Saltar ao contido

British Aerospace

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
British Aerospace
Fundación29 de abril de 1977
Industriaaeroespacial
Produtosavións
Na rede
http://www.bae.co.uk/
editar datos en Wikidata ]

British Aerospace plc (BAe) foi un fabricante de avións, munición e sistemas de defensa británico. A súa sede atopábase en Warwick House, no Farnborough Aerospace Centre de Farnborough, Hampshire.[1] Formada en 1977, no ano 1999 mercou Marconi Electronic Systems, a subsidiaria de electrónica de defensa e de construción naval de General Electric Company, para formar BAE Systems.

Formación e privatización

[editar | editar a fonte]

A compañía ten a súa orixe na Lei de industrias aeronáuticas e de construción naval de 1977, que pediu a nacionalización e fusión da British Aircraft Corporation, Hawker Siddeley Aviation, Hawker Siddeley Dynamics e Scottish Aviation. A nova entidade formouse o 29 de abril de 1977 no Reino Unido como unha corporación estatutaria.

Segundo as disposicións da Lei para British Aerospace de 1980 (c. 26), o 1 de xaneiro a corporación estatutaria foi transferida a unha sociedade mercantil, que despois se volveu a rexistrar como unha public limited company (plc), baixo o nome de "British Aerospace Public Limited Company", o 2 de xaneiro de 1981. BAe foi privatizada en dúas fases principais, a primeira en febreiro de 1981 coa venda do 51,6% das accións da empresa. A segunda foi en maio de 1985 vendéndose o 48,4% restante.[2] O goberno británico mantivo unha acción doutro de 1 libra, o que lle permitía vetar o control estranxeiro do consello ou da empresa.[3]

Programas

[editar | editar a fonte]

British Aerospace herdou varios programas de desenvolvemento dos seus predecesores. Scottish Aviation estaba traballando nun proxecto para un turbohélice de 19 pasaxeiros, unha versión actualizada do Handley Page Jetstream. BAe puxo o Jetstream 31 en produción tras o primeiro voo do prototipo en marzo de 1980. Ao mesmo tempo, a produción do reactor executivo HS 125, do caza VTOL Harrier e do turbohélice de pasaxeiros HS 748 de Hawker Siddeley continuou con BAe, igual que o reactor de pasaxeiros Trident durante pouco tempo. Do mesmo xeito, tamén continuou a produción a baixo ritmo do avión a reacción One-Eleven e o avión de ataque militar de dous asentos Strikemaster da British Aircraft Corporation, así como a do icónico avión supersónico Concorde.

O 29 de xullo de 1976, menos dun ano despois da formación de BAe, asinouse o contrato para a produción do primeiro lote do Panavia Tornado, un avanzado cazabombardeiro con capacidade nuclear.[4] Foi desenvolvido e producido a través dunha empresa multinacional, Panavia Aircraft GmbH, da cal BAe foi unha das principais empresas implicadas.[5][6] O 10 de xullo de 1979 realizouse o primeiro voo dun Tornado de produción.[7] Ese mesmo verán entregáronse os primeiros avión á RAF e á Luftwaffe.[8] O 25 de setembro de 1981 entregouse o primeiro Tornado italiano.[9]

O Tornado sería producido en grandes cantidades, sendo o avión 500 completado e entregado a Alemaña occidental o 19 de decembro de 1987.[10] A fabricación do Tornado rematou e 1998 e o derradeiro lote foi entregado á Real Forza Aérea de Arabia Saudita, que pedira un total de 96 Tornado IDS.[11] O autor de aviación Jon Lake destacou que "O Consorcio Trinacional Panavia produciu pouco menos de 1 000 tornados, o que o converte nun dos programas de bombardeiros de posguerra máis exitosos".[12]

Avro RJ100 de BRA en Visby

En 1978 BAe relanzou o BAe 146, un avión rexional de curta distancia no que traballara previamente Hawker Siddeley. A compañía comercioalizouno como un avión de pasaxeiros compacto con turborreactores silencioso e económico que podería substituír a anteriores xeracións de turbohélices.[13] En 1982 o primeiro exemplar realizou o seu voo de estrea.[14][15] Tras a súa posta en servizo ao ano seguinte, foi aclamado como "o reactor de pasaxeiros máis silencioso do mundo".[16] En 1993, un modelo actualizado do BAe 146, denominado serie Avro RJ, substituíu ao orixinal; entre os cambios estaba a substitución dos motores orixinais Lycoming ALF 502 por outros LF 507 de máis pulo, que foron colocados en góndolas redeseñadas. A serie Avro tamén ten unha cabina de mando modernizada con EFIS substituíndo á instrumentación analóxica dos motores, do horizonte artificial e do indicador de situación horizontal.[17] A produción do Avro RJ rematou sendo os catro derradeiros aparellos entregados a finais de 2003; un total de 173 Avro RJ foron entregados entre 1993 e 2003.

BAe desenvolveu varios modelos avanzados da familia Harrier. En 1978 a Royal Navy recibiu o primeiro BAe Sea Harrier dun pedido inicial de 24.[18][19] O Sea Harrier foi declarado operativo tres anos despois, sendo incicialmente embarcado tanto no HMS Invincible como no máis vello HMS Hermes.[20] Tras o seu papel decisivo na guerra das Malvinas de 1982,[21] varias das leccións aprendidas do conflito conformaron un novo programa de actualización da frota autorizada en 1984, dando como resultado o Sea Harrier FRS.2 (despois coñecido como FA2). O primeiro voo do prototipo foi en setembro de 1988 e asinouse un contrato por 29 avións actualizados en decembro dese mesmo ano.[22] O Sea Harrier FA2 estaba equipado con radar Blue Vixen, que foi descrito como un dos sistemas de radar de pulso doppler máis avanzados do mundo.[23]

Sea Harrier FRS1

En agosto de 1981 BAe e o fabricante estadounidense McDonnell Douglas asinaron un memorándum de entendemento con respecto ao McDonnell Douglas AV-8B Harrier II.[24] Baixo este acordo, BAe era efectivamente un subcontratista en lugar de un socio completo, recibindo o 40% da cota de traballo da célula en termos de horas de traballo.[24] A produción tivo lugar nas instalacións de McDonnell Douglas nos suburbios de St. Louis, Missouri, e a fabricación de BAe realizouse nas súas instalacións de Kingston e Dunsfold facilities en Surrey, Inglaterra.[25] A variante mercada pola RAF, que foi coñecida como o BAe Harrier II, tiña moitas diferenzas, como o armamento, a aviónica e o equipamento; a á do GR5 presentaba un bordo de ataque de aceiro inoxidable, dándolle características de flexión diferentes do AV-8B.[26] En decembro de 1989 o primeiro escuadrón da RAF en ser equipado co Harrier II foi declarado operativo.[27]

En 1979 BAe uniuse oficialmente ao fabricante multinacional de aeronaves Airbus e adquiriu unha participación do 20% na empresa.[28] A medida efectivamente reverteu unha decisión tomada dez anos antes na que o goberno do Reino Unido retirara o seu apoio ao consorcio Airbus. O primeiro avión de Airbus, o A300, recibíuse con pouca demanda inicial, pero os pedidos para o avión aumentaron a finais dos anos 70.[29] En 1979 o consorcio tiña 256 pedidos para o A300,[30] e Airbus xa lanzara o seu segundo avión de pasaxeiros, o A310, menos de 12 meses antes de que BAe se incorporase formalmente ao consorcio. Co paso do tempo, foi quedando claro que Airbus xa non era unha colaboración temporal para producir un deseño único segundo a súa declaración de misión orixinal, e converteuse nunha marca a longo prazo para o desenvolvemento de máis avións. A finais dos anos 80 o consorcio comezou a traballar nun par de avións de pasaxeiros de fuselaxe ancha, e estes lanzaríanse na década de 1990 como Airbus A330 e Airbus A340.[31]

British Aerospace EAP en 1986

Durante o Paris Air Show de 1983, anunciouse o lanzamento do Experimental Aircraft Programme (EAP) para desenvolver e voar un caza demostrador de tecnoloxía avanzada; neste punto, o esforzo pretendía ser unha asociación entre Reino Unido e varios dos seus veciños europeos, incluíndo Alemaña Occidental e Italia.[32] O avión resultante, o British Aerospace EAP, acabou sendo desenvolvido principalmente por BAe como unha empresa privada; constituíu a base do multinacional Eurofighter Typhoon. En 1986, xunto con Alenia Aeronautica, CASA e DASA, BAe formou a Eurofighter GmbH para o desenvolvemento e produción do Eurofighter.[33] A sede da organización multinacional estableceuse en Hallbergmoos, Baviera, Alemaña.[34] O voo inaugural do prototipo Eurofighter tivo lugar en Baviera o 27 de marzo de 1994, pilotado polo piloto xefe de probas de DASA, Peter Weger.[35] O 30 de xaneiro de 1998 asinouse o primeiro contrato de produción do Eurofighter entre Eurofighter GmbH, o fabricante de motores Eurojet e a OTAN Eurofighter and Tornado Management Agency, a organización creada para xestionar a adquisición do avión.[36]

O 26 de setembro de 1985 os gobernos de Reino Unido e Arabia Saudita asinaron o acordo de armas de Al-Yamamah con BAe como contratista principal. Os contratos, prorrogados na década de 1990 e nunca totalmente detallados, implicaban a subministración de avións de ataque e defensa aérea Panavia Tornado, avións de adestramento BAe Hawk, sistemas de mísiles Rapier, obras de infraestrutura e buques navais.[37] Os acordos de Al Yamamah están valoradas en ata 20 000 millóns de libras esterlinas e aínda seguen proporcionando unha gran porcentaxe dos beneficios de BAE Systems.[38][39]

Adquisicións e reestruturacións

[editar | editar a fonte]

BAe mercou Royal Ordnance, fabricante de armamento británico, por £190 millóns o 22 de abril de 1987. O especialista alemán en armamento Heckler & Koch foi incorporado a esta división despois de que BAe o adquirise catro anos despois.

En 1988 BAe comprou o Rover Group ao goberno británico de Margaret Thatcher por £ 150 millóns. A venda foi controvertida debido aos acordos financeiros opacos entre o goberno e BAe; porén, a Comisión de Comercio e Industria da Cámara dos Comúns cre que "a pesar dun catálogo de queixas, o comité conclúe que a venda a BAe ben puido ser a mellor solución para o goberno".[40]

En 1991, BAe adquiriu unha participación do 30% en Hutchison Telecommunications mediante un intercambio de accións, onde Hutchison recibiu unha participación de control do 65% na filial de propiedade total de BAe Microtel Communications Ltd.[41][42][43] En agosto dese ano BAe formou unha empresa conxunta de sistemas navais, BAeSEMA, co Sema Group.[41] BAe adquiriu o 50% da participación de Sema en 1998. Ese ano tamén viu a BAe comezar a experimentar grandes dificultades. BAe viu por primeira vez o prezo das súas accións caer por debaixo dos 100p. O 9 de setembro de 1991 a compañía mitiu unha advertencia sobre os beneficios e, máis tarde esa semana, "fallou" o lanzamento dunha emisión de dereitos de 432 millóns de libras.[44] O 25 de decemnro de 1991 os directores de BAe liderados polo CEO Richard Evans destituíron ao presidente Sir Roland Smith nunha medida descrita por The Independent como "un dos golpes de xunta máis espectaculares e brutais visto en moitos anos".[45] Evans describiu os problemas como unha confluencia de eventos:[46]

"a nosa compañía inmobiliaria [Arlington Securities] viuse afectada por un mercado horrible. As vendas do Rover Group afundíronse preto dunha quinta parte e as perdas aumentaron. Os volumes de gasto en defensa do goberno foron sometidos a unha importante revisión. As perdas na nosa división aeroespacial comercial aumentaron drasticamente coa recesión da industria aérea."

A mediados de 1992 BAe perdeu 1 millón de libras en activos, en gran parte como parte dos despedimentos e a reestruturación da súa división de aeronaves rexionais.[47] Esta foi a maior perda de activos na historia corporativa do Reino Unido. General Electric Company (GEC), despois de vender os seus negocios de defensa a BAe, estivo a piques de mercar BAe nesa época.[47] BAe reduciu o 47% da súa forza de traballo (60 000 de 127 000), 40 000 dos cales eran da división de avións rexionais.

Evans decidiu vender actividades non básicas, o que incluía Rover Group, Arlington Securities, BAe Corporate Jets, BAe Communications e Ballast Nedam. Aínda que o fundamento da diversificación era sólido (para protexer á empresa dos mercados cíclicos da industria aeroespacial e de defensa), a compañía en dificultades non pudo permitirse o luxo de continuar esa política: "Simplemente non podíamos permitirnos o luxo de levar dous negocios principais, automóbiles e aeroespacial. Nun momento dado, Rover estaba consumindo uns 2 000 millóns de libras da nosa capacidade bancaria".[48] BAe Corporate Jets e Arkansas Aerospace foron vendidos a Raytheon en 1993. En 1994, o Rover Group foi vendido a BMW e British Aerospace Space Systems foi vendido a Matra Marconi Space. En 1998, a participación de BAe en Orange plc reduciuse ao 5%.[42] A participación de Orange fora un legado do 30% da participación en Hutchison Telecommunications (UK) Ltd.

En 1994, BAeSEMA, Siemens Plessey e GEC-Marconi formaron UKAMS Limited como parte do consorcio Principal Anti-Air Missile System (PAAMS). UKAMS converteríase nunha subsidiaria de propiedade total de BAe Dynamics en 1998. En 1995, Saab Military Aircraft e BAe asinaron un acordo para desenvolver e comercializar conxuntamente a versión de exportación do JAS 39 Gripen. En 1996, BAe e Matra Defense accederon a fusionar as súas divisións de mísiles nunha empresa conxunta chamada Matra BAe Dynamics.[49] En 1997 BAe uníuse ao equipo Lockheed Martin X-35 Joint Strike Fighter.[50] Ao ano seguinte, BAe adquiriu as operacións británicas de Siemens Plessey Systems (SPS) de Siemens, mentres que DASA comprou os activos alemáns de SPS.[51][52]

Nos anos 90 BAe foi o maior exportador con sede no Reino Unido; un informe da Comisión da Competencia publicado en 2005 calculou unha cifra total en dez anos de 45 000 millóns de libras esterlinas, sendo as vendas de defensa aproximadamente o 80%.[53]

Transición a BAE Systems

[editar | editar a fonte]

A finais dos anos 90 a consolidación da defensa europea converteuse nunha práctica imperante; os gobernos europeos desexaban ver a fusión dos seus fabricantes de defensa nunha única entidade, unha Compañía Aeroespacial e de Defensa Europea.[54] Esta ambición levou a numerosos informes que vinculaban a varios grupos de defensa europeos, principalmente entre eles, pero tamén con contratistas de defensa estadounidenses. En xullo de 1998 comezaron as discusións sobre a fusión entre BAe e DASA.[55] Segundo os informes, os termos para tal fusión foron acordados entre o presidente de British Aerospace, Richard Evans, e o director xeral de DASA, Jürgen Schrempp, en decembro de 1998.[56][57] Porén, cando a British General Electric Company (GEC) puxo á venda o seu negocio de electrónica de defensa Marconi Electronic Systems (MES) o 22 de decembro de 1998, a dirección de BAe optou por abandonar a fusión de DASA en favor da compra do seu rival británico.[58][59] Durante 2004, Evans afirmou que o seu medo era que un contratista de defensa estadounidense adquirise MES e desafiara tanto a British Aerospace como a DASA.[56]

Schrempp mostrouse enoxado pola reversión de BAe e optou por buscar outras compañías socias para que DASA se fusionase. O 11 de xuño de 1999 a compañía española CASA asinou un memorándum de entendemento para unha fusión.[60] O 14 de outubro dese ano DASA accedeu a fusionarse coa francesa Aérospatiale-Matra para crear a European Aeronautic Defence and Space Company (EADS).[61] O 10 de xullo de 2000 foi o "día un" da nova compañía, que se converteu na segunda empresa aeroespacial do mundo despois de Boeing, e no segundo fabricante europeo de armas despois de BAE Systems.[62]

A fusión de GEC para crear unha empresa exclusivamente británica, en comparación coa posible empresa anglo-alemá que tería resultado da fusión con DASA, foi promovida por ter perspectivas superiores para unha maior penetración no lucrativo mercado de defensa dos Estados Unidos. A nova compañía combinada, que inicialmente se denominaba "New British Aerospace", formouse oficialmente o 30 de novembro de 1999 co nome de BAE Systems.[63]

BAe 146-300 de Buzz
Harrier GR5
BAe Nimrod MRA4
Sea Harrier FA2 en voo estático
Eurofighter

Fabricación de ás

[editar | editar a fonte]
Á do primeiro modelo de Airbus, o A300
  1. British Aerospace (ed.). "Sites". Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 1998. Consultado o 5 de xullo de 2018. 
  2. "British Aerospace UK". www.baesystems.com. Consultado o 2024-05-03. 
  3. "British Aerospace (Hansard, 17 December 1980)". api.parliament.uk. Consultado o 2024-05-03. 
  4. Long, Wellington. "Swing-Wing Wonder Weapon Is Going Into Production." Ludington Daily News,24 de agosto de 1976
  5. Segell 1997, p. 124
  6. Morris, Joe Alex Jr. "Messerschmitt Back in Business". St. Petersburg Times. 30 de abril de 1969
  7. "United Kingdom". www.panavia.de. Consultado o 2024-05-04. 
  8. Times, Drew Middleton Special to The New York (1979-09-23). "West Germany Is Modernizing Military Forces". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2024-05-04. 
  9. "TTTEnd of an era". web.archive.org. 2004-07-18. Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2004. Consultado o 2024-05-04. 
  10. Taylor 1987, p. 58
  11. Jackson et al. 1998, p. 241
  12. Lake 2002, pp. 446, 455
  13. Hewish 1982, p. 857
  14. Velupillai 1981, p. 1244
  15. Hewish 1982, p. 858
  16. "Coming: Smaller Jetliners." Popular Mechanics, September 1984. 161(9), p. 98
  17. "VLM Magazine: May 2007". web.archive.org. 2008-06-29. Archived from the original on 29 de xuño de 2008. Consultado o 2024-05-04. 
  18. Bull 2004, p. 120
  19. Grove 1987, pp. 319-320
  20. "Sea Harrier - A New Dimension". Emerald. 2012-04-05. Archived from the original on 05 de abril de 2012. Consultado o 2024-05-04. 
  21. Sloyan, Patrick J (23 de maio de 1982). "Sea Harrier changes face of air warfare". Tri City Herald.
  22. "First Flight for Sea Harrier FRS2". 10 (13). Janes Defense Weekly. 1 de novembro de 1988: 767
  23. "Harrier high". Flight Global (en inglés). Consultado o 2024-05-04. 
  24. 24,0 24,1 Wilson 2000, p. 26
  25. Gaines 1985, p. 148
  26. "Aerospace, Volume 20." Royal Aeronautical Society, 1993, p. 14
  27. Nordeen 2006, p. 68
  28. Rinearson, Peter (19 June 1983). "A special report on the conception, design, manufacture, marketing and delivery of a new jetliner - the Boeing 757". The Seattle Times
  29. Within, Richard (1978-04-07). "EASTERN ACCEPTS $778 MILLION DEAL TO GET 23 AIRBUSES". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2024-05-04. 
  30. "The Airbus fight to stay ahead". BBC News. Consultado o 2024-05-04. 
  31. Frawley, Gerald. "Airbus A330-200". "Airbus A330-300". The International Directory of Civil Aircraft, 2003/2004. Aerospace Publications, 2003. ISBN 1-875671-58-7
  32. "BAe EAP". www.baesystems.com. Consultado o 2024-05-04. 
  33. Cowton, Rodney (7 de xuño de 1986). "Eurofighter partners: West Germany, Britain, Italy and Spain". The Times
  34. "Impressum". Eurofighter Typhoon (en inglés). Consultado o 2024-05-04. 
  35. "1994: Maiden flight for future fighter jet" (en inglés). 1994-03-27. Consultado o 2024-05-04. 
  36. "Euro-fighter contracts signed". BBC News. Consultado o 2024-05-04. 
  37. Donne, Michael (12 de agosto de 1987). "BAe Hands Over First Part of Saudi Aircraft Order". Financial Times. p. 6
  38. Fildes, Nic (19 de agosto de 2006). "BAE confirms £5bn Eurofighter sale to Saudi Arabia". The Times
  39. Steiner, Rupert (10 de setembro de 2006). "BAE clinches new £2.5bn Tornado deal with Saudis". The Business
  40. Cassell, Michael (22 de febreiro de 1991). "The Rover Report; 'British Aerospace drove a hard bargain'". Financial Times
  41. 41,0 41,1 "The Facts 2004" (PDF). BAE Systems. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de xaneiro de 2007. Consultado o 5 de maio de 2024. 
  42. 42,0 42,1 "BAe’s record-breaking sterling Eurobond issue" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de maio de 2013. Consultado o 5 de maio de 2024. 
  43. "History of Cellular Services". Ofcom. 2013-02-05. Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2013. Consultado o 2024-05-05. 
  44. Betts, Paul (26 de setembro de 1991). "Leader toppled by unstoppable momentum". Financial Times. p. 28
  45. Harrison, Michael (26 de setembro de 1991). "Roland Smith ousted by boardroom coup at BAe". The Independent. Newspaper Publishing plc. p. 1
  46. Evans, Richard; Price, Colin (1999). Vertical take-off: the inside story of British Aerospace's comeback from crisis to world class. London: Nicholas Brealey Publ. p. 2. ISBN 978-1-85788-245-2. 
  47. 47,0 47,1 "BAe soars out of the red". The Herald (en inglés). 1993-09-16. Consultado o 2024-05-06. 
  48. Evans, Richard; Price, Colin (1999). Vertical take-off: the inside story of British Aerospace's comeback from crisis to world class. London: Nicholas Brealey. p. 6. ISBN 978-1-85788-245-2. OCLC 40980391. 
  49. BAe confirms Matra venture, Financial Times (Londres), 17 de agosto de 1996
  50. August, Oliver (19 de xuño de 1997). "BAe in JSF link with Lockheed". The Times
  51. Karin Backlund; Madelene Sandstrom (August 1996). The Integration of Acquired Companies Into the Defence Industry: Experiences from Western Europe. DIANE Publishing. ISBN 978-0-7881-4859-0
  52. "The Decca Legacy - Chapter 2". www.woottonbridgeiow.org.uk. Consultado o 2024-05-06. 
  53. "British Aerospace Public Limited Company and VSEL Plc: A report on the proposed merger" (PDF). Competition Commission. Archived from the original on 02 de marzo de 2005. Consultado o 6 de maio de 2024. 
  54. "Defence merger on the radar". BBC News. Consultado o 2024-05-06. 
  55. "BAe and Dasa discuss proposals for merger: Aerospace groups still have 'important issues to resolve'". Financial Times. 24 de xullo de 1998. p. 1
  56. 56,0 56,1 Spiegel, Peter (17 de xullo de 2004). "The largest aerospace companies gather next week for the Farnborough air show but the event will be without its long-time unofficial host". Financial Times. p. 11
  57. Spiegel, Peter (17 de xullo de 2004). "End of an era at BAE: how Sir Richard Evans changed the UK defence industry". Financial Times
  58. BAE Systems Annual Report 1999 22. BAE Systems plc (2000).
  59. Turpin, Andrew (4 de marzo de 2000). "BAE eyes US targets after profit rockets". The Scotsman. The Scotsman Publications. p. 26
  60. White, David; Nicoll, Alexander (12 de xuño de 1999). "DaimlerChrysler wins fight for Spain's Casa: Deal boosts aerospace industry consolidation in Europe". Financial Times
  61. Nicoll, Alexander; Skapiner, Michael (15 de outubro de 1999). "Flying in formation: The merger of DaimlerChrysler Aerospace and Aérospatiale-Matra may pave the way for a larger European grouping or the first transatlantic defence tie-up, argue Alexander Nicoll and Michael Skapinker". Financial Times
  62. "EADS N.V. - 2000". web.archive.org. 2008-06-03. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2008. Consultado o 2024-05-06. 
  63. Gow, David (1999-01-19). "BAe set to sign A8bn GEC deal with merger". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2024-05-06. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Jackson, Paul, Kenneth Munson, Lindsay Peacock and John W. R. Taylor, eds. Jane's All The World's Aircraft 1997–98. London: Jane's Information Group, 1998. ISBN 0-7106-1788-7.
  • Lake, Jon. Great Book of Bombers. Minneapolis, Minnesota: Zenith Imprint, 2002. ISBN 0-7603-1347-4.