Frederico Guillerme II de Prusia
Frederico Guillerme II de Prusia,[1] nado en Berlín o 25 de setembro de 1744 e finado en Potsdam o 16 de novembro de 1797, foi o cuarto rei de Prusia, cargo que ostentou dende 1786 ata a súa morte.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Frederico Guillerme era o fillo do príncipe Augusto Guillerme e da duquesa Luísa Amalia. Naceu en Berlín e converteuse en herdeiro do trono ao Reino de Prusia cando morreu o seu pai, en 1758, pois o irmán deste, Frederico II o Grande, quen era o Rei de Prusia, non tivo fillos. Foi un mozo de carácter fácil e amante dos praceres.
O seu matrimonio con Isabel Cristina, filla de Carlos I de Brunswick-Wolfenbüttel, celebrado o 14 de xuño de 1765 en Charlottenburg, foi disolto en 1769. Posteriormente casou con Frederica Luísa, filla de Lois IX, o 14 de xullo de 1769, tamén en Charlottenburg. Aínda que tivo coa súa esposa numerosa familia, a súa amante, Guillermina Enke -posteriormente condesas de Lichtenau- exerceu unha poderosa influencia sobre el.[2]
Frederico Guillerme foi un home ben parecido, dotado dun brillante intelecto e devoto patrón das artes (Beethoven e Mozart gozaron dos seus favores, e a súa orquestra privada fíxose famosa en Europa). Pero esta sensibilidade artística escaso servizo faría a un rei de Prusia en vésperas da Revolución francesa; e Frederico o Grande, quen o empregou para varios servizos –notablemente nunha abortada misión confidencial á corte de Rusia, en 1780– expresou abertamente a súa aprehensión polo carácter do príncipe e de quen o rodeaban.[2] His favourite son—with Wilhelmine Enke—was Graf Alexander von der Mark.[3]
Reinado
[editar | editar a fonte]O receo resultou xustificado polo ulterior desenvolvemento dos acontecementos. O ascenso de Frederico Guillerme ao trono o 17 de agosto de 1786 estivo, en verdade, seguido por unha serie de medidas destinadas a alixeirar as cargas do pobo, reformando o opresivo sistema francés de recolección de impostos introducido por Frederico o Grande e incentivando o comercio coa diminución dos dereitos de aduana e a construción de camiños e canles.[3][4] Isto deu ao novo rei popularidade entre as masas, mentres as clases educadas miraban compracidas a eliminación das restricións impostas por Frederico Guillerme sobre a lingua alemá, pola admisión de escritores alemáns á Academia Prusiana, e polo impulso dado ás escolas e universidades.
Influencia de Wollner
[editar | editar a fonte]Pero estas reformas estiveron viciadas desde a súa fonte. En 1781, Frederico Guillerme, entón príncipe de Prusia, inclinado ao misticismo, uniuse aos Rosacrucistas e caera baixo o influxo de Johann Christoff Wollner (1732 – 1800), ata o punto de que, en diante, a política real seguiría sendo inspirada por aquel.[4]
Wollner, a quen Frederico o Grande describira como un "traizoeiro e intrigante sacerdote", comezara a vida como titor da familia do Xeneral von Itzenplitz, un nobre da Marca de Brandeburgo e, logo da morte do xeneral e para escándalo do Rei e a nobreza, casou coa filla do xeneral e, co apoio da súa sogra, instalouse nunha pequena facenda.
Polos seus experimentos prácticos e polos seus escritos, Wollner gañou unha considerable reputación como economista. Pero a súa ambición non quedou satisfeita con iso, e buscou estender a súa influencia uníndose, primeiro, aos Francmasones e, despois, aos Rosacrucistas. Coa súa impresionante personalidade e elocuencia, Wollner foi o home xusto para conducir un movemento desta clase. Baixo o seu influxo, a orde estendeuse rapidamente e, pronto, el converteuse no director supremo (Oberhauptdirektor) de varios círculos que incluían, entre os seus membros, príncipes, oficiais e altos funcionarios.[5]
Como Rosacrucista, Wollner interesouse na alquimia e noutras artes místicas, pero tamén resultou ser un celoso defensor da ortodoxia cristiá, colocada en situación de perigo polo patrocinio de Frederico o Grande á "Ilustración". Uns poucos meses antes da morte de Frederico o Grande, escribiu ao seu amigo, o Rosacrucista Johann Rudolph von Bischoffswerder (1741 - 1803), que a súa máis alta ambición era ser posto á cabeza do departamento relixioso do Estado, como un indigno instrumento nas mans de Ormesus (o nome do príncipe dos Rosacrucistas de Prusia), "co propósito de salvar millóns de almas da perdición, e traer a todo o país de volta á relixión de Xesucristo".[5]
Tal era o home a quen Frederico Guillerme II, inmediatamente logo de ascender ao trono, chamou ao seu consello. O 26 de agosto de 1786, Wollner foi designado conselleiro privado para as finanzas (Geheimer Oberfinanzrath) e, o 2 de outubro de 1786, foi ennobrecido. Aínda que non de nome, de feito foi o primeiro ministro en todos os asuntos internos: era el quen decidía, e as reformas fiscais e económicas do novo reinado foron a aplicación das súas teorías. Tamén Bischoffswerder -ata entón un simple alcalde- foi chamado aos consellos reais e, para 1789, era xa un asistente xeral.
Estes foron os dous homes que envolveron ao rei nunha rede de misterio e intriga rosacrucistas, o cal obstaculizou calquera posible desenvolvemento saudable da súa política e conduciu finalmente ao desastre. A oposición a Wollner foi, ao principio, o suficientemente forte para impedir que se lle confiase o departamento de relixión; pero isto tamén foi superado co tempo e o 3 de xullo de 1788 foi designado conselleiro privado de estado e de xustiza e cabeza do departamento espiritual para os asuntos Luteranos e Católicos.[6]
A guerra foi declarada a quen moito tempo despois haberían de ser chamados "modernistas". O rei, con tal de que Wollner estivese conforme con perdoar a súa inmoralidade (que Bischoffswerder - para ser xustos con el – condenou), estaba ansioso de axudar á cruzada ortodoxa. O 9 de xullo de 1788 expediuse o famoso edicto relixioso que prohibiu aos ministros evanxélicos ensinar calquera cousa que non estivese contida na letra dos seus libros oficiais; proclamou a necesidade de protexer a relixión cristiá contra os "ilustrados" (Aufklärer) e colocou os establecementos educativos baixo a supervisión do clero ortodoxo. O 18 de decembro de 1788 foi promulgada unha nova lei de censura, para asegurar a ortodoxia de todos os libros publicados e, finalmente, en 1791, foi creada, en Berlín, unha especie de Inquisición Protestante (Immediat-Examinationscommission) para vixiar todos os cargos eclesiásticos e escolásticos.
No seu celo pola ortodoxia, Frederico Guillerme excedeu ao seu ministro: reprochou a –ociosidade e vaidade– de Wollner polo inevitable fallo de intentar regular a opinión desde o poder e, en 1794, privouno dun dos seus cargos seculares, a fin de que puidese ter máis tempo para dedicarse el mesmo ás cousas de Deus. En sucesivos edictos, o rei proseguiu, ata o fin do seu reinado, facendo regulacións "en orde a manter nos seus estados un verdadeiro e activo cristianismo, como camiño para o xenuíno temor de Deus".
Os efectos desta política de cegueira e escurantismo pesaron moito máis que o bo que puidese resultar dos ben intencionados esforzos do rei, respecto da reforma económica e financeira, a cal, ademais, foi espasmódica e parcial, e terminou espertando un maior descontento.
Fracaso administrativo
[editar | editar a fonte]Pero o máis fatídico para Prusia foi a actitude do rei cara ao exército e a policía. O exército foi o verdadeiro fundamento do estado prusiano, unha verdade que Frederico Guillerme I e Frederico o Grande comprenderan plenamente. O exército fora o primeiro coidado destes e a súa eficiencia fora mantida pola constante supervisión do seu persoal. Frederico Guillerme, a quen non gustaban os asuntos militares, puxo a súa autoridade como "Kriegsherr" (Señor da Guerra) en mans dunha comisión dependente dun supremo colexio de guerra, baixo a dirección do Duque de Brunswick e do Xeneral Wichard Joachim Heinrich von Möllendorf. Isto foi o comezo do proceso que terminou en 1806, na Batalla de Jena.[2]
En tales circunstancias, a intervención de Frederico Guillerme nos asuntos de Europa non resultou benéfica para Prusia. A campaña holandesa de 1787, emprendida por puras razóns familiares foi, en verdade, fde grande éxito, pero non compensou a Prusia o prezo da súa intervención. Un intento para intervir na guerra de Rusia e Austria contra o Imperio Otomán fallou no seu obxectivo: Prusia non tivo éxito en obter concesións de territorio dos seus aliados, e a destitución de Hertzberg (5 de xullo de 1791) sinalou o abandono final da tradición anti-austríaca de Frederico o Grande.
Mentres, a Revolución francesa entrara na súa fase máis alarmante e, en agosto de 1791, Frederico Guillerme, no encontro de Pillnitz, acordou co emperador Leopoldo II unirse en apoio da causa do rei Lois XVI de Francia. Pero nin o carácter do rei, nin a confusión das finanzas prusianas debida ás súas extravagancias, prometían ningunha acción efectiva. O 7 de febreiro de 1792 foi asinada unha alianza formal, e Frederico Guillerme tomou parte, persoalmente, nas campañas de 1792 e 1793.
A súa acción tivo obstáculos, con todo, por falta de fondos, e os seus consellos concentráronse nos asuntos de Polonia, que prometían un botín máis rico, o cal podería ser gañado pola cruzada antirrevolucionaria de Francia. Un tratado subsidiario cos poderes marítimos (19 de abril de 1794) encheu as súas arcas, pero a insurrección en Polonia, que seguiu á partición de 1793, e a ameaza da intervención de Rusia, precipitárono a asinar, por separado, o Tratado de Basilea, coa República Francesa (5 de abril de 1795), que foi mirado polas grandes monarquías como unha traizón e deixou a Prusia moralmente illada en Europa, en vésperas da titánica loita entre os principios monárquicos e o novo credo político da revolución.
Prusia pagara un caro prezo polos territorios adquiridos a expensas de Polonia, en 1793 e 1795, e cando morreu Frederico Guillerme o 16 de novembro de 1797, deixou o Estado en bancarrota e confusión, o exército descaecido* e a monarquía desacreditada. Foi sucedido polo seu fillo Frederico Guillerme III.
Matrimonio e fillos
[editar | editar a fonte]Frederico Guillerme II tivo os seguintes fillos:[2]
- De Isabel Cristina Ulrica de Brunswick-Wolfenbüttel:
- Frederica Carlota (1767-1820), quen chegou a ser Duquesa de York, polo seu matrimonio con Frederico, Duque de York.
- De Frederica Luísa de Hesse-Darmstadt:[2]
- Frederico Guillerme III de Prusia (1770-1840)
- Cristina (1772-1773).
- Lois (1773-1796).
- Frederica Luísa Guillermina, esposa do príncipe Guillerme de Orange, posteriormente Rei Guillerme I dos Países Baixos.
- Augusta de Prusia (1780-1841) esposa de Guillerme II de Hesse-Kassel.
- Carlos (1781-1846).
- Guillerme (1783?1851). Casado coa landgravina María Ana de Hesse-Homburg, pai de Isabel de Prusia.
Ademais das súas relacións coa súa amante con título de nobreza, a condesas de Lichtenau, o rei -quen era francamente polígamo- contraeu dous matrimonios morganáticos: con Julie von Voss e con Sophie von Dönhoff.[2]
Devanceiros
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Frederico na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Feldhahn, Ulrich (2011). Kunstverlag Josef Fink, Lindenberg, ed. Die preußischen Könige und Kaiser (German). pp. 15–16. ISBN 978-3-89870-615-5.
- ↑ 3,0 3,1 Komander, Gerhild H. M. "Friedrich Wilhelm II. König von Preußen (German)". Verein für die geschichte Berlins e.V. Consultado o 29 de abril 2013.
- ↑ 4,0 4,1 "Preussenchronik: Der neue König macht wenig besser und vieles schlimmer (German)". Rundfunk Berlin Brandenburg. Consultado o 29 de abril 2013.
- ↑ 5,0 5,1 Clark, Christopher (2006). Iron Kingdom: The Rise and Downfall of Prussia, 1600 to 1947. Cambridge, MA: Belknap Press of Harvard University Press. pp. 270.
- ↑ Rundfunk Berlin Brandenburg (ed.). "Preussenchronik: Friedrich Wilhelm II. Preußen (German)". Consultado o 29 de abril 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Frederico Guillerme II |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- David E. Barclay: Friedrich Wilhelm II. (1786–1797). In: Frank-Lothar Kroll (Hrsg.): Preußens Herrscher. Von den ersten Hohenzollern bis Wilhelm II.
- Beck, München 2006, S. 179–196.
- Wilhelm Moritz Freiherr von Bissing: Friedrich Wilhelm II. König von Preußen. Ein Lebensbild. Duncker & Humblot, Berlin 1967.
- Wilhelm Bringmann: Preußen unter Friedrich Wilhelm II. (1786–1797). Lang, Frankfurt am Main u. a. 2001, ISBN 3-631-37427-5.
- Julius von Hartmann: Friedrich Wilhelm II. In: Allgemeine Deutsche Biographie (ADB). Band 7, Duncker & Humblot, Leipzig 1877, S. 685–700.
- Hans Haussherr: Friedrich Wilhelm II.. In: Neue Deutsche Biographie (NDB). Band 5, Duncker & Humblot, Berlin 1961, ISBN 3-428-00186-9, S. 558–560 (Digitalisat).
- Brigitte Meier: Friedrich Wilhelm II. – König von Preußen (1744–1797). Ein Leben zwischen Rokoko und Revolution. Pustet, Regensburg 2007.[10]
- Hans-Joachim Neumann: Friedrich Wilhelm II. Preußen unter den Rosenkreuzern. Edition q im Quintessenz Verlag, Berlin 1997, ISBN 3-86124-332-6.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Predecesor: Frederico II de Prusia |
Rei de Prusia 1786 – 1797 |
Sucesor: Frederico Guillerme III de Prusia |