Pontedeume
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital de | |||||
Capital | Pontedeume | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 7.520 (2023) (257,01 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 29,26 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Santo padrón | Nicolao de Tolentino | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Bernardo Fernández Piñeiro (2015–) | ||||
Eleccións municipais en Pontedeume | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15600 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15069 | ||||
Páxina web | pontedeume.es | ||||
Pontedeume é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. O seu xentilicio é eumés/eumesa. É un concello pequeno (29,26 km²)[1] que en 2014 tiña unha poboación de 8 117 habitantes[2] cunha alta densidade de poboación (277 hab./km²). Está situado entre as cidades da Coruña (38 km) e Ferrol (18 km), e preto de Betanzos (26 km) e As Pontes (31 km).
A vila de Pontedeume é unha das poucas poboacións galegas que conserva o seu centro histórico. As súas rúas e prazas manteñen moitos elementos tradicionais como os soportais, as casas con balcóns de madeira e galerías acristaladas, as fontes públicas e un gran número de edificios monumentais. Todo isto, unido a unha gran riqueza paisaxística e natural na súa contorna, fixo que en 1971 a comarca eumesa fose declarada Conxunto histórico e paraxe pintoresca[3]. Pontedeume é un importante destino turístico, no seu territorio está un dos portais de acceso e o Centro de Interpretación do Parque Natural das Fragas do Eume. Por Pontedeume pasa un dos Camiños de Santiago, o Camiño Inglés.
Xeografía
Situación
O concello está situado no Golfo Ártabro, no fondo da ría de Ares. Limita ao norte coa ría de Ares e o concello de Cabanas, ao leste co concello de Monfero, ao sur cos concellos de Vilarmaior e Miño, e ao oeste coa ría de Betanzos[4].
Orografía
A zona oeste do concello está dominada polo monte Breamo de 305 metros de altitude, último contraforte da cadea montañosa que, partindo da serra da Loba, vai de leste a oeste ata chegar ao mar onde forma cantís[4]. Neste monte esténdese a parroquia tamén chamada de Breamo. Na súa aba, e entre este monte e o mar, espállanse as parroquias de Boebre, Centroña e Pontedeume.
Na parte leste predomina un material xeolóxico do precámbrico ao paleozoico con terreos ricos en materia orgánica e boa drenaxe, tanto interna como superficial[4]. O terreo vai gañando en altitude conforme se avanza, partindo da beira do río Eume, cara ao sur e ao leste[5], ata chegar aos límites cos concellos de Monfero e Vilarmaior. É precisamente nos límites con este último onde se encontra a maior altura do concello, o coto de Allegue, de 414 metros. Neste anfiteatro áchanse as parroquias de Vilar, Nogueirosa e Ombre. A parte máis oriental do concello, de forte pendente, coincide co tramo final do canón do Eume e está dentro do parque natural das Fragas do Eume.
Ao sur das alturas mencionadas está a parroquia de Andrade, a máis meridional do concello.
Hidrografía
O río máis importante é o Eume, un dos máis caudalosos de Galicia[4], que baña o concello polo norte e actúa como límite natural co concello de Cabanas. Xa no esteiro do Eume, desemboca o río de Covés ou de Esteiro[4] que baixa das alturas de Andrade.
O territorio do concello está na conca do Eume, agás a parte meridional cuxos regatos verten nos ríos Xarío e Baxoi, que desembocan na ría de Betanzos en terras de Miño[5].
Clima
O clima, igual que no resto dos concellos do Golfo Ártabro, é oceánico litoral[5] ou húmido[4], o que fai que as temperaturas medias sexan moi suaves durante todo o ano (media de 14,4 °C), con febles oscilacións anuais (9,6 °C) e unhas precipitacións arredor dos 1.000 milímetros anuais, cunha diferenza de 100 milímetros entre os meses máis chuviosos (novembro e decembro con 129 mm.) e o máis seco (xullo con 29 mm.)[6].
A continuación amósanse os datos mensuais dos valores medios de temperaturas e precipitacións[6]:
Temperaturas e precipitacións mensuais | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura media (°C) | 10 | 10,2 | 12 | 13 | 14,8 | 17,3 | 19,1 | 19,6 | 18,4 | 15,6 | 12,3 | 10,5 | |
Temperatura mínima (°C) | 6,9 | 6,9 | 8,5 | 9,3 | 11,3 | 13,6 | 15,4 | 15,8 | 14,6 | 12 | 9 | 7,3 | |
Temperatura máxima (°C) | 13,2 | 13,6 | 15,6 | 16,7 | 18,4 | 21 | 22,8 | 23,4 | 22,2 | 19,2 | 15,7 | 13,7 | |
Precipitacións (mm) | 116 | 96 | 91 | 80 | 71 | 47 | 29 | 40 | 69 | 101 | 129 | 129 | |
Fonte: Climate-Data.org |
Demografía
No seguinte gráfico, asociado á táboa que lle segue, apréciase a evolución da poboación no último século[2][7]
Evolución da poboación de: Pontedeume desde 1900 ata 2022 | |||||||||||||
1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 2001 | 2011 | 2021 | 2022 |
5 943 | 6 344 | 6 584 | 7 056 | 7 755 | 8 286 | 8 201 | 8 107 | 8 408 | 8 817 | 8 912 | 8 342 | 7 657 | 7 563 |
Da análise dos datos dedúcese que durante o século XX houbo un crecemento sostido da poboación, agás un pequeno descenso nos anos cincuenta e sesenta, probabelmente debido á forte emigración, primeiramente a América e logo a Europa[8], que se produciu neses anos. Os estaleiros da ría de Ferrol, con gran presenza de traballadores eumeses, sufriron unha dura reconversión naval nos anos oitenta. A pesar de todo, os seus efectos negativos víronse minguados en parte pola declaración oficial da comarca de ZUR, cuxos beneficios permitiron o establecemento en Pontedeume dun pequeno tecido industrial (LAGASA, Einsa), que axudou a incrementar lixeiramente a poboación durante as dúas últimas décadas do século XX[9].
Pola contra, esta tendencia positiva inverteuse no século XXI, o que se traduciu nunha perda de poboación de máis de mil habitantes.
Censo | Total (%) | Homes | Mulleres |
Poboación total | 7 563 | 3 617 | 3 946 |
Menores de 16 anos | 851 (11%) | 433 | 418 |
Entre 16 e 64 anos | 4 586 (61%) | 2 284 | 2 302 |
Maiores de 64 anos | 2 126 (28%) | 900 | 1 226 |
A poboación en 2022 era de 7 563 habitantes, dos que 3 617 (48%) eran homes e 3 946 (52%) mulleres. Algúns datos interesantes da poboación actual son[1]:
- O desequilibrio de poboación de 329 mulleres máis ca homes, prodúcese maioritariamente no tramo de poboación de máis de 65 anos; isto indica que a esperanza de vida dos homes é sensibelmente inferior á das mulleres. Pola contra, os homes superan lixeiramente ás mulleres no tramo de idade dos menores de 16 anos.
- É unha poboación que está envellecendo paulatinamente: O grupo de poboación maior de 64 anos (28%) dobra amplamente ao de menores de 16 (só un 11%). Por riba diso, o crecemento vexetativo durante a última década foi negativo, concretamente en 2022 houbo 58 defuncións máis ca nacementos[1]. Un dato positivo do ano 2012 foi o do movemento migratorio: nese ano houbo 10 persoas máis que se estableceron no concello cas que se foron[1]. Este dato contrasta co último do ano 2022 cando houbo un saldo migratorio negativo de 40 persoas. A idade media sitúase nuns altos 49 anos[1].
Pódese concluír que a evolución demográfica do concello sitúase na tendencia xeral galega de estancamento demográfico. Pero ao mesmo tempo o concello vese favorecido polas actividades do sector servizos, facendo isto que a súa situación non sexa tan alarmante coma a doutros concellos moi envellecidos[9].
Morfoloxía urbana
O crecemento urbanístico da vila de Pontedeume estivo sempre condicionado pola súa situación entre o monte Breamo, ao sur, e o río Eume, ao norte, nun terreo con forte pendente. Xa que logo, as direccións naturais de expansión son a leste e a oeste[10].
Etapas de crecemento
A historia urbana de Pontedeume comeza coa concesión en 1270 por parte de Afonso X do título de vila a un asentamento que existía a rentes da ponte sobre o Eume[11].
Para protexer a recentemente creada vila fíxose necesario dotala dun bo sistema defensivo. Catorce anos despois da fundación, a vila xa contaba cun valado e portas de acceso. O sistema foise mellorando engadíndolle torres de vixilancia e robustecendo o contorno ata ter unha muralla que circunvalaba completamente a vila[12]. Esta estaba constituída por un sistema de cuadrícula onde as rúas, dispostas paralela e perpendicularmente nas direccións N-S e L-O, dividían os soares de casas en trece bloques[13], posteriormente ampliados a catorce[14], que en ningún momento se apoiaban nas murallas.
Xa aos poucos anos de erguérense as murallas existían edificacións extramuros. Así, construíuse a ermida das Virtudes ao leste da vila, probabelmente a finais do século XIV en tempos de Fernán Pérez de Andrade, o Boo; e na entrada sur, onde estaba a ermida de San Roque, vai crecendo un novo barrio aproveitando o paso do camiño real. Na parte oeste medraba tamén o barrio de Porto. A construción do convento dos agostiños no século XVI fai que estes soliciten insistentemente unha porta de acceso á vila por esa parte leste. Simultaneamente a poboación intramuros tamén foi medrando, de tal xeito que a rolda interior da muralla foi invadida polas casas que foron pegándose a aquela[15].
Resultado de todo o anterior foi o proceso de derrubo ou substitución por casas da parte das murallas que daban ao leste (convento dos agostiños), ao sur (barrio de San Roque ou da Calzada) e ao oeste (barrio de Porto). Proceso que tivo lugar ben entrado o século XVII[15].
Dous feitos van marcar a expansión da vila: a desamortización de Mendizábal[10] (que fai que o convento dos agostiños pase a propiedade municipal), e a construción da nova estrada que, partindo de Betanzos, vai cara a Ferrol[16]. Así mesmo, segue o proceso de deterioración da muralla da que xa non quedan máis que algúns lenzos e unhas poucas portas[12].
O primeiro feito fai que se urbanice a zona leste extramuros coa construción, en terreos que eran do convento, da rúa de Raxoi, que permite comunicar o centro da vila co novo barrio de Aguabar, que xa gozaba dunha certa entidade nesas datas.
Poucos anos máis tarde realízase o novo trazado da estrada Betanzos-Ferrol que, baixando de Campolongo, dá un rodeo pola parroquia de Vilar para enfilar a entrada á ponte polo barrio de Aguabar[16]. Este trazado evita que se pase polo camiño real que atravesaba a vila. Consecuencia urbanística desta obra foi a necesidade de comunicar as rúas coa nova estrada, cousa que se fai pola recentemente construída rúa de Raxoi[17] e pola rúa de Santo Agostiño, na que é necesario derrubar os soportais para poder nivelar a rúa coa estrada[18].
En 1840 derrúbase a capela de San Roque[19], a rentes do camiño real, para comunicar este coa nova rúa de Raxoi e Aguabar.
En 1884 engádense á parroquia urbana os barrios e lugares do Picho, Porto, Fontenova, Souto da Vila, Fieitela, Penedos e Aguabar, anteriormente pertencentes ás parroquias de Breamo e Vilar[20].
Se no século anterior a vila abriuse polo leste, neste século chega o momento da expansión polo oeste. Por esta dirección atrancaba a expansión o Pazo dos Andrade. A inminente chegada do ferrocarril e a situación da estación ao oeste da vila, fai que o concello se propoña a construción dun vial que comunique con ela. Adquire a propiedade do Pazo e derruba unha parte para o paso da estrada da estación. Detrás do pazo había unha considerábel extensión de terreo, a Horta do Conde, que se urbaniza cun xardín público ao norte da nova estrada, e novas edificacións privadas ao sur[21]. O que quedaba do Pazo vaise deteriorando lentamente ata a case total eliminación nos anos trinta[22], a pesar de ter sido declarado Monumento Arquitéctonico-Artístico[23] poucos anos antes. O Torreón dos Andrade é o único que queda do Pazo.
Tecidos
O crecemento urbanístico nas distintas etapas é o que vai creando os distintos tecidos urbanos:
- Zona centro: comprende o antigo territorio intramuros e as zonas de expansión anteriores ao século XIX. A zona intramuros artéllase coma unha cuadrícula con cinco rúas paralelas de norte a sur e cinco travesas de leste a oeste[15]. A construción predominante é a tradicional, conservándose algunhas rúas soportaladas.
- Zonas do Xardín e da Alameda de Raxoi: Corresponden ás expansións cara ao leste no século XIX trala desamortización do convento dos agostiños[17], e cara ao oeste na primeira metade do XX despois da adquisición por parte do concello do Pazo e da Horta do Conde[21].
- Zonas da Estación e Aguabar: Nas últimas décadas produciuse un espectacular crecemento dos barrios de Aguabar[24], no leste, e da Estación, no oeste[25]. Son as das construcións máis modernas, onde se concentra a meirande parte da poboación urbana do concello. A urbanización destas zonas deixou espazo para edificios de servizos públicos[24] (centros de ensino, edificio de servizos municipais, piscina, centro de saúde) e novos espazos verdes (parque Alcalde Sarmiento, paseo marítimo)[26].
Barrios
O barrio non é unha entidade con recoñecemento oficial, porén si ten un recoñecemento popular e mesmo algúns historiadores locais considérano nos seus estudos[20]. Na vila de Pontedeume pódense considerar os seguintes:
- Centro antigo.
- Porto, no antigo camiño de Centroña. Abrangue a urbanización Boavista, feita na década dos setenta do século XX.
- O Xardín, na antiga Horta do Conde.
- A Estación, a rentes da estrada da Estación.
- A Calzada, no antigo camiño real.
- A Fontenova, antigo lugar da parroquia de Breamo.
- Souto da Vila, ao sur, na aba do monte Breamo.
- Aguabar, ao leste, artellado polas estradas da Coruña e a de Ombre.
Historia
- Artigo principal: Historia de Pontedeume.
Prehistoria
Pontedeume e a súa comarca estiveron poboados desde moi antigo. Da época prehistórica existen túmulos e indicios dun petróglifo.
Da época tumularia ou megalítica están catalogados tres túmulos na parroquia de Andrade e catro na parroquia de Ombre[27] (ver detalles). Nestas dúas parroquias e nas do resto do concello existen tamén varias referencias toponímicas e orais.
Hai indicios da existencia de petróglifos na chamada Pena do Gato no Coto do Gato da parroquia de Ombre, á beira do canón do Eume[28].
Idade Antiga
O máis significativo da Idade Antiga son os vestixios da cultura castrexa e da colonización romana.
Pontedeume áchase no que os romanos chamaban Portus Magnus Artabrorum. Nel moraba o pobo dos Ártabros, habendo quen afirma que a cidade ártabra de Ardóbriga estaba en terra eumesa, concretamente na aba do monte Breamo, identificándoa co Castro de Centroña[29]. Están catalogados un total de seis castros no concello[30] (ver detalles).
O pretor Décimo Xunio Bruto, alcumado posteriormente o Galaico estivo en terra eumesa a finais do século II antes de Cristo, asediando e conquistando os asentamentos ártabros. A partir dese momento comeza o proceso de romanización, cuxa pegada marcou profundamente a historia destas terras. Da cultura romana consérvanse os restos de dúas vilas romanas á beira do mar en Centroña[30] e Sopazos[31].
Por terras eumesas pasaba unha vía romana secundaria nomeada por Uxío Carré Aldao[32]. Un achado illado desta época é a cabeza cuadriforme atopada en 1924 nas obras de ampliación da estrada de Pontedeume a Ombre, que se encontra no Museo Arqueolóxico da Coruña[33].
Idade Media
Son os suevos os que, coa súa pretensión de organizar a igrexa galega na segunda metade do século VI, nos proporcionan as mencións máis antigas dos territorios radicados na comarca eumesa de Pruzos (ao sur do Eume) e Bezoucos (ao norte do río) que con tempo pasarían a constituíren arciprestados. Entre os anos 572 e 583 as igrexas dos territorios mencionados adscríbense á diocese de Iria[34].
Polos documentos do Parroquial suevo e o Tombo de Caaveiro, sábese que no século X a comarca eumesa dependía eclesiasticamente da sé de Bretoña[34].
Non se pode negar a chegada dos musulmáns a terra eumesa, aínda que permanecesen por pouco tempo. Os historiadores dos primeiros séculos da reconquista falan dunha batalla gañada aos musulmáns polo rei Froila I en Pontumio. Non hai certeza da súa localización; aínda que algúns autores sitúano en Pontedeume, outros, como Antonio López Ferreiro, fano nas beiras do río Umia e mesmo algúns en Portugal[31].
No ano 820 durante o reinado de Afonso II o Casto, o caudillo Abd-el-Kerím, chamado nas crónicas cristiás Alaber, fixo unha incursión seguindo a costa e sempre cara ao norte, atravesou a terra eumesa e foi derrotado polas tropas de Afonso II, segundo todas as posibilidades, en terra de Trasancos, no actual Narón. Algúns autores supoñen que asistira o propio rei ao combate[31].
A mediados do século VIII aparecen os normandos nas costas galegas. Hai constancia de incursións en terras mariñáns. Despois das primeiras acometidas, os habitantes da costa retiráronse atemorizados cara ao interior, como fixeran os da Coruña que se acolleran ao Burgo. É de supoñer que Pontedeume, agochado no fondo da ría, vise daquela, por esta causa, acrecentada a súa poboación dun xeito considerábel[31].
Ao comezo da Baixa Idade Media, Pontedeume achábase en terras do Condado de Trastámara que abranguía as terras comprendidas entre o Tambre e o Sor. Á fronte deste condado estaban os Condes de Traba, pertencentes á familia Fróilaz-Pérez. O máis salientábel foi Pedro Fróilaz. Un dos seus fillos, Bermudo Pérez de Traba, fundou o mosteiro de Nogueirosa en 1148[11].
Para se protexeren dos señoríos laicos e eclesiásticos, xorden por mandato real no século XIII os alfoces de Ferrol (coa freguesía de Mugardos), Vilalba, Pontedeume e As Pontes cuxa xurisdición correspondía exclusivamente ao rei[34].
Concretamente, Pontedeume obtén de Afonso X o Sabio a súa Carta-Póboa o 30 de decembro de 1270, que instaba aos veciños de Pruzos e Bezoucos a fundaren unha vila no lugar da Ponte Deume. Esta fundouse cun amplo alfoz en ámbolos arciprestados, moi fragmentado por mor das posesións eclesiásticas e nobiliarias[11].
Pouco máis dun século durou a independencia dos nobres, pois o 19 de decembro de 1371 o rei Henrique de Trastámara concede a Fernán Peres de Andrade o Boo os señoríos de Pontedeume e Ferrol e dous anos máis tarde, o 3 de agosto de 1373, o de Vilalba[35]. Simultaneamente concedéralle a García Rodríguez o señorío das Pontes. Deste xeito desapareceron os señoríos reais que había na comarca[36].
Fernán Pérez de Andrade, o Boo inicia a liñaxe da Casa de Andrade que gobernará Pontedeume ata o final da Idade Media. Houbo un total de oito señores de Pontedeume ata a fusión no século XVI da Casa de Andrade coa Casa de Lemos[35]. Durante estes 200 anos os Señores tiveron que facer fronte a dous levantamentos protagonizados por Roi Xordo durante o mandato de Nuno Freire de Andrade, o Mao; e Afonso de Lanzós en tempos de Fernán Pérez de Andrade o Mozo, dentro das revoltas irmandiñas. Entrambos feitos é salientábel a protesta de Pedro Padrón, veciño de Ferrol, perante o rei polos abusos e arbitrariedades que a súa vila sufría por parte de Pedro Fernández de Andrade II[35].
O oitavo señor de Pontedeume, Fernando de Andrade, foi nomeado primeiro Conde de Andrade[35].
Idade Moderna
Á morte de Fernando de Andrade, por volta do 1540, sucedeuno o seu neto Pedro Fernández de Castro Andrade, que xuntou na súa persoa os condados de Andrade e Lemos[35]. A partir dese momento os condes deixaron de residiren na vila, o que supuxo a perda do seu mecenado e da súa protección. Os novos condes nomeaban contadores, mordomos de rendas e posteriormente administradores, para velar polos seus intereses na vila, que poucas veces visitaban[37].
A vila e o seu alfoz estaban gobernados por dous alcaldes, un maior e outro ordinario, ao que correspondía o goberno económico e político, e seis ou sete rexedores vitalicios. Estes cargos eran nomeados polo conde. As reunións da Corporación eran convocadas polo alcalde ordinario pero presidía o alcalde maior, representante do conde e con voto decisivo[37].
Algúns destes alcaldes e rexedores son lembrados hoxe en día por teren sido benfeitores da vila. Así, no século XVI Alonso Mancebo deixou unha parte do seu capital para dar de comer aos pobres e remediar as súas necesidades. A Fundación de Mancebo tivo longa vida, chegando case ata os nosos días. Co paso do tempo, o Estado fíxose cargo da fundación que foi esmorecendo non quedando dela máis ca lembranza[38].
Neste mesmo século XVI, o rexedor Xoán Beltrán de Anido deixou instaurada unha Cátedra de Latinidade para dar instrución aos mozos da vila. Estableceuse esta cátedra na casa que habitaba o mesmo Beltrán de Anido e que posteriormente pasou a oucpar a Biblioteca Municipal. Ademais da casa, deixou tódolos seus bens para a mencionada institución. Das súas aulas saíron eumeses ilustres, sendo o persoeiro máis salientábel o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Losada[39].
Nesta época histórica o concello estaba administrativamente encadrado na provincia de Betanzos desde finais do século XV, e así estivo ata a reestruturación provincial de 1833, ano en que pasou a formar parte da provincia da Coruña[37].
Os condes tiñan nun estado de completo esquecemento a vila de Pontedeume, sen se preocuparen polo benestar dos seus veciños e sen visitala apenas. En contraste, gozaban dunha serie de propiedades, prebendas e prerrogativas que lles supuñan unha fonte de ingresos moi substancial. Non resulta estraño pois, que foran frecuentes os litixios entre a vila e o conde. Houbo desencontros polo cárcere, os fornos do conde, o privilexio da venda do viño en xuño, a praza do peixe, o mesón etc[40].
Así as cousas tivo que ser un fillo da vila, o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Losada, quen se preocupara de mellorar algúns aspectos e promovera obras para a comunidade. A el débense a igrexa parroquial, as lonxas dos mariñeiros, o pazo de Raxoi, as escolas de nenos e nenas, a Ermida de Covés e o amaño do convento de Santo Agostiño[41].
Idade Contemporánea
A comezos do século XIX os ingleses trataron conquistar a estratéxica praza militar de Ferrol. Nunha das súas tentativas, en 1804, a escuadra inglesa estivo fondeada na ría de Ares. Nos areais de Pontedeume fondearon algúns buques menores da frota[42].
Durante a guerra da Independencia estivo acampado en Pontedeume un escuadrón de cabalaría ás ordes do tenente coronel Bédat desde o 20 de xaneiro ata o 2 de febreiro de 1809, cometendo varios excesos. Tamén está constatado o paso por Pontedeume do Batallón Literario de Santiago. Aparece esta noticia nun Diario de Campaña publicado na obra Britanos y Galos de Tettamancy[42].
En xullo de 1823 volveran pasar por Pontedeume, camiño de Ferrol, as tropas francesas. Eran dous batallóns pertencentes aos Cen Mil Fillos de San Luís, que entraran en España ao mando do duque de Angulema coa fin de reinstaurar o absolutismo de Fernando VII, e que entraron en Ferrol o 15 de xullo[42].
Durante a primeira guerra carlista proliferaron as faccións dun e doutro bando que deixaron triste lembranza pois eran máis patrullas de bandoleiros ca defensores dunha causa. Un destes facciosos, Modesto Varela, era natural de Pontedeume e fora enviado á cadea de Ceuta[42].
O século XIX foi pródigo en pronunciamentos de distintos signos políticos. Pontedeume sumouse ao pronunciamento de 1840 contra a rexencia de María Cristina de Borbón. No pronunciamento de 1843 o militar Manuel Rilo botou da vila ás tropas fieis ao goberno. O 20 de abril de 1846 o coronel Miguel Solís e Cuetos, quen seis días despois sería fusilado en Carral, respondeu desde Pontedeume a un requirimento dos sublevados. Na sublevación republicana de Ferrol en 1872, os insurrectos foron alcanzados no lugar do Areal, en Cabanas, producíndose un intercambio de disparos no que caeu morto un soldado do goberno que foi enterrado no cemiterio de Pontedeume[42].
Desde a segunda metade do século XIX e ata a década de 1960 a vila foi capital de partido xudicial[43] e o distrito electoral de Pontedeume estivo representado nas Cortes de Madrid por un deputado ata a ditadura de Primo de Rivera. Algúns destes deputados son lembrados polas súas xestións nalgunhas obras públicas importantes para a vila. Mesmo algunhas rúas eumesas levan ou levaron o nome dalgún deles. Destacan Frutos Saavedra Meneses, Juan Armada Losada, Marqués de Figueroa, José Lombardero y Franco e Julio Wais Sanmartín[44].
Nos primeiros anos do século XX cobra importancia no distrito eumés o Agrarismo, onde destaca a figura do eumés Valeriano Villanueva[38], e o Rexionalismo, movemento político-económico de organización campesiña, dirixido a partir de 1907 por Solidaridad Gallega que, co apoio das sociedades agrarias, tentará por dúas veces, en 1910 e 1918, ter representación nas Cortes de Madrid coa candidatura do avogado e publicista ferrolán Rodrigo Sanz López, intentando rachar co poder caciquil. Foi derrotado as dúas veces pola candidatura do bando conservador, a primeira vez por José Lombardero Franco e a segunda por Julio Wais Sanmartín[45].
A implantación en 1923 da ditadura de Primo de Rivera, supuxo a fin da representación nas Cortes dun deputado elixido polo distrito, así coma un freo ao asociacionismo.
As eleccións municipais que propiciaron a proclamación da Segunda República Española o 14 de abril de 1931 tiveron un desenvolvemento fraudulento en Pontedeume, onde se chegou a cambiar unha urna en Nogueirosa. Isto provocou a repetición dos comicios o 31 de maio, dos que saíron sete concelleiros da coalición ORGA-FRG, cinco do Partido Republicano Radical e tres do PSOE, elixindo como alcalde a Miguel Regueira Fernández. O novo goberno local tomou medidas de índole social e, xunto cos demais concellos da comarca, reivindicaron unha serie de demandas comúns. Todos eles dimitiron en bloque no ano 1932 para reclamaren unha solución ao conflito obreiro provocado polos despedimentos nos estaleiros ferroláns da Sociedade Española de Construción Naval -SECN-. Durante eses anos foron constantes os enfrontamentos do concello cunha moi activa dereita católica, incrementados desde a consolidación da CEDA[46].
A revolta obreira de 1934 contra o xiro á dereita do goberno nacional, especialmente forte en Asturias e Cataluña, tivo na comarca unha marcada repercusión que provocou algunhas mortes e numerosos detidos, entre os que se achaban catro concelleiros da corporación eumesa. O goberno do Partido Radical-CEDA nomeou delegado gobernamental en Pontedeume a Higinio Fernández Prieto, quen cesou á corporación municipal o 10 de novembro e nomeou outra progobernamental con José Prado Rivas como alcalde. Esta nova corporación despediu a tres peóns municipais polas súas ideas esquerdistas e suspendeu as cativas subvencións do concello aos sindicatos locais[46].
Coa vitoria en febreiro de 1936 da Fronte Popular, foi nomeado Celestino Sardiña Navarro delegado do gobernador civil para restablecer as corporacións municipais da comarca que xurdiran das eleccións do ano 1931. Foron repostos moitos dos cargos públicos cesados en 1934 e os partidos políticos nomearon a outros para completaren as corporacións. O 9 de marzo Celestino Sardiña Navarro preside o pleno municipal de Pontedeume no que nomea a Manuel López Seijo como alcalde[47].
Curto sería o mandato do socialista Manuel López Seijo, último alcalde republicano de Pontedeume. O 17 de xullo de 1936 sublévase o exército de África, téndose noticia en Pontedeume o mesmo día. Ao día seguinte, seguindo instrucións do Goberno Civil, establécese un Comité de defensa da República con persoas dos partidos fieis ao goberno republicano e algúns carabineiros e veciños mal armados[48]. Este Comité levanta unha barricada na ponte do Eume e sitúa un control en Campolongo, pon baixo vixilancia os locais estratéxicos e requisa armas. Así mesmo son detidas varias persoas sospeitosas de seren afectos aos sublevados[47].
Ás oito da mañá do xoves 23 de xullo sae de Ferrol cara a Pontedeume unha columna do Rexemento de Artillaría, á que se lle unen quince gardas civís e dez falanxistas. Chegan a Pontedeume sobre as once e, logo dun pequeno tiroteo na barricada da ponte, entran en Pontedeume sobre o mediodía sen apenas achar resistencia. Os defensores da legalidade republicana tentan escapar polo monte Breamo[48].
Nos días e semanas posteriores produciuse unha forte represión. Houbo detencións e cárcere, paseos ou fusilamentos. Os máis afortunados foron condenados a traballos forzados no muro da rúa de Porto[47]. Outros conseguiron permanecer agachados ou fuxir cara ao monte, onde se unirían á resistencia ou irían ao exilio. As mulleres eran castigadas co corte de cabelo ao rape[48]. Omitindo casos dubidosos e aqueles que foron asasinados posteriormente, o historiador Bernardo Maiz contabiliza vinte e cinco veciños de Pontedeume asasinados entre 1936 e 1939[46].
A primeira corporación municipal franquista é designada o 28 de xullo de 1936 polo Comandante Militar da vila, sendo elixido presidente da Comisión Xestora o procurador Jesús Calvo Patiño[47].
Durante os primeiros anos do novo réxime moitos dos fuxidos da comarca agacháronse nas Fragas do Eume. Co paso do tempo, o Partido Comunista organizounos en partidas de guerrilleiros que chegaron a cometer diversos golpes e atentados con consecuencias mortais nalgúns casos. A súa actividade foi minguando co paso do tempo debido ao acoso continuo da Garda Civil. Aínda así, o último guerrilleiro da Fraga, Pancho, caeu nunha emboscada en Ombre o derradeiro día de 1954[49].
O período franquista estivo marcado pola figura do alcalde Juan Sarmiento Patiño en cuxo longo mandato, de 1939 a 1970, o concello sufriu unha profunda transformación en tódolos eidos, como reflicten algunhas actuacións do seu mandato, entre as que se poden salientar: a mellora da rede de sumidoiros, o alumeado público, a urbanización do barrio de Aguabar, a construción de vivendas sociais, as escolas unitarias nas parroquias, o centro sanitario e o mercado municipal[38].
Juan Sarmiento sería relevado na alcaldía por Celestino Sardiña Fernández[50] que se mantería nela ata 1987, xa instaurada a democracia en España. Durante a súa primeira etapa de alcalde franquista conmemorouse con diversos actos o Sétimo Centenario da fundación de Pontedeume e levouse a cabo a construción do grupo escolar da vila ao que se lle puxo o nome do eumés Couceiro Freijomil. Celestino Sardiña continuou sendo alcalde durante os anos da Transición e os primeiros de eleccións democráticas, gañando as dúas primeiras nas filas de Alianza Popular.
Nas eleccións de 1987 foi elixido alcalde Belarmino Freire Bujía, do PSOE, quen gobernou durante vinte anos, sempre en coalición con distintos partidos[51]. Despois de máis de medio século, Pontedeume tiña de novo un alcalde socialista.
En 2007 accede á alcaldía Gabriel Torrente Piñeiro do Partido Popular, revalidando en 2011 o seu mandato con maioría absoluta[52]. Bernardo Fernández do PSdeG-PSOE accedeu á alcaldía en 2015 con maioría absoluta[53], revalidada e aumentada no 2019[54].
Cultura
Toponimia
Evidentemente o nome do concello fai referencia á ponte sobre o Eume. Sobre o topónimo do río, o historiador Luís Monteagudo García[55] considera que o termo Eume deriva de Uma, xentilicio etrusco que designaría ao Procurator metallorum do val do Eume e a súa zona aurífera. É dicir, o topónimo viría do nome do procurador responsábel das extraccións auríferas no val do Eume, xa que, segundo algúns historiadores, o Eume era un río aurífero.
Isidoro Millán, na súa obra sobre a toponimia eumesa[56], afirma que Eume procede da forma hidronímica céltica Ume, da cal procederán tamén os nomes do río Umia en Pontevedra, do Mao (antigamente Humanum) en Ourense e dos dous ríos Homem existentes no N. de Portugal.
No que respecta ao nome Pontedeume, este existía anteriormente á concesión real para fundar vila de reguengo en 1270. Pódese deducir dos termos da redación do diploma pola chancelería do rei: "...pueblen en el lugar que dizen ponte deume...", mais tamén porque existen documentos anteriores que o mencionan: "...per terminos de Ponte de Eume usque ad flumen de Conido..." nunha doazón dos Condes de Trava en 1162; "...Johan Goth, et Pedro de Deus, todos das Pontes de Eume..." nun documento notarial varios meses anterior no mesmo 1270.[56]
Patrimonio
Patrimonio arqueolóxico
- Túmulos
Existen tres grupos de túmulos no concello, un na parroquia de Andrade e dous na de Ombre[27]:
Grupo de Seixas, na parroquia de Andrade:
- Seixas I: En regular estado de conservación, posúe un balado de 1,5 metros de alto en todo o contorno agás polo leste onde levanta 40 centímetros. Áchase nun terreo en ladeira adicado a arborado de repoboación.
- Seixas II: As mesmas características e dimensións ca Seixas I.
- Seixas III: Emprazado nunha chaira con arborado de repoboación, áchase en moi mal estado.
Dous túmulos en Pena Grande, parroquia de Ombre:
- Pena Grande I: En regular estado de conservación, está situado nun cume con arborado e monte baixo. Ten un diámetro de 22 metros e unha altura entre 50 e 80 centímetros.
- Pena Grande II: En ladeira con arborado de repoboación, ten un diámetro de 12 metros e 30 centímetros de altura. Atópase en moi mal estado de conservación, practicamente arrasado.
Dous túmulos no Campo da Carreira da parroquia de Ombre:
- Campo da Carreira I: Nunha chaira con arborado e monte baixo, ten unha longura de entre 16 e 18 metros e 50 centímetros de alto. Moi mal estado de conservación.
- Campo da Carreira II: Está practicamente arrasado. Situado nunha chaira con arborado e monte baixo, ten 11 metros de diámetro e 30 centímetros de alto.
- Castros
Están catalogados seis castros no concello de Pontedeume[30]:
- Couto da Nogueirosa: situado no lugar do Castro, na parroquia de Nogueirosa. Está formado por un recinto con socalcos que se asenta sobre un segundo recinto rodeado por un sistema defensivo que se conserva nalgúns tramos. Presenta diferentes alteracións.
- Castro das Insuas ou da Insua: é un castro costeiro situado nunha península no lugar da Barreira, na parroquia de Boebre. Está defendido por un único parapeto no istmo que o une á terra. No seu lado oeste está arrasado polo mar, e no leste os labores agrícolas desmontaron parte do parapeto defensivo. En 2011 a Asociación cultural Ardóbriga liderou unha prospección arqueolóxica, realizándose achados de distintas épocas: desde cerámica castrexa ata lápidas sepulcrais e ósos humanos correspondentes á época na que se achaban alí o cemiterio e a igrexa da parroquia de Boebre[57].
- Castro de Centroña: famoso por atoparse nas súas proximidades un torque de ouro en 1912 que se conserva no Museo Arqueolóxico de Lugo[58]. Está no cumio dun monte de escasa altura no lugar de Castrelo, parroquia de Centroña. Consta dun recinto principal amurallado rodeado á súa vez por un antecastro no lado norte e oeste. Circúndano, na súa totalidade, un importante sistema de socalcos.
- Castro de Chao: áchase no lugar de Chao na parroquia de Ombre. Está arrasado polos cultivos, conservándose só unha parte do recinto principal que puido ser de forma alongada.
- Castro de Andrade: no lugar dos Castros da parroquia de Andrade. Está nunha ladeira e posuía dous grandes recintos fortificados dos que só se conserva o superior e un complexo sistema defensivo de muros e foxos.
- Castro da Orela: situado no lugar homónimo, na parroquia de Ombre. Componse dun recinto principal circular defendido por unha muralla. No seu lado norte encóntrase un antecastro que presenta as mesmas características defensivas que o recinto principal. Áchase moi arrasado pola existencia dunha canteira, un recheo de entullos e un camiño.
- Estacións arqueolóxicas romanas
- Vila Romana de Centroña: situada no lugar do Portiño na parroquia de Centroña, atopada no ano 1950 é un exemplo de villae e mare. Está moi alterada pola acción erosiva do mar, mais, con toda probabilidade, aínda existan ocultas diferentes estruturas. Na campaña de escavación que se efectuou no ano 1951 dirixida por José María Luengo Martínez descubriuse unha gran sala coas paredes recubertas de estucados moldurados e pintados, pavimentada cun mosaico cuxos restos se trasladaron ao Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón da Coruña, e aberta cara á ría a través dunha presunta sucesión de fiestras e pilastras alternadas, o que fai supor a existencia dunha galería corredor[30]. Luengo publicou os resultados das escavacións nos Cuadernos de Estudios Gallegos en 1962, datándoa no século IV[34].
- Sopazos: no lugar homónimo, moi preto do centro urbano. É un asentamento costeiro moi arrasado pola acción costeira e do home. A pesar de todo e posíbel que se conserven estruturas debaixo dos actuais socalcos que o cobren. Ángel del Castillo descríbeo a principios do século XX do seguinte xeito[31]:
Un lugar formado ata agora por unhas sete casas pequenas, de forma rectangular e muros de cachotaría, todas con escaleiras de entrada... con chanzos... de cantería labrada... pedras de cantería... a clave dun arco, unha pedra de fogar, unha especie de base de semicolumna... restos de ánforas romanas.
Patrimonio arquitectónico
- Edificios
No centro urbano[59]:
- Casa do Concello: foi reedificada en 1609 despois do incendio de 1607. En 1975 foi derrubada para modernizar as dependencias municipais, porén a fachada, co escudo dos Condes de Lemos, e a torre do reloxo foron reconstruídos pedra por pedra[60].
- Casas soportaladas da Rúa Real e a Praza do Conde: é o que se conserva dos soportais que había nestas e outras rúas.
- Cátedra de Latinidade: inicialmente era a vivenda de Xoán Beltrán de Anido, quen a doou en 1580 para a creación da Cátedra de Latinidade. Actualmente alberga a biblioteca municipal.
- Cemiterio municipal: construído a finais do século XIX no barrio de Porto. Destaca a capela que fora da igrexa do convento de Santo Agostiño, derrubada cando a exclaustración.
- Coliseo García Novoa: edificio modernista de 1928 destinado inicialmente a teatro, cine e salón social[61].
- Convento de Santo Agostiño: erixido por Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas en 1538 para albergar unha comunidade de monxes agostiños, que o habitaron ata a exclaustración de 1835. Na actualidade é a Casa da Cultura[62].
- Edificio do Xulgado: construído entre 1853 e 1856 polo arquitecto Faustino Domínguez Domínguez, foi a sede do xulgado e cárcere do antigo partido xudicial de Pontedeume. Actualmente alberga diversas dependencias municipais.
- Ermida das Virtudes: probabelmente fundada por Nuno Freire de Andrade, o Mao, en 1416. Foi reedificada no século XVII.
- Igrexa parroquial de Santiago: obra do arcebispo Raxoi, de mediados do século XVIII. Conserva a capela maior dunha igrexa anterior edificada por Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas.
- Lonxas de Raxoi: datan de 1763. Foron usadas polos mariñeiros eumeses para a salgadura do peixe e para gardar os aparellos de pesca. Parte das lonxas úsanse hoxe en día como albergue de peregrinos.
- Mercado: realizado na década de 1950 no soar que ocupara o Pazo dos Andrade. É obra do arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez[63].
- Pazo de Raxoi: construído no século XVIII polo arcebispo Raxoi para residencia propia na súa vila natal. Conserva a fachada barroca co escudo de armas do arcebispo.
- Torreón dos Andrade: catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1924, é o que queda do derrubado Pazo dos Andrade. Na súa fronte hai un escudo de armas dos Condes de Lemos que se achaba anteriormente no pazo.
No resto do concello[64]:
- Castelo de Andrade, na parroquia de Nogueirosa: construído no século XIV por Fernán Peres de Andrade o Boo, en terreos pertencentes ao mosteiro de Sobrado. Está catalogado como BIC desde 1994.
- Ermida de San Miguel de Breamo, no coto de Breamo: igrexa románica do século XII. É o que queda dun pequeno mosteiro de agostiños que se mantivo alí ata o século XVII. Está catalogado como BIC desde 1931.
- Igrexa de San Martiño de Andrade[65], na parroquia homónima: igrexa barroca do século XVIII, construída sobre outra románica do século XII da que se conserva a ábsida e parte dun muro.
- Prazas[59]
- Da Angustia ou das Angustias: pequena praza por onde entraba o camiño real no recinto intramuros a través da porta sur. Está dotada de fonte e cruceiro. Nunha das súas casas naceu e morou durante os seus anos mozos o escritor eumés Ramiro Fonte.
- De España: fíxose nun soar que quedou ao comezo da rúa Real segundo se sae da ponte do Eume, cando en 1903, o concello expropiou e derrubou o Arco de Maldonado e outras dependencias da mesma propiedade.
- De San Roque ou da Calzada: xorde no primeiro lugar de expansión extramuros da vila, a rentes do camiño real e próxima á porta sur da muralla. Foi escenario de mercados de froitas, hortalizas, animais e gran.
- Do Conde: o nome venlle do Pazo dos Condes de Andrade que se achaba nun dos seus laterais. Cando foi derrubado o pazo, sufriu unha profunda transformación que culminou coa construción no seu lado sur do mercado municipal.
- Do Convento ou de Santo Agostiño: cando se construíu o convento de Santo Agostiño quedou, a modo de adro, un espazo diante do convento e a súa igrexa separado da vila pola muralla. Co derrubamento da muralla o adro quedou unido á rúa de Santo Agostiño actuando como praza pública na que tiña lugar a venda de encaixes, madeira e froita. A raíz da demolición da igrexa do convento en 1866, sufriu unha remodelación que lle deu un aspecto que se mantivo ata 1970, ano en que mudou a un estilo máis moderno co gallo do sétimo centenario da fundación da vila. O seu aspecto actual provén da derradeira década do século XX.
- Do Pan: en 1713 o soar onde se sitúa esta praza era de propiedade privada. Nese ano o concello permutou un alfolín, ou depósito de sal, que posuía na entrada da ponte. Na permuta especificábase que a propietaria do soar se comprometía a construír outro alfolín no soar permutado para uso público. No ano 1850 derrubouse o alfolín e construíuse un posto de venda de pan. En 1940 o posto do pan estaba tan deteriorado que se procedeu á súa demolición e á pavimentación da praza, que pasou a denominarse dos Voluntarios. O aspecto actual da praza data de 1984 e é obra do escultor de Sarria, José Díaz Fuentes, quen incluíu unha estatua de bronce no centro da praza dunha muller amasando pan. A corporación municipal, en acordo de 14 de xullo de 1989, deulle o nome de Praza do Pan en lembranza da súa antiga función.
- Real: é, con toda probabilidade, a praza máis antiga da vila, onde se celebraban as feiras do último domingo de cada mes. Co paso do tempo a praza foi quedando pequena e fíxose necesaria a ampliación. Aproveitando o incendio de 1607 o concello adquiriu os soares da parte inferior e procedeu á ampliación da praza en 1617. O aspecto actual apenas mudou desde entón.
- Pontes
- Do Eume: chamada ponte de pedra polos eumeses, a primeira referencia escrita é de 1162 e refírese a unha ponte de madeira. Porén xa debía existir desde tempo inmemorial para comunicar ámbalas marxes do río, habitadas desde tempos remotos. A finais do século XIV, Fernán Peres de Andrade o Boo, mandou construír unha ponte de cantería. Esta ponte tiña 78 arcos e dúas torres: entre os arcos 8º e 9º, a Torre da Ponte e entre os arcos 40º e 41º, a Torre do Risco. Entre os arcos 2º e 3º erguíanse, sobre unhas peañas, os símbolos de Fernán Peres: o oso e o xabarín. No final da ponte había un cruceiro. Tamén existía un hospital de peregrinos entre os arcos 19º e 20º. A ponte foi reparada en varias ocasións dos danos que ocasionaban as crecidas do río, mais non se puido evitar o deterioración progresivo da ponte. Así, desapareceu o hospital entre 1791 e 1820 e en 1843 desapareceron as torres e os símbolos dos Andrade. Finalmente a ponte foi derrubada e construíuse unha nova entre 1863 e 1873, inicialmente con 11 arcos que se ampliaron progresivamente ata os 15 actuais. O oso e o xabarín da ponte de Fernán Peres están hoxe en día no claustro do convento de Santo Agostiño[59].
- Do Ferrocarril: coñecida popularmente coma ponte de ferro, foi rematada no ano 1910 para a liña de ferrocarril Betanzos-Ferrol, inaugurada en 1913. Ten tres vans con luces de 40, 70 e 40 metros. Os tramos de acceso e as pías son de perpiaños graníticos, con pedra traída da canteira da Graña, en Ferrol[66].
- Ponte do río Eume (na autoestrada): aberta ao tráfico en 1998 dentro do último tramo da AP-9 cara a Ferrol. Ten unha lonxitude de 635 metros divididos en nove vas[67]. Próximo a esta ponte e na mesma AP-9 está o viaduto sobre o río Covés de 365 metros.
- Fontes[68]
- A Fontenova: aparece citada por primeira vez en 1777 e foi construída por mor do mal estado das demais fontes da vila, nun momento no que o concello andaba escaso de recursos.
- De Santiago: é de 1751 e está na rúa Mancebo. As súas augas veñen do coto de Breamo.
- De Santo Agostiño: chamada tamén do chafariz ou do convento, é a máis antiga da vila e a única existente ata 1671, ano en que se construíu a fonte do Pilón debido á mingua do manancial da de Santo Agostiño que a facía insuficiente para o consumo de toda a vila.
- Do Pilón: foi feita en 1671 na Praza do Conde para paliar a escaseza de auga da fonte de Santo Agostiño. Aliméntase de mananciais do monte Breamo canalizados ata a súa localización. Fixérase un ramal para unha fontiña no xardín do pazo dos condes, baixo a condición de que os condes achegaran un terzo das reparacións que necesitase a fonte. Ten catro canos e un pío, de aí o seu nome. En 1943 foi desprazada uns metros cara ao oeste.
- Outras fontes son a de Porto, a das Virtudes, a da praza da Angustia, a da parte alta do adro da igrexa e mailas existentes nas distintas parroquias do concello.
Patrimonio cultural
- Ardóbriga, asociación cultural para a protección do patrimonio: creada en 2008, os seus fins son a protección do patrimonio cultural, a salvagarda das estacións arqueolóxicas e a conservación do patrimonio toponímico[69].
- Asociación cultural Palilleiras Eumesas: fundada por un grupo de mulleres eumesas afeccionadas ao encaixe. Realizan exposicións de traballos e cursos de formación[70].
- Asociación folklórica e cultural Orballo: fundada en 1979, centra as súas actividades na recuperación e espallamento de festas, danzas e tradicións de Pontedeume e comarca. Organiza o Día da Muiñeira e o Festival Folklórico Internacional[71].
- Ateneo Eumés Fernán Martís: fundado en 2002 para a promoción do debate sobre os grandes temas da sociedade, dar a coñecer as novidades culturais e científicas, principalmente as referidas a Galicia, fomentar o uso da lingua galega e o aprecio pola cultura galega e difundir o coñecemento do pasado histórico e cultural da comarca eumesa[72].
- Biblioteca Municipal: situada no edificio da antiga Cátedra de Latinidade, ofrece servizos de préstamo e consulta de libros. Dispón de fondos infantís-xuvenís e de adultos, ademais de hemeroteca de asuntos locais[73].
- Casa da Cultura: o antigo convento dos agostiños alberga a Casa da Cultura do concello, que dispón de salón de actos, salas de exposicións e locais de ensaios.
- Coral Polifónica Eumesa: agrupación coral fundada en 1970, colabora co concello na organización do Festival de Habaneras[74].
- Escola de música Charamela: adicada ao ensino da música desde 1990, posúe banda de música, orquestra e coro[75].
- Sociedade Filatélica, de Arte e Humanidades Eume: froito da fusión no ano 2002 das sociedades Círculo Filatélico Eume e Arte e Investigación Eume. As súas actividades son as do fomento da filatelia e da vida cultural eumesa[76].
Patrimonio natural
- Alameda de Raxoi: no lugar que ocupaba a horta do convento de Santo Agostiño. Foi usado como lugar de feiras, mercados e verbenas[17].
- Área recreativa do Monte Breamo: lugar de lecer con mesas e grellas na contorna da Ermida de San Miguel de Breamo.
- Esteiro do Río Eume: pouco antes da súa desembocadura, o río Eume forma un amplo esteiro que alberga unha importante riqueza fáunica. Forma parte da Rede Natura 2000 e está clasificado como Espazo de Interese Xeomorfolóxico[77].
- Parque Natural das Fragas do Eume: importante exemplo de bosque atlántico. Parte do seu territorio áchase no concello de Pontedeume[78].
- Paseo marítimo: esténdese na marxe esquerda do río Eume entre as pontes de pedra e a da autoestrada. Fíxose en 1995 aínda que foi inaugurado o ano seguinte[79]. Posúe un ramal que se adentra pola beira do río de Covés ata a estrada provincial que leva ás Fragas do Eume. Neste tramo integrouse parte do terreo no que se encontra o centenario Teixo dos Tenreiro[80], en estado crítico a pesar de estar catalogado como árbore senlleira de Galicia[81][82]. Nas proximidades do teixo encóntrase unha araucaria no terreo ao que tamén pertencía o teixo, que tamén está considerada árbore senlleira pola Xunta de Galicia[81].
- Praias: no termo municipal hai catro praias principais, amais dalgunhas pequenas calas que en marea chea apenas teñen superficie. Unha destas calas, a da Insua, en fronte da illa Carboeira e ao pé do castro homónimo, é usada por nudistas[64]. As catro praias principais son, de norte a sur:
- Sopazos: situada a continuación do porto de Pontedeume, ten uns 300 metros de lonxitude. Está moi preto da vila e ten o inconveniente quedar moi reducida coa marea chea e a abundancia de rochas. Nunha delas erixiuse un monumento á virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Non posúe servizos, agás duchas de auga doce[64].
- Centroña: na parroquia homónima, ten un centenar de metros de lonxitude e un par de fermosas calas cara ao oeste. Coa marea chea redúcese moito. Non ten servizos turísticos, agás unha ducha de auga doce[64].
- Ver: áchase no lugar homónimo da parroquia de Boebre, a súa lonxitude é duns 250 metros. Durante os primeiros anos da década de 1970 construíuse unha urbanización de pisos e apartamentos, demasiado grande para o tamaño da praia. Formando parte dela fixéronse unha cafetería e un hotel excesivamente preto da praia, de feito o hotel tiña saída directa ao areal; no ano 2008 foron derrubados para axustarse á Lei de Costas[83]. Na contorna da praia hai dous cámpings[64].
- Andaío: no lugar da Herbosa, na parroquia de Boebre, áchase esta praia duns 250 metros de lonxitude, contigua á praia de San Pedro, xa no concello de Miño, coa que na realidade forma unha única praia coñecida como praia de Perbes. Está ben dotada de servizos turísticos, repartidos entre os dous concellos: cámpings, restaurantes, porto deportivo e apartamentos[84].
- Xardíns de Lombardero: cando se expropiou o Pazo dos Andrade parte da Horta do Conde que se estendía pola parte posterior do pazo foi destinada a uns xardíns públicos que levan o nome do deputado polo distrito de Pontedeume, José Lombardero[21]. Nestes xardíns áchase unha Árbore do fogo catalogada pola Xunta de Galicia coma árbore senlleira[81].
Etnografía
Pontedeume na cultura popular
Documentados no concello:
- Se te chega a auga antes do vento, colle a vela e métea dentro.
- Cronco rapado foi polo río, caíulle a pucha e morreu de frío.
- Ceo escamado, vendaval ó rabo.
Referencia a lugares do concello:
- Borraxeiro no Castelo, peixiño no caravelo.
- A Chao de Vilar vai quen pode andar.[85]
Festas e celebracións
Seguindo unha orde cronolóxica a partir do comezo do ano, destacan:
- O Feirón
Celébrase tódolos sábados desde finais dos anos setenta do século vinte[86]. Nas rúas e prazas da vila espállanse distintos postos onde se vende todo tipo de mercancía propia das feiras: desde produtos da terra ata roupa, pasando por utensilios, louza, antigüidades, artesanía etc. Moitos eumeses mercan no Feirón o moi prezado queixo do país que, de forma artesanal, se elabora nas parroquias rurais[87].
- O Antroido
O nome é a variante dialectal do Entroido nestas terras[88]. Fortemente arraigado no concello, a primeira referencia documental que se ten del é de 1840, aínda que ata 1900 non se fai referencia a un dos elementos máis característicos do entroido eumés: as comparsas, que nun principio compoñían letras e músicas orixinais para seren cantadas, pasando posteriormente a utilizar a música de cancións populares e escribir letras críticas con algún aspecto da vida local ou nacional. Segundo a tradición oral, a primeira comparsa, Os larpeiros, xa existía en 1890[87].
- A Semana Santa
De gran tradición, téñense referencias escritas de 1630. Desde o Xoves Santo ata o Domingo de Resurrección escóitase o son producido polas carracas, instrumentos de percusión instalados nunha das torres da igrexa parroquial en 1765. Comeza coa procesión que sae da ermida das Virtudes o Domingo de Ramos. Continúa o Xoves Santo coa procesión do Viacrucis Mariñeiro, adaptación local da Procesión do Silencio. Na madrugada do Venres Santo transcorre a xenuinamente eumesa Marcha do Paso que percorre as rúas da vila ao son da mesma e reiterada peza musical. Remata no albor do Venres Santo no Encontro na Praza Real das imaxes de San Xoán, A Verónica, Cristo e a Virxe das Dores. Na noite do Venres Santo desenvólvense as procesións do Enterro, ou dos homes, e da Soidade, ou das mulleres, en completo silencio. Remata a Semana Santa o Domingo de Resurrección coa procesión do Cristo da Custodia arredor do adro da igrexa[87].
- Os Maios
Teñen lugar o primeiro de maio para celebrar a chegada do mes e o augurio dunha boa colleita. Os rapaces confeccionan maios, estruturas compostas por varas, mirtos, flores e laranxas bravas; e maquetas de motivos locais, coma o castelo ou o torreón, cubertas de follas e flores. Son levados por catro nenos que antano ían de casa en casa e cantaban a cambio de algo. Celébrase un concurso que premia aos mellores maios e báilase a recuperada Danza do Biouteiro que simboliza a chegada do maio[87].
- Romaría de San Miguel de Breamo
Remóntase ao ano 1557, cando se funda unha confraría que se fixo cargo da igrexa de San Miguel de Breamo. Dita confraría costeaba unha misa mensual no templo e unha procesión cada 8 de maio, o día do Santo, na que se subía a imaxe do santo desde a parroquia de San Pedro de Vilar, onde fora trasladada anos atrás. Despois da procesión facíase unha merenda campestre que foi o comezo da actual romaría[89]. En 1686 a confraría decide celebrar unha segunda romaría o 29 de setembro, día do Arcanxo San Miguel[90]. Deste xeito, as dúas romarías marcan o comezo e o remate das celebracións estivais. Os romeiros soben a pé desde a vila ao cumio do monte Breamo onde está a ermida de San Miguel. Alí os romeiros fan as comidas campestres amenizadas por gaiteiros. Antes do xantar sácase unha imaxe do santo en procesión ao redor da ermida. Unha tradición di que se pode pedir un desexo a San Miguel dando unhas voltas en silencio ao redor da ermida, porén non hai acordo canto o número de voltas sendo tres, sete ou nove o máis aceptado[89].
- Fogueiras de San Xoán
Como no resto de Galicia, son tradicionais as fogueiras de San Xoán a véspera de San Xoán. É tradicional comer sardiñas asadas ao carón do lume. Durante a noite déixase auga mesturada con flores e plantas aromáticas para lavar a cara con ela na mañá de San Xoán[87].
- Feira Medieval
Tamén chamado Feirón dos Andrade, celébrase a primeira fin de semana de xullo. Durante estes días moitos veciños vístense á usanza medieval. É moi frecuentada desde a súa primeira edición de 2010[91].
- Festas do Carme
O 15 e 16 de xullo celébranse as festas da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, que a sacan en procesión marítima o 16, día do Carme. A imaxe da virxe vai presidindo a barca que encabeza a procesión ata a entrada da ría[87].
- As festas das Peras
Remóntanse a comezos do século XIX, cando o concello acordou celebrar grandes festas na praza de San Roque e anuncialas por tódalas parroquias e aldeas da contorna para acadar a maior concorrencia posíbel. O motivo non era outro que darlle saída á grande abundancia de froitos cuxa exportación era imposíbel, de aí venlle o nome "das Peras"[92]. Celébranse do 7 ao 11 de setembro, tendo cada día as súas características propias[87]:
- Día 7: Comezan as festas coa alborada e a saída dos Mómaros (parella de xigantes de cartón-pedra) e Cabezudos (rapaces cunha gran cabeza de cartón-pedra) que fan a ledicia dos máis pequenos. Saen tódolos días das festas agás o último. Ao serán, a lectura do Pregón a cargo dunha personalidade eumesa ou relacionada co concello é o comezo oficial das festas.
- Día 8: É o día da Virxe das Virtudes. Destaca a cucaña marítima, competición na que os rapaces da vila compiten por colleren unha bandeira ao final dun pau untado de sebo colocado na proa dunha embarcación. A queima do "galán", un artefacto pirotécnico que non para de xirar, marca a fin da cucaña.
- Día 9: Celébrase o Concurso de froitas na Alameda de Raxoi, onde se premian os mellores lotes de froita de diferentes clases.
- Día 10: Xunto co día 8, é o día grande por ser a festividade do co-patrón da vila, San Nicolás de Tolentino. Ofíciase unha misa solemne na que se bendicen os boliños protectores do lume e se renova o Voto de San Nicolás. Na media noite os Fogos de Artificio, coa batalla naval, é un dos momentos máis agardados das festas.
- Día 11: A festa trasládase ao río Eume. A xente sobe o río en barcas ata un lugar coñecido coma o Campo da Festa, levando as súas viandas dispostos a pasar unha xornada de xolda. A volta comeza cando remata o día. Esta festa coñécese coma a Xira ao Eume.
- Festas patronais nas parroquias
Merecen mención tamén as distintas festas das parroquias[87]:
- Andrade: San Martiño o 11 de novembro.
- Boebre: Santiago o 25 de xullo.
- Centroña: A Asunción o 15 de agosto.
- Nogueirosa: San Cosme o 26 de setembro.
- Ombre: O Espírito Santo con data variábel en maio ou xuño.
- Vilar: San Pedro o 29 de xuño e Santa Margarida o 20 de xullo, esta última no lugar de Campolongo.
Folclore
En 1986 a Asociación Orballo recuperou a tradición, vinte e cinco anos esquecida, de bailar a Danza do Biouteiro, que é un modo de representar os maios en forma de danza[87]. No eido musical, a peza musical que se interpreta na Marcha do Paso pódese considerar xenuinamente eumesa[87].
Gastronomía
O produto máis característico da cociña eumesa é a costrada, unha especie de empanada de varias capas elaborada con carne, peixe ou marisco. Conta a tradición que a trouxeron no século XII ao mosteiro de Caaveiro, uns monxes agostiños procedentes de Italia. É un produto caro que só se fai por encarga nalgunhas confeiterías e restaurantes da vila, normalmente co gallo dalgunha festa ou celebración[93]. Outros produtos locais con sona son o queixo do país, os melindres, as rosquillas, a biscoitada e maila proia manteigada[93]. Canto a bebidas destacan o viño romano feito da uva romana das cepas que se cultivan nas parroquias bañadas polo Eume, tanto en Pontedeume coma en Cabanas. É este un viño de moi pouca graduación que se destina, case na súa totalidade, ao consumo privado. A abundancia de guindeiras fai que se elabore o licor de guindas, moi prezado nas mesas eumesas en calquera celebración[93].
Artesanía
Varios son os artesáns que desenvolven o seu traballo no concello[94]:
- Palilleiras: A artesanía das palilleiras importouse de Camariñas e xa está arraiga no concello, ata o punto de que existe unha asociación cultural denominada Palilleiras Eumesas[70] que realiza cursos e exposicións de traballos.
- Instrumentos de percusión.
- Restauración de mobles.
- Tapices.
- Artesanía alimentaria.
Tradición oral
Moitas son as lendas referentes a diversos lugares ou costumes do concello. Algunhas son[95]:
- A ponte do Eume e o demo:
No medievo unha fermosa filla do señor de Andrade de nome Minla, estaba namorada dun mozo chamado Ledán que vivía na outra beira do río. Como non había ponte, Ledán cruzaba a nado tódolos días o río despois do traballo para ver á súa amada. Un día sorpréndeo a tormenta e morre afogado. Minla escoita o seu berro de agonía e acode correndo, mais non pode chegar onda el porque se acha ao outro lado do río. O demo ofrécelle facer unha ponte para que poida pasar coa condición de que lle venda a alma. Desesperada, Minla acepta pero pon tamén a súa condición, e é que a ponte estea rematada antes de que cante o galo do curral dos Andrade. O demo traballa ben a présa pero non pode rematar antes do pactado: cando canta o galo aínda lle queda un arco por facer. Xa que logo sen perder a súa alma, Minla pasa á outra beira saltando o arco que falta. Por ser feita a ponte polo demo nunha noite chamouse Ponte do demo, que se foi transformando primeiramente en Pontedemo e logo, en Pontedeume.
- O castelo da fame en Nogueirosa:
En tempos dos señores de Andrade, o seu castelo estaba custodiado polo alcaide Pero Lopes. A señora de Andrade, dona Guiomar, adoitaba ir no verán ao castelo coa súa doncela Elvira a quen o alcaide lle facía as beiras, mais Elvira non lle facía caso por estar namorada de Mauro, un xove paxe do señor de Andrade.Coa chegada do inverno, Pero Lopes preparou a súa vinganza e secuestrou aos dous mozos nos calabozos do castelo. Pasados os días, os señores de Andrade pensaran que a desagradecida parella escapara. Durante o seu cativerio leváballes a comida un servente negro e mudo do alcaide, de nome Zalemi. Un día Mauro conseguiu golpear a Zalemi e ferilo de morte pero este conseguiu saír do alxube e pechalo. Cheo de medo, o alcaide non se atreveu a levarlles comida e os namorados morreron de fame.
Chegou a primavera e o alcaide tornou a facer as beiras ás mulleres da comarca. O noivo dunha delas, ante o acoso á súa moza, feriuno de morte. O señor de Andrade foi visitar ao alcaide nas súas últimas horas e este, cheo de remorsos, confesoulle o seu crime. Alí mesmo, sacou o señor a súa daga e matou ao alcaide. Cando foron aos calabozos acharon a Elvira nos brazos de Mauro, que era un fillo natural do señor de Andrade. Desde entón se coñece ao castelo como o castelo da fame.
- As tres doncelas transparentes:
Contan que hai moitos anos, onde hoxe está o amplo esteiro do Eume, o río era máis estreito e había unha gran cidade en ámbalas marxes que era moi rica e próspera. A súa fama era tal que chegaban barcos de países moi afastados atraídos pola súa sona, mais tamén souberon os piratas da súa opulencia e facían rapinas que provocaban destrución e morte. Fíxose necesario facer un castelo defensivo no alto do monte.Os cabaleiros e soldados baixaban do castelo á cidade nos seus momentos libres. Había na cidade unha casa de moita sona habitada por tres fermosísimas doncelas cuxos corpos eran transparentes. Chegaran un bo día á cidade e ninguén sabía de onde viñan. O certo é que, malia a beleza das donas do lugar, os homes estaban engaiolados con estas doncelas e as súas festas, que remataban cando xa saíra o sol e nas que se comían os máis exquisitos manxares e se bebían os mellores viños de Betanzos.
O alcaide do castelo comezou a preocuparse con tanta festa pois os soldados chegaban cansos aos seus postos e a cidade estaba quedando desprotexida. Foi ás fragas do Eume a pedirlle consello a un sabio que habitaba nelas. Cando lle falou das tres doncelas, a faciana do sabio mudou de repente e díxolle que non había nada que facer. Coñecía moi ben ás tres doncelas e explicoulle que estaban apodrecendo aos homes e á cidade enteira. O lugar estaba maldito.
O sabio díxolle ao alcaide que fose ao castelo e que non saíse en toda a noite. Despois subiu a unha pena e botou un conxuro que trouxo unha tremenda treboada con fortísimos ventos e chuvia incesante. A xente seguía divertíndose sen preocuparse, só pensaban en cando pararía a treboada, mais esta continuou e o nivel da auga crecía e crecía.
Cando saíu da súa fortaleza pola mañá, o alcaide só viu unha grande extensión de auga onde antes había casas e palacios. A cidade quedara asolagada.
Símbolos
O escudo e maila bandeira de Pontedeume foron aprobados polo Decreto 420/1996, do 21 de novembro (DOG nº 235, do 2 de decembro), da Xunta de Galicia onde di[96]:
|
Economía
Sectores produtivos
A principal actividade do concello céntrase no sector servizos, que representa, tanto en número de traballadores como de empresas, máis do 70% do total. Os outros sectores son minoritarios, non representando ningún deles máis do 15% do total de traballadores ou empresas[1]. Estes datos contrastan cos de hai unha década (2007), cando a industria e a construción tiñan un certo peso relativo ao absorberen a primeira á cuarta parte dos traballadores e a segunda a case un quinto da poboación activa[97].
Traballadores e empresas por sector de actividade | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|
Sector | Traballadores | Empresas | ||||
Agricultura e pesca | 94 | 56 | ||||
Industria | 384 | 34 | ||||
Construción | 215 | 69 | ||||
Servizos | 1917 | 383 | ||||
Totais | 2610 | 542 | ||||
Datos completos en setembro de 2017 para traballadores e 2015 para empresas. Os gráficos son de datos correspondentes a 2007[1][98]. |
En Pontedeume teñen a súa sede dúas grandes empresas: Leite Celta e Einsa.
Canto ao paro rexistrado, en 2016 había un total de 580 parados, o que representaba un 11,3% da poboación activa comprendida entre os 15 e os 65 anos[1].
Infraestruturas
Infraestruturas de transporte
- Estradas: A estrada nacional N-651 comunica o concello con Ferrol e Betanzos. A estrada provincial que enlaza a N-651 na Insua (Paderne) coa N-VI en Guísamo (Bergondo) comunica coa capital provincial. As estradas provinciais AC-564 (Cabanas-Goente) e AC-142 (Goente-As Pontes) comunican con As Pontes, onde se pode coller a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba para a comunicación con Lugo e Asturias[99].
- Autoestradas: A Autoestrada do Atlántico AP-9 permite unha comunicación rápida coas cidades e vilas do Arco Atlántico e Portugal. A saída 21F en Cabanas dá acceso directo[99].
- Servizos de viaxeiros por estrada e autoestrada: A empresa Arriva comunica por estrada e autoestrada Pontedeume coas cidades de Ferrol, A Coruña e Santiago e as principais vilas do norte das provincias da Coruña e Lugo[100]. A empresa Monbus ten un servizo regular de viaxeiros entre Ferrol e Vigo por autoestrada que une Pontedeume coas cidades de Santiago, Pontevedra e Vigo[101].
- Ferrocarril: Hai unha estación de ferrocarril da liña Betanzos-Ferrol[102] con servizo de viaxeiros a Ferrol, Betanzos, A Coruña e Madrid. A estación inaugurouse oficialmente o 5 de maio de 1913, aínda que o primeiro tren que pasou por Pontedeume fíxoo na mañá do 4 de febreiro de 1912, levando autoridades e invitados á botadura do acoirazado España en Ferrol; na tarde dese mesmo día pasou un segundo convoi con máis invitados no que viaxaba o rei Afonso XIII. Ámbolos dous trens fixeron a viaxe de volta o día 6[43].
Infraestruturas portuarias
A vila ten un porto pesqueiro e deportivo practicábel só para barcos de pequeno calado[103]. Hai outros dous puntos de atraque deportivos na praia de Andaío (Boebre)[104] e no río Eume ao remate do paseo marítimo. Ata finais do século XX había un estaleiro de ribeira na vila, Ramón Bedoya, que facía pequenos barcos pesqueiros de madeira[105].
Infraestruturas industriais
Existe un polígono industrial desde o ano 2001 no lugar do Vidreiro da parroquia de Andrade, a carón da N-651. Ten unha superficie de 113.269 m2 dos que 40.091 son de uso industrial, divididos en 33 parcelas cunha superficie mínima de 821 metros cadrados[106].
Infraestruturas turísticas
O concello ten os seguintes servizos turísticos:
- Centros de información: Oficina de turismo no Torreón dos Andrade e Centro de Interpretación das Fragas do Eume na parroquia de Ombre á entrada do parque natural.
- Aloxamento: Un hotel, nove pensións, unha casa de turismo rural e dous campamentos de turismo (datos de 2017)[97].
- Hostalería: Nove restaurantes e case un cento de bares e cafeterías (datos de 2011)[98].
Medios de comunicación
O concello carece de televisión e radio locais, mais ten unha longa tradición xornalística que se remonta ao século XIX. Durante todo este tempo destacan as publicacións[39]:
- El Eume: Foi o primeiro xornal editado na vila. Tivo unha curta vida do 16 de febreiro de 1890 ao 31 de agosto do mesmo ano. Colaboradores destacados deste xornal foron o agrarista Valeriano Villanueva, o poeta e deputado provincial por Pontedeume Vicente Pardo Tenreiro, o xesuíta Manuel Serapio Seco, o poeta e autor dramático e de contos Ricardo Caruncho, ou o mestre e dramaturgo Galo Salinas.
- La Verdad: Só once números tirou este xornal desde o 5 de outubro de 1902 ata o 14 de decembro do mesmo ano.
- El Eco de Puentedeume: O primeiro número é do 4 de febreiro de 1906 e tiña inicialmente unha periodicidade quincenal, ata que a partir do número 25 correspondente ao 3 de febreiro de 1907 saen tres números mensuais. A partir do número 83 do 1 de novembro de 1908 cambia o seu nome polo de Galicia Pintoresca. O 20 de febreiro de 1910, no canto do número 123, sae unha folla comunicando a suspensión da revista. O seu director foi Edmundo Roberes Alonso.
- Ecos del Eume: Nace o 6 de febreiro de 1910, case coincidindo coa desaparición de Galicia Pintoresca. Fundárono Rosendo Vilariño Tenreiro, que sería o director, e Ramón Pena Miró. Publicou o seu derradeiro número, o 449, o 30 de setembro de 1918.
- Breamo: Nace o 31 de maio de 1914 e desaparece cando entra no seu terceiro ano de publicación. O seu director era Frutos Fernández Illá.
- Pontumio: Foi unha publicación estudantil do Colexio Luís Vives durante os anos cincuenta.
- Alfoz: Publicado pola Asociación Empresarial Eumesa, sae o primeiro número en xaneiro de 1990. De periodicidade variábel, mensual, quincenal e bimestral, o seu derradeiro número, o 33, sae en marzo de 1995[107].
Tamén se editan no concello dúas revistas:
- Cátedra: Subtitulada Revista Eumesa de Estudios sae puntualmente á rúa cada ano desde 1994. Está enfocada ao estudo e investigación da historia local. Edítaa o concello de Pontedeume[108].
- Cadernos do Ateneo Eumés: Editada polo Ateneo Eumés Fernán Martís. O seu primeiro número saíu o 25 de outubro de 2003 e ten unha periodicidade anual. Nas súas páxinas trátanse temas de actualidade, tanto locais como nacionais ou internacionais. Tamén se poden achar artigos de diversa índole como os económicos ou os históricos[72].
Deporte
Varios son os clubs que representan ao concello nos deportes máis populares:
- Club Firrete de Piragüismo[109]: Está considerado como un dos mellores clubs de España, contando con numerosos títulos galegos e españois[110]. Así mesmo, varios padexeiros do club foron campións ou subcampións de Europa e do Mundo[111].
- Club de Fútbol Eume Deportivo[112]: Con máis de medio século de historia é o decano dos clubs deportivos eumeses. Milita no grupo norte da Preferente galega. Foi premiado pola Xunta de Galicia polo seu traballo de promoción nas categorías inferiores[113].
- Club Balonmán Pontedeume[114]: Encadrado na liga rexional galega.
- Club Pontumio de Baloncesto[115]: Posúe numerosos equipos das categorías inferiores femininas, facendo un importante labor de promoción.
- Club Baloncesto Eume: De categoría masculina, milita na terceira división galega[116].
- Peña Ciclista Leboreira[117]: Fundada o 21 de xuño de 2003, centra a maioría das súas actividades no cicloturismo. Organiza desde o ano de fundación a Subida ao Castelo de Andrade tódolos meses de setembro, coincidindo coas festas de San Cosme de Nogueirosa, parroquia onde ten a sede. Desde 2004 leva a cabo a Cronoescalada ao monte Breamo no marco das Festas das Peras[118].
- Club Eumés de Xadrez (C.E.X.) Torreón[119]: Fundado o 8 de marzo de 2008, pretende encher o oco que deixaron os anteriores clubs xadrecísticos da vila, dos que chegou a haber ata catro á vez[120].
Individualmente é destacábel a figura do eumés Javier Iglesias Villanueva, un dos dous árbitros galegos da Primeira División do fútbol español[121], división na que tamén arbitrou seu irmán, xa retirado, Ignacio Iglesias Villanueva.
Servizos públicos
Educación
A institución máis antiga de ensino da que se ten noticia é unha Cátedra de Latinidade outorgada por Xoán Beltrán de Anido no seu testameto, datado o 5 de febreiro de 1580. Para acollela legou tamén a súa casa, a cal aínda segue en pé acollendo labores culturais, pois é a sede da Biblioteca Municipal. A Cátedra estivo en funcionamento ata mediados do século XIX[39].
O concello preocupouse desde moi vello de subvencionar escolas de primeiras letras. Sábese que en 1611 había na vila unha escola para nenos, mais estas escolas non tiveron unha vida continua, ora por finalizar o contrato do mestre, ora por apuros económicos do concello. A situación mellorou cando un antigo alumno da Cátedra e posteriormente catedrático dela, Francisco Pérez, que foi cóengo da colexiata da Coruña, fundou en 1707 unha cátedra de menores agregada á de latinidade, para a instrución dos máis novos[39].
Outro alumno ilustre da Cátedra, o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi deu un paso máis na estabilización do ensino primario ao fundar o 16 de maio de 1769 dúas escolas, unha para nenos e outra para nenas. Para albergalas mandou construír un edificio a carón da igrexa parroquial.
As escolas fundadas por Raxoi estaban dotadas coas rendas de dez almacéns do peirao destinados á salgadura do peixe. As rendas foron minguando polo declive da industria da salgadura e non chegaban para manter as escolas. É por iso que en 1838 o concello decide crear dúas escolas, unha para nenos no antigo edificio que ocupaban as escolas de Raxoi, e outra para nenas en dependencias do amortizado convento dos agostiños. Un mestre destacado foi José Serapio Casal, quen levou a escola de nenos durante uns corenta anos ata 1904, e que escribiu varios libros de ensino entre os que destaca unha Aritmética, declarada de texto por Real Orde[39].
Nas primeiras décadas do século XX había en Pontedeume cinco escolas nacionais, tres de nenos e dúas de nenas[39].
Logo da guerra civil, o mestre Álvaro Vázquez Penedo funda en 1940 a Academia Cervantes[38] no primeiro andar do edificio da Cátedra de Latinidade. En 1947 a Academia Cervantes estaba a piques de desaparecer, polo que Robustiano de Castro Carballeira funda o Colexio Luís Vives aproveitando as instalacións da academia. Pouco despois o colexio trasladouse a un edificio novo na avenida de Ricardo Sánchez, e a comezos da década dos setenta ampliouse con outro máis novo moi preto do anterior. Finalmente, en 1978, o Estado adquiriu este último edificio para o novo Instituto de Ensino Medio da vila[38].
A oferta educativa para o curso escolar 2017/2018 incluía un total de 7 centros, dos cales 5 son públicos e 2 privados concertados[122]. Isto supuña un descenso con respecto ao curso 2012/2013 cando había 8 centros nos que 188 profesores impartían docencia a 1570 alumnos[97]. Por niveis educativos, ditos centros son:
- Educación secundaria obrigatoria e post-obrigatoria:
- IES Breamo: Conta con unidades de ESO e Bacharelato.
- IES Fraga do Eume: Dispón de unidades de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos medios e superiores de Formación Profesional na familia de Hostalería.
- Educación infantil e primaria:
- Educación infantil:
- CEIP de Ombre
- Educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria (centros privados concertados):
- CPR Luís Vives
- CPR San José
Sanidade
A institución sanitaria máis antiga de Pontedeume da que se ten noticia é o hospital que se achaba no medio da ponte do Eume, fundado en 1393 por Fernán Peres de Andrade o Boo, para atender aos peregrinos que ían a Santiago de Compostela. Reedificouse en 1708 e foi derrubado definitivamente en 1867 cando comezou a construírse a ponte actual[123].
Pontedeume desfrutaba de servizo médico costeado polo concello, polo menos desde mediados do século XVI. Sábese que en 1560 o licenciado Coca exercía este servizo, que sufriu numerosas interrupcións por motivos económicos. O médico recibía pequenas cantidades variábeis dependendo do estado das arcas municipais, e os pacientes cunha certa capacidade económica dábanlle un pequeno estipendio[123].
En 1912 o filántropo Agustín Tenreiro, natural de Pontedeume, finou en Bos Aires deixando no seu testamento quince mil pesos para un hospital na súa vila natal. Con estes cartos procedeuse á construción dun hospital-asilo en terreos do antigo cemiterio, mais o certo é que, aínda que se rematou o edificio, nunca foi destinado a tal fin, senón que albergou durante moitos anos ao grupo escolar da vila que levou o nome do seu benfeitor. O cambio de funcións foi motivado en gran parte pola construción dun asilo de anciáns nuns terreos moi próximos. O asilo foi inaugurado o 12 de agosto de 1919 e na actualidade continúa desenvolvendo o seu labor[123].
Hoxe en día Pontedeume ten catro farmacias e un Centro de Saúde con Punto de Atención Continuada, dependente da Área Sanitaria de Ferrol. A oferta sanitaria privada inclúe centros de fisioterapia, auditivos, podolóxicos, pediátricos, psicolóxicos, psicotécnicos, podolóxicos, clínicas dentais, ópticas e consultas médicas[124].
Forzas de seguridade
Amais dos efectivos da Policía Local, na parroquia de Vilar hai desde mediados da década de 1970 unha Casa-cuartel da Garda Civil[125], que substituíu a antiga situada nos baixos da Cátedra de Latinidade[126].
Política e goberno
Goberno municipal
Bernardo Fernández (PSdeG-PSOE) é o alcalde de Pontedeume desde xuño de 2015. No seu segundo intento de acceder á alcaldía logrou a maioría absoluta, obtendo os mellores resultados do seu partido nas eleccións municipais e rematando cos oito anos de goberno de Gabriel Torrente[53]. Revalidou a maioría absoluta nas eleccións de 2023, mantendo o número de concelleiros (9), aínda que cunha lixeira baixada de votos.
Pontedeume contou unicamente con catro alcaldes ao longo da democracia: Celestino Sardiña (AP, 1979-1987), Belarmino Freire (PSdeG-PSOE, 1987-2007), Gabriel Torrente (PP, 2007-2015) e Bernardo Fernández desde 2015.
Grupos municipais
- Artigo principal: Eleccións municipais en Pontedeume.
Partido | Votos | % Votos válidos | Concelleiros |
PPdeG | 760 | 17,85% | 2 |
PSdeG-PSOE | 2.662 | 62,53% | 9 |
BNG | 788 | 18,51% | 2 |
Nas últimas eleccións de 2023, só se presentaron tres partidos políticos e os tres obtiveron representación no concello: O PPdG con 2 concelleiros, o PSdeG-PSOE con 9 concelleiros e o BNG con 2 concelleiros. Non se presentaron O Grupo Pontedeume Siglo XXI (GPSXXI), que si o fixeran nas eleccións de 2011 e 2015, e Somos Maioría que no 2015 non logrou chegar ao centenar de votos.
Sindicatos
A pesar de ser un sindicato minoritario, a Unión Sindical de Traballadores de Galicia (USTG) ten unha certa implantación no concello, contando cun número suficiente de afiliados para formar unha Unión comarcal[127].
Ata 2014 era o único sindicato que posuía delegación en Pontedeume. En abril dese ano formouse nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol o Movemento Alternativo Sindical (MAS), como unha escisión da USTG. Algúns dos afiliados eumeses deste sindicato pásanse á nova formación e establecen sede en Pontedeume[128].
Movementos sociais
Durante a primeira década do século XXI existiu en Pontedeume o Colectivo Fusquenlla, que tivo un protagonismo importante na denuncia de ilegalidades e irregularidades, principalmente urbanísticas[129].
O 27 de abril de 2007 presentouse a Asociación de Veciños de Pontedeume. Entre os seus obxectivos destacan a loita contra o amiguismo, o caciquismo e a corrupción; que se teña en conta a opinión dos veciños nos asuntos locais; e a vixilancia do cumprimento por parte dos políticos locais das súas obrigas[130].
Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Pontedeume.
-
Entrada e saída pola Ponte do Eume.
-
Rúa Real.
-
Corredoira das Virtudes.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 IGE (ed.). "Información municipal: Pontedeume". Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2017. Consultado o 15 de decembro de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 IGE (ed.). "Series históricas de poboación de Galicia. (Datos dende 1981)". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2018. Consultado o 3 de marzo de 2018.
- ↑ "Decreto 2234/1971, de 13 de agosto, polo que se declara conxunto histórico e paraxe pintoresca a comarca Eumesa na provincia da Coruña (BOE do 23 de setembro)" (PDF). BOE (en castelán). Consultado o 17 de febreiro de 2014.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 GEG (tomo 25) 1983, p. 111
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Precedo 1993, pp. 1083-1084
- ↑ 6,0 6,1 Climate-Data.org (ed.). "Clima: Pontedeume" (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2014.
- ↑ INE (ed.). "Alteraciones de los municipios en los Censos de Población desde 1842 (Datos anteriores a 1981)". Consultado o 3 de marzo de 2018.(en castelán)
- ↑ Brisset Martín, Xabier 2002, 1960. La Voz de Galicia e o cambio de dirección da corrente emigratoria (Cátedra nº 9)
- ↑ 9,0 9,1 Precedo 1993, p. 1086
- ↑ 10,0 10,1 De Castro 2007, p. 59
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Couceiro 1995, §1ª parte:II. Os Señoríos
- ↑ 12,0 12,1 De Castro 2007, §II.5.1. Murallas
- ↑ De Castro 1997, A póboa de Pontedeume a través dos privilexios reais e da documentación monástica (Cátedra, nº 4)
- ↑ De Castro 2007, p. 185
- ↑ 15,0 15,1 15,2 De Castro 2007, §I.1. Desarrollo morfológico y proceso de denominación hasta mediados del siglo XIX: la fase democrática de la denominación
- ↑ 16,0 16,1 De Castro 2007, §II.1.1 Carretera de Jubia a Betanzos
- ↑ 17,0 17,1 17,2 De Castro 2007, §II.1.3 Calle y Alameda de Rajoy
- ↑ De Castro 2007, §II.1.2 La intervención en la calle de S. Agustín
- ↑ De Castro 2007, p. 126
- ↑ 20,0 20,1 De Castro 2007, §II.4. Crecimiento de población y expansión
- ↑ 21,0 21,1 21,2 De Castro 2007, §II.1.6 La urbanización de la huerta del Conde y la apertura de la avenida de Lombardero
- ↑ De Castro 2007, §II.5.4 La Casa-Palacio
- ↑ "Real Orde de 13 de setembro de 1924 , pola que se declara Monumento Arquitéctonico-Artístico ao Pazo-Fortaleza dos Condes de Andrade (Gaceta de Madrid do 17 de setembro)" (PDF). BOE (en castelán). Consultado o 19 de febreiro de 2014.
- ↑ 24,0 24,1 De Castro 2007, §II.5 El Aguabar
- ↑ De Castro 2007, pp. 208-209
- ↑ De Castro 2007, p. 168
- ↑ 27,0 27,1 Grupo de arqueoloxía Terra de Trasancos 2005, Túmulos prehistóricos no concello de Pontedeume (Anuario brigantino nº 28)
- ↑ Sobrino, Juan J. & Correa José F. 1999, Insculturas pétreas no Baixo Eume (Cátedra nº 6)
- ↑ Millán 1987
- ↑ 30,0 30,1 30,2 30,3 González Fernández, A. & Ricart Guillot, S. 1997, A ordenación do territorio presente a través da afirmación do espacio pasado. O Patrimonio Arqueolóxico en Pontedeume (Cátedra nº 4)
- ↑ 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 Couceiro 1995, §1ª parte:I. Os Antigos Poboadores
- ↑ Carré Aldao, Uxío (18 de marzo de 1921). "Por tierras del Eume". El Ideal Gallego (en castelán).
- ↑ Luengo Martínez, José Mª 2006, Escolma da nosa historia: Piezas del Museo Histórico Arqueológico de La Coruña (Cátedra nº 13)(en castelán)
- ↑ 34,0 34,1 34,2 34,3 De Castro 2007, Prehistoria, Edades Antigua y Media en la comarca eumesa: bibliografía y estado de la cuestión (Cátedra nº 14)(en castelán)
- ↑ 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 Couceiro 1995, §2ª parte: A Casa de Andrade ata a súa fusión coa de Lemos
- ↑ Lamigueiro 2006, Ascendencia e familia próxima de García Rodríguez de Valcarce o das Pontes (Cátedra nº 13)
- ↑ 37,0 37,1 37,2 Couceiro 1995, §3ª parte:I. A Casa de Lemos
- ↑ 38,0 38,1 38,2 38,3 38,4 De Castro 2007, §I.4.7. Nombres de personas
- ↑ 39,0 39,1 39,2 39,3 39,4 39,5 Couceiro 1995, §3ª parte:IV. Desenvolvemento cultural
- ↑ De Castro 2007, §II.3.4. El Señor de la Villa
- ↑ Couceiro 1995, pp. 437-440
- ↑ 42,0 42,1 42,2 42,3 42,4 Couceiro 1995, §3ª parte:II. Acontecementos políticos e militares
- ↑ 43,0 43,1 Couceiro 1995, §3ª parte:III. Vida económica
- ↑ Congreso de los Diputados (ed.). "Arquivo histórico de Deputados (1810-1977)" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2013. Consultado o 2 de marzo de 2014.
- ↑ Vilariño, Sindo 2010, No centenario de Ecos del Eume (Cátedra nº 17)
- ↑ 46,0 46,1 46,2 Maiz 2000, Bandos e política no Pontedeume da 2ª república (Cátedra nº 7)
- ↑ 47,0 47,1 47,2 47,3 Suárez 2006, A Guerra Civil en Pontedeume, sublevación e represión (Cátedra, monográfico nº 2)
- ↑ 48,0 48,1 48,2 Vilariño, Sindo 2006, 23 de xullo do 36: os sublevados contra a II República entran en Pontedeume (Cátedra, monográfico nº 2)
- ↑ Otero, Sobrino & Domínguez 2001, Fuxidos na Fraga. Episodios da guerrilla antifranquista nas terras do Eume (Cátedra nº 8)
- ↑ La Voz de Galicia, ed. (19/05/2007). "Viamos lonxe a política municipal da actualidade". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. Consultado o 2 de marzo de 2014.
- ↑ "Belarmino Freire aspirará por quinta vez á alcaldía de Pontedeume". La Voz de Galicia. 06/02/2003. Arquivado dende o orixinal o 30/06/2015. Consultado o 2 de marzo de 2014.
- ↑ La Opinión, ed. (23/5/2011). "Torrente alcanza la mayoría absoluta" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30/06/2012. Consultado o 22 de febreiro de 2014.
- ↑ 53,0 53,1 Diario de Ferrol, ed. (12/6/2015). "PONTEDEUME - “Encargaremos una auditoría para saber la situación real”" (en castelán). Consultado o 13 de xuño de 2015.
- ↑ La Voz de Galicia, ed. (27/5/2019). "El PSOE eumés gobernará con una mayoría absoluta aún más holgada" (en castelán). Consultado o 9 de setembro de 2019.
- ↑ Monteagudo 1999, Hidronimia gallega (Anuario Brigantino nº 22)(en castelán)
- ↑ 56,0 56,1 Millán 1987, Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz (Deputación da Coruña)(en castelán)
- ↑ Asociación cultural Ardóbriga (ed.). "Primeira campaña arqueolóxica de Ardóbriga (3 entregas)". Consultado o 22 de febreiro de 2014.
- ↑ Asociación cultural Ardóbriga (ed.). "1912-2012 Cen anos do torques de Centroña". Consultado o 22 de febreiro de 2014.
- ↑ 59,0 59,1 59,2 Amado 2000, Monumentos
- ↑ De Castro & García 2012, p. 43
- ↑ De Castro & García 2012, p. 48
- ↑ Proxecto ARGA (Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia) (ed.). "Casa da Cultura de Pontedeume". Consultado o 15 de xuño de 2015.
- ↑ De Castro 2007, §III.1.4 El mercado de la plaza del Conde
- ↑ 64,0 64,1 64,2 64,3 64,4 Amado 2000, §Xeografía e contornos
- ↑ De Castro & García 2012, p. 79
- ↑ Buxa, Asociación galega do patrimonio industrial (ed.). "Ponte do ferrocarril sobre o río Eume". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2014. Consultado o 1 de marzo de 2014.
- ↑ "HEMEROTECA El tramo Miño-Cabanas de la autopista acababa con los atascos en Pontedeume". La Voz de Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2015. Consultado o 1 de marzo de 2014.
- ↑ De Castro 2007, §III.2.1 Fuentes
- ↑ "Web da Asociación cultural Ardóbriga". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2014. Consultado o 25 de febreiro de 2014.
- ↑ 70,0 70,1 Artesáns do Eume (ed.). "Perfil de Mª Fe Porral". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 24 de febreiro de 2014.
- ↑ "Web da Asociación Orballo". Consultado o 28 de febreiro de 2014.
- ↑ 72,0 72,1 "Web do Ateneo Eumés Fernán Martís". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2011. Consultado o 28 de outubro de 2011.
- ↑ Concello de Pontedeume (ed.). "Biblioteca". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2014. Consultado o 28 de febreiro de 2014.
- ↑ Paz Fernández, Xosé 2010, Achegamento a unha biografía musical: Antonio Leira Díaz (Cátedra nº 17)
- ↑ "Web da Escola de música Charamela" (en castelán). Consultado o 28 de febreiro de 2014.
- ↑ "Antiga web da Sociedade Eume" (en castelán). Archived from the original on 09 de xuño de 2004. Consultado o 28 de febreiro de 2014.
- ↑ Xunta de Galicia (ed.). "Esteiro do Eume". Plan de Ordenación do Litoral. Consultado o 1 de marzo de 2014.
- ↑ Turgalicia (ed.). "Parque Natural das Fragas do Eume". Consultado o 28 de febreiro de 2014.
- ↑ Concello de Pontedeume (ed.). "Paseo marítimo". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2014. Consultado o 11 de agosto de 2014.
- ↑ Díaz Novo, Pablo 1981, p. 100
- ↑ 81,0 81,1 81,2 DOG (ed.). "Decreto 67/2007 de 22 de marzo (DOG nº 74 do 17 de abril de 2007), polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xullo de 2015. Consultado o 19 de xullo de 2015.
- ↑ Youtube, ed. (23/09/2011). "Estado actual que presenta el Tejo del Paseo Marítimo de Pontedeume" (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2014.
- ↑ La Opinión (ed.). "El Mar Molino ya es escombros" (en castelán). Consultado o 28 de febreiro de 2014.
- ↑ Díaz Novo, Pablo 1981, p. 18
- ↑ Francisco Vázquez Saco (2003). Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades / Xunta de Galicia, ed. Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral (PDF). Cadernos de fraseoloxía galega 5 (1ª ed.). pp. 347, 548, 614, 855 e 861. ISBN 84-453-3651-7. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xuño de 2012. Consultado o 18 de setembro de 2012.
- ↑ De Castro 2007, pp. 157-159
- ↑ 87,00 87,01 87,02 87,03 87,04 87,05 87,06 87,07 87,08 87,09 Amado 2000, Festas e tradicións
- ↑ Eladio Rodríguez González (1961). Diccionario enciclopédico gallego-castellano (en castelán) 3. Ed. Galaxia. p. 183. Consultado o 25 de febreiro de 2014.
- ↑ 89,0 89,1 De Castro & García 2012, pp. 82-83
- ↑ Abelairas, Bea (2013). "El santuario de Breamo fue un convento hasta finales del siglo XVI". El Comarcal de Ferrolterra, Eume y Ortegal (en castelán) (La Voz de Galicia) (12): 15.
- ↑ "Web do Feirón Medieval dos Andrade". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2013. Consultado o 25 de febreiro de 2014.
- ↑ De Castro 2007, §III.5.1.Fiestas patronales
- ↑ 93,0 93,1 93,2 Amado 2000, Gastronomía
- ↑ "Web de Artesáns do Eume". Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2012. Consultado o 24 de febrerio de 2014.
- ↑ Piñeiro & Gómez 2000, §1. Na desembocadura do Eume:Pontedeume e Cabanas
- ↑ "Decreto 420/1996, do 21 de novembro, polo que se aproba o escudo heráldico e maila bandeira do Concello de Pontedeume (A Coruña)". DOG. Xunta de Galicia. 2/12/1996. Consultado o 22 de febreiro de 2014.
- ↑ 97,0 97,1 97,2 IGE (ed.). "Banco de datos municipal. Concello:Pontedeume". Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2017. Consultado o 15 de decembro de 2017.
- ↑ 98,0 98,1 Caja España, ed. (29/02/2012). "Pontedeume, datos económicos y sociales" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24/02/2014. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ 99,0 99,1 Ministerio de Fomento, ed. (2012). "Mapa provincial" (PDF) (en castelán). p. 15. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ Arriva (ed.). "Líneas en PDF" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2014. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ Monbus (ed.). "Horarios Monbus" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2014. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ Ministerio de Fomento (ed.). "Listado de líneas y estaciones" (PDF) (en castelán). p. 59. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2010. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ Portos de Galicia (ed.). "Localizador de portos: Pontedeume". Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2014. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ Portos de Galicia (ed.). "Localizador de portos: Perbes". Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2014. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ Buxa, Asociación Galega de Patrimonio Industrial (ed.). "Astillero de Ramón Bedoya en Pontedeume" (en castelán). Consultado o 31 de agosto de 2013.
- ↑ Galicia Naves (ed.). "Polígono industrial de Vidreiro, Pontedeume" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2014. Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ Vilariño, Sindo 2005, Escolma da nosa historia: Un lustro coa publicación de Alfoz. Suma e sigue para a historia da prensa local (Cátedra nº 12)(en castelán)
- ↑ Revista Cátedra & desde 1994, páxina web
- ↑ "Web do Club Firrete" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2014. Consultado o 20 de febreiro de 2014.
- ↑ Xunta directiva do Club Firrete 2008, pp. 130-133
- ↑ "Campos y Mosquera suben al podio". Faro de Vigo (en castelán). 23 de outubro de 2011.
- ↑ "Web do Eume Deportivo" (en castelán). Consultado o 20 de febreiro de 2014.
- ↑ Eume Deportivo (ed.). "50 aniversario da SD. Eumesa": 5.
- ↑ "Web do Balonmán Pontedeume" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2013. Consultado o 20 de febreiro de 2014.
- ↑ "Perfil en Facebook do Club Pontumio" (en castelán). Consultado o 20 de febreiro de 2014.
- ↑ Delegación coruñesa de baloncesto, ed. (31/10/2013). "La igualdad reina en el grupo A de la 3ª división tras 4 jornadas de liga". baloncesto zonal (en castelán). Consultado o 21 de febreiro de 2014.
- ↑ "Web da Peña Ciclista Leboreira" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2014. Consultado o 20 de febreiro de 2014.
- ↑ Riveiros, M. J. 2008, pp. 38-39
- ↑ sospontedeume (ed.). "El ajedrez en Pontedeume tiene nombre: C.E.X. Torreón" (en castelán). Consultado o 20 de febreiro de 2014.
- ↑ Blanco Rey, Luis A. 2008, pp. 84-85
- ↑ "Clasificación Premio Guruceta 2023/2024". Marca (en castelán). Consultado o 6 de setembro de 2023.
- ↑ Consellería de Educación e O. U. (ed.). "Buscador de centros da Consellería de Educación". Consultado o 17 de decembro de 2017.
- ↑ 123,0 123,1 123,2 Couceiro 1995, §3ª parte:V. Institucións benéficas
- ↑ "Buscador de centros". Sergas. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 17 de decembro de 2017.
- ↑ Ministerio do Interior (ed.). "Enderezo da Casa-cuartel da Garda Civil de Pontedeume" (en castelán). Consultado o 22 de febreiro de 2014.
- ↑ De Castro & García 2012, pp. 44-45
- ↑ USTG (ed.). "Enderezos das Unións Comarcais". Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2013. Consultado o 22 de febreiro de 2014.
- ↑ Diario de Ferrol, ed. (23/04/2014). "Nace Movemento Alternativo Sindical (MAS) de una escisión de la USTG en Navantia" (en castelán). Consultado o 29 de setembro de 2014.
- ↑ "Perfil do Colectivo Fusquenlla en Facebook". Consultado o 22 de febreiro de 2014.[Ligazón morta]
- ↑ "Presentación Asociación de Vecinos de Pontedeume" (en castelán). 2007. Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2014. Consultado o 22 de febreiro de 2014.
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pontedeume |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Pontedeume |
Bibliografía
- Couceiro Freijomil, Antonio (1995). Xunta de Galicia, ed. Historia de Pontedeume e a súa comarca (4ª ed.). ISBN 84-453-1437-8.
- De Castro, Carlos (2007). Concello de Pontedeume, ed. Calles, Plazas y Jardines de Pontedeume. Denominación, Morfología y Actividad en el Espacio Público (1270-1970) (en castelán). ISBN 978-84-921952-4-4. DL C-1873-2007.
- De Castro, Carlos; García, Adela (2012). Espino Albar, ed. Pontedeume, Cabanas e comarca (en castelán). ISBN 978-84-938761-5-9. DL C-1015-2012.
- Millán, Isidoro (1987). Deputación da Coruña, ed. Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz (en castelán). ISBN 84-86040-27-2.
- Piñeiro de San Miguel, Esperanza; Gómez Blanco, Andrés (2000). Pluma Estudio Gráfico, ed. De lenda en lenda. Camiños máxicos polo noroeste de Galicia. ISBN 84-931221-0-6. DL C-2323/1999.
- Cañada Acebal, Silverio, ed. (1983). GEG (en castelán) 25 (1ª ed.). ISBN 84-7286-193-7. DL VI-415/1974.
- Amado del Palacio, Ángeles. Concello de Pontedeume, ed. Pontedeume, guía visual. DL C-1600/2000.
- Díaz Novo, Pablo, ed. (1981). Guía Turística de la Comarca Eumesa (en castelán). ISBN 84-300-4621-6. DL C-941-1981.
- Precedo Ledo, Andrés, ed. (1993). Galicia pueblo a pueblo (en castelán). La Voz de Galicia. ISBN 84-88254-24-5. DL C-1400/1993.
- Concello de Betanzos (ed.). "Anuario brigantino". ISSN 1130-7625. DL C-680/1996.
- Concello de Pontedeume (ed.). "Cátedra, revista eumesa de estudios". ISSN 1133-9608. DL C-1702/1993. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2011. Consultado o 27 de setembro de 2011.
- Concello de Pontedeume (ed.). Festas das Peras 2008. DL C-3141-2008.
Outros artigos
Ligazóns externas
- "Pontedeume Turismo". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2011. Consultado o 29 de outubro de 2011.