Saltar ao contido

Célula de Paneth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Células de Paneth.

As células de Paneth, son un tipo de células do epitelio do intestino delgado (fundamentalmente) con funcións protectoras. En dito epitelio están acompañadas polas células caliciformes, enterocitos, e células enteroendocrinas.[1] Poden identificarse microscopicamente pola súa localización no fondo das glándulas intestinais (criptas de Lieberkühn), xusto debaixo das células nai ou troncais intestinais, e polos seus grandes gránulos eosinófilos refrinxentes secretores que ocupan a maioría do seu citoplasma. Estes gránulos conteñen varios compostos antimicrobianos e outros compostos que son importantes na inmunidade e defensa do hóspede. Cando están expostas a bacterias ou antíxenos bacterianos, as células de Paneth secretan algúns destes compostos na luz da glándula intestinal, contribuíndo dese modo ao mantemento da barreira gastrointestinal.

As células de Paneth reciben o seu nome en lembranza do médico austríaco Joseph Paneth (1857–1890), que as describiu.

Características

[editar | editar a fonte]

Son células piramidais con núcleo redondo ou oval situado en posición basal. O citoplasma basal é basófilo, con cisternas paraleleas de retículo endoplasmático rugoso, e un aparato de Golgi grande, o que é típico das células secretoras. As partes superior e central da célula están cheas de gránulos de densidade homoxénea no home, que se tinguen xeralmente con colorantes ácidos e conteñen substancias antimicrobianas. Estas células non se dividen [2].

Localización

[editar | editar a fonte]

As células de Paneth atópanse no epitelio de todo o intestino delgado situadas na base das glándulas intestinais, e en menor cantidade no cego e apéndice.[3] Como ocorre con outros tipos de células epiteliais do intestino delgado, as células de Paneth orixínanse na rexión das células nai ou troncais situada preto do fondo da glándula.[4] Pero, a diferenza dos outros tipos de células epiteliais, as células de Paneth migran cara a abaixo da rexión de células nai e establécense xusto ao lado delas.[4]

As criptas intestinais conteñen células nai, a partir das cales se repoñen as células epiteliais intestinais, que constante morren e se perden nas pilosidades (villi) intestinais.

A protección destas células nai é esencial para o mantemento a longo prazo do epoitelio intestinal, e a localización das células de Paneth en estreita asociación coas células nai suxire que poden exercer unha función esencial na defensa das células nai dos danos microbianos, asegurando a renovación do epitelio [4], aínda que a súa función non se coñece completamente [3].

As células de Paneth detectan as bacterias por medio dunha activación por un receptor de tipo Toll (TLR ou toll-like receptor) dependente de MyD88, que desencadea a expresión de múltiples factores antimicrobianos. Deste modo controlan a penetración na barreira intestinal tanto de bacterias comensais coma patóxenas. [2] Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine.

Secrecións

[editar | editar a fonte]

Defensinas

[editar | editar a fonte]

As principais moléculas defensivas secretadas polas células de Paneth son as alfa-defensinas, tamén chamadas criptidinas.[5] Estes péptidos teñen dominios hidrofóbicos e cargados positivamente que poden interaccionar cos fosfolípidos nas membranas celulares. Esta estrutura permite ás defensinas inserirse nas membranas, onde interaccionan con outra para formar poros que distorsionan o funcionamento da membrana, orixinando a lise da célula. Debido á maior concentración de fosfolípidos cargados negativamente que hai nas membranas bacterianas comparados cos das membranas das células dos vertebrados, as defensinas únense preferentemente ás células bacterianas e promoven a súa lise, sen danaren ás células propias que tratan de protexer.[6]

As células de Paneth son estimuladas a secretar defensinas cando están expostas a bacterias (tanto grampositivas coma gramnegativas) ou por produtos bacterianos como o lipopolisacárido bacteriano, muramil dipéptido e o lípido A.

Outras secrecións

[editar | editar a fonte]

Ademais das defensinas, as células de Paneth secretan lisozima,[7] factor de necrose tumoral alfa,[7] e fosfolipase A2 [8]. A lisozima e a fosfolipase A2 teñen ambas as dúas unha clara actividade antimicrobiana. Esta batería de moléculas secretoras dá ás células de Paneth un potente arsenal contra un amplo espectro de microbios, como bacterias, fungos e mesmo algúns virus con envoltura.

  1. http://www.copewithcytokines.org/cope.cgi?key=Paneth%20cells
  2. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 656-658. ISBN 84-7605-361-4
  3. 3,0 3,1 http://www.britannica.com/EBchecked/topic/441200/Paneths-cell
  4. 4,0 4,1 4,2 Google books
  5. Wilson C, Ouellette A, Satchell D, Ayabe T, López-Boado Y, Stratman J, Hultgren S, Matrisian L, Parks W (1999). "Regulation of intestinal alpha-defensin activation by the metalloproteinase matrilysin in innate host defense.". Science 286 (5437): 113–7. PMID 10506557. doi:10.1126/science.286.5437.113. 
  6. Ayabe T, Satchell D, Wilson C, Parks W, Selsted M, Ouellette A (2000). "Secretion of microbicidal alpha-defensins by intestinal Paneth cells in response to bacteria.". Nat Immunol 1 (2): 113–8. PMID 11248802. doi:10.1038/77783. 
  7. 7,0 7,1 Kierszenbaum, Abraham L. (2002). Mosby - St. Louis [u.a.], ed. Histology and cell biology : an introduction to pathology. pp. 434. ISBN 0-323-01639-1. 
  8. Xiao-Dan Qu, K. C. Kent LLoyd, John H. Walsh, Robert I. Lehrer. Secretion of Type II Phospholipase A2 and Cryptdin by Rat Small Intestinal Paneth Cells. Infection and Immunity, Dec. 1996, p. 5161–5165, American Society for Microbiology [1]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]