Alcmeón de Crotona
Nome orixinal | (grc) Ἀλκμαίων |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | valor descoñecido Crotone, Italia |
Morte | valor descoñecido Crotone, Italia |
Actividade | |
Campo de traballo | Filosofía |
Ocupación | médico, filósofo |
Período de actividade | século VI a. C. - século V a. C. |
Movemento | Pitagóricos e Presocráticos |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft 1870 Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (en) |
Alcmeón de Crotona (século -VI) foi un filósofo pitagórico dedicado á medicina.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Moi poucos son os que o coñecen polo seu propio nome, é da xeración de pitagóricos contemporáneos ou sucesores inmediatos de Pitágoras. O único pensador itálico entre Pitágoras e Parménides, de cuxas opinións temos testemuños suficientes como para xustificar o seu estudo, é Alcmeón de Crotona o cal tería o seu acmé a comezos do século -V. Sabemos que era dualista e que tivo algún tipo de contacto con Pitágoras. Iámblico cataloga a Alcmeón entre os contemporáneos de Pitágoras, un mozo discípulo seu, cando el era ancián. De todos os xeitos dado que na mesma lista sitúa a Filolao, Arquitas e Leucipo, o seu testemuño carece de valor ningún. Pola súa banda, Aristóteles, que menciona a Alcmeón polo seu nome en varias ocasións, afirma que era mozo cando Pitágoras era un ancián pero non di nada sobre que fose o seu discípulo ou que o coñecese. Tamén conxectura con que, Alcmeón, tomou as súas teorías dos pitagóricos ou eles del, pero nunca afirma que fose membro da escola. Pola súa banda Dióxenes Laercio fala da relación de Alcmeón con Brontino, e, dado que sabemos que este mantivo unha estreita conexión con Pitágoras, é unha mostra clara de que Alcmeón mantivo un estreito contacto coa escola pitagórica. Dióxenes cita tamén a León e Bátilo, os cales, segundo a lista de Iámblico, aparecen entre os pitagóricos. Parece que Alcmeón se interesou preferentemente por asuntos relacionados coa medicina e coa fisioloxía, aínda que o certo é que se preocupou tamén por cuestións de filosofía natural.
Investigación
[editar | editar a fonte]Centrouse na orixe e proceso das sensacións sendo da súa creación a táboa pitagórica das oposicións (doce/amargo, branco/negro, grande/pequeno) que puña en relación sensacións, cores e magnitudes. Outra das súas contribucións foi a elaboración dunha teoría que supuña a alma inmortal e en continuo movemento circular. Alcmeón atribuíu a tenza de alma tanto aos homes como aos astros, e identificou a harmonía cunha lei universal.
Sobre a doutrina de Alcmeón de Crotona di Aristóteles:
"A doutrina de Alcmeón de Crotona, parece aproximarse moito a estas ideas, sexa que as tomou dos Pitagóricos, sexa que estes as recibiron de Alcmeón, porque florecía cando era ancián Pitágoras, e a súa doutrina parécese á que acabamos de expor. Di, en efecto, que a maior parte das cousas deste mundo son dobres, sinalando ao efecto as [68] oposicións entre as cousas. Pero non fixa, como os Pitagóricos, estas diversas oposicións. Toma as primeiras que se presentan, por exemplo, o branco e o negro, o doce e o amargo, o ben e o mal, o grande e o pequeno, e sobre todo o demais explícase dunha maneira igualmente indeterminada, mentres que os Pitagóricos definiron o número e a natureza das oposicións". Aristóteles, Metafísica, Libro 1º, V
Descubriu o nervio óptico e a trompa de Eustaquio[1].
Teoría da saúde
[editar | editar a fonte]Alcmeón foi, como os pitagóricos, un dualista. O que sucede é que mentres estes recoñecían como principios primarios a uns pares particulares de opostos (límite-ilimitado), Alcmeón, afirma simplemente que a oposición era fundamental sen especificar ningún par ou pares primarios. Neste contexto, a súa teoría da saúde, é quen mellor ilustra o seú dualismo. É moi posíbel que esta doutrina, a pesar da súa rectricción ao campo da medicina, suxira a Platón a teoría que Simias, no Fedón ( 85 E - 86 D ) describe acerca de que a alma é simplemente unha harmonización dos opostos físicos que compoñen o corpo. Dado que Platón, nesta pasaxe, cita unha opinión pitagórica, resulta verosímil pensar que, neste punto, fose Alcmeón o pai da teoría o que demostraría que: ou ben era pitagórico, ou que exerceu influencia sobre os pitagóricos.
Alcmeón é o primeiro médico que ditamina que as funcións psíquicas residen no cerebro baseándose na observación clínica e en probas experimentais que lle permitiron comprender que os órganos dos sentidos están unidos ao cerebro a través de vías de comunicación, os nervios, polos cales corren ou circulan as sensacións respectivas. Esta idea é transcendental[2].
“O gran descubrimento do xenial Alcmeón de Crotona de que o cerebro era o sitio da conciencia, das sensacións e do entendemento, noutras palabras, do conxunto da vida psíquica, levaba implícita a idea que toda enfermidade mental e tamén a epilepsia, dependía dunha enfermidade do cerebro” (…) “o cerebro rexía todo o corpo, era o órgano central de toda a actividade humana tanto psíquica como corporal; nel terminaban os nervios e nel estaba o centro de toda a vida psíquica. A el debiamos as nosas sensacións e pensamentos (…) O cerebro levaba á conciencia as sensacións que os nervios traían desde os órganos sensoriais”[2].
Concepción da alma
[editar | editar a fonte]Pénsase que os textos que nos falan sobre a concepción da alma de Alcmeón, a pesar de ser contraditorios, nos estarían a describir a mesma doutrina. A oposición presente nos textos sería a seguinte:
Por unha banda afírmase que a alma é inmortal e que posúe a calidade, do mesmo xeito que os corpos celestes, de estar sempre en movemento circular.
Doutra banda afírmase que os homes son mortais porque son incapaces de xuntar o principio co fin. É dicir neles existiría unha alma que permite realizar o movemento do corpo pero non levar a cabo un movemento circular continuo.
En definitiva mentres que os corpos celestes son inmortais e eternos xa que teñen a propiedade de realizar un movemento circular continuo; no caso do home, este seria mortal xa que non tería a capacidade de unir o principio co fin, é dicir, realizar un movemento de tipo circular continuo. Esta curiosa doutrina lémbranos a Heráclito cando afirma que nun círculo o comezo e o fin son o mesmo. Tamén Platón, no Timeo, fala acerca dos círculos xiratorios da alma dando a impresión de ter certa relación con esta teoría.
Soño
[editar | editar a fonte]Alcmeón de Crotona foi un dos primeiros autores que tratou de formular unha hipótese sobre o soño, aínda que se tratou dunha hipótese non experimental, evidentemente. A hipótese de Alcmeón é coñecida como hipótese vascular, ao propor que o soño é o resultado dun aumento da cantidade de sangue[3].
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Dióxenes Laercio: Vidas, opinións e sentenzas dos filósofos máis ilustres; VIII, 83: Alcmeón.
- Hermann Alexander Diels: Fragmentos dos presocráticos (Die Fragmente der Vorsokratiker). A primeira edición fíxose en 1903 en Berlín, e foi dirixida polo propio Diels. A partir da 5ª, substituiría a Diels Walther Kranz.
- 7: Brotino (Brotinos).
- Texto grego da 1ª ed., de 1903, en facsímile electrónico en Internet Archive.
- 14: Alcmeón (Alkmaion).
- Texto grego, con comentarios antigos en latín e modernos en alemán: 1ª ed., de 1903, en facsímile electrónico en Internet Archive.
- Textos gregos, e algúns en latín, da 2ª ed., de 1906, no sitio de Philippe Remacle.
- 7: Brotino (Brotinos).