Saltar ao contido

Arias Pérez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaArias Pérez
Biografía
Mortec. 1129 Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaPraza da Quintana Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloCabaleiro Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Deza Editar o valor en Wikidata
CónxuxeAldara Pérez de Traba Editar o valor en Wikidata
PaiPedro Arias de Deza Editar o valor en Wikidata

Arias Pérez de Deza (tamén Airas e Peres), tamén coñecido como Arias Pérez de Monterroso[1], foi un cabaleiro galego do século XII natural das Terras do Deza.[2] Foi señor dos castelos de Lobeira e Pena Corneira e participou dos sucesos políticos do seu tempo liderando unha irmandade de nobres galegos opostos á alta aristocracia condal da casa de Traba.

Miniatura do Tombo de Toxos Outos representando o bispo Diego Xelmírez ordenando dous novos cabaleiros. A Historia Compostelá, o libro que narra os feitos do bispo de Santiago, é a principal fonte de información sobre o cabaleiro Arias Pérez.

Os antecedentes familiares de Arias Pérez sitúanse entre a mediana nobreza[3] das Terras do Deza e poden ser rastrexados até o seu avó Arias Luzo, nobre que confirma diversas concesións reais na comarca entre os anos 1062 e 1075. O seu tío Luzo Arias ocupou na zona os cargos de administrador (villicus terrae) e meiriño durante o período de goberno de Raimundo de Borgoña[4], e o seu pai, Pedro Airas, quen se define a si mesmo como miles (cabaleiro) de Deza, doa nesta zona unha vila á igrexa de Compostela e confirma unha concesión do conde Raimundo ao mosteiro de Carboeiro.

Arias, quen asina coa mesma fórmula que seu pai (miles de Deza) un diploma do ano 1114[4], tiña tamén propiedades, parentela e intereses nas Terra do Salnés, onde posuíu o señorío do Castelo de Lobeira e onde cedeu cede á igrexa de Compostela unha vila da súa propiedade e parte do mosteiro de Arcos da Condesa[5]. Estivo ademais relacionado coa comarca de Tabeirós e a do Ribeiro, onde detivo o señorío da torre de Tabeirós, por el mesmo edificada[6], e do castelo de Pena Corneira.

Arias Pérez foi un dos máis valentes e enxeñosos cabaleiros de Galiza. A súa nobreza non era das máis altas; pero tal era a súa ousadía e facundia, que facía do branco negro, e do negro branco. Foi tamén un doído e un infame embusteiro, e sempre actuou a traizón contra o rei e a raíña e outros próceres de Galiza e mantívose en rebelión contra eles.
Historia Compostelá - Libro III- Capítulo II

A irmandade nobiliaria

[editar | editar a fonte]
Castelo de Castro do Miño. Nesta fortaleza Arias Pérez e a súa irmandade nobiliaria capturaron, mediante engano, á condesa de Traba e o príncipe Afonso Raimúndez.

No ano 1107, após o pasamento de Raimundo de Borgoña, o rei Afonso VI fixo xurar aos nobres galegos que defenderían os dereitos ao goberno do seu reino do infante Afonso Raimúndez[7]. Cando dous anos despois Urraca, nai do neno, contraveu estes dereitos ao casar co rei de Aragón, o conde Pedro Froilaz de Traba proclamouno rei de Galiza[8]. Airas Pérez aparece entón citado na Historia Compostelá como un dos líderes dunha irmandade de nobres que, quebrantando o seu xuramento, tomaron partido pola raíña Urraca e o seu home aragonés[9].

Esta irmandade (germanitas) de nobres de segunda categoría, opoñíase ante todo á alta aristocracia galega representada pola familia Froilaz-Traba[10]. Por este motivo tentou atraer á súa alianza ao bispo de Compostela Diego Xelmírez e, nos momentos deste convulso período histórico nos que a raíña Urraca se aliou co partido do seu fillo Afonso na guerra que sostivo contra o seu esposo aragonés, converteuna tamén na súa adversaria[11]. Xelmírez, señor da Terra de Santiago e de quen moitos dos irmandiños eran feudatarios[12], aceptou inicialmente a integración na alianza. A belixerancia desta mediana nobreza estendeuse tamén pola parte máis meridional do reino galego, onde, en décadas posteriores, os infanzóns portucalenses conseguirán imporse aos Traba dando lugar ao nacemento do reino portugués[11].

Castro do Miño

[editar | editar a fonte]
Miradoiro do Monte Lobeira na terra do Salnés. Neste lugar situábase o Castelo de Lobeira, Fortaleza cuxa tenencia pertenceu a Arias Pérez en diferentes momentos da súa vida.

Nos primeiros enfrontamentos entre a irmandade de Arias e os partidarios do infante Afonso, o conde Pedro Froilaz fíxose co control do castelo de Castro de Miño[13]. A este lugar trasladou ao neno rei Afonso Raimúndez, baixo o coidado da súa muller Guntroda e os seus fillos. A irmandade de nobres, auxiliada polo campesiñado do Ribeiro, conseguiu afastar ao exército do conde e poñer a fortaleza baixo asedio[14].

Sen capacidade para conquistar o castelo pola armas, Arias negociou unha capitulación que permitía a saída dos asediados cara aos dominios dos Froilaz en troques da entrega da fortaleza. Diego Xelmírez, na altura líder nominal da irmandade, actuou como garante dun acordo que foi ademais xurado por oito cabaleiros de cada bando. Malia isto, no momento no que os asediados abriron as portas da fortaleza, Arias, infrinxindo as súas promesas, fíxoos prisioneiros e encarcerounos no veciño castelo de Pena Corneira[15].

Tamén foi capturado alí o bispo Xelmírez, que mantiña unha postura ambivalente[14], máis, advertido Arias de que as milicias do bispo preparaban unha campaña para liberalo entrou en negociacións con el. O bispo ofreceu os castelos de Honesti e da Lanzada, pertencentes á mitra compostelá, pola súa liberdade, diante da dificultade de mantelos, Arias preferiu ficar cos tres irmáns de Xelmírez como reféns e liberalo para que mediase nun acordo de concordia con Pedro Froilaz[16].

Naquela altura, ano 1111, a raíña Urraca achábase xa separada e en guerra co seu marido Afonso de Aragón e iniciara unha aproximación ao partido galego partidario do seu fillo. Esta mudanza nas circunstancias políticas influíu tamén na decisión de Arias de liberar os seus reféns, baixo o compromiso de Pedro Froilaz de esquecer as ofensas cometidas. Liberado o infante foi coroado por Xelmírez e os Froilaz como rei na catedral de Compostela[17].

Revolta do ano 1112

[editar | editar a fonte]

En abril do ano seguinte, 1112, Urraca convocou os nobres galegos a unha curia en Compostela procurando o seu auxilio na guerra contra o seu marido. Malia a traizón do Castro de Miño acudiu tamén á xuntanza Airas Pérez. A ambigua acollida levantou as súas sospeitas e esa mesma noite fuxiu da cidade cara ao seu Castelo de Lobeira. Rematada a reunión, Urraca dirixiu ao seu exército contra o Salnés onde capturou a Arias, e a outros nobres da irmandade, e obrigounos a entregarlle as súas fortalezas[18].

En maio o exército galego marchou contra Afonso "o batallador". Cos principais nobres ausentes a irmandade reactivouse, Arias, xunto a Paio Gudestéiz e Rabino Núnez, alzouse a favor do rei de Aragón e conseguiu dominar a maior parte das terras galegas entre os ríos Miño e Ulla. A contraofensiva das milicias compostelás de Diego Xelmírez derrotou e dispersou novamente aos rebeldes. Rabino Núnez refuxiouse no castelo de Ponte Sampaio e Paio Gudestéiz no de Darbo. Arias, privado dos seus castelos pola raíña, tivo que fuxir as montañas "na entrada de Galiza", e cando finalmente Xelmírez conseguiu tomar as prazas dos rebeldes exiliarse do reino[19]. Arias refuxiouse entón na corte leonesa de Urraca, sendo utilizado por ela contra os defensores da lexitimidade do seu fillo[20].

Ao servizo da raíña Urraca

[editar | editar a fonte]
Arias Pérez acudiu á corte da raíña Urraca após a súa expulsión de Galiza polas milicias do bispo Xelmírez no ano 1112. Foi o seu partidario até o ano 1121 cando mudou a súa fidelidade cara o bando que sustentaba ao seu fillo Afonso Raimúndez.

Na primavera do 1113 Urraca solicita novamente do exército galego que acuda á guerra contra Afonso "o batallador", máis esta nova expedición militar foi esta vez contestada pola nobreza galega. Se ben é descoñecido o pormenor exacto das protestas, a Historia Compostelá presenta a Airas Pérez como o causante dos desacordos dos nobres coa raíña[21]. Outro tanto aconteceu no ano 1115 cando Urraca fixo unha infrutífera tentativa de capturar o bispo Xelmírez[22].

No 1120 Urraca regresa de novo a Galiza decidida a destruír a coalición artellada arredor do seu fillo e rival Afonso Raimúndez[23]. Para afastar da alianza a Xelmírez, asinou con el un acordo de amizade e axuda mutua e ordenou a Arias Pérez e outros magnates galegos ao seu servizo que lle rendesen xuramento de fidelidade (hominium). Arias é presentado nesta xeira como príncipe de Lobeira, o que indica que novamente estaba en posesión da fortaleza do Salnés[24]. Aliada con Xelmírez, urraca procedeu contra os nobres aliados da casa de Traba, prendendo e destituíndo a Munio Páez, conde de Monterroso[25]. A tenencia deste condado foi outorgado a Arias Pérez[1], ora que dun xeito breve, pois no 1123 Munio Paéz volta a aparecer nas fonte históricas como señor de Monterroso[26].

Aliado da casa de Traba

[editar | editar a fonte]

Urraca marchou despois xunto a Xelmírez contra a súa irmá Tareixa, condesa de Portugal. No regreso da vitoriosa campaña, decidida a consolidar a súa autoridade sobre o territorio galego[27], prendeu a Xelmírez coa axuda de Arias, e outros nobres feudatarios seus, retirándolle o señorío secular da Terra de Santiago[28].

O bispo regresou entón á alianza cos Traba e reclamou o cumprimento dos seus xuramentos aos nobres que llo prestaran no ano anterior. Arias Pérez "señor de Lobeira", abandonou entón á raíña pasando ao partido articulado arredor do seu fillo Afonso[29][30]. Esta viraxe do principal antagonista de Xelmírez e do clan dos Froilaz-Traba, consolidouse co seu casamento coa filla mais nova de Pedro Froilaz, Aldara Pérez de Traba[31][32].

Na primavera do 1123 Urraca fixo a derradeira tentativa por recuperar o dominio do reino galego, conseguindo esta vez capturar ao propio conde Pedro Froilaz xunto coa súa esposa e fillos. Os partidarios dos Froilaz subleváronse entón por toda a xeografía galega. Arias Pérez alzouse desde o seu castelo de Lobeira e contra el marchou outra vez o exército de Urraca. Após un infrutífero asedio, e diante da imposibilidade de asaltar a fortaleza, Urraca ordenou erguer diante outro castelo co que manter o sitio e procedeu a retirarse do Salnés[33]. A masiva revolta deveu na derrota da raíña que se viu obrigada a libertar os condes de Traba a mediados do ano seguinte.[34]

Rebelión contra Afonso VII

[editar | editar a fonte]
Mosteiro de Vilar de Donas, establecido no século XII con monxas da orde do Cister. Cando o mosteiro foi transferido á Orde de Santiago na documentación cítase como fundador a Arias Pérez de Monterroso e a súa esposa[35].

Urraca faleceu no ano 1126, pasando entón o seu fillo Afonso a ocupar tamén ao trono leonés, non así o territorio de Castela que permanecera en poder de Afonso de Aragón até a súa morte no 1134[36]. Algúns nobres da corte de Urraca, dirixidos polo seu amante Pedro González de Lara, preferiron como monarca o rei aragonés e rebeláronse contra Afonso VII. Sen desbotar que esta revolta agochase na realidade un conflito entre Xelmírez e os cabaleiros da Terra de Santiago[37], esta sublevación tivo o seu eco en Galiza onde volveu a amotinarse a antiga irmandade nobiliaria. Nesta xeira, Xelmírez conseguiu mediante a diplomacia atraer e acougar á maioría dos magnates rebeldes, non sendo o caso de Arias Pérez, que se revelou desde os seus castelos de Lobeira na terra do Salnés, Pena Corneira nas terra do Ribeiro e Tabeirós na Terra de Montes.

Seguindo ordes do rei Afonso, Goterre Bermúdez, conde de Montenegro, a quen se lle prometeron os señoríos de Arias, atacou o castelo de Lobeira mentres que Xelmírez procedeu contra a torre de Tabeirós. Esta fortificación, erixida polo propio Arias[6], foi rendida e derribada por Xelmírez co entrego dun artefacto de asedio denominado gato[38]. Arias conservou no seu poder, cando menos, o castelo de Pena Corneira.

No ano 1129, faleceu Maior Rodríguez, condesa de Traba, ao seu enterro asistiu Arias vestido de negro, seguindo o costume popular. Neste momento, o cabaleiro chegou a algún tipo de acordo con Xelmírez, pacto que incluíu o enterro do féretro de Arias no cemiterio da Catedral e a entrega pola súa parte da metade do mosteiro de Arcos da Condesa e o castelo de Pena Corneira.

A carta de doazón que ratificada o acordo foi colocada polo mesmo Arias sobre o altar de Santiago e custodiada por Xelmírez no tesouro da basílica[39].

  1. 1,0 1,1 González López, Emilio. Grandeza e decadencia do reino de Galicia (1978 ed.). Galaxia. p. 205. 
  2. "Liñaxe Deza S.XII". Xenealoxias do Ortegal. Consultado o 04/04/2019. 
  3. Barón Faraldo, Andrés (2011). "Magnates y nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña" (PDF). 27 (27): 561. 79 
  4. 4,0 4,1 Barón Faraldo, Andrés (2011). "Magnates y nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña" (PDF). Estudios Mindonienses (27): 568–569. 
  5. Fletcher, Richard A. (1984). Saint James's Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela (PDF). Oxford University Press. pp. 157–162. 
  6. 6,0 6,1 Falque Rey, Emma (ed.). Historia Compostelá (1994 ed.). Akal. p. 466. 
  7. Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelá. Akal. pp. 152–154. 
  8. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 330. 
  9. Falque Rey, Emma (ed.). Historia Compostelá (1994 ed.). Akal. pp. 154–155. 
  10. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 68
  11. 11,0 11,1 López Carreira, Anselmo (2008). O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra. pp. 366–367. 
  12. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 334. 
  13. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 344–345. 
  14. 14,0 14,1 Pena Graña, André (1992). Narón, un concello con historia de seu 2. Concello de Narón. p. 104. Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2019. Consultado o 03 de maio de 2019. 
  15. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 345–351. 
  16. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 355–356. 
  17. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 360–365. 
  18. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 380–381. 
  19. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela. pp. 382–386. 
  20. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 87
  21. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 395. 
  22. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 411–412. 
  23. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 4. p. 13. 
  24. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 148
  25. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 4. pp. 13–14; 18–19. 
  26. López Sangil, José Luis (2005). A nobreza altomedieval galega. A familia Froilaz-Traba. Toxos Outos. p. 102. 
  27. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 151
  28. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 4. pp. 33–34; 37–38. 
  29. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 152
  30. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 4. pp. 33–46. 
  31. Barón Faraldo, Andrés (2011). "Magnates y Nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña" (PDF). Estudios Mindonienses (27): 569. 
  32. López Teixeira 2013. p. 47
  33. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 4. pp. 90–95. 
  34. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 172
  35. "Monasterios - San Salvador de Vilar de Donas". www.monestirs.cat. Consultado o 2019-04-28. 
  36. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. pp. 42-43
  37. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 195
  38. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 4. pp. 126–128. 
  39. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 4. pp. 138–139. 
  40. Fletcher, Richard A. (1984). Saint James's Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela (PDF). Oxford University Press. p. 158. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]