Movemento Papúa Libre
O Movemento Papúa Libre (en indonesio: Organisasi Papua Merdeka) é un termo que fai referencia a un movemento independentista xurdido durante o ano 1965 nas provincias de Papúa e Papúa Occidental, en Indonesia, territorios coñecidos anteriormente como Papúa, Irian Jaya e West Irian.[1]
O movemento consta de tres elementos: un grupo dispar de unidades armadas cada unha cun control territorial limitado sen un único comandante; varios colectivos do territorio que realizan manifestacións e protestas; e un pequeno grupo de líderes radicados no estranxeiro que sensibilizan sobre os problemas do territorio ao tempo que loitan polo apoio internacional á independencia.[1]
Desde a súa creación, o Movemento Papúa Libre tentou un diálogo diplomático, realizou cerimonias de izado da bandeira da estrela da mañá e emprendeu accións militantes como parte do conflito de Papúa. Os seguidores amosan habitualmente a bandeira da Estrela da Mañá e outros símbolos da unidade de Papúa, como o himno nacional "Hai Tanahku Papua" e un escudo nacional, que fora adoptado no período de 1961 ata que comezou a administración indonesia en maio de 1963 baixo o acordo de Nova York. O movemento militante está considerado como unha organización separatista en Indonesia, e a axitación pola independencia das provincias incorreu en acusacións de traizón.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Institute for Policy Analysis of Conflict (24 de agosto de 2015). The current status of the Papuan pro-independence movement (PDF) (Informe). IPAC Report No.21. Iacarta, Indonesia. OCLC 974913162. Consultado o 24 de outubro de 2017.
- ↑ Lintner, Bertil (22 de xaneiro de 2009). "Papuans Try to Keep Cause Alive". Jakarta Globe. Arquivado dende o orixinal o 1 de agosto de 2013.