Saltar ao contido

Movemento flamengo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira flamenga, empregada polo movemento flamengo, sen as garras e a lingua vermellas

O movemento flamengo (en flamengo: Vlaamse Beweging) é un termo popular empregado para describir ó movemento que busca unha maior autonomía para a rexión belga de Flandres, para a protección da lingua flamenga en Flandres, e pola protección da súa cultura.

A pola máis estrema do movemento flamengo está dominada por organizacións de ultradereita como o Vlaams Belang (o segundo partido en votos no parlamento flamengo nas derradeiras eleccións parlamentarias), Voorpost, Nationalistische Studentenvereniging (Unión de Estudantes Nacionalistas), e moitos outros. A organización máis radical no bando esquerdista é a organización, con base en Bruxelas, de inspiración marxista e independentista flamenga "Meervoud". Tamén hai partidos moito máis moderados como a N-VA (flamengo: Nieuw-Vlaamse Alliantie, galego: "Nova Alianza Flamenga", un partido relativamente pequeno con representación nos parlamentos federal e rexional) e varias organizacións extraparlamentarias, moitas das cales están representadas no OVV (Flamengo: Overlegcentrum van Vlaamse Verenigingen, galego: "Centro de Consulta de Asociacións Flamengas"). O máis importante deles é o VVB (Flamengo: Vlaamse Volksbeweging, galego: "Movemento Popular Flamengo").

Os moderados do movemento estiveron representados principalmente no Volksunie ("Unión Popular" en galego—un partido importante que ten acadado moitos avances para a causa flamenga dende a súa fundación en 1954 até o seu colapso en 2002). Tralo colapso de Volksunie, tódolos representantes pasaron a diversos partidos flamengos, e hoxe en día practicamente calquera partido flamengo (agás Vlaams Blok) pode ser considerado parte da ala moderada do movemento flamengo. A póla moderada ten moitos puntos de contacto con organizacións de traballadores e empregados, especialmente co VOKA (VEV: Vlaams Economisch Verbond en Flamengo, 'Unión Económica Flamenga' en galego).

Tendencias ideolóxicas

[editar | editar a fonte]

Independentistas

[editar | editar a fonte]

Hoxe, a pola militante do movemento flamengo xeralmente avoga pola fundación dunha república flamenga independente con Bruxelas como capital. Os dereitistas do Vlaams Belang e os conservadores de N-VA apoian este punto de vista. O Vlaams Belang, que recolleu o 24.15% dos votos en Flandres nas derradeiras eleccións rexionais (2004), é hoxe a segunda formación política en Flandres. Unha pequena parte apoia a unión cos Países Baixos para formar unha grande Países Baixos que é chamado ás veces Dietsland. Isto é apoiado por varios activistas holandeses de ultradereita e nacionalistas, que apoian fortemente o movemento flamengo. Recentemente, varios políticos moderados dos Países Baixos teñen apoiado esta idea, incluíndo políticos de esquerdas como Jan Terlouw.

Confederalistas

[editar | editar a fonte]

O partido rexionalista de esquerdas Spirit, así como varios representantes de importantes partidos políticos flamengos pertencentes á pola moderada, incluíndo ós democristiáns do partido CD&V (o maior partido no parlamento flamengo en 2003), o partido liberal VLD (terceiro máis grande), e, en menor medida, o partido socialista SP.A (4º máis grande), prefiren unha organización confederal do estado belga no canto da actual organización federal. Isto faría ó goberno flamengo responsable de practicamente tódolos aspectos de goberno, algúns dos cales son hoxe responsabilidade do goberno federal belga. A capital tanto belga como flamenga de Bruxelas permanecería como unha cidade onde os cidadáns flamengo-falantes e francófonos terían os mesmos dereitos, mentres que o independentismo radical (unha certa parte del), faría ós cidadáns francófonos de Bruxelas - o que representa máis do 80 % da poboación da cidade - estranxeiros nunha rexión flamenga falante de neerlandés.

Federalistas

[editar | editar a fonte]

Varios representantes do SP.A e, en moita menor medida, do CD&V e do VLD, prefiren a actual organización federal do estado belga. Este punto de vista é compartido por varias organizacións sociais e culturais tales como Vermeylenfonds ('Fundación Vermeylen' en galego), con sindicatos, e coas axencias de seguros. Os que apoian este punto de vista esperan manter as institucións belgas para facelas traballar correctamente. Porén, as recentes alegacións sobre continuada discriminación contra os cidadáns flamengo-falantes polos hospitais e servizos médicos de emerxencia en Bruxelas - que foron probados polo Consello de Europa, a resistencia dos cidadáns francófonos que viven en Flandres a ver os seus dereitos políticos e culturais recortados, e a práctica imposibilidade de aliviar os custos da man de obra por causa da suposta resistencia conservadora da unión socialista francófona non é precisamente un apoio á liña federalista.

Jan Frans Willems

Cando Bélxica se independizou dos Países Baixos en 1830, había unha reacción política contra os holandeses, incluíndo cara á súa lingua. O motor económico belga daqueles tempos era Valonia, coas súas minas de carbón e mineral de ferro, mentres que Flandres era en gran parte unha rexión rural e pouco desenvolta economicamente. A combinación dos factores económicos e políticos levou á ominación da lingua francesa en Bélxica, e o flamengo foi reducido a un status de patois local.

Medio século despois da revolución belga, intelectuais flamengos como Jan Frans Willems, Philip Blommaert, Karel Lodewijk Ledeganck, Ferdinand Augustijn Snellaert, August Snieders, Prudens van Duyse e Hendrik Conscience comezaron a pedir o recoñecemento da lingua e cultura holandesas de Bélxica. Este movemento pasou a ser coñecido como movemento flamengo, pero era máis intelectual que social, co apoio de xente como Charles De Coster, autor de Uilenspiegel e os poetas Guido Gezelle, Hugo Verriest e Albrecht Rodenbach.

Foron fundadas organizacións culturais para promover a lingua e cultura flamengas, como a Willemsfonds en 1851, e a Davidsfonds en 1875. A primeira Vlaemsch Verbond (Constant Leirens, Ghent) e a Nederduitse Bond, foron fundadas en 1861. O Liberale Vlaemsche Bond foi fundado en 1867. Escritores como Julius de Geyter e Max Rooses estiveron activos na Nederduitse Bond. O 26 de setembro de 1866, Julius de Geyter fundou a Vlaamsche Bond en Antwerp. En 1867, o semanario flamengo Het Volksbelang, fundado por Julius Vuylsteke, apareceu por vez primeira o 12 de xaneiro de 1867.

En 1861, o primeiro partido político flamengo, o Meetingpartij foi fundado en Antwerp, por liberais radicais, católicos e flamenguistas (Jan Theodoor van Rijswijck, J. De Laet e E. Coremans), e existiu até 1914. En 1888, Julius Hoste fundou o xornal liberal moderado Het Laatste Nieuws, para apoiar ó movemento flamengo en Bruxelas. En 1893, o sacerdote flamengo Adolf Daens, fundou o Christene Volkspartij, o que causaría unha radicalización e democratización do partido católico. O primeiro éxito político flamengo foi a aprobación da Gelijkheidswet (Lei de Igualdade) en 1898 que por vez primeira recoñeceu ó flamengo como igual ó francés en asuntos legais. En 1910, aceptouse o emprego do neerlandés na educación secundaria pública.

O político liberal Louis Franck, o católico romano Frans Van Cauwelaert e o socialista Camille Huysmans traballaron xuntos para acadar a introdución do flamengo na Universidade de Ghent. En 1911 a proposta de Lodewijk De Raet, para a introdución do flamengo na Universidade de Ghent, foi aceptada. Porén, non sería aplicada até 1930. Coa chegada do século XX o movemento flamengo radicalizouse e durante a primeira guerra mundial moitos activistas deron a benvida ás forzas de ocupación como irmáns alemáns liberadores. O xove Marnix Gijsen e o poeta Paul van Ostaijen, estiveron involucrados co movemento durante a guerra. A maioría da poboación flamenga, porén, detestaba ós traidores que colaboraran coa brutal ocupación alemá. Coa derrota dos alemáns marcharon moitas das reformas lingüísticas. A colaboración e subseguinte persecución de certos líderes do movemento flamengo non produciu un clima precisamente favorable a comprometerse.

O movemento flamengo converteuse en algo máis social a través da Frontbeweging, unha organización de soldados flamengos que se queixaban da falta de consideración cara a súa lingua no exército e en Bélxica en xeral. Dende isto, o Frontbeweging converteuse nun movemento político, dedicado á paz, tolerancia e á autonomía (Nooit Meer Oorlog, Godsvrede, Zelfbestuur), e peregrinacións anuais ao IJzertoren celébranse aínda para conmemorar isto. O poeta Anton van Wilderode escribiu moitos textos para esta ocasión. Presentáronse moitas lendas arredor do tratamento dos soldados flamengos na segunda guerra mundial, e aínda que teñen sido desmanteladas polos historiadores flamengos recentes, o seu mito aínda forma unha importante parte do vitimismo flamengo. Por exemplo, unha das lendas é que moitos soldados falantes de holandés morreron porque non comprendían as ordes que lles eran dadas en francés polos oficiais valóns. Aínda que o idioma oficial no exército era o francés, a verdade é que as unidades eran organizadas segundo a súa orixe xeográfica, e os seus oficiais eran perfectamente capaces de traducir as ordes centrais á lingua das súas tropas, fosen flamengas, francesas ou valoas. Outro tema do cal provén frustración era (e é aínda hoxe) o descoñecemento do holandés pola familia real belga. Dise que o rei Alberte I deu un discurso durante a primeira guerra mundial, en francés, que concluíu coas verbas Pour les Flamands, la même chose (G: 'Para os flamengos, a mesma cosa'.) Esta é unha das razóns polas que a familia real belga é menos popular en Flandres que en Valonia. Nos anos vinte foi elixido o primeiro partido nacionalista flamengo e en 1928, August Borms, un prominente líder flamengo no corredor da morte por traballar no goberno flamengo dos alemáns, foi elixido.

Nos anos trinta, o movemento flamengo medrou como nunca medrara e o holandés foi recoñecido por vez primeira como a única lingua de Flandres. En 1931, Joris Van Severen fundou o Verbond van Dietse Nationaal-Solidaristen Verdinaso, un movemento fascista en Flandres.

Durante a segunda guerra mundial, Bélxica foi ocupada unha vez máis. Os alemáns aprobaron leis para protexer e fortalecer o flamengo e xeralmente fixeron todo o que podían para fortalecer a inimizade entre flamengos e francófonos, por exemplo liberando prisioneiros de guerra flamengos pero non francófonos. Malia non ter os nazis non tiñan intención de permitir a creación dun grande estado flamengo ou holandés, moitos nacionalistas flamengos aceptaron colaborar. Predeciblemente, foron perseguidos trala guerra e a súa causa amplamente desacreditada.

Trala guerra, o movemento flamengo permaneceu silenciado durante vinte anos. A Vermeylenfonds foi fundada en 1945. Nos anos sesenta o movemento colleu forza unha vez máis e en 1962 as fronteiras lingüísticas foron establecidas finalmente, con Bruxelas como unha cidade bilingüe. A finais dos anos sesenta tódolos grandes partidos políticos belgas dividíronse en polas flamengas e francófonas. Tamén a finais dos sesenta emerxe o primeiro gran partido nacionalista flamengo, o Volksunie (Unidade Popular, pero non no sentido esquerdista). En 1977 os escindidos máis dereitistas radicais do Volksunie uníronse para formar o Vlaams Blok, que máis tarde adoptaría o nome de Vlaams Belang. Este partido é hoxe, numericamente, o principal partido do movemento flamengo de dereitas.

No 2000 Volksunie dividiuse en Spirit e N-VA. Ámbolos dous partidos teñen hoxe coalicións con outros partidos. Nas eleccións de 2004 tanto Spirit (con SP.A) e NVA (xunto a CD&V) gañaron e formaron parte do goberno. Durante as eleccións de 2007, SP.A con Spirit perderon e CD&V con N-VA gañaron.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]