Primus inter pares
Primus inter pares (en grego: Πρῶτος μεταξὺ ἴσων (protos metaxy ison), é unha locución latina que significa literalmente "O primeiro entre iguais".[1][Nota 1] Xeralmente, emprégase como un xeito de título honorífico para alguén que, formalmente, é igual a outros membros do seu grupo, pero a que se lle outroga un respecto oficial, normalmente por mor da antigüidade no cargo.
Encádrase, en principio, no campo da política, facendo referencia orixinalmente á figura do emperador nas primeiras fases do Imperio romano, buscando aplacar aqueles que querían un retorno da República Romana.
Historia e características
En España, no pasado, facía referencia ó status dun caudillo ou rei en relación a un estrato inferior de vasalos, nobres polo xeral, que mantiñan fortes cotas de poder, especialmente militar. Este status ou forma de goberno adoitaba darse cando o rei, polo motivo que fose, non era capaz de impoñer un poder absoluto. Encontramos casos de goberno de Primus inter pares na Antiga Grecia ou nas Tribos xermánicas, que deixarían a súa impronta na posterior formación do feudalismo durante a Alta Idade Media europea, en concreto, durante a Monarquía visigoda na Península Ibérica.
Posteriormente, o termo comezaría a ser usado para indicar que unha persoa é o maior ou o máis importante dentro dun grupo de xente que comparte o mesmo nivel ou responsabilidade. O concepto adoita utilizarse tamén frecuentemente no orixinal latino: “Primus inter pares”. Cando non é utilizado en referencia a un título específico, pode indicar que a persoa así descrita é tecnicamente igual, pero mirada como autoridade ou con importancia especial polos seus pares.
Nalgúns casos pode tamén utilizarse para indicar que mentres a persoa descrita aparece como un igual, en realidade é o líder extraoficial ou reservado dun grupo. Como exemplos de “primeiro entre os seus iguais” pódense mencionar: O Primeiro Ministro de moitas nacións con réxime político Parlamentario na Mancomunidade Británica de Nacións, o Presidente da Comisión Europea, o Chief Justice dos Estados Unidos de América, e a algunhas figuras relixiosas tales como o Decano do Colexio cardenalicio da Igrexa Católica, o Patriarca Ecuménico da Igrexa Ortodoxa, ou o Arcebispo do Canterbury, líder espiritual da Comuñón Anglicana. O termo tamén se utilizou polos Emperadores Romanos (véxase Princeps) como unha forma de disimular o aspecto de ditadura do seu goberno (isto era particularmente importante durante a etapa inicial do Imperio, para calmar os que desexaban o retorno da vella República romana).
Actualmente en Suíza (Confederación Helvética) un dos sete ministros preside como primus inter pares. O cargo rota cada ano.
Notas
- ↑ Gramaticalmente, a expresión refírese a unha única figura masculina. Unha muller sería prima inter pares e os plurais de ámbalas dúas formas serían primi inter pares e primæ inter pares no caso nominativo e primos inter pares e primas inter pares no acusativo. Con todo, todas estas formas son de moi raro uso na maior parte das linguas.
- Referencias
- ↑ "Primus Inter Pares". Enciclopedia Hutchinson (en inglés). Archived from the original on 29 de novembro de 2005. Consultado o 21 de xullo de 2022.