Baixa Idade Media
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A Baixa Idade Media[1] é o período histórico que abrangue a historia europea dende o século XI ata o século XV. Comeza coa batalla de Hastings en 1066, fundación do reino de Inglaterra, e remata co xurdimento do Renacemento en Italia e España. Como data de remate empréganse dúas datas, ben a conquista de Bizancio polos otománs en 1453 ou o descubrimento de América por Cristovo Colón o 12 de outubro de 1492.
Así e todo, débese ter en conta que non se trata dun termo que suscite o consenso unánime da historiografía. Algúns especialistas usan este termo para referirse unicamente aos séculos XIV e XV, en que entraría en crise a sociedade medieval, sobre todo a partir das epidemias de Peste Negra. Eses especialistas usan o termo Plena Idade Media para referirse aos séculos XI, XII e XIII, en que a sociedade feudal coñecería o seu máximo desenvolvemento. Así mesmo, o termo, nun sentido estrito, aplícase unicamente á Europa cristiá, aínda que tamén pode servir para categorizar a historia dos territorios islámicos. Fóra destes territorios, o termo carece de sentido.
En Europa
[editar | editar a fonte]Algúns trazos básicos da Baixa Idade Media serían:
- O feudalismo como predominante sistema económico en Europa. Neste sistema, os señores feudais tiñan relacións de vasalaxe con señores feudais menos importantes e co pobo, o sistema de vasalaxe comprendía dende o pago de taxas e impostos ata o servizo militar en favor do señor.
- A cristianización da práctica totalidade de Europa, coa conversión ao cristianismo do pobo viquingo en Europa setentrional e do pobo eslavo en Europa oriental.
- As cruzadas, dende o 1095 (Urbano II) organízanse varias Cruzadas para conquistar Terra Santa. Os inicios destas guerras eran dados polo Papa e constituíanse mediante a colaboración de nobres de varios países e ordes de cabalaría.
- Extensión de ordes monásticas e fundación de mosteiros.
- Nas artes o estilo románico e gótico difundíranse por todos os territorios de Europa occidental. Nas áreas de influencia do Imperio Romano de Oriente (Balcáns, Grecia, península de Anatolia, Rusia...) continuarán a desenvolverse as técnicas e estilos propios da arte bizantina.
- A conformación dalgúns dos principais estados de Europa occidental, como o reino de Francia, Inglaterra ou Portugal, a Coroa de Castela e a de Aragón ou os estados italianos e alemáns. Moitos destes estados serán a base para a creación das modernas entidades nacionais europeas.
- No século XII e XII xorden a burguesía como clase social debido ó incremento do comercio e a que moitas cidades tiñan protección directa dos reis.
- Un forte crecemento da poboación europea. Estímase que a poboación europea ascendería, ao final do Imperio Romano, a entre 25 e 35 millóns de habitantes. Esa cifra permanecería máis ou menos estancada até finais da Alta Idade Media, cando comezaría a crecer de novo. A finais do século XIII, calcúlase que a poboación europea podería ascender a entre 70 e 80 millóns de persoas. Este crecemento estaría fundamentado nunha mellora das condicións climáticas e dos rendementos agrícolas.
- Un forte crecemento das cidades, amparado no aumento da actividade comercial, política e cultural. Moitas desas cidades eran antigos núcleos urbanos do Imperio Romano, que tras quedaren moi reducidos durante a Alta Idade Media volven a experimentar un aumento de poboación. Nas áreas que non pertenceran ao Imperio Romano, moitas das cidades serán núcleos de nova fundación.
- A creación das primeiras universidades, concibidas inicialmente como centros para a formación dos eclesiásticos e da burguesía.
- As epidemias de Peste Negra. O primeiro andazo desta enfermidade infecciosa estenderíase por toda Europa entre os anos 1347 e 1352. Con todo, novos andazos repetiríanse nos anos seguintes, de forma que a poboación europea tería descendido a finais do século XIV a entre 45 e 50 millóns de habitantes. Aínda que os andazos de Peste Negra seguirían repetíndose aínda na Idade Moderna, os seus efectos serán cada vez menos devastadores. De feito, a finais da Idade Media estímase que a poboación europea estaría arredor dos 60 millóns de habitantes. Ademais, a Peste Negra posibilitaría nalgúns áreas unha alza dos salarios e mellores condicións de vida para o campesiñado, ao descender a man de obra dispoñible.
En Galiza
[editar | editar a fonte]Algús dos trazos básicos da Baixa Idade Media en Galiza serían:
- O crecente poder da Igrexa de Compostela, que será a figura de maior relevo do país, en especial trala consecución da dignidade arcebispal por parte de Diego Xelmírez en 1120.
- A creación do Reino de Portugal como un estado separado do Reino de Galiza, oficializado en 1137.
- A crecente integración do Reino de Galiza na Coroa de Castela e, polo tanto, unha crecente perda de centralidade política.
- A integración, desde mediados do século XII, dos mosteiros galegos na orde cluniacense.
- A creación dunha nobreza propia, que acabará por conformarse ao longo do século XIV, cando a crise baixomedieval propicie o nacemento de novas familias como os Andrade, os Lemos ou os Sarmiento.
- Desde o punto de vista cultural, unha forte difusión do estilo románico e a creación da lírica galaico-portuguesa, que reflicte a difusión do galaico-portugués como o idioma de toda a poboación.
Comezo da Idade Moderna
[editar | editar a fonte]A conservación dos escritos clásicos gregos e romanos nos mosteiros polo contacto co mundo musulmán, fan brotar autores precursores do Renacemento como Dante ou Petrarca. A aparición da imprenta como elemento unificador de cultura e a maior capacidade adquisitiva da burguesía que é empregada no mecenado, sobre todo en Italia, fan que se transforme a mentalidade medieval. Os reis comezarán a ter máis poder e definitivamente aparecerán estados unificados mediante leis, antepoñéndose intereses de Estado ós intereses feudais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para baixomedieval.