, A Estrada, O Gateño, A Guía, A Leiriña, O Lugariño, O Matelo, O Montiño, O Outeiro, Pociño, Postes, Quiringostas, O Remesal, Sombraboa, O Souto e As Valiñas | 7,3 | 2.165 |
10 | Rebordáns | O Arroio, Curuxeiras, A Devesa, O Foxo, Funchal, Laranxeiras, A Lavandeira, A Manteigada, O Montiño, O Outeiro, Paredes, Pexegueira, O Telleiro, Vilanova e A Virxe do Camiño | 9,6 | 1.222 |
11 | Ribadelouro | Barreiro, Ribadelouro, Tui, Bouzón, Ribadelouro, Tui, O Castro, Ribadelouro, Tui, A Costa, Ribadelouro, Tui, Cotarel, Ribadelouro, Tui, O Cruceiro, Ribadelouro, Tui, A Eira Vella, Ribadelouro, Tui, Espendelo, Ribadelouro, Tui, A Farrapa, Ribadelouro, Tui, A Fernal, Ribadelouro, Tui, A Fonte, Ribadelouro, Tui, A Gándara, Ribadelouro, Tui, A Magdalena, O Mallón, Ribadelouro, Tui, Marxiáns, Ribadelouro, Tui, O Monte, Ribadelouro, Tui, Mourentán, Ribadelouro, Tui, Oia, Ribadelouro, Tui, O Porto de Bouzas, Ribadelouro, Tui, San Simón, Ribadelouro, Tui e Vides, Ribadelouro, Tui | 8,3 | 850 |
12 | Tui (centro urbano). | O Arrabal, As Bornetas, Remuíños, O Rollo, San Bartolomeu, A Sarabia, As Serpes e tUI | 1,4 | 6.125 |
Historia
editarDa prehistoria á romanización
editarA zona de Tui foi habitada desde a prehistoria, a xulgar polos sitios arqueolóxicos encontrados durante a construción da autovía a Vigo, xusto no límite co concello do Porriño, datados no paleolítico inferior.
O fértil val do río Miño e as súas condicións naturais permitiron acoller no territorio tudense asentamentos humanos desde tempos remotos. Consérvanse vestixios da época paleolítica (hai 22.000 anos) dos socalcos fluviais do Miño e do río Louro; tamén de época neolítica (hai 7.000 anos), coma a machada de Carrasqueira (Paramos) e monumentos megalíticos (Anta, Areas). A introdución da metalurxia hai 6.000 anos deixou testemuños, coma o casco de bronce ou as machadas de Caldelas de Tui (hoxe no Museo Diocesano tudense) ou os gravados rupestres de Randufe.
Na época castrexa (séculos VIII-VII a. C. a I d. C.) construíronse poboados estables e fortificados nos cumios dos montes e outeiros, os castros. Os autores da época sinalan a Tui (Tude) como capital do grupo xentilicio dos Grovios. No cumio do monte Aloia, Cabeza de Francos (Pazos de Reis), A Guía (Randufe), Alto dos Cubos e na mesma localización actual da cidade está documentada a existencia de poboados castrexos.
A chegada de Décimo Xunio Bruto e as súas tropas no ano 137 a.C. marcaron o inicio da romanización deste territorio.
Ata o século XX foi tradición subir, nas rogativas, ó patrón local ata a pedra do sol, no alto do monte Aloia, que desde 1900 ten enriba unha cruz de pedra.
Idade Antiga
editarA romanización trouxo unha época de paz que permitiu ós habitantes da zona abandonar os castros e poboar as terras baixas próximas ó río Miño. As fontes clásicas (coma Plinio o Vello, Tolomeo ou Silio Itálico) documentan a existencia do Castellum Tude e da fundación mítica da cidade polo heroe grego Diomedes, fillo do heroe Tideo (de aí o nome Tui). Son moi abundantes os achados da época romana no territorio tudense, destacando sobre todo os da zona de Santa Eufemia-San Bartolomeu, con varias necrópoles escavadas, así como a propia cidade de Tui, que era unha das mansións da vía XIX, do itinerario de Antonino, como testemuñan os miliarios e outros restos atopados. Non quedaron moitos restos visibles desa época, aínda que si se documentaron en distintas escavacións. Por Tui pasaba a vía romana XIX, que unía Braga, Lugo e Astorga. Desta vía consérvase un miliario no museo de Pontevedra.
No Baixo Imperio e nos primeiros tempos medievais Tui continuou sendo un importante centro militar, administrativo e relixioso, documentándose a súa sé episcopal desde o século V. Figura como capital do reino co rei suevo Requimundo (458-463), e varias moedas da época foron cuñadas na ceca tudense, que continuou funcionando aínda despois da integración da conquista polos visigodos (585). Baixo o lousado da igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns achouse unha necrópole sueva (onde é de destacar a tapa dun sarcófago de "estola" tipicamente suevo co nome de "Modesta"). A uns cen metros atópase a ponte romana sobre o río Louro. O rei godo Vitiza tivo a comezos do século VIII a súa corte e pazo en Tui, no lugar de Monterreal-Pazos de Reis. Isto debeuse a que a corte de Toledo era perigosa para os príncipes máis novos, polo que eran enviados a Tui para os manteren afastados das intrigas de pazo.
Idade Media
editarPouco despois Tui sufriu a invasión dos árabes, que asolaron a cidade. Foi supostamente liberada por Afonso I de Asturias no 739. No 850 Ordoño I mandouna repoboar, e no 915 Ordoño II restaurou a sé episcopal. Coa caída do imperio comezou a etapa de maior importancia histórica de Tui. Os seus bispos aparecen nos concilios de Braga, e deixan sentir a súa influencia nunha zona moi ampla, tanto ó sur como ó norte do Miño.
Nesa época os ataques normandos saquearon Tui de novo. A sé episcopal quedou vacante ata o ano 1071, cando o rei García e dona Urraca restauraron e dotaron novamente a sé, que se instalou no mosteiro de San Bartolomeu de Rebordáns, cunha igrexa datable no século IX, aínda que con vestixios anteriores.
Recuperou o seu esplendor ó converterse en capital da provincia de Tui do reino de Galicia e nun posto estratéxico na beira do río Miño, tanto para a guerra coma para o comercio. Este esplendor viuse aumentado no século XII, xunto con toda a franxa norte da península, ata o río Douro.
Na primeira metade do século XII tivo lugar un feito transcendental, o nacemento de Portugal como reino independente de Galiza e Castela. Nesa época o río Miño adquiriu o seu actual carácter fronteirizo. Coa independencia do reino portugués, Tui foi escenario, ó longo dos séculos, de múltiples acontecementos bélicos relacionados coas loitas fronteirizas. En 1170 Fernando II mandou desprazar a poboación tudense desde a zona de San Bartolomeu á actual localización da cidade (que era un outeiro con viñas propiedade do bispado), dotándoa dun sistema amurallado, do que aínda se conservan diversos tramos, e concedéndolle un foro e privilexios ós poboadores de San Boaventura, nome co que pretendía designar á nova cidade, pero que non prosperou.
Os monarcas, tanto casteláns como portugueses, apoiaron á sé tudense con importantes doazóns. O bispo era o señor da cidade e do seu coto, e Tui experimentou un importante desenvolvemento socioeconómico e cultural. Así, en 1225 foi consagrada a Catedral de Santa María, construída en estilo románico e cunha portada expresión do primeiro gótico de Galiza. O seu claustro é algo máis tardío. Do mesmo estilo gótico é tamén o convento de San Domingos.
Nos séculos medievais Tui era un importante centro comercial, cun dinámico porto fluvial. Contaba con diversos gremios e unha comunidade xudía con sinagoga. Era lugar de paso da vía portuguesa do camiño de Santiago, dispoñendo dun hospital para os peregrinos. No actual centro histórico, que ocupa unha superficie dunhas 10 hectáreas, consérvanse numerosas edificacións de época medieval (especialmente do século XV, cos seus característicos arcos conopiais) e moderna (moitas delas brasonadas).
Idade Moderna
editar- Artigo principal: Provincia de Tui.
En 1623 a cidade recibe o título de Moi Nobre e Moi Leal, ó que en 1885 se lle engade o de Excelentísimo Concello. En 1640, con ocasión das guerras con Portugal, amplíanse as murallas medievais, adaptándoas ós novos sistemas defensivos. Ata 1833 Tui foi unha das sete capitais do Reino de Galicia (as outras seis foron Mondoñedo, Betanzos, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Lugo), e nela se celebraron as Xuntas do Reino de Galicia en 1664. A esta época corresponde a construción do convento das Clarisas ("Encerradas"), de San Antonio (San Francisco) e a igrexa de San Telmo.
Idade Contemporánea
editarVéxase tamén: Guerra civil no Baixo Miño
O sistema de foros continuou manténdose ata o século XIX. Por esta razón era imposible a transformación á agricultura capitalista. O movemento agrarista tivo en Tui un dos seus principais focos. Este movemento celebrou na cidade o seu I Congreso Agrario, en xullo de 1922.[11] A loita antiforista viuse agravada tras o masacre de tres campesiños, un dos cales era unha muller embarazada, no lugar de Sobredo (parroquia de Guillarei). Estes tres labregos son coñecidos como os Mártires de Sobredo.[12] Estes eventos levaron á abolición dos contratos de foros en 1926, coa aprobación dunha lei que permitía ós campesiños acceder á propiedade da terra que traballaban tras un pago dunha indemnización ós aforadores.
Outro movemento que emerxeu con forza no concello nas primeiras décadas do século XX foi o movemento obreiro, tanto na súa vertente socialista (representado polo binomio Partido Socialista Obreiro Español/UGT) coma na anarquista (representado polo sindicato CNT). Este último tiña en Tui un dos seus principais feudos da provincia.[13] Na Segunda República o concello tamén contou con importante presenza dos partidos republicanos e do Partido Galeguista.
Durante a guerra civil española Tui foi a última cidade galega en caer en mans do bando nacional, grazas á rápida organización dun Comité de Defensa da República na vila e á lealdade ao goberno lexítimo de parte dos mariñeiros do Cabo Fradera e do corpo de Carabineiros locais. Despois de que os golpistas se fixeran co control da cidade de Vigo tras tres días (20-23 de xullo) de duros combates, estes poideron atacar os focos de resistencia que quedaban na Provincia de Pontevedra, en particular as comarcas do Baixo Miño e O Condado. Tras unha primeira ofensiva infrutuosa, a chegada de reforzos de Ourense e o bombardeo da cidade fixeron que rematase a resistencia republicana, que organizou a última contenda no lugar da Volta da Moura.[14] Esta condición de ser o último foco de resistencia custoulle a Tui unha represión feroz, cunha das cifras de fusilados máis altas de Galiza. A día de hoxe aínda non se coñece a cifra exacta de vítimas mortais da represión, aínda que existen diversos estudos, que cifran o número entre 300[15] e 117[16].
Outro fenómeno transcendente durante os séculos XIX e XX foi a emigración cara a América primeiro e a Europa despois.
Na actualidade Tui e a comarca do Baixo Miño están realizando un proceso de modernización no ámbito da industria, a agricultura, e os servizos.
Política local
editarDesde a aprobación da constitución española de 1978 a cidade tivo os seguintes alcaldes:
- 1979-1987: Ángel Álvarez Durán (UCD e outros)
- 1987-1990: Juan Miguel Diz Guedes (Unión Tudense)
- 1990-1991: José Luís Gómez Núñez (Unión Tudense)
- 1991-1998: Miguel Ángel Capón Rey (PP)
- 1998-2011: Antonio Feliciano Fernández Rocha (PP)
- 2011-2015: Moisés Rodríguez Pérez (PP)
- 2015-2017: Enrique Cabaleiro González (PSdeG)
- 2017-2019: Carlos Vázquez Padín (Converxencia 21)
- 2019-actualidade: Enrique Cabaleiro González (PSdeG)
A actual corporación municipal, escollida nas eleccións municipais de 2019, está composta polos seguintes grupos:
Partidos | Votos | Concelleiros | ||||
---|---|---|---|---|---|---|
Votos | % | ±pp | Cambio | +/− | ||
Partido dos Socialistas de Galicia-Partido Socialista Obreiro Español (PSdeG-PSOE) | 4.381 | 45,74 | 27.03 | 8 | 5 | |
Partido Popular de Galicia (PP) | 1.461 | 15,24 | 7,47 | 3 | 1 | |
Ciudadanos (C's)[b] | 1.241 | 12,95 | 2,24 | 2 | ||
Bloque Nacionalista Galego (BNG) | 1.002 | 10,46 | 0,43 | 2 | ||
Converxencia 21 (C21) | 929 | 9,7 | 2,63 | 1 | 1 | |
En Marea (EM)[c] | 494 | 5,16 | 2,72 | 1 | ||
Votos en branco | 73 | 0,76 | 0,68 | |||
Total | 9.672 | 100.00 | 17 | ±0 | ||
Votos válidos | 9.582 | 99,07 | 1,54 | |||
Votos nulos | 90 | 0,93 | 1,34 | |||
Votos totais / participación | 9.672 | 70,78 | 1,85 | |||
Abstención | 3.993 | 29,22 | 1,85 | |||
Censo electoral | 13.665 | |||||
Fontes: Resultados de El País e Sermos Galiza Arquivado 30 de maio de 2019 en Wayback Machine.. |
A entidade local menor de Pazos de Reis conta cun alcalde-pedáneo propio, cargo que na actualidade ostenta Enrique Pérez Martínez da formación (Ciudadanos). Igualmente, esta parroquia conta coa Xunta Local de Goberno, con cinco vocais: dous de Ciudadanos (un deles o propio pedáneo) e tres do Partido dos Socialistas de Galicia.[17]
Cultura
editarToponimia
editarAs orixes do topónimo Tui non están plenamente claras. Investigacións arqueolóxicas relaccionan a cidade coa romana mansio Tūde ("lugar de parada nos camiños"). Ptolomeo usou o nome grego Τουδαι (Tudai) para referirse á vila, mentres que Plinio o Vello utilizou o topónimo helenizante Tyde. Unha das propostas etimolóxicas é a de Edelmiro Bascuas, que asocia o topónimo ao radical TŪD- (da raíz indoeuropea TĀ- "erreterse, fluír"), posiblemente un hidrónimo relaccionado co Río Miño.[18] Outra explicación é a que relacciona o prelatino Toûdai coa base "teuta", común nas linguas indoeuropeas occidentais, incluíndo as celtas, e que significa pobo ou comunidade.[19]
Patrimonio arqueolóxico
editar- Castro dos Cubos localizado no Alto dos Cubos da parroquia de Pazos de Reis. Foi habitado entre os séculos III a.C e o III d.C e ocupa unha extensión de 10.000 m², dos cales só 190 foron escavados, o que inclúe tres vivendas circulares e segmentos da muralla.[20] Tratábase, polo tanto, dun castro de dimensión considerábeis, con tres niveis diferenciados, o máis alto dos cales contaba cunha muralla defensiva.[21] O castro tamén conta con varios petróglifos da Idade de Bronce.[22]
Patrimonio arquitectónico
editarEdificios relixiosos
editarTui conta cun amplo conxunto de edificios relixiosos debido á súa condición de sé episcopal e de lugar de establecemento de múltiples ordes relixiosas. No centro urbano podemos atopar os seguintes:
- Catedral de Tui: comezou a súa construción no século XII é o máximo expoñente da riqueza artística da cidade. Elévase sobre a parte máis alta da mesma, conservando a aparencia de fortaleza con torres ameadas, camiños de paso e pasadizos. É de estilo románico e gótico, comezou a construírse en 1120, e é salientable a portada occidental datada arredor de 1225 e que é a primeira obra gótica da Península Ibérica.
- Igrexa e Convento de San Domingos: ambas son obra dos Dominicos, establecidos nese lugar desde 1328. Foi construído fóra do recinto amurallado medieval, pero trala edificación das novas murallas no século XVII quedou integrado dentro das defensas. Actualmente pouco se conserva da configuración primitiva do convento. Inicialmente posuía un claustro gótico, desmontado a finais do século XVI para realizar un novo. A igrexa é de estilo gótico modificada en época barroca. Nun principio estaba cuberta por madeira. As bóvedas actuais datan de 1728, época na que se construíu a actual torre e fachadas barroca. Destaca a portada lateral gótica cun tímpano moi erosionado que representa a adoración dos Reis Magos, así como as ábsidas que amosan a mesma arquitectura orixinal. No interior destacan os retablos, o Maior coñecido como a Batalla de Lepanto. A escaleira de caracol é de forxa. Levouse a cabo unha restauración dos retablos laterais da cabeceira, e unha escavación arqueolóxica no patio interior, onde se localizaron os restos do antigo claustro gótico.
- Capela da Misericordia creouse en 1542 coa fin de dar sepultura ós indixentes e socorro ós necesitados. A capela orixinal constaba de tres naves coa entrada polo oeste. En 1916, ante o seu mal estado, iniciouse a súa reconstrución, conservándose parte da fachada orixinal. No seu interior destacan o Retablo Maior e o Cristo na Cruz, obras renacentistas do século XVI, e a imaxe da Dolorosa, feita por Agustín Querol en 1909.
- Igrexa de San Telmo é un exemplar único do barroco portugués en Galiza. Foi edificada sobre a casa onde viviu San Telmo no século XIII, da que aínda se conserva un muro da cripta. Posteriormente, existiu unha pequena capela no século XV. A actual foi comezada polo mestre portugués Frei Mateo de Mosteiro. No interior destaca a cúpula ornamentada e a pintura do retablo maior. A finais do século XX foi obxecto dunha profunda restauración, na que se realizaron diversas escavacións onde se detectaron restos de casas existentes nesa rúa anteriores á edificación do templo.
- Igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns: sitúase nun dos arrabaldes con máis tradición de Tui. Só se conserva a igrexa, pero no alto medievo existiu no recinto mosteiro e a sé episcopal. A actual igrexa foi fundada no século XI. Inicialmente románica, sufriu diversas transformacións ó longo do tempo. No interior destacan os seus capiteis historiados e as pinturas murais da capela maior, que datan do século XVI. Na década de 1970 realizáronse unhas escavacións arqueolóxicas que descubriron restos romanos, suevos e visigodos correspondentes a un templo anterior.
- Convento e igrexa das Clarisas foi fundado en 1524 no soar onde se localizaba a antiga igrexa románica de Santa María. En 1688 iniciouse a construción da actual igrexa, obra do mestre Santiago Domingo de Andrade. Os actuais edificios conventuais son dos séculos XVII e XVIII. O retablo barroco da igrexa é do século XVII. O túnel das Monxas Clarisas atópase no fondo da rúa que leva ó seu convento, constituíndo un dos recunchos máis típicos de Tui. É un pasadizo abovedado baixo o convento, que comunica a parte alta da cidade coa zona extramuros.
- Igrexa de San Francisco foi na súa orixe parte do conxunto conventual franciscano construído en 1682. Dotado de biblioteca pública, realiza un extraordinario servizo como foco da cultura para a cidade. Do exterior destaca a súa equilibrada fachada. No interior, a cúpula de media laranxa, o amplo coro, o retablo maior realizado en 1741 e a capela da "Venerable Orde Terceira", construída en 1777.
Fóra do centro urbano están as diferentes igrexas parroquiais e numerosas capelas.
- Igrexa de San Miguel de Pexegueiro: orixinalmente pertencía ao antigo mosteiro de Persecario. Foi construída en estilo románico, do cal conserva a portada principal e dúas laterais.
-
A catedral coroando a cidade.
-
Vista nocturna da Catedral.
-
Vista da entrada principal da Catedral, de estilo gótico e fortificada.
-
Interior da Catedral, nesta sección de estilo gótico.
-
Porta norte da Catedral, a máis antiga, de estilo románico.
-
Portada principal, de gótico inicial. Unha das obras góticas máis antigas da península.
-
Claustro da Catedral, con partes tanto góticas coma románicas.
-
Capela da Santa Casa da Misericordia, na zona antiga.
-
Ábsida da Igrexa de San Bartolomeu (século XI).
-
Igrexa parroquial de Randufe.
-
Igrexa parroquial de Malvas.
-
Portada meridional da Igrexa de Pexegueiro.
-
Igrexa parroquial de Paramos.
Espazos museísticos
editar- Museo e Arquivo Histórico Diocesano: antigo hospital de pobres e peregrinos, construído en 1756. Consta de tres alturas, organizadas arredor dun patio barroco. O museo conserva valiosos fondos arqueolóxicos (algúns procedentes do castro de Santa Trega), medievais e de arte sacra, así como unha rica ourivaría de prateiros locais, españois e americanos.[23]
Arquitectura militar
editar- Muralla do século XII: ten a súa orixe no privilexio dado por Fernando II en 1170. Está formada por elevados muros reforzados por cubos ou torres defensivas intermitentes, fundamentalmente nos lados norte e leste, menos protexidos de forma natural. O acceso ó interior facíase por catro portas fortificadas, ás que chegaban as principais vías de comunicación: a Porta dos Ferreiros, a Porta da Pía, Porta Bergán e Porta do Arco. A muralla chegou case intacta ata mediados do século XIX, cando comezou a súa demolición coa fin de ampliar o recinto urbano. Consérvase varios tramos, con diferentes grados de alteración. Un dos mellor conservados é o que pecha desde a rúa do bispo Lago fronte á rúa Ordóñez, onde está a Porta da Pía, a única conservada das catro. O barrio pechado pola muralla é coñecido como Intramuros, mentres que aqueles espazos históricos do conxunto urbano que quedaban fóra da muralla fernandina son coñecidos como "arrabais".
- Muralla moderna: as fortificacións medievais da cidade foron ampliadas nos séculos XVII e XVIII, debido á expansión da mesma. O tipo de fortificación é común nesta época: murallas baixas e espesas con numerosos cambios de dirección e ángulos. A partir do século XIX foi desmontada conservándose só a correspondente ós xardíns de Troncoso, desde a Glorieta de Vigo ata o convento de Santo Domingo. Inmediato a este existe un arco sobre a rúa de Antero Rubín que recorda unha antiga localización da porta desta fortificación.
Arquitectura civil
editar- Ponte Internacional foi deseñada por Pelayo Mancebo. Forma parte desde hai máis dun século da contorna típica de Tui e Valença. Existe outra ponte internacional por onde pasa a A-55 que vén desde Vigo e enlaza coa autoestrada que continúa até Lisboa.
- Paseo da Corredoira é a avenida principal de Tui, na actualidade reservada para os peóns, co tráfico cortado. Está rodeada de edificios nobres cheos de historia onde a pedra é a principal protagonista.
- Monumento ó Cabalo Salvaxe é obra do escultor tudense Juan Oliveira Viéitez, que ten expostas esculturas en bronce en diversos lugares de España, como o Aeroporto de Madrid-Barajas ou a praza de España e o antigo Teatro García Barbón en Vigo. Está situado na Glorieta de Vigo.
- Glorieta de Vigo encóntrase ó final do paseo da Corredoira. Desde ela tense unha ampla panorámica da beira do Miño.
- Xardíns de Troncoso son un lugar de encontro e tranquilo paseo. Foron realizados sobre o percorrido da antiga muralla dos séculos XVII e XVIII. A forma do xardín adáptase á fortificación, destacando o bastión coa característica forma de punta de frecha, na que se localiza unha fonte artisticamente decorada.
- Paseo fluvial Discorre desde a praia da Mariña ata o Parque do Penedo, entre a antiga muralla medieval e o río Miño.
Cruceiros, petos de ánimas e elementos etnográficos
editar- Cruceiro de San Bartolomeu, a carón da igrexa de Rebordáns, data de 1770. É o máis artístico dos de Tui, presentando esculturas que simbolizan a crucifixión.
Patrimonio natural
editar- Monte Aloia foi declarado Parque Natural en 1978, e nas súas ladeiras hai diversas especies de flora e fauna. Desde a cima obsérvase todo o Val Miñor e o val do río Louro. Nel apareceron restos arqueolóxicos, así como os restos dun poboado galaico-romano e a muralla ciclópea que rodeaba a parte superior do monte.
Gastronomía
editarPola súa proximidade ó mar dispón de abundante marisco, pero destacan os produtos que ofrece o río Miño, sobre todo o meixón, que se pesca ata a desembocadura do río. A festa do meixón celébrase coincidindo coas festas patronais de San Telmo.
Ademais do meixón destacan as lampreas e as zamborcas. A cidade pertence á Denominación de Orixe Rías Baixas, producíndose viño albariño e do Rosal. Tamén teñen certa sona os "peixiños de améndoa" que elaboran as monxas do convento.
Servizos públicos
editarColexios
editar- CEIP Nº 1
- CEIP Nº 2
- CEIP de Guillarei
- CEIP de Pazos de Reis
- CEIP de Randufe
- CEIP de Rebordáns
- CEP de Caldelas
- CRA Mestra Clara Torres
- IES Indalecio Perez Tizon
- IES San Paio
Transportes e mobilidade
editarTui é unha cidade ben comunicada tanto por terra, mar e aire. A ela chega a autoestrada AP-9 e a estrada N-550, que percorren o corredor do Atlántico ata o norte de Galiza. Cara ao sur tamén está ben comunicada a través de autoestradas en dirección a Porto.
Conta con dúas estacións de ferrocarril. A estación central enlaza con Vigo e con Portugal a través da Ponte Internacional, e a estación de Guillarei é a última parada na provincia de Pontevedra do TALGO que enlaza con Madrid-Chamartín. Nela parou o rei Afonso XIII de camiño a Vigo.
A cidade está a 25 quilómetros do aeroporto de Peinador, que ten voos nacionais e internacionais.
O río Miño é navegable ata a cidade.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Tui.
-
Vista do río Miño desde Valença.
-
Vista xeral de Tui.
-
Detalle da catedral.
-
Entrando polo Camiño Portugués de Santiago.
Parroquias
editarNotas
editar- ↑ As parroquias en Galiza non contan con límites exactos, a superficie aquí mencionada é a que ocupan as parroquias coas fronteiras establecidas polo Sistema de Información Xeográfica de Galicia.[9]
- ↑ Os resultados están comparados cos que obtiveran Ciudadanos Tudenses en 2015.
- ↑ Os resultados están comparados cos que obtivera Son de Tui en 2015.
- Referencias
- ↑ González, Eva. "Eurociudad Tui-Valença, hacia la unidad". Faro de Vigo (en castelán).
- ↑ Atlas Climático de España, Informe sobre o concello de Tui. AEMET.
- ↑ Clasificación climática de Köppen. Goberno de Navarra.
- ↑ Machado Siqueira, G. (2017). Variabilidad espacial de la temperatura en Galicia a escala mensual. Universidade da Coruña. Pp. 62-63.
- ↑ Royé, Dominic; Martí Ezpeleta, Alberto; Juan José, Taboada Hidalgo (2019) [2019]. Os tempos e o clima de Galicia. Xerais. ISBN 8491215069.
- ↑ IGE. IGE, ed. "Poboación segundo sexo e principais nacionalidades - Tui 2018". Arquivado dende o orixinal o 05/06/2020. Consultado o 04/10/2019.
- ↑ IGE. IGE, ed. "Poboación segundo sexo e principais nacionalidades - Tui 2018". Arquivado dende o orixinal o 05/06/2020. Consultado o 04/10/2019.
- ↑ IGE. IGE, ed. "Poboación segundo sexo e principais nacionalidades - Tui 2000-2018". Arquivado dende o orixinal o 05/06/2020. Consultado o 04/10/2019.
- ↑ Mapas do SIX-G
- ↑ "Instituto Galego de Estatística, consulta do nomenclátor". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2021. Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ Mera, Manuel. "O PRIMEIRO CONGRESO AGRARIO NA GALIZA". La Región (en castelán). Consultado o 2019-10-07.
- ↑ Lamas, Jorge (2006-11-26). "Os foros comezaron a desaparecer hai 84 anos en Sobredo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2019-10-07.
- ↑ Maíz, Bernardo; Diéguez, Uxío-Breogán; Pereira, Dionisio. "Síntese histórica do movemento obreiro galego, das orixes até 1984.". calameo.com. p. 16. Consultado o 2019-10-07.
- ↑ "La memoria de Volta da Moura triunfa ante la barbarie". Metropolitano (en castelán). 2018-02-27. Consultado o 2019-10-07.
- ↑ Cerecedo, F (1977). Cuando la sangre llegó al Miño: la guerra civil en Tuy. Historia 16 19: 43-50.
- ↑ Rodríguez Gallardo, Á. (2008-01-01). A represión franquista no concello de Tui.
- ↑ "Entidad local Pazos de Reis". pazosdereis.org. Consultado o 2019-10-05.
- ↑ Tui - Allos con bugallos. Portal das Palabras.
- ↑ Ben Falado - Topónimo Tui. CRTVG. (dispoñíbel en YouTube).
- ↑ Ferreira, A. (2014). Nueva cara del Castro del Alto dos Cubos, en Tui. Atlántico Diario.
- ↑ Castro dos Cubos Patrimonio Galego.
- ↑ Petróglifo do Castro dos Cubos I. Patrimonio Galego.
- ↑ "Archivo histórico". DIOCESE TUI-VIGO (en castelán). Consultado o 2021-03-07.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tui |
Bibliografía
editar- MARTÍNEZ SIGÜENZA, Xulio: As parroquias de Tui —síntese histórica—, en Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais, número 19. Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra, 2003.